28 de fev de 2012

Capítulo 41

En van trataría de describir o asombro e a alarma de Herbert cando, unha vez sentados os tres ante o lume, lle referín toda a historia. Baste dicir que vin os meus propios sentimentos reflectidos no rostro de Herbert e, entre eles, dun modo principal, a miña repugnancia cara ao home que tanto fixera por min.
Bastaría para establecer unha división entre aquel home e nós, se xa non existisen outras causas que nos afastaban dabondo, o triunfo que expresou ao tratarse da miña historia. E fóra da súa molesta convicción de que se entenrecera nunha ocasión, desde a súa chegada, acerca do cal empezou a falar a Herbert en canto terminei a miña revelación, non tivo a menor sospeita da posibilidade de que eu non estivese satisfeito coa miña boa fortuna. O seu envaecemento de que fixera de min un cabaleiro e de que viñera verme representar tal papel, utilizando os seus amplos recursos, foi expresado non tan só con respecto a min, senón tamén para min mesmo. E non hai dúbida de que chegou á conclusión de que tal envaecemento era igualmente agradable para el e para min e de que ambos debiamos estar orgullosos diso.
–Aínda que, fíxese, amigo de Pip –díxolle a Herbert logo de falar por algún tempo–: sei moi ben que, á miña chegada, por espazo de medio minuto me entenrecín. Díxenllo así mesmo a Pip. Pero non se inquiete vostede por iso. Non en balde fixen de Pip un cabaleiro, como el fará un cabaleiro de vostede, para que eu non saiba o que lles debo a vostedes dous. Querido Pip e amigo de Pip, poden vostedes estar seguros de que en diante calarei acerca do particular. Calei tras aquel minuto en que, sen querer, me entenrecín; calado estou agora, e calado seguirei en diante.
–Certamente –dixo Herbert, aínda que no seu acento non se advertía que tales palabras o consolaran o máis mínimo, pois quedou perplexo e deprimido. Ambos desexabamos con toda a alma que o noso hóspede marchase á súa vivenda e nos deixase sós; pero el, sen ningunha dúbida, tiña celos de deixarnos xuntos e quedou ata moi tarde. Eran as doce da noite cando o levei á rúa de Essex e o deixei en seguridade ante a escura porta do seu cuarto. Cando se pechou tras el, experimentei o primeiro momento de alivio que coñecera desde a primeira noite da súa chegada.
Como non estaba por completo tranquilo, pois recordaba con certo temor ao home a quen sorprendín na escaleira, observei ao redor de nós cando saín xa de noite, co meu hóspede, e tamén ao regresar á miña casa ía vixiando ao meu redor. É moi difícil, nunha gran cidade, o evitar o receo de que todos nos observan cando a mente coñece o perigo de que ocorra tal cousa, e por iso non podía persuadirme de que as persoas que pasaban polo meu lado non tiñan o menor interese nos meus movementos. Os poucos que pasaban seguían os seus respectivos camiños, e a rúa estaba deserta cando regresei ao Temple. Ninguén saíra connosco pola porta e ninguén entrou por ela comigo. Ao cruzar xunto á fonte vin as fiestras iluminadas e tranquilas dos cuartos de Provis, e cando quedei uns momentos ante a porta da casa en que vivía, antes de subir a escaleira, Garden Court estaba tan apracible e deserto como a mesma escaleira ao subir por ela.
Herbert recibiume cos brazos abertos, e nunca como entón me pareceu cousa tan confortadora ter un verdadeiro amigo. Logo de dirixirme algunhas palabras de simpatía e de alento, sentamos para discutir o asunto. Que debía facerse?
A cadeira que ocupara Provis seguía no mesmo lugar, porque tiña un modo especial, propio do seu costume de habitar nunha barraca, de permanecer inquedo nun sitio e dedicándose sucesivamente a manipular coa súa pipa e o seu tabaco malo, o seu coitelo e a súa baralla e outros chismes semellantes. Digo, pois, que a súa cadeira seguía no mesmo sitio que el ocupara. Herbert, sen darse conta, colleuna, pero, ao notalo, empuxouna a un lado e colleu outra. Tras isto non tivo necesidade de dicir que cobrara aversión cara ao meu protector, nin eu tampouco a tiven de confesar a que sentía, de maneira que nos fixemos esta mutua confidencia sen necesidade de cambiar unha soa palabra.
–Que che parece que se pode facer? –pregunteille a Herbert despois que sentou.
–Meu pobre amigo Haendel –replicou, apoiando a cabeza nas mans–, estou demasiado anonadado para poder pensar.
–O mesmo me ocorreu a min, Herbert, nos primeiros momentos da súa chegada. No entanto, hai que facer algo. Ese home proponse realizar varios gastos importantes..., comprar cabalos, coches e toda sorte de cousas ostentosas. É preciso buscar o xeito de impedirllo.
–Queres dicirme con iso que non podes aceptar...?
–Como podería? –interrompino aproveitando a pausa de Herbert–. Pensa nel! Fíxate nel!
Un tremor involuntario pasou por nós.
–Ademais, temo, Herbert, que ese home sente un forte e intenso afecto cara a min. Viuse algunha vez cosa igual?
–Pobre Haendel! –repetiu Herbert.
–Por outra banda –proseguín–, aínda que me negue a recibir nada máis del, pensa no que xa lle debo. Independentemente de todo iso, recorda que contraín moitas débedas, demasiadas para min; que xa non podo ter esperanzas de ningunha clase. Ademais, fun educado sen propósito de tomar ningunha profesión, e por esta razón non sirvo para nada.
–Ben, ben –exclamou Herbert–. Non digas que non serves para nada.
–Para que? Tan só hai unha cousa para a que talvez podería ser útil, e é alistarme como soldado. Xa o faría, meu querido Herbert, de non desexar tomar antes o consello que podo esperar da túa amizade e do teu afecto.
Ao pronunciar estas palabras, a emoción impediume continuar, pero Herbert, fóra de que me tomou con forza a man, finxiu non advertilo.
–De calquera modo que sexa, meu querido Haendel –dixo logo–, a profesión de soldado non che convén. Se foses renunciar á súa protección e aos seus favores, supoño que o farías coa débil esperanza de poder pagarlle un día o que xa recibiches. E se foses soldado, tal probabilidade non podería ser moi segura. Ademais, é absurdo. Estarías moito mellor na casa de Clarriker, malia ser pequena. Xa sabes que teño esperanzas de chegar a ser socio da casa.
Pobre rapaz! Pouco sospeitaba grazas a que diñeiro.
–Pero hai que ter en conta outra cousa –continuou Herbert–. Ese home é ignorante, aínda que ten un propósito decidido, fillo dunha idea fixa durante moito tempo. Ademais, paréceme (e talvez me equivoque con respecto a el) que é home de carácter feroz nas súas decisións.
–Así é. Cónstame –contesteille–. Vou darche agora probas diso.
E díxenlle o que non mencionara sequera na miña narración, é dicir, o seu encontro co outro presidiario.
–Pois fíxate niso –observou Herbert–. El vén aquí con perigo da súa vida, para realizar a súa idea fixa. Se cando xa se dispón a executala, tras os seus traballos, as súas penalidades e a súa longa espera, llo impides dun modo ou outro, destrúes as súas ilusións e fas que toda a súa fortuna non teña xa para el ningún valor. Non te dás de conta do que podería facer, no seu desencanto?
–Vino, Herbert, e soñei con iso desde a noite fatal da súa chegada. Nada se me representou con maior claridade que o feito de poñelo en perigo de ser preso.
–Entón, non teñas dubida ningunha –contestoume Herbert– de que habería gran perigo de que se deixase coller. Esta é a razón de que ese home teña poder sobre ti mentres permaneza en Inglaterra, e non hai dúbida de que apelaría a ese último extremo no caso de que ti o abandonases.
Arrepiábame tanto aquela idea, que desde o primeiro momento me atormentou, e as miñas reflexións chegaron a producirme a impresión de que eu podería converterme, en certo xeito, no seu asasino. Por iso non puiden permanecer sentado e, levantándome, empecei a pasear pola estancia. Mentres tanto, dixen a Herbert que, aínda no caso de que Provis fose recoñecido e preso, malia si mesmo, eu non podería menos de considerarme, aínda que inocente, como o autor da súa morte. E así era, en efecto, pois aínda cando me consideraba desgraciado téndoo preto de min e malia preferir pasar toda a miña vida traballando na fragua con Joe, aínda así, non era iso o peor, senón o que podía ocorrer. Era inútil pretender despreocuparnos do asunto, e por iso seguiamos preguntándonos que debía facerse.
–O primeiro e principal –dixo Herbert– é sacalo de Inglaterra. Terás que marchar con el, e así non se resistirá.
–Pero aínda que o leve a outro país, poderei impedir que regrese?
–Meu querido Haendel, é inútil dicirche que Newgate está na rúa próxima e que, por conseguinte, resulta aquí máis perigoso que noutra parte calquera darlle a entender as túas intencións e causarlle un desgusto que o leve á desesperación. Talvez se podería atopar unha escusa falándolle do outro presidiario, ou dun feito calquera da súa vida, a fin de inducilo a marchar. Pero o bo do caso –exclamei deténdome ante Herbert e tendéndolle as mans abertas, como para expresar mellor o desesperado do asunto– é que non sei nada absolutamente da súa vida. A piques estiven de volverme tolo unha noite en que permanecín sentado aquí ante el, véndoo tan ligado a min nas súas desgrazas e na súa boa fortuna e, con todo, tan descoñecido para min, fóra do seu aspecto e situación míseros dos días da miña nenez en que me aterrorizou.
Herbert levantouse, pasou o seu brazo polo meu e os dous botamos a andar dun lado a outro da estancia, fixándonos nos debuxos da alfombra.
–Haendel –dixo Herbert, deténdose–, estás convencido de que non podes aceptar máis beneficios del?
–Por completo. Seguramente ti farías o mesmo, de atopate no meu lugar.
–E estás convencido de que debes separarte por completo del?
–Iso me preguntas?
–Por outra banda, comprendo que teñas, como tes, esta consideración pola vida que el arriscou pola túa causa e que esteas decidido a salvalo, se é posible. En tal caso, non tes máis remedio que sacalo de Inglaterra antes de poñer en obra os teus desexos persoais. Unha vez logrado iso, líbrate del, en nome de Deus; os dous xuntos xa atoparemos os medios, querido amigo.
Foi para min un consolo estreitar as mans de Herbert despois que dixo estas palabras, e, feito isto, renovamos o noso paseo pola estancia.
–Agora, Herbert –dixen–, convén que nos informemos da súa historia. Non hai máis que un medio de logralo, e é o de preguntarlla directamente.
–Si, pregúntalle acerca diso –dixo Herbert– cando sentemos a tomar o almorzo.
Efectivamente, o día anterior, ao despedirse de Herbert, anunciara que viría tomar o almorzo connosco.
Decididos a poñer en obra este proxecto, fomos deitarnos. Eu tiven os soños máis horrorosos acerca del, e levanteime sen descansar; esperteime para recobrar o medo, que perdera ao durmirme, de que o descubrisen e se soubese que era un deportado para sempre que regresara a Inglaterra. Unha vez esperto, non perdía este medo nin un instante.
Chegou á hora oportuna, sacou o coitelo da faldriqueira e sentou para comer. Tiña moitos plans con respecto ao seu cabaleiro, e recomendoume que, sen contar, empezase a gastar da carteira que deixara no meu poder. Consideraba os nosos cuartos e o seu propio aloxamento como residencia temporal, e aconselloume que buscase algún lugar elegante e apropiado preto de Hyde Park, onde puidese ter unha cama improvisada sempre que fixese falta. Cando terminou o seu almorzo e mentres limpaba o coitelo na perna, sen poñelo en garda cunha soa palabra, díxenlle repentinamente:
–Cando vostede marchou onte á noite, referinlle ao meu amigo a loita que vostede empeñou nunha gabia cando chegaron os soldados seguidos polos demais. Acórdase?
–Que se me acordo? –replicou–. Vaia se me acordo!
–Quereriamos saber algo acerca daquel home... e acerca de vostede mesmo. É raro que eu non saiba del nin de vostede máis do que puiden referir onte á noite. Non lle parece boa ocasión para contarnos algo?
–Ben –dixo logo de reflexionar–. Acórdase vostede do seu xuramento, compañeiro de Pip?
–Claro –replicou Herbert.
–Ese xuramento refírese a canto eu diga, sen excepción ningunha.
–Así o entendo tamén.
–Pois ben, fíxense vostedes. Calquera cousa que eu faga, xa está paga –insistiu.
–Perfectamente.
Sacou a súa negra pipa e dispoñíase a enchela do seu mal tabaco, pero ao mirar o que tiña na man logo de sacalo do seu peto, talvez lle pareceu que podería facerlle perder o fío do seu discurso. Gardouno outra vez, meteu a pipa nun ollal da chaqueta, apoiou as mans nos xeonllos e, tras dirixir ao lume unha mirada preñada de cólera, quedou silencioso uns momentos, mirou ao redor e dixo o que segue.

25 de fev de 2012

Capítulo 40

Afortunadamente, tiven que tomar precaucións para lograr na medida do posible a seguridade do meu temible hóspede; porque como esta idea me impulsaba a obrar en canto espertei, deixou os demais pensamentos a certa distancia e rodeados dalgunha confusión.
Era evidente a imposibilidade de mantelo oculto nos meus cuartos. Non se podía facer, e tan só a tentativa levantaría as sospeitas dun modo inevitable. É verdade que xa non tiña ao meu servizo o Vingador, pero coidábame unha vella moi vehemente, axudada por un saco de farrapos ao que chamaba «a súa sobriña», e manter un cuarto secreto para elas sería o mellor modo de excitar a súa curiosidade e as súas rexoubas. Ambas tiñan os ollos moi débiles, cousa que eu atribuía ao seu costume crónica de mirar polos buracos das cerraduras, e sempre estaban á beira dun cando non as necesitaba para nada; en realidade, esta era a única calidade digna de confianza que tiñan, sen contar, naturalmente, que eran incapaces de cometer o máis pequeno furto. E para que aquelas dúas persoas non sospeitasen ningún misterio, resolvín anunciar pola mañá que o meu tío chegara inesperadamente do campo.
Decidín esta liña de conduta mentres, na escuridade, me esforzaba en acender unha luz. E como non atopei os medios de conseguir o meu propósito, non tiven máis remedio que saír en busca do sereno para que me axudase coa súa lanterna. Cando me dispoñía a baixar pola escura escaleira, tropecei con algo que resultou ser un home aniñado nun recuncho.
Como non contestou cando lle preguntei que facía alí, senón que, silenciosamente, evitou o meu contacto, botei a correr cara á cuarto do porteiro para rogarlle ao sereno que acudise deseguido, e cando subiamos a escaleira deille conta do incidente. O vento era tan feroz como sempre, e non nos atrevemos a poñer en perigo a luz de farol tratando de acender outra vez as luces da escaleira, senón que fixemos unha exploración por esta de arriba abaixo, aínda que non puidemos atopar a ninguén. Entón ocorréuseme a posibilidade de que aquel home se metese nos meus cuartos. Así, acendendo unha candea no farol do sereno e deixando a este ante a porta, examinei co maior coidado os cuartos, incluso aquel en que durmía o meu temido hóspede, pero todo estaba tranquilo e non había ninguén máis naquelas estancias.
Causoume viva ansiedade a idea de que precisamente naquela noite houbese un espía na escaleira, e, con obxecto de ver se podía atopar unha explicación plausible, interroguei ao sereno mentres lle daba un vaso de augardente, a fin de pescudar se lle abrira a porta a calquera cabaleiro que cease fóra. Contestoume que si e que durante a cea abriu a porta a tres. Un deles vivía en Fountain Court, e os outros dous, na Calella. Engadiu que os viu entrar a todos nas súas respectivas vivendas. Ademais, o outro hóspede que quedaba, e que vivía na casa da que os meus cuartos formaban parte, pasara algunhas semanas no campo e con toda seguridade non regresou aquela noite, porque ao subir a escaleira puidemos ver a súa porta pechada con candado.
–Foi a noite tan mala, cabaleiro –dixo o sereno ao devolverme o vaso baleiro– que moi poucos se presentaron para que lles abrise a porta. Fóra dos tres cabaleiros que citei, non vin a ninguén máis desde as once da noite. Entón, un descoñecido preguntou por vostede.
–Xa sei –contestei–. Era o meu tío.
–Viuno vostede, cabaleiro?
–Si.
–E tamén á persoa que o acompañaba?
–A persoa que o acompañaba? –repetín.
–Pareceume que ía con el –replicou o sereno–. Esa persoa detívose cando o primeiro o fixo para preguntarme, e logo seguiu o seu mesmo camiño.
–E como era esa persoa?
O sereno non se fixara moito. Pareceulle que era un obreiro e, segundo cría recordar, vestía un traxe de cor parda e unha capa escura. O sereno descubriu algo máis que eu acerca do particular, o cal era moi natural, pero, por outra banda, eu tiña as miñas razóns para concederlle importancia ao asunto. En canto me librei del, cousa que crin conveniente facer sen prolongar as miñas explicacións, sentinme turbado por aquelas dúas circunstancias que se presentaban unidas á miña consideración. Así como separadas ofrecían unha solución inocente, pois podíase crer, por exemplo, que se trataba de alguén que volvese para cear e que se extraviara logo na escaleira, quedando durmido, ou que o meu visitante trouxese a alguén consigo para ensinarlle o camiño, as dúas circunstancias xuntas tiñan un aspecto moi feo e capaz de asustar a quen, coma min, as últimas horas o inclinaban a sentir desconfianza e medo.
Volvín acender o lume, que ardeu con pálida chama naquela hora da mañá, e quedei adormentado ante el. Parecíame que pasara así a noite enteira cando as campás deron as seis. Como aínda quedaba unha hora e media ata que aparecese a luz do día, volvín durmirme. Ás veces espertaba inquedo, sentindo nos meus oídos prolixas conversas acerca de nada; outras, sobresaltábanme os ruxidos do vento na cheminea, ata que por fin caín nun profundo soño, do que me espertou, sobresaltado, o amencer.
Ata entón nunca puidera facerme cargo da miña propia situación, mais, malia o ocorrido, tampouco me era posible facelo agora. Non tiña forzas para reflexionar. Sentíame anonadado e desgraciado, pero dun modo incoherente. En canto a formar algún plan para o futuro, non me foi máis fácil que formar un elefante. Cando abrín as contras e mirei cara ao exterior, á mañá tempestuosa e húmida, todo de cor plúmbea, e cando percorrín todos os cuartos e sentei trémulo ante o lume, esperei a aparición da miña lavandeira. Pensei no desgraciado que era, mais apenas sabía por que ou por canto tempo, e ignoraba tamén o día da semana en que me achaba e ata quen era o autor da miña desgraza.
Por fin entraron a vella e a súa sobriña, a última cunha cabeza que apenas se podía distinguir da súa empoada vasoira, e mostraron certa sorpresa ao verme ante o lume. Díxenlles que o meu tío chegara pola noite e que naquel momento estaba durmido; ademais, deilles as instrucións necesarias para que, de acordo con iso, preparasen o almorzo. Logo laveime e vestinme mentres elas quitaban o po ao redor de min, e así, nunha especie de soño ou coma se andase durmido, volvín verme sentado ante o lume e esperando que el viñese tomar o almorzo. Lentamente abriuse a súa porta e saíu. Non podía resolverme a miralo, pero fíxeno, e entón pareceume que tiña moito peor aspecto á luz do día.
–Aínda non sei –díxenlle mentres el sentaba á mesa– que nome debo darlle. Dixen que era vostede o meu tío.
–Perfectamente, querido Pip; chámame tío.
–Sen dúbida, a bordo, debeu de facerse chamar vostede por algún nome suposto.
–Si, querido Pip. Tomei o nome de Provis.
–Quere vostede conservar ese nome?
–Si, querido Pip. É tan bo como calquera, a non ser que ti prefiras outro máis do teu gusto.
–Cal é o seu apelido verdadeiro? –pregunteille en voz moi baixa.
–Magwitch –contestou no mesmo ton–. E o meu nome de pía é Abel.
–E que oficio lle ensinaron?
–O de golfo, querido Pip.
Falaba en serio e usou a palabra coma se, verdadeiramente, indicase algunha profesión.
–Cando chegou vostede ao Temple, onte á noite... –dixen eu, preguntándome se en realidade iso ocorrera a noite anterior, pois parecíame que pasara moito tempo.
–Si, querido Pip.
–... cando chegou vostede á porta e preguntou ao sereno o camiño da miña casa, viu se o acompañaba alguén?
–Non, querido Pip. Estaba só.
–Pois parece que había alguén máis.
–En tal caso, non me fixei –dixo, dubidando–. Ten en conta que non coñecía o lugar. Pero, agora que recordo, paréceme que comigo entrou outra persoa.
–É vostede coñecido en Londres?
–Espero que non –contestou movendo o pescozo dun modo que me desagradou.
–E era vostede coñecido en Londres noutros tempos?
–Non, querido Pip. Case sempre vivín en provincias.
–Foi vostede... xulgado... en Londres?
–En que ocasión? –preguntou, dirixíndome unha rápida mirada.
–A última vez. –Moveu afirmativamente a cabeza e engadiu–: Entón foi cando coñecín a Jaggers. El defendíame.
Estiven a piques de preguntarlle por que causa o xulgaran, pero el sacou un coitelo, fixo con el unha especie de rúbrica no aire e díxome:
–Todo o que fixen foi xa pago.
E, ditas estas palabras, empezou a comer. Facíao cun fame extraordinaria que me resultaba moi fastiosa. E todos os seus actos eran groseiros, ruidosos e voraces. Desde que o vira comer nas brañas, perdera algúns dentes e moas e, ao levar o alimento á boca, ladeaba a cabeza, para poñelo entre as moas máis fortes, o cal lle daba aspecto de can vello e famento. Si eu tivese algún apetito ao empezar, desapareceríame no acto, pois sentía por aquel home extraordinaria repulsión, aversión invencible, e, así, quedei mirando tristemente o mantel.
–Son gran comedor, querido Pip –dixo como desculpa cortés ao terminar o almorzo–. Pero sempre fun así. Se a miña constitución non me fixese tan voraz, talvez as miñas penalidades fosen menores. Ademais, necesito fumar. Cando traballei por primeira vez como pastor, no outro lado do mundo, estou seguro de que me volvería tolo de tristeza se non puidese fumar.
Falando así levantouse e, levando a man ao peito, sacou unha pipa negra e curta e un puñado de tabaco negro de inferior calidade. Tras encher a pipa volveu gardar o tabaco sobrante, coma se o seu peto fose un caixón. Tomou coas tenaces unha brasa do lume e con ela acendeu a pipa. Feito isto, volveuse de costas ao lume e repetiu o seu ademán favorito de tenderme as dúas mans para estreitar as miñas.
–Este –dixo levantando e baixando as miñas mans mentres chupaba a pipa–, este é o cabaleiro que eu fixen. Un verdadeiro cabaleiro. Non sabes o feliz que son ao mirarte, Pip. Todo o que desexo é permanecer ao teu lado e mirarte de cando en vez, querido Pip.
Librei as miñas mans o antes que puiden, e comprendín que xa empezaba a darme conta da miña verdadeira situación. Mentres oía a súa rouca voz e miraba a súa calva cabeza, en cuxos lados crecía o cabelo de cor gris, díxenme que estaba encadeado e con pesadas cadeas.
–Non podería ver o meu cabaleiro andar pola rúa entre o lodo. Nas súas botas non debe haber a menor mancha de barro. O meu cabaleiro debe ter cabalos, Pip. Cabalos de tiro e de sela, non só para ti, senón tamén para o teu criado. Seica os colonos terán os seus cabalos (e ata de boa raza) e non os terá o meu cabaleiro de Londres? Non, non. Demostrarémoslles que podemos facer o mesmo que eles, non é verdade, Pip?
Sacou entón do peto unha avultada carteira, da que sobordaban os papeis, e tirouna sobre a mesa.
–Aquí hai algo que gastar, querido Pip. Todo iso é teu. Todo o que eu gañei non me pertence, senón que é teu. Non teñas o menor reparo en gastalo. Hai moito máis no lugar de onde saíu iso. Eu vin ao meu país para ver o meu cabaleiro gastar o diñeiro como tal. Isto é o que me dará o maior pracer da miña vida. O que máis me gustará será ver como o gastas. E machuca a todo o mundo –dixo levantándose, mirando ao redor da estancia e facendo chasquear os dedos–. Machúcaos a todos, desde o xuíz que se adorna coa súa perruca ata o colono que cos seus cabalos levanta o po das estradas. Quero demostrarlles que o meu cabaleiro vale máis que todos eles.
–Espere –dixen, asustado e repugnado–, desexo falar con vostede. Quero convir con vostede o que debe facerse. Ante todo, desexo saber como podemos afastar de vostede todo perigo, canto tempo vai estar comigo e que proxectos ten.
–Mira, Pip –dixo pousando a súa man no meu brazo, con ton alterado e en voz baixa–, ante todo, escóitame. Hai un momento esquecinme de min mesmo. Todo o que che dixen era algo ridículo, iso é, ridículo. Agora, Pip, non te acordes do que che dixen. Non volverei falarche dese xeito.
–Ante todo –continuei, moi alarmado–, que precaucións poden tomarse para evitar que o recoñezan e o prendan?
–Non, querido Pip –dixo no mesmo ton–, o primeiro non é iso. O primeiro é o primeiro. Non pasei tantos anos facendo de ti un cabaleiro para que non saiba agora o que se lle debe. Mira, Pip, entenrecinme, iso é. Esquéceo, raparigo.
Unha sensación de triste comicidade fíxome prorromper nunha forzada gargallada ao contestar:
–Xa o esquecín. Por Deus, fágame o favor de non insistir acerca diso.
–Si, pero mira –repetiu–. Non vin para entenrecerte. Agora, continúa, querido raparigo. Dicías...
–Como o protexerei a vostede do perigo a que se expón?
–Mira, querido Pip, o perigo non é tan grande como imaxinas. Segundo me dixeron, non é tan grave como parece. Coñecen o meu segredo Jaggers, Wemmick e ti. Quen máis estará informado?
–Non hai posibilidade de que o recoñezan pola rúa? –preguntei.
–En realidade, poucas persoas me recoñecerían –replicou–. Ademais, como xa podes comprender, non teño a intención de anunciar nos xornais que A. M. volveu de Botany Bay. Pasaron moitos anos, e a quen lle pode interesar a miña captura? E fíxate, Pip. Aínda que o perigo fose cincuenta veces maior, eu faría esta viaxe para verte, do mesmo xeito que agora.
–E canto tempo pensa vostede estar aquí?
–Canto tempo? –preguntou quitando da boca a negra pipa e mirándome–. Non penso volver. Vin para quedar.
–Onde vai vivir? –preguntei–. Que faremos con vostede? Onde estará seguro?
–Querido Pip –replicou–, pódense comprar patillas postizas, podo empoar o cabelo e poñer anteollos, así como un traxe negro de calzón curto e cousas polo estilo. Outros atoparon a seguridade deste xeito, e o que fixeron os demais podo facelo eu. E en canto a onde irei vivir e como, rógoche que me deas a túa opinión.
–Vexo que agora o toma vostede con moita tranquilidade –díxenlle–, pero onte á noite parecía estar algo asustado ao dicirme que a súa aventura o poñía en perigo de morte.
–E sigo dicindo o mesmo, con toda seguridade –replicou poñendo de novo a pipa na boca–. Equivale á morte cunha corda ao pescozo, en plena rúa e non lonxe de aquí. Has de comprender moi ben iso, porque é unha cousa moi seria e convén que te deas de conta. Pero que remedio, se a cousa xa está feita? Aquí me tes. E intentar agora o regreso sería tan perigoso como quedar, e aínda talvez peor. Ademais, Pip, estou aquí porque tiña empeño en vivir ao teu lado, e desexeino anos e anos. E en canto á mi´ña ousadía, ten en conta que xa son galo vello e que na miña vida fixen moitas cousas atrevidas desde que me saíron as plumas; de maneira que non me dá ningún reparo pousarme sobre un espantallo. Se me agarda a morte, non hai xeito de evitalo. Que veña se quere e darémoslle a cara, pero non hai que pensar nela antes de que se presente. E agora déixame que contemple outra vez o meu cabaleiro.
Unha vez máis colleume ambas as mans e examinoume coa expresión do que contempla un obxecto que posúe, fumando, mentres tanto, coa maior compracencia. Pareceume o mellor buscarlle un aloxamento tranquilo e non moi apartado, do que puidese tomar posesión ao regreso de Herbert, a quen esperaba ao cabo de dous ou tres días. Inevitablemente, debía confiarse o segredo ao meu amigo, aínda que non fose máis que polo alivio que había de causarme o feito de compartilo con el. Pero iso non foi tan do gusto do señor Provis (resolvín chamarlle por este nome), que reservou a súa decisión de confiar a súa identidade a Herbert ata despois de velo e formarse favorable opinión del segundo a súa fisonomía.
–E aínda entón, querido Pip –dixo sacando un pequeno, graxento e negro Testamento do seu peto–, aínda entón, será preciso que me preste xuramento.
Asegurar que o meu terrible protector levase consigo aquel libriño negro polo mundo tan só con obxecto de facer xurar sobre el á xente nos casos de apuro, sería afirmar unha cousa que nunca cheguei a pescudar, aínda que si me consta que xamais vin que o usase doutro xeito. O libro parecía ser roubado a un tribunal de xustiza, e talvez o coñecemento que tiña dos seus antecedentes, combinado coas súas experiencias neste sentido, lle daban certa confianza nas súas calidades, coma se tivese unha especie de sortilexio legal. No modo como o sacou do peto a primeira vez, recordei como me fixo xurar fidelidade no cemiterio, moitos anos atrás, e que, segundo me manifestara a noite anterior, adoitaba xurar a soas as súas resolucións.
Como entón levaba un traxe propio para a navegación, aínda que moi mal feito e sucio, co cal parecía que se dedicase á venda de papagaios ou de tabaco antillano, empezamos por tratar do traxe que lle conviría levar. El tiña unha fe extraordinaria nas virtudes dos traxes de calzón curto como disfrace, e propoñíase vestirse dun modo que lle dese aspecto de deán ou de dentista. Con grandes dificultades puiden convencelo de que lle conviña levar un traxe propio dun granxeiro en boa posición; e conviñemos en que cortase o cabelo curto e o empoase lixeiramente. Por último, e tendo en conta que aínda non o viran a lavandeira nin a súa sobriña, debería permanecer invisible ata que se levase a cabo o seu cambio de traxe.
Parece que o tomar estas precaucións había de ser cousa sinxela; pero, no meu estado de ánimo e dado o apurado que eu estaba, empregamos ambos tanto tempo, que a discusión durou ata as dúas ou as tres da tarde. El debía permanecer encerrado no seu cuarto durante a miña ausencia, e por ningunha causa nin razón abriría a porta.
Sabía que na rúa de Essex había unha casa de hóspedes respectable, cuxa parte posterior daba ao Temple, e que se achaba ao alcance da voz desde as miñas propias fiestras. Por iso me dirixín deseguido a esta casa, e tiven a boa fortuna de poder coller o segundo piso para o meu tío, o señor Provis. Logo percorrín algunhas tendas, para facer as compras necesarias a fin de cambiar o seu aspecto. Unha vez feito todo iso, dirixinme pola miña conta a Little Britain. O señor Jaggers estaba sentado ante a súa mesa, pero, ao verme entrar, púxose en pé inmediatamente e situouse xunto ao lume.
–Agora, Pip –dixo–, sexa vostede prudente.
–Sereino, señor –contesteille. Porque mentres me dirixía ao seu despacho reflexionei moi ben acerca do que lle diría.
–Non se fíe vostede de si mesmo, e moito menos doutra persoa. Xa me entende vostede..., de ningunha outra persoa. Non me diga nada; non necesito saber nada; non son curioso.
Naturalmente, comprendín que estaba informado da chegada daquel home.
–Tan só desexo, señor Jaggers –dixen– asegurarme de que é verdade o que me dixeron. Non teño a esperanza de que sexa mentira, pero, polo menos, podo comprobalo.
O señor Jaggers fixo un movemento de afirmación coa cabeza.
–Dixéronlle ou informárono? –preguntoume coa cabeza ladeada e sen mirarme, pero fixando os ollos no chan coa maior atención.
–Se llo dixeron, iso significa unha comunicación verbal. E xa comprende que iso non é posible que ocorra cun home que está en Nova Gales do Sur.
–Direi que me informaron, señor Jaggers.
–Ben.
–Pois fun informado por unha persoa chamada Abel Magwitch de que el é o benefactor que durante tanto tempo foi descoñecido para min.
–Ese é o home de Nova Gales do Sur.
–El soamente? –preguntei.
–El soamente –contestou o señor Jaggers.
–Non son tan pouco razoable, cabaleiro –díxenlle–, para facelo a vostede responsable de todas as miñas equivocacións e conclusións erróneas; pero sempre imaxinei que sería a señorita Havisham.
–Como di vostede moi ben, Pip –replicou o señor Jaggers volvendo friamente a súa mirada cara a min e mordendo o dedo índice–, eu non son responsable diso.
–E, con todo, parecía tan verosímil, cabaleiro! –exclamei con desalento.
–Non había a máis pequena proba, Pip –contestou o señor Jaggers meneando a cabeza e recollendo os faldones da levita–. Afágase a non considerar nada polo seu aspecto, senón polas probas. Non hai regra mellor que esta.
–Nada máis teño que dicir –repliquei, dando un suspiro e tras quedar un momento silencioso–. Comprobei os informes recibidos, e xa non hai máis que engadir.
–Posto que Magwitch, de Nova Gales do Sur, se deu a coñecer –dixo o señor Jaggers–, xa comprenderá vostede, Pip, canta foi a exactitude con que nas miñas comunicacións con vostede me ativen aos feitos estritos. Nunca me separei o máis mínimo da estrita liña dos feitos. Decátase vostede?
–Por completo, cabaleiro.
–Xa lle comuniquei a Magwitch, en Nova Gales do Sur, a primeira vez que me escribiu desde Nova Gales do Sur, que non debía esperar que eu me desviase o máis mínimo da estrita liña dos feitos. Tamén lle advertín outra cousa. Na súa carta parecía aludir dun modo vago ao seu propósito aínda afastado de velo a vostede en Inglaterra. Aviseino de que non quería saber unha palabra máis acerca diso; que non había a menor probabilidade de obter un perdón; que fora desterrado polo termo da súa vida natural, e que ao presentarse neste país cometería un acto de audacia que o poñería en situación de ser castigado coa pena máis grave das leis. Deille a Magwitch este aviso –engadiu o señor Jaggers mirándome en fite–, escribinllo a Nova Gales do Sur. E non hai dúbida de que axustou a súa conduta de acordo coa miña advertencia.
–Sen dúbida –dixen.
–Fun informado por Wemmick –proseguiu o señor Jaggers, mirándome coa mesma fixeza– de que recibiu unha carta datada en Portsmouth, procedente dun colono chamado Purvis ou...
–Ou Provis –corrixín.
–Ou Provis... Grazas, Pip. Talvez é Provis. Quizais vostede sabe que é Provis.
–Si –contestei.
–Vostede sabe que é Provis. Unha carta datada en Portsmouth, procedente dun colono chamado Provis, pedindo detalles acerca do enderezo de vostede, con destino a Magwitch. Wemmick mandoulle os detalles necesarios, segundo teño entendido, sen perder tempo. Probablemente, por medio dese Provis recibiu vostede a explicación de Magwitch..., de Nova Gales do Sur.
–En efecto, sóubeno por medio dese Provis –contestei.
–Bos días, Pip –dixo entón o señor Jaggers ofrecéndome a man–. Alégrome moito de velo. Cando escriba vostede a Magwitch, a Nova Gales do Sur, ou cando comunique vostede por mediacion de Provis, teña a bondade de mencionar que os detalles e comprobantes da nosa longa conta seranlles mandados a vostede xuntamente co saldo; porque aínda queda un saldo ao seu favor. Bos días, Pip.
Estreitámonos a man, e el seguiu mirándome en fite mentres lle foi posible. Dirixinme á porta, e el continuou cos ollos dirixidos a min, en tanto que as dúas horribles máscaras parecían esforzarse en abrir as pálpebras e en proferir coas súas inchadas gargantas a frase: «Oh, que home!».
Wemmick non estaba, pero aínda que se achase no seu posto, nada podería facer por min. Apresureime a regresar ao Temple, onde atopei o terrible Provis bebendo auga con ron e fumando apaciblemente na súa pipa.
Ao día seguinte chegaron á casa as pezas e demais cousas que encargara, e el púxoo todo. Pero o que ía poñendo dáballe peor aspecto (ou, polo menos, iso me pareceu) que cando chegara. Ao meu xuízo, había algo nel completamente imposible de disfrazar. Canto máis e mellor se vestía, máis se parecía ao asustado fuxitivo das brañas. Iso, na miña receosa fantasía, debíase sen ningunha dúbida a que o seu rostro e os seus modos me eran cada vez máis familiares; pero pareceume tamén que arrastraba unha das súas pernas, coma se nela levase aínda o pesado grillón, de maneira que a min me parecía un presidiario de xeito total e en todos os seus detalles.
Ademais, notábase a influencia da súa solitaria vida na cabana cando fixera de pastor, e dáballe un aspecto salvaxe que ningún disfrace podía disimular; tamén a vida infame que levara entre os homes deixara o seu selo nel, e, como remate, advertíase o seu convencemento de que naquel momento vivía oculto e en perigo de ser perseguido. Tanto se estaba sentado como de pé, e tanto se bebía coma se comía ou permanecía pensativo, cos ombreiros encollidos, segundo era peculiar nel; ou cando sacaba o seu coitelo de puño de asta e o limpaba no pantalón antes de cortar as viandas; ou se levaba aos beizos os vasos de cristal fino coma se fosen bastos cazos; ou se mordía un canteiro de pan, ou o mollaba na salsa, dándolle varias voltas no prato, secando daquela os dedos nel antes de tragalo..., en todos eses detalles e noutros moitos que ocorrían a cada minuto do día, sempre seguía sendo o presidiario, o convicto, o condenado.
Mostrara o maior empeño en empoar o cabelo, cousa na cal consentín logo de facelo desistir do calzón curto. Pero o efecto que producían os pos nos seus cabelos non podo comparalo a máis nada que ao que causaría o colorete nun cadáver. Era tan desagradable nel aquel finximento, que se desistiu dos pos en canto fixo a proba, e limitámonos a que levase cortado ao cero o cabelo gris.
Non podo expresar con palabras as sensacións que eu experimentaba acerca do misterio en que para min estaba envolvido aquel home. Cando quedaba durmido pola tarde, coas mans nodosas agarradas aos brazos da butaca e coa calva e fendida cabeza caída sobre o peito, quedaba mirándoo, preguntándome que faría e acusándoo mentalmente de todos os crimes imaxinables, ata que me sentía inclinado a levantarme e fuxir del. E cada hora que pasaba aumentaba de tal xeito o meu aborrecemento cara a el que, segundo creo, acabaría por obedecer a este impulso nas primeiras agonías que pasei desta sorte, malia canto fixera por min e do perigo que corría, a non ser porque Herbert estaría moi pronto de regreso. Unha vez saltei da cama pola noite e ata empecei a vestirme apresuradamente coas miñas peores roupas, co propósito de abandonalo alí con todo o que eu posuía e alistarme para a India como soldado raso.
Dubido que unha pantasma fose máis terrible para min, naqueles solitarios cuartos, durante as longas veladas e non máis curtas noites, mentres ruxía o vento e a choiva caía sobre a casa. Unha pantasma non podería ser collido e aforcado pola miña causa, e a consideración de que el podía selo e o medo de que acabase así non contribuían, certamente, a diminuír os meus terrores. Cando non estaba durmido ou entretido nun complicado solitario cunha luída baralla que posuía –xogo que ata entón non vira xamais e cuxos éxitos rexistraba cravando o seu coitelo na mesa– rogábame que lle lese algunha cousa. “Algo en idioma estranxeiro, querido Pip”, dicía. E mentres eu obedecía, aínda que el non entendía unha soa palabra, quedaba sentado ante o lume, con expresión propia dun expositor, e eu víao a través dos dedos da man con que protexía o meu rostro da luz, coma se quixese chamar a atención dos mobles para que se fixasen na miña instrución. Aquel sabio da lenda que se viu perseguido pola fea figura que fixera impiamente non era máis desgraciado ca min, perseguido polo ser que me fixera, e a medida que aumentaba a miña repulsión, máis me admiraba el e máis me quería.
Escribín isto coma se tal situación durase un ano, pero non se prolongou máis de cinco días. Como esperaba a cada momento a chegada de Herbert, non me atrevía a saír, agás á noitiña, cando sacaba a Provis a que tomase un pouco o aire. Por fin, unha noite, logo de cear e cando me adormentara, derrengado, porque pasaba moi malas noites, axitado por toda sorte de pesadelos, espertei ao oír os agradables pasos do meu amigo na escaleira. Provis, que tamén adormecera, estremeceuse ao oír o ruído que fixen, e nun momento vin brillar na súa man a folla do coitelo.
–Non se alarme! É Herbert! –dixen. E, en efecto, poucos instantes despois penetrou Herbert na estancia, excitado e reanimado polas seiscentas millas que acababa de percorrer en Francia.
–Haendel, meu querido amigo, como estás? Parece coma se estivese un ano ausente. Talvez foi así, porque estás moi pálido e fraco. Haendel, meu... Pero..., perdón...
Ao ver a Provis interrompeuse nos seus saúdos e nos seus apertóns de man. Este mirábao coa maior atención e gardaba lentamente o coitelo, mentres metía a outra man no peto, sen dúbida en busca doutra cousa.
–Herbert, querido amigo –dixen eu pechando as dobres portas mentres o meu compañeiro miraba moi asombrado–. Este señor... veu a visitarme.
–Todo vai ben, querido Pip –exclamou Provis adiantándose e levando na man o seu libriño negro. Logo, dirixíndose a Herbert, díxolle:
–Tome vostede este libro coa man dereita. Así Deus o mate se lle di vostede nada a ninguén! Bique o libro!
–Fai o que che di, Herbert –dixen. O meu amigo, mirándome con amigable alarma e extraordinario asombro, fixo o que Provis lle pedía, e este estreitoulle a man inmediatamente, dicindo:
–Agora xa xurou vostede. E nunca crea nada do que eu lle diga se Pip non fai de vostede un verdadeiro cabaleiro.

23 de fev de 2012

Capítulo 39

Fixera vinte e tres anos. Nin unha soa palabra oín ata entón que puidese iluminarme con respecto ao asunto das miñas esperanzas, e había xa unha semana que chegara o meu vixésimo terceiro aniversario. Un ano antes abandonaramos a Pousada de Barnard e viviamos no Temple. Os nosos cuartos estaban en Garden Court, xunto ao río.
O señor Pocket e eu separarámonos había algún tempo polo que se refire ás nosas primeiras relacións, pero continuabamos sendo moi bos amigos. Malia a miña incapacidade de dedicarme a nada, o cal creo que se debía á intranquilidade que me producía a incerteza da orixe dos meus medios de vida, era moi afeccionado a ler, e facíao regularmente durante moitas horas cada día. O asunto de Herbert progresaba tamén, e os meus eran tal como os describín ao terminar o capítulo anterior.
Os negocios obrigaran a Herbert a dirixirse a Marsella. Eu estaba só, e por esta causa experimentaba unha penosa sensación. Desanimado e ansioso, esperando que o día seguinte ou a semana próxima me deixarían ver con maior claridade o meu camiño, botaba de menos o alegre rostro e o simpático carácter do meu amigo.
O tempo era moi malo; tempestuoso e húmido, nas rúas había unha cantidade extraordinaria de barro. Día a día chegaban a Londres espesas e numerosas nubes do leste, coma se o Oriente fose unha eternidade de nubes e de vento. Tan furiosas foran as acometidas do furacán, que ata algúns edificios elevados da capital perderan os canlóns dos seus tellados; na campiña houbo árbores arrincadas, aspas de muíño rotas, e da costa chegaban tristes relatos de naufraxios e de mortes. Estas acometidas furiosas do vento eran acompañadas por violentas ráfagas de choiva, e terminaba o día que ata entón, segundo puiden ver, fora o peor de todos.
Naquela parte do Temple fixéronse moitas transformacións a partir de entón, pois agora xa non é un barrio tan solitario nin está tan exposto ás alteracións do río. Viviamos no alto da última casa, e os embates do vento que subía pola canle do río estremecían aquela noite a casa coma se fosen canonadas ou as acometidas da auga contra os rompentes. Cando a choiva acompañou ao vento e se guindou contra as fiestras, ocorréuseme a idea, mentres miraba a estas cando oscilaban, de que podía imaxinar que vivía nun faro combatido pola tempestade. De cando en vez, o fume baixaba pola cheminea, coma se lle resultase molesto saír pola parte superior nunha noite como aquela; e cando abrín a porta para mirar á escaleira, observei que as luces desta se apagaron. Logo, facendo coas mans sombra arredor do meu rostro, para mirar a través das negras fiestras (pois non había que pensar en abrilas nin pouco nin moito, en vista da choiva e do furioso vento), vin que os farois do patio tamén se apagaran e que os das pontes e os das beiras do río oscilaban, próximos a apagarse, así como que os lumes de carbón acesos nas barcazas que había no río eran arrastrados de lonxe polo vento, como vermellas manchas entre a choiva.
Lía co reloxo sobre a mesa, decidido a pechar o meu libro ás once da noite. Cando o fixen, as campás de San Paulo e as de todos os reloxos das igrexas da City, algunhas precedendo e outras acompañando, deron aquela hora. O son foi afeado dun modo curioso polo vento; e eu estaba escoitando e pensando, ao mesmo tempo, en como o vento asaltaba as badaladas e as desfiguraba, cando oín pasos na escaleira.
Nada importa saber que ilusión tola me fixo sobresaltar, relacionando aqueles pasos cos da miña defunta irmá. Tal ilusión pasou nun momento. Escoitei de novo e oín os pasos que se achegaban. Recordando, entón, que estaban apagadas as luces da escaleira, empuñei a miña lámpada, a cuxa luz adoitaba ler, e asomeime con ela ao oco da escaleira. Quenquera que estivese debaixo detívose ao ver a luz, porque xa non se oíu máis ruído.
–Hai alguén abaixo? –preguntei mirando ao mesmo tempo.
–Si –dixo unha voz desde a escuridade inferior.
–Que piso busca vostede?
–O último. Desexo ver ao señor Pip.
–Ese é o meu nome. Ocorre algo grave?
–Nada de particular –replicou a voz. E aquel home subiu.
Eu sostiña a lámpada por encima da varanda da escaleira, e el subiu lentamente á súa luz. A lámpada tiña unha pantalla, con obxecto de que alumase ben o libro, e o círculo da luz era moi pequeno, de maneira que o que subía estaba un momento iluminado e logo volvíase sumir na sombra. No primeiro momento que puiden ver o rostro observei que me era descoñecido, aínda que puiden advertir que miraba cara a min coma se estivese satisfeito e conmovido de contemplarme.
Movendo a man de maneira que a luz seguise o camiño daquel home, notei que ía ben vestido, aínda que cun traxe ordinario, como podería ir un viaxeiro por mar. A súa cabeza estaba cuberta por longos cabelos grises, dun ton semellante ao ferro, e díxenme que a súa idade sería duns sesenta anos. Era un home musculoso, de fortes pernas, de rostro moreno e curtido pola exposición á intemperie. Cando subía os dous últimos chanzos e a luz da lámpada nos iluminou a ambos, vin, con estúpido asombro, que me tendía ambas as mans.
–Que desexa vostede? –pregunteille.
–Que que desexo? –repetiu facendo unha pausa.
–Ah, si! Se mo permite, xa lle explicarei o que me trae...
–Quere vostede entrar?
–Si –contestou–. Desexo entrar, amo.
Dirixinlle a pregunta con acento pouco hospitalario, porque me molestaba a expresión de recoñecemento, alegre e compracido, que notara nos seus ollos. E molestábame por crer que el, implicitamente, desexaba que correspondese a ela. Pero fíxeno entrar no cuarto que acababa de deixar, e tras poñer a lámpada sobre a mesa rogueille con toda a amabilidade de que fun capaz que explicase o motivo da súa visita.
Mirou ao redor con expresión moi rara –coma se se sorprendese agradablemente e tivese algunha parte nas cousas que admiraba–, e logo quitou unha especie de gabán ordinario e tamén o chapeu. Así mesmo, vin que tiña a parte superior da cabeza fendida e calva, e que os grises cabelos non crecían máis que nos lados. Pero nada advertín que me explicase a súa visita. Pola contra, naquel momento vin que de novo me tendía as mans.
–Que se propón vostede? –pregunteille, coa sospeita de que estivese tolo.
Deixou de mirarme e lentamente fregou a cabeza coa man dereita.
–É moi violento para un home –dixo con voz ruda e entrecortada–, tras agardar tanto este momento... Pero non ten vostede ningunha culpa... Ningún de nós a ten. Explicareime nun minuto. Concédame un minuto, fágame o favor.
Sentou nunha cadeira ante o lume e cubriu a fronte coas mans morenas, sucadas de veas. Observeino coa maior atención e aparteime lixeiramente del, pero non o recoñecín.
–Hai alguén máis por aquí preto? –preguntou, volvendo a cabeza para mirar cara atrás.
–Estráñame que me faga vostede esa pregunta, descoñecido como é para min e tras presentarse na miña casa a tales horas da noite.
–É vostede un bo rapaz –díxome movendo a cabeza cara a min con mostras de afecto, que á vez me resultaban incomprensibles e irritantes–. Alégrome moito de que creza, para converterse nun raparigo tan atraente. Pero non me faga prender, porque logo arrepentiríase amargamente.
Abandonei mentalmente a intención que el acababa de comprender, porque naquel momento recoñecino. Era imposible identificar un simple trazo do seu rostro, pero malia iso recoñecino. Se o vento e a choiva levasen lonxe aqueles anos pasados, e ao mesmo tempo todos os sucesos e todos os obxectos que houbo neles, situándonos aos dous no cemiterio onde por primeira vez nos vimos cara a cara e a distinto nivel, non podería coñecer o meu presidiario máis claramente do que o coñecía entón, sentado ante o lume. Non había necesidade de que sacase do peto unha lima para mostrarma, nin que quitase o pano que levaba ao pescozo para poñelo arredor da cabeza, nin que se abrazase a si mesmo e botase a andar polo cuarto, mirando cara a min para que o recoñecese. Coñecino antes de que me axudase deste xeito, aínda que un momento antes non sospeitara nin remotamente a súa identidade.
Volveu onde eu estaba e de novo tendeume as mans. Sen saber que facer, porque, a forza de asombro, perdera o dominio de min mesmo, deille as miñas de mala gana. El estreitounas cordialmente, levounas aos beizos, bicounas e continuou estreitándoas.
–Obraches nobremente, raparigo –dixo–. Nobre Pip! E eu xamais o esquecín.
Ao advertir un cambio nos seus modos, coma se ata se dispuxese a abrazarme, púxenlle unha man no peito e obrigueino a afastarse.
–Basta –dixen– Apártese. Se vostede me está agradecido polo que fixen na miña infancia, espero que poderá demostrarme a súa gratitude comunicándome que cambiou de vida. Se veu aquí para darme as grazas, debo dicirlle que non era necesario. Con todo, xa que me atopou, non hai dúbida de que hai algo bo no sentimento que o trouxo, e por iso non o rexeitarei..., pero seguramente comprenderá que eu...
A miña atención quedou de tal modo atraída pola singularidade da súa mirada fixa en min, que as palabras morreron nos meus beizos.
–Dicía vostede –observou tras mirarnos en silencio– que seguramente comprenderei... Que debo comprender?
–Que non debo renovar con vostede aquela relación casual, e xa moi antiga, nestas circunstancias, que son completamente distintas. Comprázome en crer que se arrepentiu vostede, recobrando o dominio de si mesmo. Dígollo co maior gusto. E tamén me alegro, crendo que merezo a súa gratitude, de que veña darme as grazas. No entanto, os nosos camiños son moi distintos. Está vostede empapado e parece moi fatigado. Quere beber algo antes de marchar?
Volvera a poñerse o pano arredor do pescozo, aínda que sen apertar o nó, e quedou mirándome coa maior atención mordendo unha punta daquel.
–Paréceme –contestoume, sen deixar de morder o pano e mirándome en fite– que beberei antes de marchar, e por iso tamén lle dou as grazas.
Nunha mesiña auxiliar había unha bandexa. Púxena encima da mesa inmediata ao lume, e pregunteille que prefería. Sinalou unha das botellas sen mirala e sen dicir unha palabra, e eu servinlle un pouco de auga quente con ron. Esforceime en que non me tremese a man mentres o servía, pero a súa mirada fixa en min mentres se recostaba na cadeira, co extremo do pano entre os dentes, cousa que facía talvez sen darse de conta, foi causa de que me resultase difícil conter o tremor da man. Cando por fin lle servín o vaso, observei co maior asombro que os seus ollos estaban cheos de bágoas. Ata entón, eu permanecera en pé, sen tratar de disimular o meu desexo de que marchase canto antes. Pero abrandeime ao observar o suavizado aspecto daquel home e sentín o mudo reproche que me dirixía.
–Espero –dixen servíndome apresuradamente algo de beber eu tamén e achegando unha cadeira á mesa–, espero que non crerá vostede que lle falei con rudeza. Non tiña intención de facelo, pero, se así foi, laméntoo moito. Desexo que sexa vostede feliz e se atope ao seu gusto.
Cando levei o vaso aos beizos, el mirou sorprendido o extremo do seu pano, deixándoo caer ao abrir a boca, e logo tendeume a man. Eu deille a miña, e ambos bebemos. Feito isto, pasou a manga do traxe polos ollos e a fronte.
–Cal é a súa profesión? –pregunteille.
–Tiven rabaños de ovellas, fun criador de reses e outros oficios semellantes no Novo Mundo –contestou–, é dicir, a moitos milleiros de millas de aquí e a través da auga tempestuosa.
–Espero que gañaría vostede diñeiro.
–Moito, moitísimo. Outros que se dedicaban ao mesmo fixeron tamén bastante diñeiro, pero ninguén tanto coma min. Fun famoso por esta causa.
–Alégrome moito.
–Espero que se alegrará vostede máis aínda, meu querido mozo.
Sen tratar de pescudar o sentido de tales palabras nin a razón do ton con que foron pronunciadas, volvín a miña atención ao detalle que acababa de presentarse á miña mente.
–Viu algunha vez o mensaxeiro que me mandou, despois que cumpriu o encargo que vostede lle deu?
–Non lle botei a vista encima. Non era fácil tampouco que o vise.
–Pois cumpriu fielmente o encargo e entregoume dous billetes dunha libra esterlina. Eu era daquela un pobre pícaro, como xa sabe vostede, e para min aquela cantidade era case unha pequena fortuna. Pero, como vostede, progresei desde entón e vai permitirme que llas devolva. Poderá vostede empregalas regalándollas a outro rapaz pobre.
Falando así, saquei a miña bolsa. El observoume mentres a deixaba sobre a mesa e a abría, e non apartou os seus ollos de min mentres separaba dous billetes dunha libra esterlina da cantidade que contiña. Os billetes eran limpos e novos. Despregueinos e ofrecinllos. Sen deixar de observarme, púxoos un sobre outro, dobrounos ao longo, retorceunos, prendeulles lume na lámpada e deixou caer as cinzas na bandexa.
–Permitirame vostede que lle pregunte –dixo entón cun sorriso celludo ou con riseiro cello– como progresou desde que ambos nos vimos nas brañas?
–Como?
–Si.
Baleirou o vaso, levantouse e foi situarse á beira do lume, apoiando a man grande e morena na cheminea. Apoiou un pé na barra de ferro que había ante o lume, con obxecto de secalo e quentalo, e a súa húmida bota empezou a fumegar; pero el non a miraba nin tampouco se fixaba no lume, senón que me contemplaba coa maior atención. Entón foi cando empecei a tremer.
Cando se entreabriron os meus beizos e formulei algunhas palabras que non se puideron oír, fixen forza en min mesmo para dicirlle, aínda que non con moita claridade, que fora elixido para herdar algunhas propiedades.
–Permíteme vostede preguntar que propiedades son esas?
–Non o sei –respondín tatexando.
–E podo saber de quen son esas propiedades? –engadiu.
–Ignóroo –contestei do mesmo xeito.
–Paréceme que podería adiviñar –dixo o ex presidiario– a cantidade que recibe vostede anualmente desde que é maior de idade. Referíndome á primeira cifra, paréceme que é un cinco.
Mentres me latexaba o corazón apresurada e desordenadamente, púxenme en pé, apoiando a man no respaldo da cadeira e mirando, moi apurado, ao meu interlocutor.
–E con respecto a un titor –continuou–, indubidablemente existía un titor ou algo parecido mentres vostede era menor de idade. É posible que fose avogado, e paréceme que non me equivocarei moito ao afirmar que a primeira letra do seu nome é un J.
Naquel momento comprendín toda a verdade da miña situación, e os seus inconvenientes, perigos, deshonras e consecuencias de todas as clases invadíronme en tal multitude, que me sentín anonadado e tiven que esforzarme extraordinariamente para continuar respirando.
–Supoñamos –continuou– que o que comisionou a aquel avogado, cuxo nome empeza por un J e que moi ben pode ser Jaggers, supoñamos que, atravesando o mar, chegase a Portsmouth e que, desembarcando alí, desexase vir facerlle unha visita a vostede. «E como me descubriu vostede?», preguntarase. Pois ben, escribín desde Portsmouth a unha persoa de Londres pedíndolle o enderezo de vostede. E quere saber como se chama esa persoa? Pois é un tal Wemmick.
Nin para salvar a vida podería pronunciar entón unha soa palabra. Alí estaba cunha man apoiada nun respaldo da cadeira e a outra no meu peito, parecéndome que me afogaba. Así miraba eu ao meu estraño interlocutor, e tiven que agarrarme con forza á cadeira ao observar que o cuarto parecía dar voltas ao meu redor. El colleume, levoume ao sofá, tendeume sobre os almofadóns e se axeonllouse ao meu lado, achegando o rostro, que agora recordaba moi ben e que me facía tremer, ata poñelo a moi pouca distancia do meu propio.
–Si, Pip, querido rapaz. fixen de ti un cabaleiro. Son eu quen o fixo. Aquel día xurei que se lograba gañar unha guinea, sería para ti. E, máis tarde, cando empecei a especular e a enriquecerme, xurei que serías rico. Vivín sufrindo grandes penalidades para que ti vivises comodamente. Traballei coa maior enerxía para que ti non tiveses que facelo. Que cousas tan raras! Verdade, rapaz? E crees que cho digo para que esteas agradecido? De ningún xeito. Dígocho tan só para que saibas que aquel can cuxa vida contribuíches a soster levantou a cabeza a tal altura para poder facer de ti un cabaleiro. E, en efecto, Pip, chegaches a ser un cabaleiro.
O aborrecemento que me inspiraba aquel home e o temor que sentía cara a el, así como a repugnancia que me obrigou a evitar o seu contacto, non poderían ser maiores de ser un animal terrible.
–Mira, Pip. Son o teu segundo pai. Ti es o meu fillo e aínda máis que un fillo. Aforrei moito diñeiro só para que ti poidas gastalo. Cando me contrataron como pastor e vivía nunha cabana solitaria, sen ver máis que as ovellas, ata que esquecín como eran os rostros dos homes e as mulleres, aínda entón, mentalmente, seguía vendo o teu rostro. Moitas veces caéuseme o coitelo das mans naquela cabana, cando comía ou ceaba, e entón dicíame: «Aquí está outra vez o meu querido rapaz contemplándome mentres como e bebo». Vinte moitas veces, con tanta claridade como o día en que te atopei nas brañas cheas de néboa. «Así Deus me mate –dicía con frecuencia, e moitas veces ao aire libre, para que me oíse o ceo–, pero se consigo a liberdade e a riqueza, vou facer un cabaleiro dese rapaz». E agora mira esta vivenda túa, digna dun lord. Un lord? Ah!, terás diñeiro máis que suficiente para facer apostas cos lores e para lograr vantaxes sobre eles.
Na súa vehemencia triunfal, e dándose conta de que eu estivera a piques de desmaiarme, non observou a acollida que prestei ás súas palabras. Este foi o único consolo que tiven.
–Mira –continuou, sacándome o reloxo do peto e volvendo cara a el un anel que levaba o meu dedo, mentres eu evitaba o seu contacto coma se fose unha serpe–. O reloxo é de ouro, e o anel, magnífico. Ambas as cousas dignas dun cabaleiro. E fíxate na túa roupa branca: fina e fermosa. Mira o teu traxe: mellor non pode atoparse. E tamén os teus libros –engadiu mirando ao redor–, que enchen todos os estantes, a centenares. E ti lelos, non é verdade? Gustoume atoparte lendo ao chegar. Ha, ha, ha! Logo lerasme algúns, querido Pip, e se son nalgún idioma estranxeiro que eu non entenda, non por iso me sentirei menos orgulloso.
De novo levou as miñas mans aos seus beizos, mentres o sangue parecía arrefriarse nas miñas veas.
–Non hai necesidade de que fales, Pip –dixo, volvendo pasar a manga polos ollos e a fronte, mentres a súa garganta producía aquel ruído que eu recordaba tan ben. E o máis horrible de todo era darme conta do afecto con que falaba–. O mellor que podes facer é permanecer quedo, querido Pip. Ti non pensaches no noso encontro tanto tempo coma min. Non estabas preparado para isto, como o estaba eu. Pero sen dúbida xamais imaxinaches que sería eu.
–Oh, non, non! –repliquei–. Nunca, nunca!
–Pois ben, xa ves que era eu e sen axuda de ninguén! Non interveu no asunto ninguén máis ca min mesmo e o señor Jaggers.
–Ningunha outra persoa? –preguntei.
–Non –contestou, sorprendido–. Quen máis podía intervir? Pero déixame que che diga, querido Pip, que te convertiches nun home moi guapo. E espero que te conquistasen algúns belos ollos. Non hai algunha linda rapariga da que esteas namorado?
–¡Oh, Estella, Estella!
–Pois será túa, querido fillo, sempre no caso de que o diñeiro poida conseguilo. Non porque un cabaleiro como ti, de tan boa figura e tan instruído, non poida conquistala por si mesmo; pero o diñeiro axudarache. Agora déixame que acabe o que che ía dicindo, querido raparigo. Daquela cabana e do tempo que pasei facendo de pastor recibín o primeiro diñeiro, pois, ao morrer, deixoumo o meu amo, que fora o mesmo ca min, e así logrei a liberdade e empecei a traballar pola miña conta. E todas as aventuras que emprendía, facíao por ti. «Deus bendiga a miña empresa –dicía ao emprendela–. Non é para min, senón para el.» E en todo prosperei dun modo marabilloso. Para que te deas de conta, hei de engadir que me fixen famoso. O diñeiro que me legaron e as ganancias do primeiro ano mandeino todo ao señor Jaggers, todo para ti. Entón el foi na túa busca, de acordo coas instrucións que lle dei por carta.
Oh, oxalá non viñese! Prouguese a Deus que me deixase na fragua, lonxe de ser feliz, pero, con todo, ditoso en comparación co meu estado actual!
–E entón, querido Pip, recibín a recompensa sabendo secretamente que estaba facendo de ti un cabaleiro. Ás veces, os cabalos dos colonos enchíanme de po cando eu ía andando. Pero eu dicíame: «Estou facendo agora un cabaleiro que será moito mellor que todos os demais.» E cando un dicía a outro: «Hai poucos anos era un presidiario e ademais é un home ordinario e ignorante. Con todo, ten moita sorte», entón eu pensaba: «Se eu non son un cabaleiro nin teño instrución, polo menos son propietario dun deles. Todo o que vós posuídes non é máis que gando e terras, pero ningún de vós ten, coma min, un cabaleiro de Londres.» Así me consolaba e así continuaba vivindo, e tamén dese modo continuei gañando diñeiro, ata que me prometín vir un día ver o meu raparigo e darme a coñecer a el no mesmo sitio en que vivía.
Púxome a man no ombreiro, e eu estremecinme ante a idea de que, segundo imaxinaba, aquela man puidese estar manchada de sangue.
–Non me foi fácil, Pip, saír de alí, nin tampouco resultaba moi seguro. Pero eu estaba empeñado, e canto máis difícil resultaba, maior era a miña decisión, porque estaba resolto. E por fin fíxeno. Si, querido Pip, fíxeno.
Tratei de reunir as miñas ideas, pero estaba aparvado. Parecíame prestar maior atención aos ruxidos do vento que ás palabras do meu compañeiro; pero non me era posible separar a voz deste dos chíos daquel, aínda que seguía oíndoos cando el permanecía calado.
–Onde me aloxarás? –preguntou entón.
–Xa comprenderás, querido Pip, que debo quedar en algures.
–A durmir? –dixen.
–Si, a durmir moitas horas e profundamente –contestou–, porque pasei meses e meses sacudido e mollado polo auga do mar.
–O meu amigo e compañeiro –dixen levantándome do sofá– está ausente; poderá vostede dispoñer do seu cuarto.
–Volverá mañá? –preguntou.
–Non –contestei eu case maquinalmente malia os meus extraordinarios esforzos–. Non volverá mañá.
–Pregúntoo, querido Pip –dixo en voz baixa e apoiando un dedo no meu peito–, porque é preciso ter a maior precaución.
–Que quere vostede dicir? Precaución?
–Claro! Corro perigo de morte.
–Que morte?
–Fun deportado para sempre. Volver equivale á morte. Durante estes últimos anos volveron moitos que se achaban no meu caso, e, sen ningunha dúbida, aforcaríanme se me collesen.
Só faltaba iso! Aquel desgraciado, tras cargarme co seu ouro maldito e coas súas cadeas de prata durante anos enteiros, arriscaba a vida para vir verme, e alí o tiña á miña custodia. Se o amase no canto de aborrecelo, se me sentise atraído a el por extraordinaria admiración e afecto, no canto de sentir a maior repugnancia, non sería peor. Pola contra, sería mellor, porque a súa seguridade sería o máis importante do mundo para o meu corazón.
O meu primeiro coidado foi pechar as contras, a fin de que non se puidese ver a luz desde o exterior, e logo pechar e atrancar as portas. Mentres así o facía, el estaba sentado á mesa, bebendo ron e comendo biscoitos; eu, ao velo entretido así, crin contemplar de novo o presidiario nas brañas mentres comía. E case me pareceu que pronto se inclinaría cara á súa perna para limar o grillón.
Cando entrei no cuarto de Herbert, pechando toda comunicación entre el e a escaleira, a fin de que non quedase outro paso posible que o cuarto en que estiveramos conversando, pregunteille ao meu compañeiro se quería ir deitarse. Contestou afirmativamente, pero pediume algunhas pezas da miña roupa branca de cabaleiro para poñelas pola mañá. Entregueillas e deixeillas dispostas, e pareceu interromperse novamente o curso do sangue nas miñas veas cando de novo me estreitou as mans para desexarme unha boa noite.
Afasteime del sen saber como o facía; reanimei o lume na estancia en que permaneceramos xuntos e sentei á beira da cheminea, temoroso de ir para a cama. Durante unha ou dúas horas estiven tan aparvado que apenas puiden pensar; pero cando o logrei, deime de conta do desgraciado que era e de que a nave en que me embarcara se esnaquizara por completo.
Era evidente que as intencións da señorita Havisham con respecto a min non eran máis nada ca un soño; sen ningunha dúbida, Estella non me estaba destinada; na casa Satis tolerábaseme como algo conveniente, coma se fose unha espiña para os avarentos parentes, como un modelo dotado de corazón mecánico a fin de que Estella practicase comigo cando non había ninguén máis con quen facelo; estas foron as primeiras ideas que se presentaron á miña mente. Pero a dor máis aguda de todas era a de que, por mor daquel presidiario, reo de ignorados crimes e exposto a ser collido no meu propio cuarto para ser aforcado en Old Bailey, eu abandonara a Joe.
Agora non volvería onda Joe nin onda Biddy por nada do mundo; aínda que imaxino que iso se debía á seguridade que tiña de que a miña indigna conduta cara a eles era máis culpable do que se podía imaxinar. Ningunha sabedoría na terra podería darme agora o consolo que obtería da súa sinxeleza e da súa fidelidade; pero xamais podería desfacer o feito.
En cada unha das acometidas do vento e da choiva parecíame oír o ruído dos perseguidores. Por dúas veces xuraría que chamaban á porta e que ao outro lado alguén falaba en voz baixa. Con tales temores, empecei a recordar que recibira misteriosos avisos da chegada daquel home. Imaxinei que durante as semanas anteriores vira nas rúas algúns rostros que me pareceron moi semellantes ao seu. Díxenme que aqueles parecidos foran máis numerosos a medida que el se achegaba a Inglaterra, e estaba seguro de que o seu maligno espírito me mandara, dalgún modo, aqueles mensaxeiros, e, naquela noite tempestuosa, el valía tanto como a súa palabra e estaba comigo.
Entre estas reflexións, ocorréuseme a de que cos meus ollos infantís o xulgara como un home violento e desesperado; que oíra ao outro presidiario asegurar reiteradamente que quixera asasinalo; e eu mesmo o vin no fondo da gabia, loitando coa maior fereza co seu compinche. E tales recordos aterráronme, dándome a entender que non era seguro para min estar encerrado con el no máis profundo daquela noite solitaria e tempestuosa. E este temor creceu de tal xeito, que por fin me obrigou a coller unha candea para ir ver ao meu terrible compañeiro.
Este envolvera a cabeza nun pano e o seu rostro estaba inmóbil e sumido no soño. Durmía tranquilamente, aínda que na almofada se vía unha pistola. Tranquilizado, puxen suavemente a chave na parte exterior da porta e deille a volta para pechar antes de sentar xunto ao lume. Gradualmente escorrinme do meu asento e á fin quedei tendido no chan. Cando espertei, sen que durante o meu sono esquecese a miña desgraza, os reloxos das igrexas da parte oriental de Londres daban as cinco da madrugada, as candeas consumíranse, o lume estaba apagado e o vento e a choiva intensificaban as espesas tebras.

22 de fev de 2012

Capítulo 38


Se aquela antiga casa inmediata ao Green, en Richmond, chega algún día a ser visitada polos trasnos, indubidablemente serao pola miña pantasma. Cantas e cantas noites e días o inquedo espírito que me animaba frecuentaba a casa en que vivía Estella! Calquera que fose o sitio en que se achase o meu corpo, o meu espírito ía sempre errante e roldando aquela casa.
A muller con quen Estella vivía, a señora Brandley, era viuda e tiña unha filla dalgúns anos máis que Estella. A nai tiña aspecto xuvenil, e a rapariga, en cambio, parecía vella; a pel da nai era rosada, e a da súa filla, amarelenta; a nai non pensaba máis que en frivolidades, e a filla, en asuntos teolóxicos. Gozaban do que se chama unha boa posición, e visitaban e eran visitadas por numerosas persoas. Moi pequena, no caso de que existise, era a identidade de sentimentos que había entre ela e Estella, pero no ánimo de todos existía a convicción de que aquelas dúas señoras eran necesarias á protexida da señorita Havisham e que ela tamén era, á súa vez, necesaria a aquelas. A señora Brandley fora amiga da señorita Havisham antes de que esta empezase a levar a súa retirada vida.
Na casa da señora Brandley, e tamén fóra dela, sufrín toda clase e todo grao de penas e torturas que Estella puido causarme. A natureza das miñas relacións con ela, que me situaban en termos de familiaridade, aínda que sen gozar do seu favor, era a causa da miña desgraza. Valíase de min para molestar a outros admiradores e utilizaba a familiaridade existente entre os dous para darme continuos desaires na devoción que eu lle demostraba. De ser eu o seu secretario, o seu administrador, o seu medio irmán ou un parente pobre; se fose un irmán menor ou me destinasen a casar con ela, non me sentiría con esperanzas máis incertas cando estaba ao seu lado. O privilexio de chamala polo seu nome e de oír que me chamaba polo meu era, en tales circunstancias, unha agravación das miñas penas; e así como supoño que iso case facía tolear aos seus restantes admiradores, sei que me facía tolear a min.
Os seus admiradores eran innumerables, aínda que é posible que os meus celos convertesen en admirador a calquera persoa que se achegase a ela; pero aínda sen isto, eran moitos máis dos que eu querería.
Con frecuencia víaa en Richmond, así como tamén na cidade, e eu adoitaba ir bastante a miúdo á casa dos Brandley para levala ao río; dábanse merendas, festas; asistiamos ao teatro, á ópera, aos concertos, ás reunións e a diversións de toda sorte. Eu solicitábaa constantemente, e diso non resultaban máis que penalidades sen conta para min. Na súa compañía xamais gocei dunha soa hora de felicidade, e, con todo, durante as vinte e catro horas do día non pensaba máis que en tela ao meu lado ata a hora da miña morte.
Durante toda aquela época de relación constante, e que durou, segundo se verá, un espazo de tempo que entón me pareceu moi longo, ela tiña o costume de dar a entender que o noso trato era obrigado para ambos. Outras veces parecía conterse para non dirixirme a palabra en calquera dos tons que me resultaban desagradables, e en tales casos expresábame a súa compaixón.
–Pip, Pip –díxome unha tarde logo de conterse cando sentabamos xunto a unha fiestra da casa de Richmond–. Non se dará vostede nunca por avisado?
–De que?
–De min.
–Quere vostede dicir que debo darme por avisado para non deixarme atraer por vostede?
–Acaso lle dixen iso? Se non sabe ao qu me refiro será porque vostede é cego.
Púidenlle contestar que, polo xeral, se considera que o amor é cego; pero como xamais podía expresarme con liberdade, e esta non era a menor das miñas penas, díxenme que sería pouco xeneroso pola miña banda asediala, tendo en conta que ela non tiña máis remedio que obedecer á señorita Havisham. O meu temor era sempre que tal coñecemento, pola súa banda, me puxese en situación desvantaxosa ante o seu orgullo e me convertese no obxecto dunha loita rebelde no seu peito.
–Sexa como sexa –dixen–, ata agora non recibín ningún aviso, porque esta vez me escribiu vostede para que viñese vela.
–Iso é verdade –contestou Estella cun sorriso frío e indiferente que sempre me deixaba xeado. Tras mirar ao crepúsculo exterior por espazo dun momento, continuou dicindo–: A señorita Havisham desexa que vaia pasar un día a Satis. Vostede terá que levarme alí e, se quere, acompañarme tamén ao regreso. Ela preferirá que non viaxe soa e non lle gusta que me faga acompañar pola doncela, porque sente o maior horror polas lerias desa xente. Pode vostede acompañarme?
–Que se podo, Estella?
–Diso infiro que non ten ningún inconveniente. En tal caso, prepárese para pasadomañá. Ha de pagar da miña bolsa todos os gastos. Decátase ben desta condición?
–Obedecereina –dixen.
Esta foi toda a preparación que recibín acerca daquela visita ou doutras semellantes. A señorita Havisham non me escribía nunca; nin sequera vin xamais a súa letra. Saímos ao día seguinte e atopamos á señorita Havisham no cuarto onde a vin por primeira vez, e creo inútil engadir que non houbera o menor cambio naquela casa.
Mostrábase máis terriblemente encariñada con Estella que a última vez en que as vin xuntas; repito adrede esta palabra porque na enerxía das súas miradas e dos seus abrazos había algo positivamente terrible. Empezou a falar da beleza de Estella; referiuse ás súas palabras, aos seus xestos, e, treméndolle os dedos, quedou mirándoa, coma se quixese devorar a fermosa moza a quen criara.
Desviando os seus ollos de Estella, miroume con tanta intensidade que non pareceu senón que quixese escudriñar no meu corazón e examinar as súas feridas.
–Como te trata, Pip, como te trata? –preguntoume de novo con avidez propia dunha bruxa, mesmo na presenza de Estella. Pero cando sentamos pola noite ante o seu vacilante lume, portouse dun modo fantástico; porque entón, tras pasar o brazo de Estella polo seu propio e de collerlle a man, fíxoa falar, a forza de referirse ao que Estella lle contara nas súas cartas, recordando os nomes e as condicións dos homes a quen fascinara. E mentres a señorita Havisham insistía sobre iso coa intensidade dunha mente mortalmente ferida, mantiña a outra man apoiada no seu bastón e o queixo na man, mentres os seus brillantes ollos me contemplaban como poderíann facelo os dun espectro.
Malia o desgraciado que me facía e do amargo que me parecía o sentido da miña dependencia e ata de degradación que en min espertou, vin nisto que Estella estaba destinada a poñer en práctica a vinganza da señorita Havisham contra os homes e que non me sería outorgada ata que o fixese durante certo tempo. Naquilo pareceume ver tamén unha razón para que, anticipadamente, estivese destinada a min. Mandándoa a ela para atraer, ridiculizar e burlar aos homes, a señorita Havisham sentía a maliciosa seguridade de que ela mesma estaba fóra do alcance de todos os admiradores e de que todos os que tomasen parte naquel xogo estaban xa seguros de perder. Comprendín tamén que eu, así mesmo, debía ser atormentado, por unha perversión dos seus sentimentos, aínda cando me estivese reservado o premio. Todo aquilo dábame a entender a razón de que, por espazo de tanto tempo, fose rexeitado, así como o motivo de que o meu titor parecese pouco decidido a ser consciente daquel plan. Nunha palabra, por todo o que se ofrecía ás miñas miradas, vin á señorita Havisham tal como a contemplara sempre, e advertín a precisa sombra da escurecida e malsá casa en que a súa vida se ocultara da luz do sol.
As candeas que alumaban aquela estancia ardían nuns candelabros fixos na parede. Estaban a certa altura do chan e tiñan o especial brillo da luz artificial nunha atmosfera poucas veces renovada. Mentres eu miraba as luces e o débil resplandor que producían, e mentres contemplaba tamén os reloxos parados e os branqueados obxectos do traxe nupcial que estaban sobre a mesa e no chan, así como o terrible rostro, de expresión fantástica, cuxa sombra proxectaba, moi aumentada, na parede e o teito o lume da lareira, vin en todo aquilo a escena que a miña mente me recordara tantas veces. Os meus pensamentos fixáronse na gran estancia inmediata, máis aló do relanzo da escaleira onde se achaba a enorme mesa, e pareceume velos escritos, entre as arañeiras do centro da mesa, polas arañas que se encaramaban ao mantel, pola mesma fuga dos ratos, cando amparaban os seus apresurados e pequenos corazóns detrás dos arrimadeiros, e polos tenteos e as paradas dos escaravellos que había polo chan.
Con ocasión daquela visita ocorreu que, de súpeto, xurdiu unha desagradable discusión entre Estella e a señorita Havisham. Era aquela a primeira vez que as vin expresar sentimentos opostos.
Estabamos sentados ante o lume, segundo xa describín, e a señorita Havisham tiña aínda o brazo de Estella pasado polo seu propio e continuaba collendo a man da moza, cando esta empezou a desprenderse aos poucos. Antes diso demostrara xa certa impaciencia orgullosa, e de mala gana soportou o feroz agarimo, aínda que sen aceptalo nin corresponder a el.
–Como? –exclamou a señorita Havisham dirixíndolle unha escintilante mirada–. Estás cansada de min?
–Só un pouco cansa de min mesma –replicou Estella desprendendo o seu brazo e achegándose á enorme cheminea, onde quedou mirando o lume.
–Di a verdade dunha vez, ingrata –exclamou a señorita Havisham con acento apaixonado e golpeando o chan co seu bastón–. Estás cansada de min?
Estella mirouna con perfecta compostura e de novo dirixiu os ollos ao lume. A súa graciosa figura e o seu fermoso rostro expresaban unha contida indiferenza con respecto ao ardor da súa interlocutora, que era case cruel.
–Es de pedra –exclamou a señorita Havisham–. Tes o corazón de xeo.
–Como é posible –replicou Estella, sempre indiferente, mentres se inclinaba sobre a cheminea e movendo os ollos tan só– que me reproche vostede ser fría? Vostede!
–Non o es? –contestou, irritada, a señorita Havisham.
–Debería vostede saber –dixo Estella– que son tal como vostede me fixo. A vostede lle corresponde toda loanza e todo reproche. A vostede se deberá o éxito ou o fracaso. Nunha palabra, vostede é a que me fixo tal como son.
–Oh, mirádea! Mirádea! –exclamou a señorita Havisham con amargo acento–. Mirádea tan dura e tan ingrata no mesmo fogar en que foi criada! Aquí foi onde a tomei para amparala no meu desgraciado peito, que aínda sangraba das súas feridas, e aquí tamén onde lle dediquei moitos anos e moita tenrura!
–Polo menos, eu non tiña voz nin voto niso –dixo Estella–, porque cando iso ocorreu apenas podía falar e andar. Non podía facer nada máis. Pero que esperaba vostede de min? Foi vostede moi boa comigo e débollo todo. Que quere agora?
–Amor –contestou a outra.
–Xa o ten vostede.
–Non –contestou a señorita Havisham.
–É vostede a miña nai adoptiva –replicou Estella sen abandonar a súa graciosa actitude e sen levantar a voz como facía a súa interlocutora, é dicir, sen deixarse arrastrar pola cólera ou pola tenrura–. É vostede a miña nai adoptiva, e xa dixen que llo debo todo. Canto posúo, perténcelle libremente. Canto me deu, poderá recobralo así que o ordene. Logo diso, xa non teño nada. E agora pídeme que lle devolva o que xamais me deu? A miña gratitude e o meu deber non poden facer imposibles.
–Que non a amei nunca? –exclamou a señorita Havisham volvéndose dolorida cara a min–. Que non lle dediquei o meu ardente amor, sempre cheo de celos e de dor? É posible que agora me fale así? Estou vendo que vai chamarme tola.
–Como podería facelo –replicou Estella– e como podería crela a vostede tola, entre todas as demais persoas? Seica existe alguén que, coma min, coñeza tan ben os decididos propósitos de vostede? Seica alguén sabe mellor ca min a extremada memoria que vostede ten? Eu, que sentei ante este mesmo lar, na banquetiña que agora está á beira de vostede, aprendendo as súas leccións e levantando os ollos para ver o seu rostro, cando este tiña unha expresión tan estraña e me asustaba?
–Pronto o esqueciches –exclamou a señorita Havisham con acento de queixa–. Pronto esqueciches aqueles tempos.
–Non, non os esquecín –contestou Estella–, senón, ao contrario, o seu recordo é para min un tesouro. Cando puido vostede observar que eu non seguise as súas ensinanzas? Cando viu que non fixese caso das súas leccións? Cando puido advertir que admitise no meu peito algo que vostede excluíse? Polo menos, sexa xusta comigo.
–Que orgullosa, que orgullosa! –dixo a señorita Havisham con triste acento botando o cabelo gris cara atrás con ambas as mans.
–Quen me ensinou a ser orgullosa? –replicou Estella–. Quen me loou cando aprendín as miñas leccións?
–Que dura de corazón! –engadiu a señorita Havisham repetindo o ademán anterior.
–Quen me ensinou a ser insensible? –contestou Estella.
–Pero orgullosa e dura para min...! –A señorita Havisham gritou estas palabras mentres estendía os brazos–. Estella! Estella! Estella! Es dura e orgullosa para min!
A moza mirouna un momento con apracible estrañeza, pero non demostrou inquietarse por aquelas palabras. E un momento despois volveu mirar o lume.
–Non podo comprender –dixo levantando os ollos logo dun curto silencio– por que é vostede tan pouco razoable cando volvo vela logo dunha separación. Xamais esquecín os seus erros e as causas que os motivaron. Nunca lle fun infiel a vostede nin ás súas ensinanzas. Xamais dei probas de ningunha debilidade da que poida arrepentirme.
–Sería, seica, debilidade corresponder ao meu amor? –exclamou a señorita Havisham–. Pero si, si, ela creríao así.
–Empezo a crer –dixo Estella como falando consigo mesma, tras outro momento de estrañeza pola súa banda– que xa entendo como ocorreu todo isto. Se vostede educase á súa filla adoptiva no escuro retiro destas habitacións, sen darlle a entender que existe a luz do sol, e logo, con algún obxecto, desexase que ela comprendese o que era esa luz e coñecese todo o relacionado con ela, entón vostede se desgustaríase e encolerizaríase.
A señorita Havisham, coa cabeza entre as mans, estaba sentada e profería unha leva queixa, ao mesmo tempo que se mexía lixeiramente sobre o seu asento, pero non contestou.
–Ou ben –continuou Estella–, o que é máis probable, si vostede lle ensinase, desde que empezou a apuntar a súa intelixencia, que no mundo existe algo como a luz do sol, pero que ela había de ser a súa inimiga e a súa destrutora, razón pola cal debería evitala sempre, porque así como a murchou a vostede murcharíaa tamén a ela; se vostede obrase así, e logo, cun obxecto determinado, desexase que aceptase naturalmente a luz do día e ela non puidese facelo, talvez se anoxaría vostede e se encolerizaría.
A señorita Havisham estaba escoitando, ou polo menos así mo pareceu, porque non podía verlle o rostro, pero tampouco deu resposta ningunha.
–Así, pois –seguiu Estella–, debe tomárseme como fun feita. O éxito non é meu; o fracaso, tampouco, e os dous xuntos fixéronme tal como son.
A señorita Havisham sentou no chan, aínda que non sei como o fixo, entre as mustias reliquias nupciais diseminadas por el. Aproveitei aquel momento, que esperara desde un principio, para abandonar a estancia tras chamar a atención de Estella cara á anciá cun movemento da miña man. Cando saín, Estella seguía en pé ante a gran cheminea, do mesmo xeito que antes. O gris cabelo da señorita Havisham estaba esparexido polo chan, entre as demais ruínas nupciais, e o espectáculo resultaba doloroso.
Con deprimido corazón fun pasear á luz das estrelas durante unha hora, máis ou menos, percorrendo o patio e a fábrica de cervexa, así como tamén o abandonado xardín. Cando por fin recobrei ánimo bastante para volver á estancia, atopei a Estella sentada nos xeonllos da señorita Havisham, remendando unha daquelas antigas pezas de roupa que xa caían a pedazos e que recordei moitas veces ao contemplar os farrapos dos vellos estandartes colgados nos muros das catedrais. Máis tarde, Estella e eu xogamos aos naipes, como noutros tempos, aínda que coa diferenza de que agora os dous eramos hábiles e practicabamos xogos franceses. Así transcorreu a velada, e por fin fun deitarme.
Fíxeno na construción separada que había ao outro lado do patio. Era a primeira vez que durmía na casa Satis, e o soño negábase a pechar os meus ollos. Asediábame un milleiro de señoritas Havisham. Ela parecía estar situada á beira da almohada, sobre esta mesma, na cabecera do leito, aos pés, detrás da porta medio aberta do tocador, no mesmo tocador, no cuarto que estaba encima de min e ata no tellado e en todas as partes. Por último, en vista da lentitude con que transcorría a noite, cara ás dúas da madrugada sentinme incapaz de continuar alí e levanteime. Vestinme e crucei o patio, en dirección ao longo corredor de pedra, desexoso de saír ao patio exterior e pasear alí un pouco para tranquilizar a miña mente. Pero apenas estiven no corredor apaguei a candea, pois vin que a señorita Havisham pasaba a pouca distancia, con aspecto espectral e saloucando levemente. Seguina a distancia e vin que subía a escaleira. Levaba na man unha candea sen palmatoria que, probablemente, tomou dun dos candelabros da súa propia estancia, e á súa luz non parecía cousa deste mundo. Quedei na parte inferior da escaleira e sentín o cheiro peculiar do aire confinado da sala do festín, aínda que sen ver que ela abrise a porta; logo oín como entraba alí e que se dirixía á súa propia estancia para volver á sala do festín, pero sempre proferindo o seu leve salouco. Pouco despois, e nas tebras máis profundas, tratei de saír para volver ao meu cuarto; pero non puiden logralo ata que os primeiros resplandores da aurora me deixaron ver onde poñía as mans. Durante todo aquel intervalo, cada vez que chegaba á parte inferior da escaleira oía os pasos da señorita Havisham, vía pasar o resplandor da candea que levaba e oía a súa incesante e débil salouco.
Ao día seguinte, antes de marcharnos, non puiden notar que se reproducise no máis mínimo a disensión entre ela e Estella, nin tampouco se repetiu en ningunha ocasión similar, e, polo menos, recordo catro visitas. Tampouco cambiaron de ningún xeito os modos da señorita Havisham con respecto a Estella, fóra de que me pareceu advertir certo temor confundido coas súas características anteriores.
É imposible volver esta folla da miña vida sen estampar nela o nome de Bentley Drummle; de poder facelo, suprimiríao con gusto.
En certa ocasión, cando os Pimpíns celebraban unha reunión solemne, e cando se brindou do modo usual para desexar a maior harmonía entre todos, aínda que ningún llelo manifestaba aos seus compañeiros, o Pimpín que presidía chamou á orde á «Enramada», posto que o señor Drummle non brindara aínda por ningunha dama; o cal lle correspondía facer aquel día, de acordo coas solemnes constitucións da sociedade. Pareceume que me miraba con certa burla mentres os vasos circulaban por entre a reunión, pero iso non era de estrañar dado o estado das nosas relacións anteriores. Cal non sería, pois, a miña sorpresa e a miña indignación cando anunciou aos reunidos que ía brindar por Estella.
–Que Estella? –preguntei.
–Non lle importa –replicou Drummle.
–Estella que? –repetín–. Está vostede obrigado a dicir de onde é esa señora.
E, en efecto, como Pimpín que era, estaba obrigado.
–É de Richmond, cabaleiros –dixo Drummle contestando indirectamente á miña pregunta–, e unha beleza sen par.
–Moito saberá de belezas sen par ese miserable idiota –murmurei ao oído de Herbert.
–Eu coñezo a esa señorita –dixo este en canto se pronunciou o brinde.
–De verdade? –preguntou Drummle.
–E eu tamén –engadín, co rostro encarnado.
–De verdade? –repetiu Drummle–. Vaites!
Esta era a única resposta, exceptuando o tirar vasos ou louza, que aquel rapazote era capaz de dar; pero irritoume tanto coma se fose tan enxeñosa como maligna, e inmediatamente púxenme en pé, dicindo que era un atrevemento indigno brindar por unha dama á que non coñecía e da que nada sabía. Entón o señor Drummle levantouse, preguntándome que quería dicir. E eu dirixinlle a grave resposta de que el xa sabía onde podería atoparme.
Tras isto houbo divididas opinións entre os Pimpíns acerca de se era posible ou non terminar o asunto apraciblemente. E a discusión empeñouse de tal xeito que polo menos outros seis membros honorables dixeron a outros tantos que xa sabían onde poderían atopalos. Con todo, decidiuse por fin que a «Enramada» era unha especie de tribunal de honor; que se o señor Drummle presentaba unha proba, por pequena que fose, da dama en cuestión, manifestando que tivera o honor de coñecela, o señor Pip debería presentar as súas escusas pola vehemencia das súas palabras, como corresponde a un cabaleiro e a un Pimpín. Fixouse o día seguinte para presentar tal proba, pois en caso contrario poderíase arrefriar o noso honor, e, en efecto, Drummle apareceu cunha cortés confesión escrita por Estella na cal dicía que tivera o honor de bailar con el algunhas veces. Isto non me deixou máis recurso que presentar as miñas escusas pola miña vehemencia e retirar as miñas palabras de que xa sabía Drummle onde podería atoparme. Mentres a «Enramada» discutía acerca do caso, Drummle e eu quedamos mirándonos e gruñíndonos un a outro durante unha hora, ata que á fin se deu por terminado o asunto.
Refíroo agora lixeiramente, pero entón non tiña para min tal aspecto, porque non podo expresar dun modo adecuado a dor que me produciu a soa idea de que Estella lle concedese o máis pequeno favor a un individuo tan estúpido e desagradable como aquel. E aínda agora mesmo creo que tal sentimento, pola miña banda, se debías só á xenerosidade do meu amor por ela e que iso era o que me facía lamentar que se fixase naquel imbécil. Sen dúbida sentiríame desgraciado calquera que fose a persoa a quen ela favorecese, pero tamén é seguro que un individuo máis digno me causaría un grao de dor bastante diferente.
Foime fácil convencerme, e pronto o descubrín, de que Drummle empezara a cortexar a Estella e que ela lle permitía facelo. Había xa algún tempo que non a deixaba nin a sol nin a sombra, e el e eu cruzabámonos todos os días. Drummle seguía cortexándoa coa maior insistencia e teimosía, e Estella permitíalle continuar; ás veces dáballe alento, outras parecía rexeitalo, outras afagábao, en ocasións desprezábao abertamente e nalgunhas circunstancias recoñecíao con gusto, namentres que, noutras, apenas parecía recordar quen era.
A Araña, como o señor Jaggers lle chamaba, estaba afeita á espreita e tiña a paciencia propia deses repugnantes animais. Ademais, tiña unha teimuda e estúpida confianza no seu diñeiro e na grandeza da súa familia, o cal ás veces lle era beneficioso e equivalía á concentración de intencións e a propósitos decididos. Así, a Araña cortexaba coa maior obstinación a Estella, afastando outros insectos moito máis brillantes, e con frecuencia abandonaba o seu escondedoiro e aparecíase no momento máis oportuno.
Nun baile particular que se deu en Richmond, pois naquela época adoitaban celebrarse esas festas, e no cal Estella conseguiu deixar en segundo termo a todas as demais belezas, aquel desvergonzado de Drummle case non se apartou do seu lado, con gran tolerancia por parte dela, e iso decidiume a falarlle á moza con respecto a el. Aproveitei a primeira oportunidade, que se presentou cando Estella esperaba á señora Brandley para que a acompañase á casa. Entón, Estella estaba sentada fronte a algunhas flores e disposta xa a saír. Eu achábame ao seu lado, porque adoitaba acompañala á ida e á volta de semellantes festas.
–Está vostede cansa, Estella?
–Un pouco, Pip.
–É natural.
–Diga vostede que sería máis natural que non o estivese, porque antes de deitarme teño que escribir a miña carta á señorita Havisham.
–Para referirlle o triunfo desta noite? –dixen eu–. Non é moi afagador, Estella.
–Que quere vostede dicir? Que eu saiba, non tiven ningún éxito.
–Estella –dixen–, faga o favor de mirar a aquel suxeito que hai naquel recuncho e que non nos quita os ollos de encima.
–Para que quere que o mire? –dixo Estella fixando, pola contra, os seus ollos en min–. Que hai de notable nese suxeito do recuncho, como vostede di, para que o mire?
–Precisamente esa é a pregunta que quería dirixirlle –dixen–. Estivo roldándoa toda a noite.
–O caruncho e toda sorte de animais desagradables –contestou Estella dirixíndolle unha mirada– adoitan revoar arredor dunha candea acesa. Pode evitalo a candea?
–Non –contestei–. Pero non podería evitalo Estella?
–Quen sabe! –contestou–. Talvez si. Si. Todo o que vostede queira.
–Faga o favor de escoitarme, Estella. Non sabe vostede canto me apena ver que alenta a un home tan desprezado por todo o mundo como Drummle. Xa sabe vostede que todos o desprezan.
–E que? –dixo ela.
–Xa sabe vostede tamén que é tan torpe por dentro como por fóra. É un individuo estúpido, de mal carácter, de baixas inclinacións e verdadeiramente degradado.
–E que? –repetiu.
–Xa sabe que non ten outra cousa máis que diñeiro e unha ridícula lista de ascendentes.
–E que? –volveu repetir. E cada vez que pronunciaba estas dúas palabras abría máis os ollos. Para vencer a dificultade de que me contestase sempre con aquela curta expresión, eu repetín tamén:
–E que? Pois iso, precisamente, é o que me fai desgraciado.
De crer entón que favorecía a Drummle coa idea de facerme desgraciado a min, sentiría eu certa satisfacción; pero, seguindo o sistema habitual nela, afastoume de tal xeito do asunto, que non puiden crer certa a miña sospeita.
–Pip –dixo Estella mirando ao redor–. Non sexa vostede parvo nin se deixe impresionar pola miña conduta. Talvez estea encamiñada a impresionar a outros e quizais esta sexa a miña intención. Non paga a pena falar diso.
–Engánase vostede –repliquei–, porque me sabe moi mal que a xente diga que derrama vostede as súas grazas e os seus atractivos no máis despreciable de todos cantos hai aquí.
–Pois a min non me importa –dixo Estella.
–Oh Estella, non sexa vostede tan orgullosa nin tan inflexible!
–De modo que me chama vostede orgullosa e inflexible, e hai un momento reprochábame que fixase a miña atención nese imbécil?
–Non hai dúbida de que o fai vostede así –dixen con certo apresuramento–, porque esta mesma noite vina sorrirlle e miralo como xamais me sorriu nin mirou a min.
–Quere vostede, pois –replicou Estella coa maior seriedade e nada encolerizada–, que o engane como engano aos demais?
–Seica o quere enganar a el, Estella?
–Non só a el, senón tamén a outros moitos..., a todos, menos a vostede... Aquí está a señora Brandley. Agora non quero volver falar diso.
E agora que dediquei un capítulo ao tema que de tal modo enchía o meu corazón e que con tanta frecuencia o deixaba dolorido, poderei proseguir para tratar do acontecemento que tanta influencia había de ter para min e para o cal empezara a prepararme antes de saber que no mundo existía Estella, nos días en que a súa intelixencia infantil estaba recibindo as súas primeiras distorsións por parte da señorita Havisham.
No conto oriental, a pesada lousa que había de caer sobre o maxestoso sepulcro dun conquistador era lentamente sacada da canteira; o buraco destinado á corda que había de sostela abríase a través de leguas de rocha; a lousa foi lentamente levantada e encaixada no teito; pasouse a corda e foi levada a través de moitas millas de buraco ata atala á enorme cadeira de ferro. E tras deixalo todo disposto a forza de moito traballo, chegou a hora sinalada; o sultán levantouse no máis profundo da noite, empuñou a machada que había de servir para separar a corda do anel de ferro, golpeou con ela e a corda separouse, afastándose, e caeu o teito. Así ocorreu no meu caso. Todo o traballo, próximo ou afastado, que tendía ao mesmo fin, realizárase xa. Nun momento deuse o golpe, e o tellado do meu castelo esborrallouse sobre min.