18 de jan. de 2012

Capítulo 14

É unha cousa moi desagradable sentirse avergoñado do propio fogar. Quizais nisto haxa unha negra ingratitude e o castigo pode ser retributivo e moi merecido; pero estou en situación de testemuñar que, como dicía, este sentimento é moi desagradable.
Xamais a miña casa foi un lugar ameno para min, a causa do carácter da miña irmá. Pero Joe santificaba o fogar, e eu cría nel. Cheguei a ter a ilusión de que a mellor sala e a máis elegante era a nosa; que a porta principal era como un portal misterioso do Templo do Estado, cuxa solemne apertura se celebraba cun sacrificio de aves de curral asadas; que a cociña era unha estancia ampla, aínda que non magnífica; que a fragua era o camiño resplandecente que conducía á virilidade e á independencia. Pero nun só ano, todo isto cambiou. Todo me parecía ordinario e basto, e non me gustaría que a señorita Havisham ou Estella visen a miña casa.
Pouca importancia ten para min nin para ninguén a parte de culpa que no meu desagradable estado de ánimo puidesen ter a señorita Havisham ou a miña irmá. O caso é que se operou ese cambio en min e que era unha cousa xa irremediable. Bo ou malo, excusable ou non, o cambio realizouse.
Unha vez pareceume que cando por fin me arremangase a camisa e fose á fragua como aprendiz de Joe, podería sentirme distinguido e feliz, pero a realidade demostroume que só puiden sentirme cheo de po de carbón e que me oprimía tan gran peso moral que ao seu lado a mesma engra parecía unha pluma. Na miña vida posterior, como seguramente ocorrería noutras vidas, houbo ocasións en que me pareceu coma se unha espesa cortina caese para ocultarme todo o interese e todo o encanto da vida, para deixarme tan só entregado ao pesado traballo e ás penas de toda clase. E xamais sentín tan claramente a impresión de que caera aquela pesada cortina ante min como cando empecei a exercer de aprendiz a carón de Joe.
Recordo que nun período avanzado da miña aprendizaxe adoitaba permanecer cerca do cemiterio nas tardes do domingo, ao escurecer, comparando as miñas propias esperanzas co espectáculo das brañas, polas que sopraban os ventos, e establecendo certo parecido con elas ao pensar no desprovistos de accidentes que estaban a miña vida e aqueles terreos, e de que xeito ambos se achaban rodeados pola escura néboa, e en que os dous ían parar ao mar. No meu primeiro día de aprendizaxe sentinme tan desgraciado como máis adiante; pero satisfaime saber que, mentres durou aquel, nunca lle dirixín unha queixa a Joe. Esta é a única cousa da que me sinto compracido. Malia que a miña conduta comprende o que vou engadir, o mérito do que me ocorreu foi de Joe e non meu. Non porque eu fose fiel, senón porque o foi Joe; por iso non fuxín e non acabei sendo soldado ou mariñeiro. Non porque tivese un vigoroso sentido da virtude e do traballo, senón porque o tiña Joe; por iso traballei con celo tolerable malia a miña repugnancia. É imposible chegar a comprender canta é a influencia dun home estrito cumpridor do seu deber e de honrado e afable corazón; pero é posible coñecer a influencia que exerce nunha persoa que está ao seu lado, e eu sei perfectamente que calquera cousa boa que houbese na miña aprendizaxe procedía de Joe e non de min.
Quen pode dicir cales eran as miñas aspiracións? Como podía dicilas eu, se non as coñecía sequera?
O que temía era que, nalgunha hora desditada, cando eu estivese máis sucio e peor vestido, ao levantar os ollos vise a Estella mirando a través dunha das fiestras da fragua. Atormentábame o medo de que, antes ou despois, ela me vise co rostro e as mans ennegrecidos, realizando a parte máis ingrata do meu traballo, e que entón se alegrase de verme daquel modo e me manifestase o seu desprezo. Con frecuencia, ao escurecer, cando tiraba da cadea do fol e cantabamos a un tempo Old Clem, recordaba como adoitabamos cantalo na casa da señorita Havisham; entón parecíame ver no lume o rostro de Estella co cabelo flotando ao vento e os burlóns ollos fixos en min. En tales ocasións miraba aqueles rectángulos a través dos cales se vía a negra noite, é dicir, as fiestras da fragua, e parecíame que ela retiraba naquel momento o rostro e imaxinaba que, por fin, me descubrira. Tras isto, cando iamos cear, e a casa e a comida deberan parecerme máis agradables que nunca, entón era cando me avergoñaba máis do meu fogar no meu ánimo tan mal disposto.

Nenhum comentário:

Postar um comentário