31 de jan de 2012

Capítulo 25

Bentley Drummle era un raparigo de tan mal carácter que cando collía un libro o facía coma se o autor lle causase unha aldraxe; xa se comprende que non facía coñecemento coas persoas dun modo moito máis agradable. De figura, movementos e comprensión macizos e pesados –na preguiceira expresión do seu rostro e na enorme e desmañada lingua que parecía durmir na súa boca mentres el se apoiaba en calquera saliente ou na parede da estancia–, era preguiceiro, orgulloso, avaro, reservado e receoso. Descendía dunha familia rica, de Somersetshire, que cultivou nel esta combinación de calidades ata que descubriu que tiña xa idade de aprender e un caletre moi duro. Así, Bentley Drummle foi á casa do señor Pocket cando xa pola súa estatura lle excedía a cabeza a este cabaleiro e esta era media ducia de veces máis obtusa que a de moitos cabaleiros.
Startop fora botado a perder por unha nai débil, que o retivo na casa cando debera permanecer na escola, pero el estaba moi encariñado coa boa señora e admirábaa sen reservas.
Tiña as faccións delicadas propias dunha muller e era «como pode vostede ver, aínda que non coñeza á nai, exactamente igual que ela», díxome Herbert. É moi natural que eu o acollese con maior bondade que a Drummle e que, aínda nos primeiros días dos nosos exercicios de remo, el e eu volvésemos á casa cos botes marchando á vez e falándonos, mentres Bentley Drummle chegaba só tras de nós, disimulándose entre as herbas e os canavais da beira. Sempre tomaba terra na ribeira coma se fose un ser anfibio que non estivese cómodo na auga, mesmo nos casos en que a marea lle axudara a facer o camiño; e sempre o lembro indo detrás de nós ou seguindo o noso ronsel, mentres os nosos dous botes rompían no centro da corrente os reflexos da posta do sol ou da lúa.
Herbert era o meu amigo íntimo e o meu compañeiro. Ofrecinlle a metade da propiedade do meu bote, o cal foi ocasión de que viñese con algunha frecuencia a Hammersmith; mentres a miña posesión da metade das súas habitacións en Londres me levaba tamén alí con algunha frecuencia. Adoitabamos facer o traxecto entre ambos os lugares acotío. Aínda lle teño agarimo a aquel camiño (aínda que agora non é tan agradable coma antes) debido á impresión que entón me causou, pois naquela época a miña mocidade estaba animada pola esperanza e non sufrira aínda graves desgustos.
Cando xa había un ou dous meses que vivía coa familia Pocket, chegaron o señor e a señora Camila.
Esta era irmá do señor Pocket. Georgiana, á que vin na casa da señorita Havisham o mesmo día, tamén acudiu. Era unha curmá, muller solteira a indixesta, que chamaba relixión á súa acidez e amor ao seu fígado. Todos eles odiábanme co odio que esperta a cobiza e o desengano. Con todo, empezaron a afagarme pola miña prosperidade coa maior baixeza. En canto ao señor Pocket, tratárono coa indulxencia que se concede a un neno grande que non ten noción sequera dos seus propios intereses. Á señora Pocket desprezábana, pero concedíanlle que sufrira un gran desengano na súa vida, porque emitía unha débil luz que se reflectía neles mesmos.
Este era o ambiente en que eu vivía, e apliqueime á miña propia educación. Pronto contraín o hábito de gastar e de rodearme de comodidades, e, así, necesitaba unha cantidade de diñeiro que moi poucos meses antes me parecera case fabulosa. Niso non había outro mérito que o de darme conta dos meus propios defectos. Entre o señor Pocket e Herbert empecei a gastar moi rápido; e como sempre estaban un ou outro ao meu lado para darme o impulso que necesitaba e quitando obstáculos do camiño, sería tan parvo coma Drummle se fixese menos.
Había xa varias semanas que non vía ao señor Wemmick, cando pensei conveniente escribirlle unhas liñas para anunciarlle que unha daquelas tardes iría visitalo á súa casa. El contestoume que o satisfaría moito e que me esperaría na oficina ás seis da tarde. Alí fun, daquela, e atopeino metendo nas costas a chave da caixa, no preciso momento en que o reloxo daba as seis.
–Ten vostede algún inconveniente en que vaiamos andando ata Walworth? –preguntoume.
–Ningún, se a vostede lle parece ben –contestei.
–Mellor –observou Wemmick–, porque pasei todo o día coas pernas encollidas debaixo da mesa e gustaríame estiralas un pouco. Agora voulle a dicir o que temos para cear, señor Pip. Hai carne estufada, feita na casa, e polo asado, da fonda inmediata. Paréceme que é moi tenro, porque o dono da tenda foi xurado hai algúns días nalgún dos nosos procesos e tratámolo bastante ben. Recordeillo ao comprarlle o polo, dicíndolle: «Búsqueme vostede un que sexa bo, vello Briton, porque se quixésemos retelo un ou dous días máis, poderiamos facelo.» El, entón, contestoume: «Permítame que lle regale o mellor polo que teño na casa.» Eu permitinllo, desde logo, porque iso é algo que ten certo valor e ademais facilmente transportable. Non terá vostede inconveniente en que nos acompañe o meu ancián pai?
Eu imaxinei que seguía falando do polo, pero logo engadiu:
–É porque teño o meu ancián pai na miña casa.
Contesteille con algunhas frases corteses, e mentres seguiamos andando preguntoume:
–De modo que aínda non comeu co señor Jaggers?
–Aínda non.
–Pois esta tarde, en canto soubo que chegaría vostede para saír comigo, díxomo. Daquela, espero que recibirá unha invitación mañá. Creo que tamén invitará aos seus compañeiros. Son vostedes tres, verdade?
Malia que non tiña costume de considerar a Drummle como íntimo amigo, contestei:
–Si.
–Pois ben. Vai invitalos a todos vostedes –iso non me deu ningunha satisfacción–. E asegúrolle que calquera cousa que lles dea será boa. Non espere vostede moita variedade, pero si o mellor do mellor. Ademais, naquela casa hai outra cousa singular –continuou Wemmick logo dunha lixeira pausa, coma se se sobrentendese que a primeira era a criada–: nunca permite que se peche polas noites ningunha porta ou fiestra.
–E non ten medo de que lle rouben?
–Que vai ter! –contestou Wemmick–. Di publicamente: «Gustaríame ver o home capaz de roubarme.» Oínllo dicir, polo menos, un cento de veces, e nunha ocasión díxolle a un ladrón de marca: «Xa sabes onde vivo, e ten en conta que alí non se pecha nunca. Por que non probas de dar un golpe na miña casa? Non te tenta?» Pero el contestou: «Non hai ninguén, señor Jaggers, bastante atrevido para facelo, por moito que o tente o diñeiro.»
–Tanto o temen? –preguntei eu.
–Que se o temen? –dixo Wemmick–. Vaia se non! De todos os xeitos, el toma as súas precaucións, desconfiando deles. Na súa casa non hai nada de prata e todos os cubertos son de metal prateado.
–Pois entón pouco roubarían, aínda no caso... –observei.
–Ah! Pero el si que podería facerlles dano –dixo Wemmick, interrompéndome–, e eles sábeno. Sería, a partir de entón, o dono das súas vidas e das de vintenas dos seus familiares. Vingaríase terriblemente. E é imposible adiviñar o que podería facer se quixese vingarse.
Eu quedei meditando na grandeza do meu titor, cando Wemmick observou:
–En canto á ausencia de prata, iso débese a que é un home naturalmente moi astuto. Fíxese, en cambio, na cadea do seu reloxo. Esa si que é boa.
–É maciza? –preguntei.
–Creo que si –contestou–. E o seu reloxo é de repetición e de ouro. Polo menos vale cen libras esterlinas. Teña en conta, señor Pip, que, polo menos, hai en Londres setecentos ladróns que coñecen este reloxo; non hai entre eles nin un home, unha muller ou un neno, que non fose capaz de recoñecer o elo máis pequeno da cadea; pero se o atopasen, deixaríano caer coma se estivese a lume branco, isto no caso de que se atrevesen a tocalo.
Con tal discurso e logo grazas a unha conversación sobre asuntos correntes, o señor Wemmick e eu enganamos o longo do camiño, ata que el me deu a entender que chegaramos ao distrito de Walworth.
Aquel lugar parecía unha colección de carreiros, de gabias e de xardinciños, e ofrecía o aspecto dun lugar de retiro algo triste. A casa de Wemmick era moi pequena e de madeira, e estaba situada entre varios anacos de xardín. A parte superior da vivenda aparecía recortada e pintada coma se fose unha batería con canóns.
–Isto fíxeno eu –observou Wemmick–. Resulta bonito, non é verdade?
Eu louveillo moito. Creo que era a casiña máis pequena que vin na miña vida. Tiña unhas fiestras góticas moi estrañas, a maioría delas finxidas, e unha porta tamén gótica case demasiado pequena para permitir o paso.
–Hai unha verdadeira asta para a bandeira –dixo Wemmick–, e os sábados izo unha bandeira formal. Agora mire aquí. En canto crucemos esta ponte, levántoa e así impido toda comunicación co exterior.
A ponte non era tal, senón unha prancha de madeira que cruzaba unha gabia de catro pés de anchura e dous de profundidade. Pero resultaba agradable ver a satisfacción con que o meu compañeiro levantou a ponte e a suxeitou, sorrindo e deleitándose na operación, e non dun modo maquinal.
–Ás nove da noite, segundo o meridiano de Greenwich –dixo Wemmick–, dispárase o canón. Míreo, aquí está. E cando o oia vostede, non teño dúbida de que imaxinará que é de groso calibre e de ordenanza.
O canón referido estaba montado nunha fortaleza separada e construída con listóns. Estaba protexida das inclemencias do tempo por medio dun enxeñoso encerado semellante na súa forma a un paraugas.
–Ademais, está na parte traseira –seguiu explicando Wemmick– e lonxe da vista, para non afastar a idea das fortificacións, porque teño o principio de que cando se ten unha idea hai que seguila ata a fin. Non sei cal será a súa opinión acerca do particular...
Eu contestei que estaba de acordo con el.
–Na parte posterior hai un porco, galiñas e coellos; ademais, cultivo a horta, e á hora da cea xa verá vostede que excelente ensalada vou ofrecerlle. Daquela, amigo meu –dixo Wemmick sorrindo, pero tamén falando moi en serio–, supoñendo que esta casita estivese sitiada, podería resistir moito tempo polo que respecta ao seu aprovisionamento.
Logo conduciume a unha glorieta que se achaba a doce metros de distancia, pero o camiño estaba tan enxeñosamente retorto, que se tardaba bastante en chegar. Alí esperábannos xa uns vasos para o ponche, que arrefriaba nun lago ornamental, en cuxa beira se levantaba a glorieta. Aquela extensión de auga, cunha illa no centro, que podería ser a ensalada da cea, era de forma circular, e alí había un chafarís, o cal, cando se poñía en marcha un muíño e se queitaba a cortiza que tapaba o tubo, xurdía con tanta forza que chegaba a mollar o dorso da man.
–Son á vez enxeñeiro, carpinteiro, fontaneiro e xardineiro, de modo que teño toda sorte de oficios ­–dixo Wemmick tras darme as grazas polos meus parabéns–. Iso é moi agradable. Ten a vantaxe de que lle quita a un as arañeiras de Newgate e ademais gústalle moito ao meu vello. Quere vostede que llo presente? Non lle saberá mal?
Eu manifesteime disposto, e así nos diriximos ao castelo. Alí atopamos sentado xunto ao lume un home moi ancián, vestido de flanela. Estaba moi limpo, alegre e cómodo, e tamén ben coidado, pero era absolutamente xordo.
–Que tal, pai querido? –dixo Wemmick estreitándolle a man cordial e alegremente–. Como está vostede?
–Moi ben, John, moi ben –contestou o ancián.
–Preséntolle ao señor Pip, pai querido –dixo Wemmick–, e gustaríame que puidese vostede oír o seu nome. Fágame o favor, señor Pip, de saudalo cun movemento de cabeza. Isto gústalle moito. Repítao vostede, señor Pip. Fágame o favor.
–Esta posesión do meu fillo é moi agradable, cabaleiro –gritou o ancián mentres eu movía a cabeza con tanta enerxía como me era posible–. É un lugar cheo de delicias, cabaleiro. Tanto a casa como o xardín, así como todas as preciosidades que contén, deberían ser conservados pola nación cando morra o meu fillo, para diversión da xente.
–Está orgulloso, non é verdade, pai? –dixo Wemmick contemplando ao vello, mentres a expresión do seu rostro se suavizou–. Mire, este saúdo vai por vostede –engadiu movendo enexgicamente a cabeza–. E estoutro, tamén –continuou, repetindo o movemento–. Gústalle isto, non é verdade? Se non se cansa vostede, señor Pip, pois comprendo que para os demais é moi fatigoso, quere vostede saudalo outra vez? Non sabe vostede canto lle gusta.
Eu movín varias veces a cabeza, con gran satisfacción do ancián. Deixámolo cando se dispoñía a darlles de comer ás galiñas, e encamiñámonos á glorieta para tomar o ponche, onde Wemmick me dixo, mentres fumaba a súa pipa, que empregara moitos anos en poñer a propiedade no seu actual estado de perfección.
–É propiedade de vostede, señor Wemmick? –preguntei.
–Oh, si! –contestou el–. Adquirina a prazos.
–De verdade? Espero que o señor Jaggers a admirase tamén.
–Nunca a viu –dixo Wemmick–, nin tampouco oíu falar dela. Tampouco coñece ao meu pai nin oíu falar del. Non; a oficina é unha cousa, e a vida privada, outra. Cando vou á oficina, deixo ás miñas costas o castelo, e cando veño a este, deixo en Londres a oficina. E se non o contraría, farame un favor facendo o mesmo. Non desexo falar de negocios aquí.
Naturalmente, a miña boa fe obrigoume a atender a súa petición. Como o ponche era moi bo, permanecemos alí sentados, bebendo e falando, ata que foron case as nove da noite.
–Xa se achega a hora de disparar o canón –dixo entón Wemmick, deixando a pipa sobre a mesa–. É o maior pracer do meu pai.
Dirixíndose novamente ao castelo, atopamos o vello quentando o espetón con ollos expectantes, coma se aquilo fose a operación preliminar da gran cerimonia nocturna. Wemmick quedou co reloxo na man ata que chegou o momento de tomar de mans do ancián o espetón arroibado ao lume e achegarse á batería. Saíu case inmediatamente, e naquel momento resoou o canón con tal estrondo que fixo estremecer a casiña enteira, ameazando con facela caer a pedazos e facendo resoar todos os vidros e todas as cuncas. Entón o vello, quen sen dúbida non saíra despedido do seu asento porque tivo a precaución de suxeitarse con ambas as mans, exclamou, moi entusiasmado:
–Disparou! Oíno!
Eu movín a cabeza cara ao ancián cabaleiro con tanta enerxía que non é ningunha ficción o asegurar que chegou un momento en que xa fun incapaz de velo.
Wemmick dedicou o intervalo entre o canonazo e a hora da cea mostrándome a súa colección de curiosidades.
A maioría eran de carácter criminal. Comprendía a pluma con que se cometeu unha celebrada falsificación; unha ou dúas navallas de afeitar, moi distinguidas; algunhas mechas de cabelo, e varias confesións manuscritas logo da condena e ás cales o señor Wemmick daba o maior valor, porque, usando as súas propias palabras, eran «mentiras de xeito total, cabaleiro». Estas confesións estaban discretamente distribuídas entre algúns pequenos obxectos de porcelana e de cristal, uns xoguetes fabricados polo propietario do museo e tamén algunhas pipas esculpidas polo vello. Todo aquilo estaba no cuarto do castelo en que entrei en primeiro lugar e que servía non soamente como sala, senón tamén de cociña, a xulgar por unha cacerola que había na repisa da lareira e un gancho de bronce sobre o lugar propio do lume e destinado a colgar o asador.
Había unha criadiña que durante o día coidaba ao vello. En canto puxo o mantel, baixaron a ponte para que puidese saír, e marchou ata o día seguinte. A cea era excelente, e malia que o castelo non me parecía nada sólido e ademais semellaba unha noz podre, e aínda que o porco podía estar un pouco máis lonxe, pasei un intre moi agradable. Tampouco houbo ningún inconveniente no meu dormitorio, situado na torre, fóra de que, como había un teito moi delgado entre min mesmo e a hasta da bandeira, cando me botei na cama de costas pareceume que durante toda a noite tería que soster o equilibrio daquela sobre a fronte.
Wemmick levantouse moi cedo pola mañá, e teño o receo de que o oín mentres se dedicaba a limparme as botas. Tras isto ocupouse no seu xardín, e desde a miña fiestra gótica vino esforzándose en utilizar o auxilio do vello, a quen dirixía repetidos movementos de cabeza, coa maior devoción.
O noso almorzo foi tan bo como a cea, e ás oito e media saímos en dirección a Little Britain.
Gradualmente, Wemmick recobrou a sequedade e a dureza do seu carácter a medida que avanzabamos, e a súa boca volveu parecer unha caixa de correo. Por fin, cando chegamos á oficina e sacou das costas a chave da caixa, pareceu que se esquecera tan completamente da súa propiedade de Walworth coma se o castelo, a ponte levadiza, a glorieta, o lago, a fonte e o ancián fosen dispersados no espazo pola última descarga do seu formidable canón.

30 de jan de 2012

Capítulo 24

Tras dous ou tres días, xa instalado no meu cuarto e tras ir a Londres varias veces para encargar aos meus provedores o que necesitaba, o señor Pocket e eu sostivemos unha longa conversa. Coñecía máis acerca do meu porvir ca min mesmo, pois díxome que, segundo lle manifestara o señor Jaggers, eu non estaba destinado a unha profesión determinada, senón que tan só había de ser ben educado para o meu destino na sociedade, con coñecementos que estivesen a par cos dos mozos que gozan dunha situación próspera. Eu, desde logo, dei a miña conformidade, pois non podía dicir nada en contra.
Aconselloume frecuentar determinados lugares de Londres, a fin de adquirir os rudimentos que necesitaba, e que o investise a el coas funcións de profesor e director de todos os meus estudos. Esperaba que cunha axuda intelixente tropezaría con poucos inconvenientes que puidesen desalentarme e que pronto non tería necesidade doutra axuda que a súa propia. Polo modo con que me dixo todo iso e moito máis, co mesmo fin, conquistou admirablemente a miña confianza; e podo engadir que sempre se mostrou tan celoso e honrado no cumprimento do seu contrato comigo, que me obrigou, deste xeito, a mostrar o mesmo celo e a mesma honradez en cumprir os meus deberes. Se el, como mestre, me demostrase a menor indiferenza, é seguro que eu lle pagaría coa mesma honradez, como discípulo; pero como non me proporcionou esta escusa, cada un de nós fixo xustiza ao comportamento do outro. E pola miña banda non considerei que nas súas relacións para comigo houbese nada ridículo nin cousa que non fose seria, honrada e bondadosa.
Cando se fixaron estas condicións e empezaron a cumprirse, pois eu dediqueime a estudar co maior celo, ocorréuseme a idea de que se puidese conservar o meu cuarto na Pousada de Barnard, a miña vida sería moito máis variada e agradable, mentres que as miñas maneiras non perderían nada coa compañía de Herbert.
O señor Pocket non opuxo ningún obstáculo a este proxecto, pero recomendoume a conveniencia de non dar un paso sen sometelo previamente á consideración do meu titor. Aprendín que esta delicadeza se debía á idea de que tal plan podería economizar algún gasto a Herbert, e por esta razón fun a Little Britain, e comuniqueille o meu desexo ao señor Jaggers.
–Se puidese comprar os mobles que se alugaron para min –dixen– e algunhas outras cousiñas, acharíame moi ben instalado alí.
–Adiante! –exclamou o señor Jaggers tras unha breve risa–. Xa lle dixen que podía continuar. Ben. Canto necesita?
Eu dixen que non o sabía.
–Imos ver –replicou o señor Jaggers–. Canto? Cincuenta libras?
–Oh, non tanto!
–Cinco libras? –preguntou o señor Jaggers.
Era unha rebaixa tan grande que, moi desconsolado, exclamei:
–Moito máis.
–Moito máis, eh? –replicou o señor Jaggers, que estaba á espreita, coas mans nos petos, a cabeza e os ollos fixos na parede que había tras de min–. Canto máis?
–É difícil fixar unha suma –dixen vacilando.
–Imos ver se logramos concretala. Serán bastantes dúas veces cinco? Tres veces cinco? Catro veces cinco? É bastante?
Contesteille que a suma me parecía máis que suficiente.
–De maneira que catro veces cinco bastará, eh? –preguntou o señor Jaggers movendo as cellas–. Agora dígame canto lle parece que é catro veces cinco.
–Que canto me parece que é?
–Si –engadiu o señor Jaggers–. Canto?
–Supoño que vostede observaría que son vinte libras –contestei sorrindo.
–Nada importa o que eu observe, amigo meu –advertiu o señor Jaggers movendo a cabeza para expresar que comprendía e que non estaba conforme–. Desexo saber canto calculou vostede.
–Naturalmente, vinte libras.
–Wemmick! –exclamou o señor Jaggers abrindo a porta do seu despacho–. Admita un recibo do señor Pip e entréguelle vinte libras.
Este modo vigoroso de facer negocios exerceu en min unha impresión forte, aínda que non agradable. O señor Jaggers non ría nunca; pero levaba unhas grandes e brillantes botas que renxían, e, equilibrándose sobre elas, coa enorme cabeza inclinada cara abaixo e as cellas unidas, mentres esperaba a miña resposta, ás veces facía renxer as botas, coma se estas risen seca e recelosamente. E como ocorreu que naquel momento marchou e Wemmick estaba alegre e comunicativo, díxenlle a este que non podía formar un xuízo acerca dos modos do señor Jaggers.
–Dígallo a el e aceptarao como un cumprido –contestou Wemmick–; a el non lle interesa o que vostede poida opinar deles. Oh! –engadiu ao notar a miña sorpresa–. Ese é un sentimento profesional; non persoal, senón profesional.
Wemmick estaba sentado á súa mesa escritorio e xantaba, mastigando un biscoito duro; de cando en vez guindaba á boca algúns anaquiños del, coma se os botase na caixa do correo.
–A min paréceme sempre –dixo Wemmick– coma se preparase unha trampa para os homes e quedase observando quen cae. De súpeto, clic!, xa caeu un.
Sen observar que as trampas para persoas non formaban parte das amenidades da vida, dixen que, segundo me parecía, o señor Jaggers debía de ser moi hábil.
–A súa habilidade é tan fonda –dixo Wemmick– como a mesma Australia.
Ao mesmo tempo sinalaba coa pluma o chan da oficina, para significar que se supoñía que Australia estaba simetricamente situada no lado oposto do Globo.
–Se houbese algo máis profundo –engadiu Wemmick achegando a pluma ao papel–, así sería el.
Eu dixen que, segundo supoñía, o señor Jaggers tiña un negocio magnífico.
–Estupendo! –exclamou Wemmick.
E como lle preguntei se había moitos empregados na casa, contestoume:
–Non hai moitos, porque soamente existe un Jaggers, e á xente non lle gusta tratar con persoas de segunda categoría. Soamente somos catro. Quere velos? Vostede case é un dos nosos.
Aceptei o ofrecemento. Cando o señor Wemmick meteu na caixa do correo todos os anaquiños de biscoito, e tras pagarme as vinte libras que sacou dunha caixa forte, cuxa chave gardou nalgún sitio das costas e que sacaba polo colo da camisa coma se fose unha coleta de ferro, fomos escaleira arriba. A casa era vella e estaba escangallada, e os graxentos ombreiros que deixaron as súas pegadas no despacho do señor Jaggers parecía que rozaran as paredes da escaleira durante moitos anos. Na parte dianteira do primeiro piso, un empregado que tiña, á vez, aspecto de taberneiro e cazador de ratos –home pálido a inchado– conversaba moi atentamente con dúas ou tres persoas mal vestidas, ás que trataba sen cerimonia aningunha, como todos parecían tratar aos que contribuían á plenitude dos cofres do señor Jaggers.
–Están preparando as declaracións de testemuñas para o Bailey –dixo o señor Wemmick cando saímos.
Na estancia superior á que acababamos de deixar había un homiño de aspecto débil e parecido a un canciño terrier, co cabelo colgante (indubidablemente, deixaran de tosquialo desde que era cachorro) e que estaba, igualmente, ocupado cun home de mortecinos ollos, a quen o señor Wemmick me presentou como un fundidor que sempre tiña o crisol no lume e que me fundiría calquera cousa que eu desexase. Este transpiraba tan copiosamente coma se ensaiase en si mesmo a súa arte.
Nun cuarto da parte traseira había un home de altos ombreiros, que levaba envolvido o rostro nunha sucia flanela, sen dúbida por sufrir neuralxia facial; ía vestido cun traxe negro e moi vello, que parecía estar encerado. Estaba inclinado sobre o seu traballo, consistente en poñer en limpo as notas dos outros dous empregados, para o uso do señor Jaggers. Esta era toda a dependencia. Cando volvemos baixar a escaleira, Wemmick levoume ao despacho do meu titor e dixo:
–Este despacho xa o coñecía vostede.
–Faga o favor de dicirme –roguei cando aquelas dúas odiosas máscaras de aspecto atravesado volveron impresionar a miña mirada–: a quen representan estas caras?
–Estas? –preguntou o señor Wemmick subindo nunha cadeira para quitar o po das horribles cabezas antes de baixalas–: Son as dúas moi célebres. Foron dous clientes nosos que nos acreditaron moito. Este –empezou a dicir, pero interrompeuse para apostrofar á cabeza dicíndolle–: Vaites! Sen dúbida baixaches pola noite a mirar o tinteiro, e por iso te manchaches na cella… –E logo continuou–: Este asasinou o seu amo, e non planeou mal o crime, porque non se lle puido demostrar.
–Paréceselle? –preguntei, retrocedendo, mentres Wemmick lle cuspía na fronte e lla limpaba logo coa manga.
–Se se lle parece? É el mesmo. Esta máscara sacouse en Newgate inmediatamente despois de que o axustizasen. Demostráchesme bastante simpatía, verdade, Vello Astuto? –dixo Wemmick. E logo explicou o seu cariñoso apóstrofe, tocando o seu broche, que representaba unha señora e un salgueiro chorón, xunto á tumba que tiña unha urna, e dixo–: Encargouno expresamente para min.
–Representa unha señora real? –preguntei, aludindo ao broche.
–Non –replicou Wemmick–, é só un capricho. Gustábache o teu capricho, non é verdade? Non, non houbo no seu caso ningunha señora, señor Pip, fóra diso unha… con seguridade non a sorprendería vostede nunca no acto de mirar esta urna, a non ser que dentro dela houbese algo que beber.
E como a atención do señor Wemmick estaba fixa no broche, deixou a un lado a máscara e limpou aquel con o seu pano de peto.
–E o outro acabou igual? –preguntei–. Ten a mesma mirada.
–É verdade –contestou Wemmick–, é a mirada característica. Coma se unha aleta do nariz fose collida por un pano. Si, tivo a mesma fin; é a fin natural aquí, asegúrollo. Falsificaba testamentos e ás veces sumía no soño eterno os supostos testadores. Tiñas aspecto de cabaleiro, Cove, e asegurabas saber escribir en grego –exclamou o señor Wemmick apostrofando á máscara–. Presumido! Que mentireiro eras! Xamais me atopei con outro que o fose tanto coma ti! –E antes de deixar o seu último amigo no seu sitio, o señor Wemmick levou a man á maior das súas sortellas negras, e engadiu–: Fíxoa comprar para min a véspera da súa morte.
Mentres deixou a segunda máscara no seu sitio e baixaba da cadeira, cruzou a miña mente a idea de que todas as súas alfaias debían de ter a mesma orixe. E como se mostrou bastante franco comigo, tomeime a liberdade de preguntarllo cando estivo ante min limpando as mans, que cubrira de po.
–Si! –contestoume–, eses son agasallos de orixe semellante. Un trae o outro, como se comprende; así se chegan a reunir. Eu lévoos sempre comigo. Son curiosidades, e, ademais, valen algo, non moito, pero algo, en suma, e, por outra banda, pódense levar encima. Claro que non son apropiadas para unha persoa do brillante aspecto de vostede, pero para min si, sen contar que sempre me gustou levar algo dalgún valor.
Cando eu me manifestei conforme con estas opinións, el engadiu en ton cordial:
–Se nalgunha ocasión, cando non teña vostede cousa mellor en que empregarse, quere ir facerme unha visita a Walworth, poderei ofrecerlle unha cama, e considerareino un honor. Pouco teño que ensinarlle; pero posúo dúas ou tres curiosidades que talvez lle gustaría ver. Ademais, agrádame moito ter un pedaciño de xardín e unha casa de verán.
Contesteille que tería moito gusto en aceptar a súa hospitalidade.
–Grazas –contestoume–; en tal caso, consideraremos que chegará esta ocasión cando a vostede lle pareza oportuno. Comeu vostede algunha vez co señor Jaggers?
–Aínda non.
–Pois ben –dixo Wemmick–, daralle viño moi bo. Daralle ponche que non é malo. E agora vou advertirlle unha cousa. Cando vaia a comer co señor Jaggers, fíxese na súa criada.
–Ten algo de particular?
–Verá vostede unha fera domada –contestou Wemmick–. Talvez lle pareza que non é cousa moi rara. Pero a iso replicarei que hai que ter en conta a fereza orixinal do animal e a cantidade de doma que foi necesaria. Desde logo, podo asegurarlle que iso non diminuirá o bo concepto que pode vostede ter das facultades do señor Jaggers. Non deixe de fixarse.
Prometinlle facelo con todo o interese e curiosidade que tales advertencias merecían. Xa me dispoñía a despedirme cando me preguntou se me gustaría ver ao señor Jaggers «na faena».
Por varias razóns e por non comprender claramente cal sería «a faena» en que podía atopar ao señor Jaggers, contestei afirmativamente. Dirixímonos, pois, á City, e chegamos á sala dun tribunal moi concorrida, na que varios parentes consanguíneos (no sentido criminal) do defunto que sentía tal debilidade polos broches estaban no banco dos acusados, mascando incómodamente algunha cousa, namentres o meu titor preguntaba ou repreguntaba –non o sei exactamente– a unha muller, e non só a ela, senón a todos os demais, deixábaos estupefactos. Se alguén, calquera que fose a súa condición, dicía unha palabra que a el non lle gustase, instantaneamente esixía que a retirase. Se alguén se negaba a declarar algunha cousa, exclamaba: «Xa o collín». Os maxistrados tremían cada vez que el mordía o dedo índice. Os ladróns e os seus encubridores estaban pendentes dos seus beizos, embelesados, aínda que mortos de medo, e estremecíanse en canto un pelo das súas cellas se movía cara a eles. Ignoro de que parte estaba o meu titor, porque me pareceu que arremetía contra todos; só sei que cando saín no bico dos pés, el non estaba apostrofando aos do banco, pois facía tremer convulsivamente as pernas do ancián cabaleiro que presidía o tribunal, censurándolle a súa conduta daquel día e mentres ocupaba aquel elevado sitio, como representante da xustiza e da lei de Inglaterra.

29 de jan de 2012

Capítulo 23

O señor Pocket manifestouse satisfeito de verme e expresou a esperanza de que non me caese antipático.
–Porque en realidade –engadiu mentres o seu fillo sorría– non son un personaxe alarmante.
Era un home de xuvenil aspecto, malia as súas perplexidades e o seu cabelo gris, e os seus modos parecían noi naturais. Uso a palabra «naturais» no sentido de que carecían de afectación; había algo cómico no seu aspecto de atordamento, e resultaría evidentemente ridículo se el non se dese conta de tal cousa. Tras falar comigo un pouco, díxolle á súa esposa, contraendo con ansiedade as cellas, que eran negras e moi poboadas:
–Supoño, Belinda, que xa saudaches ao señor Pip.
Ela levantou os ollos do seu libro e contestou:
–Si.
Logo sorriume distraidamente e preguntoume se me gustaba o sabor da auga de azar. Como aquela pregunta non tiña relación próxima ou remota con nada do que se dixera, crin que ma dirixira sen darse conta do que dicía.
Ás poucas horas observei, e mencionareino deseguido, que a señora Pocket era filla única dun fidalgo xa falecido, que chegou a selo dun modo accidental, do cal ela pensaba que sería nomeado baronet de non opoñerse alguén tenazmente por motivos absolutamente persoais, os cales desapareceron da miña memoria, se é que algunha vez estiveron nela –talvez o soberano, o primeiro ministro, o lord chanceler, o arcebispo de Canterbury ou algún outro–, e, en virtude desa suposta oposición, creuse igual a todos os nobres da terra. Creo que se armou cabaleiro a si mesmo por maltratar a gramática inglesa coa punta da pluma nunha desesperada solicitude, caligrafiada nunha folla de pergamiño, con ocasión de poñerse a primeira pedra dalgún monumento e por entregar a algún personaxe real a paleta ou o morteiro. Pero, sexa o que for, ordenara que a señora Pocket fose criada desde o berce como quen, de acordo coa natureza das cousas, debía casar cun título e a quen había que gardar de que adquirise coñecementos plebeos ou domésticos.
Tan magnífica garda estableceuse arredor da señorita, grazas ao seu asisado pai, que creceu adquirindo calidades altamente ornamentais pero, ao mesmo tempo, por completo inútiles. Cun carácter tan felizmente formado, ao florecer a súa primeira mocidade atopou ao señor Pocket, o cal tamén estaba na flor da súa e na indecisión entre alcanzar o posto de lord chanceler na Cámara dos Lores, ou tocarse cunha mitra. Como facer unha ou outra cousa era sinxelamente unha cuestión de tempo e tanto el como a señora Pocket agarraran o tempo polos cabelos (cando, a xulgar pola súa lonxitude, sería oportuno cortarllos), casaron sen o consentimento do asisado pai dela. Este bo señor, que non tiña máis nada que reter ou que outorgar que a súa propia bendición, entregoulles cariñosamente este dote logo de curta loita, e informou ao señor Pocket de que a súa filla era «un tesouro para un príncipe». O señor Pocket empregou aquel tesouro do modo habitual desde que o mundo é mundo, e suponse que non lle proporcionou xuros moi crecidos. Malia iso, a señora Pocket era, en xeral, obxecto de respectuosa compaixón polo feito de que non casou cun título, mentres que ao seu marido se lle dirixían indulgentes reproches polo feito de non obter ningún.
O señor Pocket levoume ao interior da casa e mostroume o cuarto que me estaba destinado, o cal era agradable e estaba amoblado de tal xeito que podería usalo comodamente como salonciño particular. Logo chamou ás portas de dous cuartos similares e presentoume os seus ocupantes, chamados Drummle e Startop. O primeiro, que era un mozo de aspecto avellentado e pertencente a un pesado estilo arquitectónico, estaba asubiando. Startop, que en aparencia contaba menos anos, estaba ocupado en ler e en soster a cabeza, coma se temese acharse en perigo de que lle estalase por recibir excesiva carga de coñecementos.
Tanto o señor como a señora Pocket tiñan tan evidente aspecto de acharse nas mans doutra persoa, que cheguei a preguntarme quen estaría en posesión da casa e lles permitiría vivir nela, ata que puiden descubrir que tal poder descoñecido pertencía aos criados. O sistema parecía bastante agradable, talvez en vista de que evitaba preocupacións; pero parecía caro, porque os criados consideraban como unha obriga para consigo mesmos comer e beber ben e recibir os seus amigos na parte baixa da casa. Servían xenerosamente a mesa dos señores Pocket, pero, con todo, sempre me pareceu que sería preferible aloxarse na cociña, no caso de que o hóspede que tal fixese fose capaz de defenderse a si mesmo, porque antes de que pasase alí unha semana, unha señora da veciñanza, con quen a familia sostiña relacións de amizade, escribiu que vira a Millers dándolle unha labazada ao cativo. Iso deulle un gran desgusto á señora Pocket, quen, entre bágoas, dixo que lle parecía extraordinario que os veciños non puidesen contentarse con coidar dos seus asuntos propios.
Gradualmente souben, e en gran parte por boca de Herbert, que o señor Pocket se educara en Harrow e en Cambridge, onde logrou distinguirse; pero que cando logrou a felicidade de casar coa señora Pocket, en idade moi temperá aínda, abandonara as súas esperanzas de empregarse como profesor particular. Tras sacarlles punta a moitos cerebros obtusos –e é moi curioso observar a coincidencia de que cando os pais dos alumnos tiñan influencia, sempre prometían ao profesor axudarlle a conquistar un alto posto, pero en canto terminara o ensino dos seus fillos, con rara unanimidade esquecíanse da súa promesa–, cansouse dun traballo tan mal pagado e dirixiuse a Londres. Alí, logo de ter que abandonar esperanzas máis elevadas, deu cursos a varias persoas ás que lles faltou a oportunidade de instruírse antes ou que non estudaran ao seu tempo, e afiou de novo a outros moitos para ocasións especiais, e logo dedicou a súa atención ao traballo de facer recompilacións e correccións literarias, e grazas ao que así obtiña, engadido a algúns modestos recursos que posuía, continuaba mantendo a casa que puiden ver.
O señor e a señora Pocket tiñan unha veciña parecida a un sapo; unha señora viúva, dun carácter tan altamente simpático que estaba de acordo con todo o mundo, bendicía a todo o mundo e dirixía sorrisos ou derramaba bágoas acerca de todo o mundo, segundo fosen as circunstancias. Chamábase señora Coiler, e eu tiven o honor de levala do brazo ata o comedor o día que me instalei. Na escaleira deume a entender que para a señora Pocket fora un duro golpe o feito de que o pobre señor Pocket se vise reducido á necesidade de tomar alumnos na súa casa. Iso, desde logo, non se refería a min, segundo dixo con acento tenro e cheo de confianza (había menos de cinco minutos que ma presentaran), pois se todos fosen coma min, a cousa cambiaría por completo.
–Pero a miña querida señora Pocket –dixo a señora Coiler–, tras o seu primeiro desencanto (non porque ese simpatico señor Pocket merecese o menor reproche sobre o particular), necesita tanto luxo e tanta elegancia…
–Si, señora –apresureime a contestar, interrompéndoa, pois temía que se botase a chorar.
–E ten uns sentimentos tan aristocráticos…
–Si, señora –díxenlle de novo e coa mesma intención.
–… E é moi duro –acabou de dicir a señora Coiler– que o señor Pocket se vexa obrigado a ocupar o seu tempo e a súa atención noutros mesteres, no canto de dedicalos á súa esposa.
Non puiden deixar de pensar que sería moito máis duro que o tempo e a atención do carniceiro non se puidesen dedicar á señora Pocket; pero non dixen nada, pois, en realidade, tiña bastante que facer observando disimuladamente os modos dos meus compañeiros de mesa.
Chegou ao meu coñecemento, polas palabras que se cruzaron entre a señora Pocket e Drummle, mentres prestaba a maior atención ao meu coitelo e garfo, á culler, aos vasos e a outros instrumentos suicidas, que Drummle, cuxo nome de pía era Bentley, era entón o herdeiro segundo dun título de baronet. Ademais, resultou que o libro que vira nas mans da señora Pocket, no xardín, trataba de títulos de nobreza, e que ela coñecía a data exacta en que a súa avó chegaría a ser citado en tal libro, no caso de estar en situación de merecelo. Drummle falaba moi pouco, pero, nos seus taciturnos costumes (pois pareceume un individuo malhumorado), parecía facelo coma se fose un dos elixidos, e recoñecía na señora Pocket o seu carácter de muller e de irmá. Ninguén, fóra deles mesmos e da señora Coiler, parecida a un sapo, mostraba o menor interese naquela conversa, e ata me pareceu que era molesta para Herbert; pero prometía durar moito cando chegou o criado, para dar conta dunha desgraza doméstica. En efecto, parecía que a cocinera perdera a carne de boi. Co maior asombro pola miña banda, vin entón que o señor Pocket, sen dúbida con obxecto de desafogarse, facía unha cousa que me pareceu extraordinaria, pero que non causou impresión ningunha en ninguén máis e á que me afixen rapidamente, como todos. Deixou a un lado o garfo e o coitelo de trinchar, pois estaba ocupado niso naquel momento; levou as mans ao desordenado cabelo, e pareceu facer extraordinarios esforzos para levantarse a si mesmo daquel xeito. Cando o intentou, e en vista de que non o conseguía, renovou tranquilamente a ocupación a que antes estivese dedicado.
A señora Coiler cambiou entón de conversa e empezou a afagarme. Iso gustoume por uns momentos, pero cargou tanto a man nas miñas loanzas que moi pronto deixou de agradarme. O seu modo serpentino de achegarse a min, mentres finxía estar moi interesada polos amigos e os lugares que deixara, tiña todo o desagradable dos ofidios; e cando, como por casualidade, se dirixiu a Startop (que lle dirixía moi poucas palabras) ou a Drummle (que aínda lle dicía menos), eu case lles envexei o sitio que ocupaban no outro lado da mesa.
Despois de comer fixeron entrar os nenos, e a señora Coiler empezou a comentar, admirada, a beleza dos seus ollos, dos seus narices ou das súas pernas, sistema excelente para melloralos mentalmente. Eran catro nenas e dous nenos de pouca idade, ademais do pequeno, que podería pertencer a calquera sexo, e o que estaba a piques de sucederlle, que aínda non formaba parte de ningún. Fixéronos entrar Flopson e Millers, coma se fosen dous oficiais comisionados para alistar nenos e apoderáronse daqueles; mentres a señora Pocket miraba aqueles pequenos, que debían de ser nobres, coma se pensase en que xa tivera o pracer de pasarlles revista antes, aínda que non soubese exactamente que podería facer con eles.
–Déame o garfo, señora –dixo Flopson–, e colla o cativo. Non o colla así, porque lle perá a cabeza debaixo da mesa.
Así aconsellada, a señora Pocket colleu o pequeno doutro xeito e logrou poñerlle a cabeza encima da mesa; o cal foi anunciado a todos por medio dun forte croque.
–Meu Deus! Devólvamo, señora! –dixo Flopson–. Señorita Jane, veña mexer o pequeno.
Unha das nenas, unha cousa insignificante que parecía tomar ao seu cargo algo que correspondía aos demais, abandonou o seu sitio, preto de min, e empezou a mexer o pequeno ata que deixou de chorar e se puxo a rir. Daquela todos os nenos empezaron a rir, e o señor Pocket (quen, mentres tanto, tratara dúas veces de levantarse a si mesmo colléndose do pelo) tamén se riu, no que o imitamos os demais, moi contentos.
Flopson, dobrando con forza as articulacións do pequeno coma se fose unha boneca holandesa, deixouno san e salvo no colo da señora Pocket e deulle o crebanoces para xogar, advertindo, ao mesmo tempo, á señora Pocket que non conviña o contacto dos extremos de tal instrumento cos ollos do neno, e encargando, ademais, á señorita Jane que o vixiase. Entón as dúas amas saíron do comedor e na escaleira tiveron un altercado co disoluto criado que serviu a comida e que, evidentemente, perdera a metade dos botóns na mesa de xogo.
Quedei molesto ao ver que a señora Pocket discutía con Drummle acerca de dúas baronías, mentres comía unha laranxa cortada en cascos e bañada de azucre e viño, e esquecendo, mentres tanto, o pequeno que tiña no colo, o cal facía as cousas máis extraordinarias co crebanoces. Por fin, a señorita Jane, advertindo que perigaba a pequena cabeza, deixou o seu sitio sen facer ruído e, valéndose de pequenos enganos, quitoulle a perigosa arma. A señora Pocket terminaba naquel momento de comer a laranxa e, parecéndolle mal aquilo, díxolle a Jane:
–Parva! Por que vés quitarlle o crebanoces? Vai sentar inmediatamente!
–Querida mamá, o pequeno houbo de zacar oz olloz –ceceou a rapaciña.
–Como te atreves a dicirme iso? –replicou a señora Pocket–. Vai sentar inmediatamente no teu sitio!
A dignidade da señora Pocket er tan esmagadora que me que sentín bastante avergonzado, como se eu fixese algo para enervala.
–Belinda –díxolle o seu esposo desde o outro extremo da mesa–. Como es tan pouco razoable? Jane interveu tan só para protexer o pequeno.
–Non quero que ninguén se meta nestas cousas –dixo a señora Pocket–. Sorpréndeme moito, Matthew, que me expoñas a recibir a afronaa de que alguén se inmisca nisto.
–Meu Deus! –exclamou o señor Pocket, nun estalido de terrible desesperación–. Seica os nenos han de matarse cos crebanoces, sen que ninguén poida salvalos da morte?
–Non quero que Jane se meta nisto –dixo a señora Pocket, dirixindo unha maxestosa mirada a aquela inocente e pequena defensora do seu irmancioño–. Paréceme que coñezo perfectamente a posición do meu pobre avó. E tamén Jane.
O señor Pocket levou outra vez as mans ao cabelo, e aquela vez conseguiu realmente levantarse algunhas polgadas.
–Oíde! –dirixiuse, desesperado, aos elementos–. Os cativos deben matarse con crebanoces por causa da posición que ocupan os pobres avós da xente!
Logo deixouse caer de novo e quedou silencioso. Mentres tiña lugar esta escena, todos mirabamos moi confusos o mantel. Houbo unha pausa, durante a cal o honrado e indomable pequeno deu unha serie de saltos e gritos en dirección a Jane, que me pareceu o único individuo da familia (deixando á parte os criados) a quen coñecía dun modo indubidable.
–Señor Drummle –dixo a señora Pocket–, quere facer o favor de chamar a Flopson? Jane, desobediente pícara, vai sentar. Pequecho, ven con mamá.
O pequeno, que era a mesma esencia do honor, contestou con toda a súa alma. Dobrouse ao revés sobre o brazo da señora Pocket, exhibiu aos circunstantes os seus zapatiños de gancho e as súas coxas cheas de fochiñas, no canto de mostrarlles o seu rostro, e tiveron que levalo en plena rebelión. E por fin alcanzou o seu obxecto, porque poucos minutos máis tarde vino a través da fiestra en brazos de Jane.
Sucedeu que os cinco pícaros restantes quedaron ante a mesa, sen dúbida porque Flopson tiña un quefacer particular e a ninguén máis lle correspondía coidar deles. Entón foi cando puiden decatarme das súas relacións co seu pai, grazas á seguinte escena: O señor Pocket, cuxa perplexidade normal parecía aumentar e co cabelo máis desordenado que nunca, mirounos por espazo dalgúns minutos, coma se non puidese comprender a razón de que todos comesen e se aloxasen naquel establecemento e por que a Natureza non os mandara a outra casa. Logo, con acento propio de misioneiro, dirixiulles algunhas preguntas, como, por exemplo, por que o pequeno Joe tiña aquel buraco no babeiro, ao que o neno contestou que Flopson ía a remendarllo en canto tivese tempo; por que a pequena Fanny tiña aquel panadizo, e a nena contestou que Millers lle poría un emplasto se non se esquecía. Logo derreteuse en agarimo paternal e deulles cadanseu xilin, dicíndolles que fosen xogar; e en canto se afastaron, tras facer un grande esforzo por levantarse agarrándose polo cabelo, abandonou o inútil intento.
Pola tarde había regatas no río. Xa que tanto Drummle como Startop tiñan cadanseu bote, resolvín tripular un eu só e vencelos. Eu sobresaía en moitos exercicios propios dos aldeáns, pero como estaba convencido de que carecía de elegancia e de estilo para remar no Támesis –por non falar doutras augas–, resolvín tomar leccións do gañador dunha regata que pasaba remando ante o noso embarcadoiro e a quen me presentaron os meus novos amigos. Esta autoridade práctica deixoume moi confuso dicíndome que tiña o brazo propio dun ferreiro. Se soubese o a piques que estivo de perder o discípulo por aquel cumprido, non hai dúbida de que non mo dirixiría.
Esperábanos a cea cando pola noite chegamos á casa, e creo que o pasariamos ben de non ser por un suceso doméstico algo desagradable. O señor Pocket estaba de bo humor, cando chegou unha criada dicíndolle:
–Se me fai vostede o favor, señor, querería falar con vostede.
–Falar co seu amo? –exclamou a señora Pocket, cuxa dignidade espertara de novo–. Como se lle ocorreu semellante cousa? Vaia vostede e fale con Flopson. Ou fale comigo… noutro momento calquera.
–Prégolle que me perdoe, señora –replicou a criada–, pero preciso falar neste momento e co señor.
Daquela, o señor Pocket saíu da estancia e nós procuramos entreternos o mellor que nos foi posible ata que regresou.
–Ocorre algo moi gracioso, Belinda! –dixo o señor Pocket, con cara que demostraba o seu desgusto e a súa desesperación–. A cociñeira está tendida no chan da cociña, borracha perdida, cun gran paquete de manteiga fresca que colleu da despensa para vendela como graxa.
A señora Pocket demostrou inmediatamente unha amable emoción e dixo:
–Iso é cousa desa odiosa Sophia.
–Que queres dicir, Belinda? –preguntou o señor Pocket.
–Díxocho Sophia –contestou a señora Pocket–. Acaso non a vin cos meus propios ollos e non a oín por min mesma cando chegou coa pretensión de falar contigo?
–Pero non te acordas de que me levou abaixo, Belinda? –replicou o señor Pocket–. Non entendes que me mostrou a esa bébeda e tamén o paquete de manteiga?
–Aínda a defendes despois da súa conduta, Matthew? –preguntoulle a súa esposa.
O señor Poocket limitouse a emitir un xemido de dor.
–Seica a neta do meu avó non é ninguén nesta casa? –exclamou a señora Pocket–. Ademais, a cociñeira foi sempre unha muller seria e respectuosa, e en canto me coñeceu dixo coa maior sinceridade que estaba segura de que eu nacera para duquesa.
Había un sofá a carón do señor Pocket, e este deixouse caer nel coa actitude dun gladiador moribundo. E sen abandonala, cando creu chegada a ocasión de que o deixase para irme deitar, díxome con voz cavernosa:
–Boas noites, señor Pip.

27 de jan de 2012

Capítulo 22

O cabaleiro novo e pálido e eu quedamos contemplándonos mutuamente na Pousada de Barnard ata que ambos nos botamos a rir a gargalladas.
–Quen ía imaxinar que sería vostede? –exclamou.
–E como podía imaxinar que fose vostede? –dixen eu.
Logo contemplámonos outra vez e de novo botámonos a rir.
–Perfectamente –dixo o cabaleiro novo e pálido, ofrecéndome afablemente a man–. Espero que considerará vostede terminado o asunto e que me perdoará magnanimamente os golpes que lle dei aquel día.
Por estas palabras comprendín que o señor Herbert Pocket, porque así se chamaba o mozo, seguía confundindo a súa intención coa realidade. Pero eu contestei modestamente e estreitamos as mans con afecto.
–Supoño que entón non empezara vostede a gozar da súa boa fortuna –dixo Herbert Pocket.
–Non –contesteille.
–Ten vostede razón –confirmou el–. Decateime de que iso ocorreu hai moi pouco tempo. Daquela eu estaba buscando a miña fortuna.
–De verdade?
–Así é. A señorita Havisham fíxome chamar para ver se podía afeccionarse a min, mais parece que non puido… En fin, que non o fixo.
A min pareceume cortés observar que iso me sorprendía moito.
–Deu probas de mal gusto –exclamou Herbert rindo–, pero así foi. Si, mandoume chamar para que lle fixese unha visita de proba, e paréceme que se o resultado fose satisfactorio, alcanzaría algo; talvez puidese ser… –e fixo unha pausa– iso… para Estella.
–Que é iso? –preguntei con repentina seriedade.
El estaba poñendo a froita nuns pratos mentres falabamos, e como a súa atención estaba dividida, esta foi a causa de que non atopase a palabra conveniente.
–Prometido –explicou ocupado aínda coa froita–. Non se chama así? Non é esta a palabra?
–E como soportou vostede o seu desencanto? –preguntei.
–Bah! –contestoume–. Non me importa moito. É unha tártara.
–A señorita Havisham?
–Talvez ela tamén. Pero refírome a Estella. Esta rapariga é dura, altiva e caprichosa en sumo grao, e a señorita Havisham educouna para que a vingue nos representantes do sexo masculino.
–Que parentesco ten coa señorita Havisham?
–Ningún –dixo–. É soamente unha rapaza adoptada.
–Por que debe vingarse do sexo masculino? Que vinzanga é esta?
–Vaia, señor Pip! –exclamou–. Non o sabe vostede?
–Non –contestei.
–Meu Deus! É unha historia que lle referirei durante a comida. Agora permítame que lle dirixa unha pregunta: como foi vostede alí aquel día?
Díxenllo e escoitoume moi atento ata que terminei. Logo botouse a rir outra vez e preguntoume se logo estiven dolorido. Eu non lle preguntei semellante cousa, porque a miña convicción estaba xa perfectamente establecida acerca do particular.
–Segundo teño entendido, o señor Jaggers é o seu titor.
–Si.
–Xa sabe vostede que é o avogado e o home de negocios da señorita Havisham e que é o único que goza da súa confianza?
Comprendín que esta observación me situaba nun terreo perigoso. E con reserva, que non tratei de disimular, contestei que vira ao señor Jaggers na casa da señorita Havisham o mesmo día da nosa loita, pero en ningunha outra ocasión, e que, segundo imaxinaba, el non lembraría que me vira alí.
–El foi tan amable de propoñer ao meu pai ser profesor de vostede e visitouno para falarlle diso. El coñecía ao meu pai polas súas relacións coa señorita Havisham. O meu pai é primo desta última; iso non indica que existan entre eles relacións continuadas, porque el é mal cortesán e incapaz de adulala.
Herbert Pocket tiña maneiras francas e naturais, verdadeiramente moi atractivas. Xamais vin a ninguén, antes nin despois, que en cada unha das súas miradas e no seu ton expresase mellor a súa natural incapacidade de facer nada secreto ou baixo. No seu aspecto xeral había algo extraordinariamente esperanzado e tamén algo que me daba a entender que xamais sería rico ou lograría o éxito. Ignoro como era iso. Tan só sei que quedei convencido diso antes de sentarmos a comer, aínda que non podo comprender grazas a que medios.
El era aínda un cabaleiro novo e pálido e, malia a súa alegría e entusiasmo, advertíase na súa persoa certa languidez que non parecía indicar gran fortaleza. Non era fermoso de rostro, pero tiña outra calidade mellor, pois era alegre e simpático. A súa figura era un pouco desgarbada, como os días en que os meus puños tomaran tales liberdades con ela, pero parecía coma se debese ser sempre lixeiro e novo. Sería dubidoso saber se a obra do señor Trabb lle sentaría mellor a el que a min, aínda que estou persuadido de que levaba o seu traxe vello moito mellor que eu o meu novo.
Como el se mostraba moi comunicativo, comprendín que a reserva pola miña banda sería unha mala correspondencia e inadecuada aos nosos anos. Daquela, referinlle a miña curta historia, facendo fincapé en que se me prohibiu indagar quen era o meu benfeitor. Engadín que, como me educara na casa dun ferreiro da aldea e coñecía moi pouco os modos cortesáns, consideraría moi bondadoso pola súa banda que se molestase en facerme algunha indicación en canto me vise apurado ou cometese algunha torpeza.
–Con moitísimo gusto –dixo–, aínda que me aventuro a profetizar que necesitará vostede moi poucas indicacións. Atrévome a crer que estaremos xuntos con frecuencia, e por isto desexo afastar todo motivo de reserva entre nós. Quere vostede facerme o favor de chamarme desde agora polo meu nome de pía, Herbert?
Eu deille as grazas e díxenlle que o faría, e informeino de que o meu nome de pía era Philip.
–Non me gusta o nome de Philip –dixo sorrindo–, porque me lembra a un deses nenos malos dos libros de lectura, que era tan preguiceiro que caeu nun estanque, ou tan gordo que non podía ver máis aló dos seus ollos, ou tan avaro que gardaba o pastel ata que llo comían os ratos, ou tan afeccionado a ir coller niños que, unha vez, o devoraron os osos que o espreitaban nas proximidades. Vou dicirlle a vostede o que me gustaría. Reina entre nós tal harmonía e vostede foi ferreiro… Non terá inconveniente?
–Imos ver o que propón vostede –contestei–; pero de momento non o entendo.
–Non lle gustaría que lle chamase Haendel como nome familiar? Hai unha encantadora obra musical de Haendel, chamada O ferreiro harmonioso.
–Gustaríame moito.
–Pois entón, meu querido Haendel –dixo volvéndose no mesmo momento en que se abría a porta–, aquí está a comida, e debo rogarlle que sente á cabeceira da mesa, porque paga vostede.
Eu non quixen oír falar de tal cousa, de modo que el sentou á cabeceira e eu fronte a el. Era unha cea bastante apetitosa, que entón me pareceu un festín digno do lord maior e que adquiriu maior encanto por sermos completamente independentes, pois non había persoas de idade connosco, e Londres rodeábanos. Ademais, houbo en todo certo carácter nómade ou xitano, que acabou de dar encanto ao banquete; porque mentres a mesa era, segundo podía dicir o señor Pumblechook, un exemplo de luxo e esplendidez –pois foi servida desde o café máis próximo–, a rexión circundante da sala tiña un carácter de desolación que obrigou ao camareiro a seguir o mal costume de poñer os testos no chan, que, por certo, houberon de facelo caer; a manteiga derretida, nunha butaca de brazos; o pan, nos estantes da librería; o queixo, no caldeiro do carbón, e o polo guisado, sobre a miña cama, que estaba na estancia inmediata; de maneira que cando aquela noite me retirei a durmir atopei unha parte de manteiga e de perexil en estado de conxelación. Pero todo iso fixo delicioso o meu festín, e cando o camareiro non estivo alí para observarme, o meu contento non tivo igual.
Empezaramos a comer, cando lle recordei a Herbert a súa promesa de referirme a historia da señorita Havisham.
–É verdade –replicou–, e vou facelo inmediatamente. Permítame que antes lle dirixa unha observación, Haendel, facéndolle notar que en Londres non é costume levar o coitelo á boca, talvez por medo a accidentes, e, aínda que se reserva o garfo para iso, non se leva aos beizos máis do necesario. É cousa de pouca importancia, pero paga a pena facer como os demais. Tamén a culler se usa colléndoa non coa man encima dela, senón debaixo. Isto ten dúas vantaxes. Así chégase mellor á boca, obxecto principal deste movemento, e evítase a actitude desagradable do cóbado dereito, semellante a cando se están abrindo ostras.
Deume estes amistosos consellos dun modo tan amable e gracioso que ambos nos botamos a rir, e eu ruboriceime un pouco.
–Agora –engadiu–, imos falar da señorita Havisham. Esta, como talvez saiba vostede, foi unha nena consentida. A súa nai morreu cando ela era aínda moi nova, e o seu pai non lle negou nunca nada. Este era un cabaleiro rural da rexión de vostede e fabricante de cervexa. Non comprendo a importancia que teña ser fabricante de cervexa; pero é innegable que, así como non se pode ser distinguido e fabricar pan, un fabricante de cervexa pode ser tan fidalgo como o primeiro. Isto vese todos os días.
–En cambio, un cabaleiro non pode ter unha taberna, non é así? –preguntei.
–De ningún modo –replicou Herbert–, pero unha taberna pode ter un cabaleiro. En fin, o señor Havisham era moi rico e moi orgulloso, e o mesmo que el era a súa filla.
–Era filla única a señorita Havisham? –preguntei.
–Espere un pouco, que xa chego a iso. Non era filla única, senón que tiña un irmán por parte de pai. Este casou outra vez en segredo e, segundo creo, coa súa cociñeira.
–Non me dixo vostede que era orgulloso? –observei.
–Si o era, amigo Haendel. Precisamente casou en segredo coa súa segunda muller porque era orgulloso, e ao cabo dalgún tempo ela morreu. Entón foi cando, segundo teño entendido, deu conta á súa filla do que fixera, e entón tamén o rapaz empezou a formar parte da familia e residía na casa que vostede xa coñece. Cando o neno chegou a ser un adolescente, converteuse nun individuo vicioso, manirroto, rebelde…, en fin, nunha mala persoa. Por fin o seu pai desherdouno, pero na hora da morte arrepentiuse e deixouno ben dotado, aínda que non tanto como á señorita Havisham. Tome outro vaso de viño e perdóeme se lle indico que a sociedade, en conxunto, non espera que un comensal sexa tan concienciudo ao baleirar un vaso como para envorcalo completamente co bordo apoiado no nariz.
Eu fixera iso, atento como estaba ao seu relato. Deille as grazas e escuseime. El díxome que non había de que e continuou:
–A señorita Havisham era, entón, unha rica herdeira, e xa pode vostede comprender que todos a consideraban un gran partido. O seu irmán tiña outra vez bastante diñeiro, pero entre as súas débedas e as súas tolemias malgastouno vergonzosamente. Había grandes diferenzas entre ambos os irmáns, moito maiores que entre o rapaz e o seu pai, e sospéitase que el lle tiña moi mala vontade á súa irmá, persuadido de que fora a causa da cólera que o pai sentiu contra o fillo. E agora chego á parte máis cruel da historia, aínda que debo interrompelo, o meu querido Haendel, para facerlle a observación de que o pano da mesa non se mete no vaso.
Non podo explicar por que facía eu aquilo, pero si hei de confesar que de súpeto vin que, cunha perseveranza digna de mellor causa, facía tremendos esforzos para comprimila naqueles estreitos límites. De novo deille as grazas e escuseime, e el, tras contestarme alegremente que non pagaba a pena, continuou:
–Entón apareceu en escena, xa fora nas carreiras, nalgún baile ou no lugar que vostede prefira, certo home que empezou a facerlle as beiras á señorita Havisham. Eu non o coñecín, porque iso ocorreu hai vinte e cinco anos, é dicir, antes de que nacésemos vostede e eu, pero oínlle dicir ao meu pai que era home moi ostentoso, guapo e de bo aspecto, e, en fin, o máis indicado para o seu propósito. Pero nin por ignorancia nin por prexuízo era posible equivocarse nin tomalo por cabaleiro, segundo asegura enerxicamente o meu pai; porque ten o principio de que quen non é cabaleiro pola súa condición, tampouco o é polos seus modos. Asegura que non hai verniz capaz de ocultar o gran da madeira, e que canto máis verniz se pon, máis sae e se destaca o gran. En fin, este home sitiou a señorita Havisham e a cortexouna, dándolle a entender que a adoraba. Creo que ela non mostrara ata entón moita susceptibilidade, pero toda a que posuía apareceu de súpeto e namorouse perdidamente daquel home. Non hai dúbida de que o adoraba. El aproveitouse daquel afecto dun modo sistemático e obtivo dela grandes sumas, inducíndoa a que lle comprase ao seu irmán a súa participación na fábrica de cervexa, que o pai lle legou nun momento de debilidade, e iso a un prezo enorme, coa escusa de que cando estivesen casados, el levaría o negocio e o dirixiría todo. O titor de vostede non era, naquel tempo, o conselleiro da señorita Havisham, sen contar con que ela era, por outra banda, era altiva e estaba demasiado namorada para permitir que ninguén a aconsellase. Os seus parentes eran pobres e intrigantes, fóra do meu pai; el era, á súa vez, bastante pobre, pero non celoso nin servil. Era o único independente entre todos os parentes, e avisou á súa curmá de que facía demasiado por aquel home e que se poñía sen reservas no seu poder. Ela aproveitou a primeira oportunidade para ordenarlle, moi encolerizada, ao meu pai que saíse da casa, iso en presenza do noivo, e o meu pai non volveu poñer os pés alí. Eu entón recordei que a señorita Havisham dixera: «Mathew virá e verame, por fin, cando estea tendida nesa mesa», e pregunteille a Herbert se o seu pai estaba moi anoxado contra ela.
–Non é iso –dixo–, pero ela acusouno, en presenza do seu prometido, de sentirse defraudado nas súas esperanzas de obter diñeiro no seu propio beneficio. De modo que se el fose agora visitala, esta acusación parecería certa, tanto aos ollos dela como aos del mesmo. Pero volvendo ao home, para contar como acabou a cousa, direille que se fixou o día da voda, preparouse o equipo da noiva, decidiuse a viaxe para a lúa de mel e invitouse aos amigos e aos parentes. E chegou o día fixado, pero non o noivo. Este escribiu unha carta…
–Que ela recibiu –interrompín– cando se vestía para ir casar. Ás nove menos vinte, verdade?
–Exactamente –dixo Herbert movendo a cabeza–. Por iso ela parou todos os reloxos. Non podo dicirlle, porque o ignoro, cal foi a causa de que se interrompese a voda. Cando a señorita Havisham se repuxo da grave enfermidade que contraeu, ordenou que non se tocase nada de como estaba, e desde entón non volveu ver a luz do día.
–Esta é a historia completa? –preguntei tras reflexionar.
–Polo menos, todo o que sei. E aínda debo engadir que todo iso que coñezo foi pescudado case por min mesmo, porque o meu pai evita falar diso, e ata cando a señorita Havisham me invitou a ir á súa casa non me dixeron máis que o absolutamente necesario. Pero esquecera un detalle. Suponse que aquel home, en quen ela depositou indebidamente a súa confianza, actuaba de completo acordo co irmán; é dicir, que era unha conspiración entre eles e que logo repartiron os beneficios.
–Pois estráñame que non casase con ela para facerse dono de todo –observei.
–Talvez estaba casado xa, e quen sabe se a carta que recibiu a noiva foi unha parte do plan do seu medio irmán? –contestou Herbert–. Xa lle dixen que non estou informado disto.
–E que foi dos dous homes? –preguntei logo duns momentos de reflexión.
–Segundo teño entendido, afundíronse na maior vergonza e degradación e quedaron arruinados.
–Viven aínda?
–Ignóroo.
–Hai pouco díxome vostede que Estella non estaba emparentada coa señorita Havisham, senón que tan só fora adoptada. Como ocorreu iso?
Herbert encolleu os ombreiros e contestou:
–Tan só sei que cando oín falar por vez primeira da señorita Havisham, tamén me souben da existencia de Estella. E agora, Haendel –engadiu, deixando a historia por terminada–, creo que xa existe entre nós unha perfecta intelixencia. Todo o que eu sei da señorita Havisham, sábeo vostede tamén.
–Pois igualmente –repliquei –vostede sabe todo o que eu coñezo.
–Créoo. Daquela, xa non pode haber dúbidas entre nós, nin competencias de ningunha clase. E en canto á condición que lle impuxeron para lograr este progreso na súa vida, é dicir, que vostede non debe inquirir nin falar da persoa a quen o debe, pode vostede estar seguro de que xamais eu, nin ninguén que pertenza á miña familia, o molestaremos acerca do particular nin faremos a máis pequena alusión.
Dixo isto con tanta delicadeza que me sentín tranquilo, aínda que durante algúns anos vindeiros debía vivir baixo o teito do seu pai. E díxoo tamén dun modo tan intencionado que comprendín que, coma min, estaba persuadido de que a miña benfeitora era a señorita Havisham. Non se me ocorreu antes que aludira a aquel tema con obxecto de afastalo do noso camiño; pero sentiámonos os dous tan satisfeitos de terminar con el, que entón comprendín cal fora a súa intención. Ambos estabamos alegres e eramos sociables. E no curso da conversa pregunteille que era el. Contestoume inmediatamente:
–Son capitalista…, asegurador de barcos.
Supoño que me viu mirar ao meu redor na estancia, na procura dalgúns indicios, porque se apresurou a dicir:
–Na City.
Eu tiña grandes ideas acerca da riqueza e da importancia dos aseguradores de barcos da City. E empecei a pensar, cheo de pasmo, que me atrevera a derrubar un mozo asegurador, amoratándolle un dos seus emprendedores ollos e causándolle un bo chirlo na cabeza. Pero tranquilizoume outra vez a estraña impresión de que Herbert Pocket nunca alcanzaría o éxito nin a riqueza.
–Hei de engadir que non estarei satisfeito empregando o meu capital tan só no seguro de barcos. Comprarei algunhas accións boas de compañías de seguros de vida e procurarei intervir na dirección de capital ou de barcos. Tamén me dedicarei un pouco ás minas, e iso non me impedirá cargar algúns milleiros de toneladas pola miña propia conta. Propóñome traficar –dixo, reclinándose na súa cadeira– coas Indias Occidentais, e especialmente en sedas, chales, especias, tinguiduras, drogas e madeiras preciosas. É un tráfico moi interesante.
–E alcánzanse bos beneficios? –preguntei.
–Tremendos! –contestoume. Eu cambaleei outra vez e empecei a pensar que el tiña un porvir moito máis espléndido ca o meu propio.
–Paréceme –engadiu metendo os polgares nos petos do chaleco–, paréceme que tamén traficarei coas Indias Occidentais, para traer de alí azucre, tabaco e ron. Así mesmo, estarei en relacións con Ceilán para importar cairos de elefante.
–Para iso necesitará vostede moitos barcos –dixen.
–Oh!, unha flota completa.
Abraiado en extremo pola magnificencia daquelas transaccións, pregunteille a que negocios se dedicaban preferentemente os barcos que aseguraba.
–En realidade non empecei a asegurar aínda –contestou–. Por agora estou observando ao meu redor.
Aquilo pareceume estar xa de acordo coa Pousada de Barnard, e por iso, con acento de convicción, exclamei:
–Ah, xa!
–Si. Estou nunha oficina, e por agora observo o que pasa ao meu redor.
–Gáñase diñeiro nunha oficina? –preguntei.
–Para… Quere vostede dicir para os mozos que están alí empregados? –preguntou a guisa de resposta.
–Si. Por exemplo, para vostede.
–Pois… pois… para min, non –dixo isto co mesmo coidado de quen trata de equilibrar exactamente os pratos dunha balanza–. Non é directamente proveitoso. É dicir, que non me pagan nada e eu teño… e eu teño que manterme.
Isto non ofrecía ningún aspecto proveitoso, e meneei a cabeza como para significar a dificultade de lograr aquel enorme capital con semellante fonte de ingresos.
–Pero o importante é –engadiu Herbert Pocket– que un pode observar o seu arredor. Iso é o principal. Está vostede empregado nunha oficina, e entón ten a posibilidade de observar o seu arredor.
Chamoume a atención a dedución singular que podía facerse de que quen non estivese nunha oficina non podería observar o seu arredor, pero, silenciosamente, remitinme á súa experiencia.
–Logo chega unha ocasión –dixo Herbert– en que vostede observa unha saída. Aprovéitase vostede dela, fai un capital e entón xa se está en situación. E en canto teña un capital, soamente falta empregalo.
Tal modo de falar estaba de acordo coa conduta que seguiu no xardín. Tamén o modo de soportar a súa pobreza correspondía ao que mostrara para aceptar aquela derrota. Pareceume que agora recibía todos os golpes e todas as pancadas co mesmo bo ánimo con que noutro tempo recibira os meus. Era evidente que non tiña consigo máis que o absolutamente necesario, porque todo o demais fora mandado alí pola miña causa, desde o café ou desde outra parte calquera. Con todo, como xa fixera a súa fortuna, aínda que tan só na súa mente, mostraba tal modestia que eu me sentín agradecido de que non se enorgullecese dela. Isto foi outra boa calidade que engadir ao seu agradable carácter, e así continuamos facéndonos moi amigos. Pola tarde fomos dar un paseo polas rúas, e entramos no teatro, a metade de prezo; ao día seguinte visitamos a igrexa da Abadía de Westminster e pasamos a tarde paseando polos parques. Alí pregunteime quen ferraría todos os cabalos que pasaron ante min, e desexei que Joe se puidese encargar daquel traballo. Calculando moderadamente, aquel domingo había xa varios meses que deixara a Joe e a Biddy. O espazo interposto entre eles e eu aumentou igualmente na miña memoria, e as nosas brañass aparecíanseme máis distantes cada vez. O feito de que eu puidese estar na nosa antiga igrexa levando o meu vello traxe das festas tan só o domingo anterior parecíame unha combinación de imposibilidades tanto xeográficas como sociais, ou solares e lunares. Con todo, nas rúas de Londres, tan cheas de xente e tan brillantemente iluminadas á tardiña, había deprimentes alusións e reproches polo feito de que eu situase a tanta distancia a pobre e vella cociña da miña casa; e en plena noite, os pasos dalgún impostor e incapaz porteiro que andase polas proximidades da Pousada de Barnard coa escusa de vixiala penetraban profundamente no meu corazón. O luns pola mañá, ás nove menos cuarto, Herbert marchou á oficina para traballar, e supoño que tamén para observar o seu arredor, e eu acompañeino. Unha ou dúas horas despois tiña que saír para acompañarme a Hemmersmith, e eu tiña que esperalo. Pareceume que os ovos en que se incubaban os mozos aseguradores eran deixados no po e á calor, como os de avestruz, a xulgar polos lugares en que aqueles xigantes incipientes se albergaban nas mañás do luns. A oficina á que asistiu Herbert non me pareceu un excelente observatorio, porque estaba situada na parte traseira e no segundo piso dunha casa; tiña un aspecto moi triste, e as fiestras daban a un patio interior e non a ningunha atalaia. Esperei ata que foi mediodía e fun á Bolsa, onde vin homes vellosos sentados na sección de embarques, e a quen tomei por grandes comerciantes, aínda que non puiden comprender por que parecían estar todos tan anoxados. Cando chegou Herbert saímos e xantamos nun establecemento famoso, que eu entón veneraba case, pero do que agora creo que foi a máis abxecta superstición de Europa e onde nin aínda entón puiden deixar de notar que había moita máis salsa nos manteis, nos coitelos e nos panos dos camareiros que nos mesmos pratos que servían. Unha vez terminada aquela colación de prezo moderado, tendo en conta a graxa que non se cargaba aos clientes, regresamos á Pousada de Barnard, collín o meu maletín e logo ambos tomamos un coche cara a Hammersmith. Chegamos alí ás dúas ou ás tres da tarde e tivemos que andar moi pouco para chegar á casa do señor Pocket. Levantando o picaporte dunha porta pasamos directamente a un xardinciño que daba ao río e no cal xogaban os nenos do señor Pocket. E a menos que me engane a min mesmo, nun punto en que os meus intereses ou as miñas simpatías non teñen nada que ver, observei que os fillos do señor e da señora Pocket non crecían, senón que se levantaban. A señora Pocket estaba sentada nunha cadeira de xardín e debaixo dunha árbore, lendo, coas pernas apoiadas sobre outra cadeira; as dúas amas da señora Pocket miraban ao redor mentres os nenos xogaban.
–Mamá –dixo Herbert–. Este é o mozo señor Pip.
En vista destas palabras, a señora Pocket recibiume con expresión de amable dignidade.
–Señor Alick e señorita Jane! –gritou unha das amas a dous dos nenos–. Se saltades deste xeito ides caer ao río. E que dirá entón o voso papá?
Ao mesmo tempo, a ama recolleu o pano da señora Pocket e dixo:
–Xa se lle caeu a vostede seis veces, señora.
En vista diso, a señora Pocket botouse a rir, dicindo:
–Grazas, Flopson. E acomodándose tan só nunha cadeira, continuou a lectura. Inmediatamente o seu rostro expresou o maior interese, coma se estivese lendo durante unha semana enteira, pero antes de percorrer media ducia de liñas fixou os ollos en min e dixo:
–Espero que a súa nai estará ben.
Tan inesperadas palabras puxéronme en tal dificultade, que empecei a dicir, do modo máis absurdo posible, que, no caso de existir tal persoa, non tiña dúbida de que estaría perfectamente, de que se sentiu moi agradecida e de que sen dúbida lle mandou os seus cumprimentos. Entón a ama veu no meu auxilio.
–Vaia! –exclamou recollendo outra vez o pano do chan–. Con esta xa van sete. Que fai vostede esta tarde, señora?
A señora Pocket tomou o pano, dando unha mirada de extraordinaria sorpresa, coma se non o vise antes; logo sorriu ao recoñecelo e dixo:
–Moitas grazas, Flopson.
E esquecéndose de min, continuou a lectura. Entón observei, pois tiven tempo de contalos, que alí había non menos de seis pequenos Pockets en varias fases de crecemento. Apenas acabara de contalo, cando se oíu o sétimo, berrando lastimosamente desde a casa.
–Que chora o pequeno! –dixo Flopson coma se isto a sorprendese moito-. Corre, Millers!
Esta era a outra ama, e dirixiuse cara á casa; logo, paulatinamente, o berro do neno acalouse e cesou á fin, coma se fose un pequeno ventrílocuo que levase algo na boca. A señora Pocket seguía lendo, e eu sentín a maior curiosidade por aquel libro. Segundo creo, esperabamos que aparecese o señor Pocket; así é que agardamos alí, e tiven a oportunidade de observar o fenómeno familiar de que sempre que algún neno se achegaba á señora Pocket mentres xogaba, poñíase en pé e tropezaba para caer sobre ela, co maior asombro da dama e grandes queixumes dos pequenos. Eu non lograba comprender tan estraña circunstancia e non puiden impedir que o meu cerebro empezase a formular teorías sobre o particular, cando apareceu Millers co pequeno, o cal pasou a mans de Flopson e logo esta dispoñíase a entregalo á señora Pocket, cando, á súa vez, caeu de cabeza contra a súa ama, arrastrando o neno, e sorte que Herbert e eu a collemos.
–Pero que ocorre, Flopson? –dixo a señora Pocket apartando por un momento a mirada do seu libro–. Todo o mundo tropeza!
–Naturalmente, señora –replicou Flopson coa cara acesa–. Que ten vostede aí?
–Que que teño, Flopson? –preguntou a señora Pocket.
–Si, señora. Aí ten vostede o seu tallo. E como o oculta a súa saia, ninguén o ve e tropeza. Iso é. Tome o neno, señora, e déame, en cambio, o seu libro.
A señora Pocket seguiu o consello e, coa maior inexperiencia, mexeu o neno no colo, namentres os demais xogaban ao seu redor. Había pouco que duraba isto, cando a señora Pocket deu ordes terminantes de que levasen todos os nenos ao interior da casa, para botar un sono. Entón fixen o segundo descubrimento do día, consistente en que a crianza dos pequenos Pocket consistía en levantarse alternadamente, con algúns curtos sonos. En tales circunstancias, cando Flopson e Millers reuniron os nenos na casa, semellantes a un pequeno rebaño de ovellas, apareceu o señor Pocket para coñecerme. Non me sorprendeu moito o observar que o señor Pocket era un cabaleiro en cuxo rostro se reflectía a perplexidade e que o seu cabelo, xa gris, estaba moi desordenado, coma se o pobre non atopase o xeito de poñer orde en nada.

25 de jan de 2012

Capítulo 21

Fixando os ollos no señor Wemmick, mentres iamos andando, para observar a súa aparencia á luz do día, vin que era un home seco, de estatura algo baixa, con cara cadrada que parecía de madeira e de expresión tal coma se fose tallada cunha gubia pouco afiada. Había naquel rostro algúns sinais que poderían ser buratiños se o material fose máis brando ou a ferramenta máis cortante, pero tal como aparecían non eran máis que aboladuras. O cicel fixo dúas ou tres tentativas para embelecer o seu nariz, pero abandonouno sen esforzarse en puílo. Polo mal estado da súa roupa branca xulgueino solteiro, e parecía que sufrira numerosas perdas familiares, porque levaba varios aneis negros, ademais dun broche que representaba unha señora xunto a un salgueiro chorón e a unha tumba na que había unha urna. Tamén me fixei nos aneis e nos selos que colgaban da cadea do seu reloxo, coma se estivese cargada de recordos de amigos desaparecidos. Tiña os ollos brillantes, pequenos, agudos e negros, e beizos delgados e apincarados. Contaría entón, segundo me parece, de corenta a cincuenta anos.
–De maneira que nunca estivera vostede en Londres? –preguntoume o señor Wemmick.
–Non –contestei.
–Noutora tamén eu fun novo aquí –dixo el–. Que raro se me fai que fose así.
–Entón agora coñecerao vostede perfectamente.
–Dende logo –contestou o señor Wemmick–. Coñezo os sentimentos da cidade.
–Non é un lugar moi malo? –preguntei, máis por dicir algo que polo desexo de informarme.
–En Londres pódeno estafar, roubar e asasinar a un. Pero en todas as partes hai moita xente disposta a ser vítima diso.
–Iso no caso de que exista algunha animosidade entre un mesmo e os malfeitores –dixen para suavizar algo o perigo.
–Oh, non sei nada de animosidades! –replicou o señor Wemmick–. Non hai necesidade de que exista tal cousa. Sinxelamente, fan esas falcatruadas se grazas a elas poden quedar con algo de valor.
–Iso empeora o caso.
–Creo vostede? –preguntou o señor Wemmick–. Paréceme que é case o mesmo.
Levaba o chapeu botado cara atrás e miraba á fronte. Andaba coma se nada na rúa fose capaz de chamarlle a atención. A súa boca parecíase a unha caixa de correos e tiña un sorriso de aspecto maquinal. Chegamos ao alto do outeiro de Holborn antes de que me dese de conta de que era un xesto mecánico e de que, en realidade, non sorría.
–Sabe vostede onde vive o señor Pocket? –pregunteille ao señor Wemmick.
–Si –contestou sinalando cun movemento da cabeza a dirección en que se achaba a casa–. En Hammersmith, ao oeste de Londres.
–Está lonxe?
–Dende logo. A unhas cinco millas.
–Coñéceo vostede?
–Vaites! É vostede un mestre en facer preguntas! –exclamou o señor Wemmick mirándome con aire de aprobación–. Si, coñézoo. Coñézoo.
No ton das súas palabras adiviñábase unha tolerancia ou desdén que me causou mal efecto; eu continuaba coa cabeza ladeada, mirando ao bloque que constituía o seu rostro, en busca dalgunha ilustración alentadora para o texto, cando anunciou que estabamos na Pousada de Barnard. A miña depresión non desapareceu ao oír estas palabras, porque imaxinei que aquel establecemento sería un hotel, propiedade dun señor Barnard, en comparación co cal o Xabaril Azul da nosa vila non sería máis que unha taberna. Pero, en cambio, puiden observar que Barnard era un espírito sen corpo ou unha ficción, e a súa Pousada, a colección máis sucia de construcións míseras que xamais se viron apertadas unha contra outra nun fétido recuncho, coma se fose un lugar de reunión para os gatos.
Entramos por un portelo naquel asilo e fomos parar por un corredor a un espazo cadrado e moi triste que me pareceu un cemiterio. Observei que alí había as máis tristes árbores, os gorrións máis melancólicos, os máis lúgubres gatos e as máis aflixidas casas (en número de media ducia, máis ou menos) que xamais vira na vida. Pareceume que as series de fiestras das estancias en que estaban divididas as casas se achaban en todos os estados posibles de decadencia de persianas e cortinas, de inservibles testos, de vidros rotos, de poeirenta decadencia e de miserables recursos para tapar os seus buracos. En cada un dos cuartos desalugados, que eran bastantes, víanse letreros que dicían: «Alúgase», e iso dábame case a impresión de que alí xa non ían máis que desgraciados e que a vinganza da alma de Barnard se aplacara lentamente co suicidio gradual dos actuais hóspedes e a súa inhumación laica baixo a area. Uns sucios veos de feluxe e de fume adornaban aquela abandonada creación de Barnard, e esparexeran abundante cinza sobre a súa cabeza, que sufría castigo e humillación coma se non fose máis que un depósito de po. Iso polo que respecta ao meu sentido da vista, mentres que a podremia húmida e seca e canta se produce nos faiados e nos sotos abandonados –podremia de ratas e ratos, de chinches e de cortes, que, polo demais, estaban moi preto–, todo iso molestaba grandemente ao meu olfacto e parecía recomendarme con acento queixoso: «Probe a mestura de Barnard.»
Tan deficiente era esta realización da primeira cousa que vía relacionada co meu gran porvir, que mirei con tristeza ao señor Wemmick.
–Ah! –dixo este sen comprenderme–, este lugar recórdalle o campo. O mesmo me pasa a min.
Levoume a un recuncho e fíxome subir un tramo de escaleira que, segundo me pareceu, ía morrendo lentamente ao converterse en serraduras, de maneira que moi pouco despois os hóspedes dos pisos altos sairían ás portas dos seus cuartos observando que xa non tiñan medios de baixar á rúa, e así chegamos a unha serie de estancias situadas no último piso. Na porta había un letreiro pintado, que dicía: «SEÑOR POCKET, FILLO», e na rañura da caixa do correo estaba colgada unha etiqueta na que se lía: «Volverá en breve».
–Seguramente non imaxinaba que vostede viría tan pronto –explicou o señor Wemmick–. Necesítame para algo?
–Non; moitas grazas –díxenlle.
–Como son encargado da caixa –observou o señor Wemmick–, teremos ocasión de vernos con frecuencia. Bos días.
–Bos días.
Tendín a man, e o señor Wemmick mirouna ao principio como imaxinando que necesitaba algo. Logo miroume e, corrixíndose, dixo:
–Claro! Si, señor. Ten vostede o costume de dar a man?
Eu quedei algo confuso, crendo que aquilo xa non sería moda en Londres, e contesteille afirmativamente.
–Eu perdín xa o costume –dixo o señor Wemmick–, exceptuando cando me despido definitivamente de alguén. Celebro moito coñecelo. Bos días.
Tras darnos a man e marchar el, abrín a fiestra da escaleira e houben de acabar decapitado, porque, como non axustaba ben, o vidro baixou como a coitela dunha guillotina. Felizmente, non acabara de sacar a cabeza. Logo desta salvación milagrosa, contenteime con gozar dunha vista brumosa da pousada a través do po e a suciedade que cubrían o vidro, e quedei mirando tristemente ao exterior, dicíndome a min mesmo que, sen ningunha dúbida, Londres non estaba á altura da súa fama.
A idea de que o señor Pocket, fillo, volvería «en breve» non era a miña sen ningunha dúbida, porque estivera mirando para fóra por espazo de media hora e puiden escribir varias veces o meu nome co dedo na sucidade de cada un dos vidros da fiestra antes de que oíse pasos na escaleira. Gradualmente aparecéronseme o chapeu, a cabeza, o colo da camisa, o chaleco, os pantalóns e as botas dun membro da sociedade de pouco máis ou menos a miña idade. Levaba unha bolsa de papel debaixo de cada brazo, nunha man un cesto con amorodos, e estaba sen alento.
–O señor Pip? –preguntou.
–O señor Pocket? –contesteille.
–Meu Deus! –exclamou–. Síntoo moitísimo, pero dixéronme que chegaba un coche desde a súa vila contra o mediodía, e supuxen que viría vostede nel. O feito é que acabo de saír pola súa causa, non porque iso sexa unha escusa, senón porque me dixen que á súa chegada do campo lle gustaría poder tomar unha pouca froita despois de comer, e por iso fun ao mercado de Covent Garden para comprala boa.
Por unha razón que eu sabía, parecíame coma se os ollos me quixesen saltar das órbitas. Dun modo incoherente deille as grazas pola súa atención e empecei a imaxinar que soñaba.
–Vaites! –exclamou o señor Pocket, fillo–. Esta porta agárrase dun modo extraordinario.
Mentres loitaba contra a porta estaba convertendo a froita en pasta, pois as bolsas de papel continuaban debaixo dos seus brazos. Por iso lle preguei que mo entregase todo. Fíxoo así con agradable sorriso e empezou a loitar coa porta coma se esta fose unha fera. Por fin rendeuse dun modo tan repentino que el veu chocar contra min, e eu, retrocedendo, fun dar contra a porta oposta, e ambos nos botamos a rir. Pero aínda me parecía que se me ían a saltar os ollos e coma se estivese soñando.
–Faga o favor de entrar –dixo o señor Pocket, fillo–. Permítame que lle ensine o camiño. Dispoño aquí de poucas comodidades, mais espero que o pasará vostede dun modo tolerable ata o luns. O meu pai creu que pasaría vostede o día de mañá mellor comigo que con el e que talvez lle gustaría dar un paseo por Londres. Pola miña banda, serame moi agradable mostrarlle a capital. En canto á nosa mesa, creo que non a atopará mal provista, porque nos servirán desde o café de aquí ao lado, e hei de engadir que iso será ás expensas de vostede, porque tales son as instrucións recibidas do señor Jaggers. En canto ao noso aloxamento, non é espléndido de ningún xeito, porque debo gañar o pan e o meu pai non ten nada que darme, aínda que eu non o tomaría no caso de que o tivese. Esta é a nosa sala, que contén as cadeiras, as mesas, a alfombra e o demais que puiden traer da miña casa. Non debe vostede supoñer que o mantel, as culleres e as vinagreiras son meus, porque os mandaron para vostede desde o café. Este é o meu pequeno dormitorio; un pouco balorento, pero hai que ter en conta que Barnard tamén o é. Este é o seu dormitorio. Alugáronse os mobles para esta ocasión, mais espero que lle parecerán convenientes para o obxecto; se precisa algo, irei buscalo. Estes cuartos están algo retirados e, polo tanto, estaremos sós; pero atrévome a esperar que non nos pelexaremos. Meu Deus!, perdóeme. Non me dei de conta de que segue vostede sostendo a froita. Déixeme que colla esas bolsas. Estou case avergoñado.
Mentres eu estaba fronte ao señor Pocket, fillo, entregándolle as bolsas de papel, observei que nos seus ollos aparecía a mesma expresión de asombro que había nos meus e retrocedeu exclamando:
–Meu Deus! É vostede aquel rapaz!
–E vostede –dixen eu– é o cabaleiro novo e pálido.

24 de jan de 2012

Capítulo 20

A viaxe desde a nosa cidade á metrópole durou aproximadamente cinco horas. Era algo máis de mediodía cando a dilixencia de catro cabalos da que eu era pasaxeiro entrou na maraña de tráfico que había entre Cross Keys, Wood Street e Cheapside, en Londres.
Os britanos estabamos convencidos naquel tempo de que era case unha traizón dubidar de que tiñamos e eramos o mellor do mundo. Doutro xeito, no momento en que me deixou abraiado a inmensidade de Londres, paréceme que tería algunhas lixeiras dúbidas acerca de se era feo ou non o era, de rúas retortas, estreitas e sucias.
O señor Jaggers mandoume debidamente o seu enderezo; vivía en Little Britain, e el escribira logo á man, na súa tarxeta: “Xusto ao saír de Smithfield e preto da oficina da dilixencia”. Con todo, un cocheiro de aluguer, que parecía ter no levitón tantas escravinas como anos, meteume no seu coche facendo tantos preparativos coma se se tratase de facer unha viaxe de cincuenta millas. Foi tamén obra de moito tempo o seu ascenso ao pescante, cuberto dun pano verdoso e manchado polas inclemencias do tempo e comesto xa de caruncho. Era unha estupenda carruaxe, adornada exteriormente por seis coroas, e detrás había numerosas agarradeiras estragadas para que se apoiasen non sei cantos lacaios. Debaixo puxeran unas cantas pugas para conter os lacaios por afección que se sentisen tentados de montar.
Apenas tivera tempo de gozar do coche e de dicirme que se parecía moito a un almacén de palla, aínda sendo tan semellante a unha trapería, ou de preguntarme por que as cebadeiras dos cabalos se gardaban dentro do coche, cando observei que o cocheiro se dispoñía a baixar do pescante coma se fósemos deternos. E, en efecto, parámonos nunha rúa sombría, ante unha oficina que tiña a porta aberta e na que estaba pintado o nome do señor Jaggers.
–Canto? –pregunteille ao cocheiro.
–Un chelín –contestou el–, a non ser que queira vostede dar máis.
Naturalmente, contesteille que non desexaba facer tal cousa.
–Pois entón sexa un chelín –observou o cocheiro–. Non quero meterme en desgustos, porque o coñezo –engadiu chiscando un ollo para sinalar o nome do señor Jaggers e meneando a cabeza.
Cando recibiu o seu chelín subiu ao pescante e marchou, cousa que lle pareceu moi agradable, eu entrei na oficina levando na man o maletín e preguntei se estaba na casa o señor Jaggers.
–Non está –contestou o empregado–. Neste momento atópase no Tribunal. Falo co señor Pip?
Signifiqueille que, en efecto, falaba co señor Pip.
–O señor Jaggers deixou instrucións de que o esperase vostede no seu despacho. Non me indicou canto tempo estaría ausente, pois ten un asunto no Tribunal. Pero é razoable pensar que, como o seu tempo é moi valioso, non estará fóra un momento máis do necesario.
Ditas estas palabras, o empregado abriu unha porta e fíxome pasar a un cuarto interior da parte traseira. Alí atopamos un cabaleiro vesgo, que levaba un traxe de veludo e calzóns ata o xeonllo e que secou o nariz coa manga ao verse interrompido na lectura dun xornal.
–Saia e espere fóra, Mike –dixo o empregado.
Eu empecei a dicir que non quería interromper nin molestar a ninguén, cando o empregado lle deu un empurrón a aquel cabaleiro, con tan pouca cerimonia como xamais vin usar, e, tirándolle ás costas o gorro de pel, deixoume só.
O despacho do señor Jaggers estaba pouco iluminado por unha claraboia que lle daba luz cenital; era un lugar moi triste. Aquela claraboia tiña moitos parches, coma se fose unha cabeza rota, e parecía que as casas contiguas se retorceran, coma se quixesen mirarme a través dela. Non había por alí tantos papeis como eu imaxinara; por outra banda, vin algúns obxectos heteroxéneos, tales como unha vella pistola moi oxidada, unha espada coa súa vaíña, varias caixas e paquetes de raro aspecto e dúas espantosas máscaras nun estante, de caras algo inchadas e narices retortos. A butaca do señor Jaggers tiña un gran respaldo cuberto de pel de cabalo, con cravos de adorno que lle daban a aparencia dun cadaleito, e tiven a ilusión de que o vía recostarse alí mentres mordía o dedo índice ante os clientes. O cuarto era moi pequeno e, ao parecer, os clientes contraeran o costume de apoiarse na parede, pois a parte oposta á butaca do señor Jaggers estaba graxenta de tantos ombreiros como nela se recostaran. Entón recordei que o cabaleiro do único ollo se apoiara tamén na parede cando fun a causa involuntaria de que o sacasen de alí.
Sentei na cadeira destinada aos clientes e situada en fronte da butaca do señor Jaggers, e quedei fascinado pola triste atmosfera do lugar. Pareceume entón que o pasante tiña, como o señor Jaggers, o aspecto de estar informado de algo desagradable acerca de cantas persoas vía. Tratei de adiviñar cantos empregados habería, ademais, no piso superior, e se estes pretenderían posuír o mesmo don en prexuízo dos seus semellantes. Sería moi curioso coñecer a historia de todos os obxectos en desorde que había na estancia e como chegaron a ela; tamén me preguntei se os dous rostros inchados serían de individuos da familia do señor Jaggers e se era tan desgraciado como para ter un par de parentes de tan mal aspecto; por que os colgara alí para morada das moscas e dos escaravellos, no canto de levalos á súa casa e instalalos alí. Naturalmente, eu non tiña experiencia ningunha acerca do que supoñía un día de verán en Londres, e talvez o meu ánimo estaba deprimido polo aire cálido e enrarecido e polo po e a area que o cubrían todo. Pero permanecín pensativo e preguntándome moitas cousas no despacho do señor Jaggers, ata que xa me foi imposible soportar por máis tempo as dúas máscaras colgadas encima da butaca e, levantándome, saín.
Cando lle dixen ao empregado que ía saír a dar unha volta ao aire libre para esperar, aconselloume que me dirixise cara á esquina, e así chegaría a Smithfield. Así, pois, fun a Smithfield, e aquel lugar, sucio, cheo de inmundicia, de graxa, de sangue e de espuma, desagradoume enormemente. Por iso me afastei canto antes e me metín nunha ruela, desde a que vin a cúpula de San Paulo sobresaíndo dun edificio de pedra que alguén que estaba ao meu lado dixo que era o cárcere de Newgate. Seguindo o muro da prisión observei que a calzada estaba cuberta de palla, para apagar o ruído dos vehículos, e a xulgar por este detalle e polo gran número de xente que había por alí cheirando a licores e a cervexa deducín que se estaba celebrando un xuízo.
Ao mirar ao meu redor, un ministro da xustiza, moi sucio e bastante bébedo, preguntoume se me gustaría entrar e presenciar un xuízo; informoume, ao mesmo tempo, que podería darme un asento en primeira fila a cambio de media coroa e que desde alí vería perfectamente o presidente do tribunal, coa súa perruca e a súa toga. Mencionou a tan temible personaxe coma se fose unha figura de cera curiosa e ofreceume logo o prezo reducido de dezaoito peniques. Como eu refusara a oferta, coa escusa de que tiña unha cita, tivo a amabilidade de facerme entrar nun patio a fin de que puidese ver onde se gardaba a forca e tamén o lugar en que se azoutaba publicamente aos condenados. Logo ensinoume a porta dos debedores, pola que saían os condenados para ser aforcados, e realzou o interese que ofrecía tan temible porta, dándome a entender que «catro deles sairían por aquela porta pasadomañá, para ser axustizados en fila». Iso era horrible e deume moi mala idea de Londres: moito máis ao observar que o propietario daquela figura de cera que representaba ao presidente do tribunal levaba, desde o seu chapeu ata as súas botas, ata o seu pano, un traxe roído do caruncho, que non lle pertencera sempre, senón que imaxinei que llo comprara barato ao executor da xustiza. En tales circunstancias pareceume barato librarme del grazas a un chelín que lle dei.
Volvín ao despacho para preguntar se volvera o señor Jaggers, e dixéronme que non, razón pola cal volvín saír. Aquela vez fun dar unha volta por Little Britain, e metinme en Bartolomew Close; entón observei que había outras persoas esperando ao señor Jaggers, igual ca min. En Bartolomew Close había dous homes de aspecto reservado e que, moi pensativos, metían os pés nos ocos do pavimento mentres falaban. Un deles díxolle ao outro, cando eu pasaba polo seu lado, que «Jaggers o faría se fose preciso facelo». Nun recuncho había un grupo de tres homes e dúas mulleres, unha das cales choraba sobre o seu sucio chal e a outra consolábaa dicíndolle, mentres lle poñía o seu propio chal sobre os ombreiros: «Jaggers está a favor del; axúdalle, Melia. Que máis queres?» Había un xudeu pequeniño, de ollos avermellados, que entrou en Bartolomew Close mentres eu esperaba, en compañía doutro xudeu, tamén de curta estatura, a quen mandou a facer un recado; cando marchou o mensaxeiro, observei xudeu, home de temperamento moi excitable, que case bailaba de ansiedade baixo o poste dun farol e dicía ao mesmo tempo, coma se estivese tolo: «Oh, Jaggers! Soamente este é o bo! Todos os demais non valen nada!» Estas probas da popularidade do meu titor causáronme enorme impresión e quedei máis admirado que nunca.
Por fin, mentres miraba a través do valo de ferro, desde Bartolomew Close cara a Little Britain, vin que o señor Jaggers atravesaba a rúa en dirección a min. Todos os que esperaban vírono ao mesmo tempo e todos se precipitaron cara a el. O señor Jaggers, poñéndome unha man no ombreiro e facéndome marchar ao seu lado, sen dicirme unha palabra, dirixiuse aos que o seguían. Primeiro faloulles aos dous homes de aspecto reservado.
–Nada teño que dicirlles –exclamou o señor Jaggers, sinalándoos co seu índice–. Non teño necesidade de saber máis do que sei. En canto ao resultado, é incerto. pagáronlle vostedes a Wemmick?
–Mandámoslle o diñeiro esta mesma mañá, señor –dixo humildemente un deles, mentres o outro observaba con atención o rostro do señor Jaggers.
–Non pregunto cando o mandaron vostedes nin onde, e tampouco se o mandaron. Recibiuno Wemmick?
–Si, señor –contestaron os dous á vez.
–Perfectamente; poden marchar. Non quero saber nada máis –engadiu o señor Jaggers movendo a man para indicarlles que se situasen tras el–. Se me din unha soa palabra máis, abandono o asunto.
–Pensabamos, señor Jaggers… –empezou a dicir un deles, descubríndose.
–Isto é precisamente o que lles recomendei non facer –dixo o señor Jaggers–. Pensaron vostedes! Xa penso eu por vostedes, e isto debe bastarlles. Se os necesito, xa sei onde podo atopalos; non quero que veñan ao meu encontro. Non, non quero oír unha palabra máis.
De súpeto, deténdose ante as dúas mulleres dos chales, de quen se separaron humildemente os tres homes, preguntou o señor Jaggers:
–É vostede Amelia?
–Si, señor Jaggers.
–Xa non se acorda vostede de que de non ser por min non podería estar aquí?
–Oh, si, señor! –exclamaron ambas á vez-. Que Deus o bendiga! Sabémolo moi ben.
–Entón –preguntou o señor Jaggers–, para que viñeron?
–O meu Bill, señor! –dixo, suplicante, a muller que estivera chorando.
–Saiban dunha vez –exclamou o señor Jaggers– que o seu Bill está en boas mans. E se veñen molestarme por mor do seu Bill, vou dar un escarmento abandonándoo. Pagáronlle vostedes a Wemmick?
–Oh, si, señor! Ata o último penique.
–Perfectamente. Entón fixeron canto tiñan que facer. Digan nada máis outra palabra, unha soa, e Wemmick devolveralles o diñeiro.
Tan terrible ameaza deixou abraiadas as dúas mulleres. Xa non quedaba ninguén máis que o excitable xudeu, quen varias veces levou aos beizos as faldras da levita do señor Jaggers.
–Non coñezo a este home –dixo o señor Jaggers co maior desdén–. Que quere este suxeito?
–Meu querido señor Jaggers! Son o irmán de Abraham Lazarus.
–Quen é? –preguntou o señor Jaggers–. Sólteme vostede a levita!
O solicitante, bicando o bordo da levita antes de deixala, replicou:
–Abraham Lazarus, sospeitoso no asunto da prata.
–Veu vostede demasiado tarde –dixo o señor Jaggers–. Deixei xa este asunto.
–Polo Deus de Abraham! Señor Jaggers! –exclamou o excitable homiño, palidecendo dun modo extraordinario–. Non me diga vostede que vai contra o pobre Abraham Lazarus.
–Si –contestou o señor Jaggers–. E xa non hai máis nada que falar. Saia inmediatamente!
–Señor Jaggers! Un momento! O meu curmán en persoa vai ir a ver ao señor Wemmick neste instante para ofrecerlle o que queira. Señor Jaggers! Aténdame a cuarta parte da metade dun momento! Si ten vostede a condescendencia de deixarse comprar pola outra parte… a un prezo superior… o diñeiro non importa. Señor Jaggers… señor…!
O meu titor botou a un lado o suplicante coa maior indiferenza e deixouno bailando no pavimento coma se este estivese candente. Sen ser obxecto de ningunha outra interrupción chegamos ao despacho da parte dianteira, onde achamos o empregado e o home vestido de veludo e co gorro de pel.
–Aquí está Mike –dixo o empregado abandonando o seu taburete e achegándose confidencialmente ao señor Jaggers.
–Oh! –dixo este volvéndose ao home, que levaba unha mecha de cabelo ao centro da cabeza–. O seu home chegará esta tarde. Que máis?
–Pois ben, señor Jaggers –replicou Mike con voz propia dun catarroso crónico–, tras moito traballo atopei a un que me parece que servirá.
–Que está disposto a xurar?
–Pois ben, señor Jaggers –dixo Mike limpando o nariz coa gorra–, en xeral, calquera cousa.
De súpeto, o señor Jaggers encolerizouse.
–Xa o avisara –dixo sinalando co índice ao seu aterrado cliente– que se se propoñía falar aquí deste xeito, faría en vostede un escarmento exemplar. Maldito lercho! Como se atreve a falarme así?
O cliente pareceu asustado, pero tamén estrañado, coma se non comprendese que fixera.
–Animal! –dixo o dependente en voz baixa, dándolle un golpe co cóbado–. Estúpido! Non podías calar iso?
–Agora pregúntolle, estúpido –dixo severamente o meu titor–, e isto por última vez: que está disposto a xurar o home a quen trouxo aquí?
Mike mirou ao meu titor coma se pola contemplación do seu rostro puidese pescudar o que debía contestar, e lentamente replicou:
–O que sexa necesario ou que estivo na súa compañía sen deixalo un instante a noite en cuestión.
–Agora teña coidado. Que posición é a deste home?
Mike mirou para o gorro; logo dirixiu os ollos ao chan, ao teito, ao empregado e tamén a min, antes de contestar nerviosamente:
–Pois vestímolo como…
Pero naquel momento o meu titor estalou:
–Como!
–Animal! –repetiu o empregado, dándolle outro golpe co cóbado.
Logo de mirar uns instantes ao seu redor, en busca de inspiración, animouse o rostro de Mike, que empezou a dicir:
–Está vestido como un respectable pasteleiro.
–Está aquí? –preguntou o meu titor.
–Deixeino –contestou Mike– sentado nos chanzos dunha escaleira ao volver a esquina.
–Fágao pasar por diante desta fiestra para que eu o vexa.
A fiestra indicada era a da oficina. Os tres achegámonos a ela, mirando a través do enreixado de arame, e pronto vimos o cliente paseando en compañía dun tipo alto, con cara de asasino, vestido de branco e cun gorro de papel. O inocente confeiteiro non estaba sereo, e un dos seus ollos, non xa amoratado, se non verdoso, en vías de curación, fora pintado para disimular a contusión.
–Dígalle que leve canto antes esa testemuña –díxolle, moi desgustado, o meu titor ao empregado que tiña ao lado–, e pregúntelle por que se atreveu a traer a semellante tipo.
Entón o meu titor levoume ao seu propio despacho, e mentres xantaba de pé, comendo uns bocadillos que había nunha caixa e bebendo algúns grolos de xerez dun frasco de peto (e parecía estar moi irritado co bocadillo mentres o comía), informoume das disposicións que tomara con respecto a min. Debía dirixirme á Pousada de Barnard, ao cuarto do señor Pocket, fillo, onde permanecería ata o luns; este día tería que ir con aquel mozo á casa do seu pai, a fin de facer unha visita e para ver se me gustaba. Tamén me comunicou que a miña pensión sería… –en realidade, era moi xenerosa–. Logo sacou dun caixón, para entregarmas, algunhas tarxetas de certos industriais con quen debería tratar o referente aos meus traxes e outras cousas que puidese necesitar razoablemente.
–Observará vostede que ten crédito, señor Pip –dixo o meu titor, cuxo frasco de xerez cheiraba coma se fose unha pipa chea, cando, coa maior présa, bebeu uns grolos–, pero deste xeito poderei comprobar os seus gastos e advertilo no caso de que se exceda. Desde logo, cometerá vostede algunha falta, pero niso non teño culpa ningunha.
Despois de que reflexionei uns instantes acerca destas palabras pouco alentadoras, pregunteille ao señor Jaggers se podería mandar chamar un coche. Contestoume que non pagaba a pena, pois a pousada estaba moi preto, e que, se non tiña inconveniente, Wemmick me acompañaría. Entón descubrín que Wemmick era o empregado que estaba na estancia veciña. Outro baixou desde o piso superior para ocupar o seu sitio mentres estivese ausente, e eu saín con Wemmick á rúa tras estreitar a man do meu titor. Atopamos moitas persoas que agardaban ante a casa, pero Wemmick abriuse paso entre elas advertíndolles fría e resoltamente:
–Dígolles que é inútil; non quererá falar nin unha soa palabra con ningún de vostedes.
Así nos libramos deles e botamos a andar un ao lado doutro.