27 de abr de 2012

Capítulo 59

Por espazo de once anos non vira a Joe nin a Biddy cos ollos do corpo, aínda que con moita frecuencia estiveran presentes ante os da miña alma. Unha noite de decembro, unha hora ou dúas despois de escurecer, apoiei suavemente a man no picaporte da vella porta da cociña. Fíxeno con tanta suavidade que non me oíu ninguén, e, sen que se desen conta da miña presenza, mirei ao interior. Alí, fumando a súa pipa no lugar acostumado ante a luz do lume, tan forte e tan robusto como sempre, aínda que cos cabelos grises, estaba Joe; e, protexido nun recuncho pola perna deste e sentado na miña banquetiña, vin que, mirando ao lume, estaba... eu mesmo, de novo?
–Démoslle o nome de Pip en recordo teu –dixo Joe, alegre en extremo, cando eu sentei noutra banqueta a carón do neno (aínda que me gardei moi ben de repenarlle o cabelo)– e esperamos que se parecerá bastante a ti.
Así pensaba eu tamén, e á mañá seguinte leveino a dar un paseo. Falamos moito, e mutuamente comprendémonos á perfección. Logo leveino ao cemiterio, fíxeno sentar en determinada tumba e el mostroume desde aquel lugar a lousa consagrada á memoria de «Philip Pirrip, último que levou tal nome na parroquia, e tamén Georgiana, esposa do anterior».
–Biddy –dixen ao falar con ela despois de comer e mentres o seu filliño durmía no seu colo–. É preciso que me deas a Pip, ou mo prestes.
–De ningún modo –contestou Biddy cariñosamente–. É preciso que cases.
–O mesmo me din Herbert e Clara, pero eu non son da mesma opinión, Biddy. Establecinme xa na súa casa dun modo tan permanente que non é fácil que isto ocorra. Son un solteirón a perpetuidade.
Biddy mirou o neno, levou a súa manciña aos beizos e logo, coa mesma man bondadosa, tocou a miña. Naquela acción e na lixeira presión do anel de voda de Biddy houbo algo que en si era moi elocuente.
–Querido Pip –dixo Biddy–, estás seguro de non sentirte anoxado con ela?
–Oh, non! Paréceme que non, Biddy.
–Dimo como a unha antiga amiga. Esquecíchela xa?
–Querida Biddy, non esquecín na miña vida nada que se relacionase con este lugar. Pero aquel pobre soño, como adoitaba chamalo, desapareceu por completo.
Porén, aínda mentres dicía estas palabras estaba convencido do meu desexo secreto de volver visitar o lugar en que existira a antiga casa, e en recordo dela. Si: en recordo de Estella.
Soubera que a súa vida era moi desgraciada; que se separara do seu marido, que a trataba coa maior crueldade e que chegou a ser famoso polo seu orgullo, a súa avaricia, a súa brutalidade e a súa baixeza. Tamén souben da morte do seu marido por mor dun accidente debido ao mal trato que deu a un cabalo. Esta liberación de Estella ocorreu dous anos antes e, segundo sabía, volvera casar.
Como na casa de Joe se comía cedo, tiña tempo máis que suficiente, sen necesidade de apresurar o momento de charla con Biddy, para ir facer a visita desexada antes de que escurecese. Pero como me entretiven moito polo camiño, mirando cousas que recordaba e pensando nos tempos pasados, declinaba xa o día cando cheguei alí.
Xa non existía a casa, nin a fábrica de cervexa, nin construción ningunha, fóra da tapia do antigo xardín. O terreo fora rodeado cunha mala cerca, e mirando por encima dela observei que parte da antiga hedra crecía verde e fresca sobre as moreas de ruínas. Como a porta desa cerca estaba entreaberta, acabeina de abrir e penetrei no recinto.
Unha néboa fría e prateada envolvía o atardecer, e a lúa non saíra para disipala. Pero as estrelas brillaban alén da néboa e saía xa a lúa, de modo que a noite non era escura. Distinguín perfectamente onde estivera a antiga casa, a fábrica de cervexa, as portas e os barrís. Tras isto e cando miraba a abatida cerca do xardín, vin nel unha figura solitaria.
Esta pareceu descubrirme tamén mentres eu avanzaba. Ata entón fórase achegando, pero logo quedou quieta. Eu aproximeime e deime de conta de que era unha muller. E, ao achegarme máis, estivo a piques de afastarse, pero por fin detívose, permitíndome chegar ao seu lado. Logo, coma se estivese moi sorprendida, pronunciou o meu nome, e eu, ao recoñecela, exclamei:
–Estella!
–Estou moi cambiada. Estráñame que me recoñeza vostede.
En realidade, perdera a louzanía da súa beleza, pero aínda conservaba a súa indescritible maxestade e o seu extraordinario encanto. Eses atractivos xa os coñecía, pero o que nunca vira noutros tempos era a luz suavizada e entristecida daqueles ollos, antes tan orgullosos, e o que nunca sentíra noutro tempo foi o contacto amigable daquela man, antes insensible.
Sentamos nun banco próximo, e entón dixen:
–Logo de tantos anos é realmente estraño, Estella, que volvamos atoparnos no mesmo lugar en que nos vimos por vez primeira. Vén vostede aquí a miúdo?
–Desde entón non volvera.
–Eu tampouco.
A lúa empezou a levantarse, e recordoume aquela plácida mirada ao teito branco, que xa pasara, e recordei tamén a presión na miña man en canto pronunciei as últimas palabras que el oíu neste mundo.
Estella foi a primeira en romper o silencio que reinaba entre nós.
–Moitas veces esperara, propoñéndome volver, pero impedíronmo numerosas circunstancias. Pobre, pobre lugar este!
A prateada néboa estaba xa iluminada polos primeiros raios de luz da lúa, que tamén iluminaban as bágoas que derramaban os seus ollos. Entón, ignorando que eu as vía e ladeándose para ocultalas, engadiu:
–Preguntábase vostede, seica, mentres paseaba por aquí, como chegou a transformarse este lugar?
–Si, Estella.
–O terreo perténceme. É a única posesión que non perdín. Todo o demais foime arrebatado aos poucos; pero puiden conservar isto. Foi o obxecto da única resistencia resolta que cheguei a facer nos miserables anos pasados.
–Vai construírse algo aquí?
–Si. E vin a darlle a miña despedida antes de que ocorra este cambio. E vostede –engadiu con voz tenra para unha persoa que, coma min, vivía errante–, vive vostede aínda no estranxeiro?
–Si.
–Vaille ben?
–Traballo bastante, pero gaño a vida e, daquela..., si, si, vaime ben.
–Moitas veces pensei en vostede –dixo Estella.
–De verdade?
–Ultimamente con moita frecuencia. Pasou un tempo moi longo e moi desagradable, cando quixen afastar da miña memoria o recordo do que desdeñei cando ignoraba o seu valor; pero, a partir do momento en que o meu deber non foi incompatible coa admisión deste recordo, deille un lugar no meu corazón.
–Pois vostede sempre ocupou un sitio no meu –contestei.
Gardamos novamente silencio, ata que ela falou, dicindo:
–Pouco me figuraba que me despediría de vostede ao despedirme deste lugar. Alégrome moito de que sexa así.
–Alégrase de que nos despidamos de novo, Estella? Para min, as despedidas son sempre penosas. Para min, o recordo da nosa última despedida foi sempre triste e doloroso.
–Vostede díxome –replicou Estella con moita vehemencia–: «Deus a bendiga e a perdoe!» E se entón puido dicirme iso, xa non terá inconveniente en repetirmo agora, agora que o sufrimento foi máis forte que todas as demais ensinanzas e me fixo comprender o que era o seu corazón. Sufrín moito; mais creo que, grazas a iso, son mellor agora do que era antes. Sexa considerado e bo comigo, como o foi noutro tempo, e dígame que seguimos sendo amigos.
–Somos amigos –dixen levantándome e inclinándome cara a ela cando se levantaba á súa vez.
–E continuaremos sendo amigos, aínda que vivamos lonxe un do outro –dixo Estella.
Eu tomeille a man e saímos daquel abatido lugar. E así como as néboas da mañá se levantaron, tantos anos atrás, cando saín da fragua, do mesmo xeito as néboas da tarde se levantaban agora, e na dilatada extensión de luz tranquila que me mostraron, xa non vin a sombra dunha nova separación entre Estella e eu.

Fin

Nenhum comentário:

Postar um comentário