21 de fev. de 2012

Capítulo 37


Parecéndome que o domingo era o mellor día para escoitar as opinións do señor Wemmick en Walworth, dediquei o seguinte domingo pola tarde a facer unha peregrinación ao castelo. Ao chegar ante as murallas ameadas observei que ondeaba a bandeira inglesa e que a ponte estaba levantada, pero, sen amilanarme por aquela mostra de desconfianza e de resistencia, chamei á porta e fun pacificamente admitido polo ancián.
–O meu fillo, cabaleiro –dixo o vello tras levantar a ponte–, xa imaxinaba que vostede viría e deixoume o encargo de que volvería pronto do seu paseo. O meu fillo pasea con moita regularidade. É home de hábitos moi ordenados en todo.
Eu inclinei a cabeza cara ao ancián cabaleiro, do mesmo xeito que podería facer Wemmick, e logo entramos e sentámonos ante o lume.
–Indubidablemente, cabaleiro –dixo o ancián coa súa voz aguda, mentres quentaba as mans ante a chama–, coñeceu vostede ao meu fillo na súa oficina, non é verdade?
–Eu movín a cabeza afirmativamente.
–Ah! –engadiu o vello–. Oín dicir que o meu fillo é un home notable nos negocios. Non é certo? –Eu afirmei cun enérxico movemento de cabeza–. Si, así mo dixeron. Teño entendido que se dedica a asuntos xurídicos. –Eu volvín afirmar con máis forza–. E o que máis me sorprende no meu fillo –continuou o ancián –é que non recibiu educación adecuada para as leis, senón para a tonelería.
Desexoso de saber que informes recibira o ancián cabaleiro acerca da reputación do señor Jaggers, con toda a miña forza berreille este nome ao oído, e deixoume moi confuso advertir que se botaba a rir de boa gana e me contestaba alegremente:
–Sen ningunha dúbida, non; ten vostede razón.
E aínda non teño a menor idea do que quería dicirme ou que broma entendeu el que lle comunicaba.
Como non podía permanecer alí indefinidamente movendo con enerxía a cabeza e sen tratar de interesalo dalgún modo, berreille unha pregunta encamiñada a saber se tamén as súas ocupacións se dedicaran á tonelería. E a forza de repetir varias veces esta palabra e de golpear o peito do ancián para darlla a entender, conseguín que por fin me comprendese.
–Non –dixo o meu interlocutor–. Dediqueime á almacenaxe. Primeiro, alá –engadiu sinalando cara á cheminea, aínda que creo que quería indicar Liverpool–, e logo, aquí, na City de Londres. Con todo, como tiven unha enfermidade..., porque son de oído moi duro, cabaleiro... –Eu, coa miña pantomima, expresei o maior asombro–. Si, teño o oído moi duro; e cando se apoderou de min esta enfermidade, o meu fillo dedicouse aos asuntos xurídicos. Tomoume ao seu cargo e, pouquiño a pouco, foi construíndo esta posesión tan fermosa e elegante. Pero, volvendo ao que vostede dixo –proseguiu o ancián botándose a rir alegremente outra vez–, contéstolle que, sen ningunha dúbida, non. Ten vostede razón.
Eu estrañábame modestamente acerca do que el podería entender, que tanto o divertía, cando me sobresaltou un repentino ruido na parede, ao carón da cheminea, e observar que se abría un porteliño de madeira en cuxa parte interior estaba pintado o nome de «John». O ancián, seguindo a dirección da miña mirada, exclamou triunfante:
–O meu fillo acaba de chegar á casa.
E ambos saímos en dirección á ponte levadiza. Valía calquera cousa ver a Wemmick saudándome desde o outro lado da gabia, malia que poderiamos darnos a man coa maior facilidade por riba dela. O ancián, moi satisfeito, baixaba a ponte levadiza, e gardeime de ofrecerlle a miña axuda ao advertir o gozo que iso lle proporcionaba. Por iso quedei quedo ata que Wemmick atravesou a prancha e me presentou á señorita Skiffins, que entón o acompañaba.
A señorita Skiffins parecía ser de madeira, e, como o seu compañeiro, pertencía sen ningunha dúbida ao servizo de correos. Talvez tería dous ou tres anos menos que Wemmick, e deseguido observei que tamén gustaba de levar obxectos de valor, facilmente transportables. O corte da súa blusa desde a cintura para arriba, tanto por diante como por detrás, facía que a súa figura fose moi semellante ao papaventos dun cativo; ademais, levaba unha saia de cor alaranxada e luvas dun ton verde intenso. Pero parecía boa muller e demostraba ter moitas consideracións para co ancián. Non tardei moito en descubrir que concorría con frecuencia ao castelo, porque ao entrar nel, mentres eu cumprimentaba a Wemmick polo seu enxeñoso sistema de anunciarse ao ancián, rogoume que fixase a miña atención por un momento no outro lado da cheminea e desapareceu. Pouco despois oíuse outro ruído semellante ao que me sobresaltou e abriuse outro porteliño no cal estaba pintado o nome da señorita Skiffins. Entón esta pechou o portelo que acababa de abrirse e apareceu de novo o nome de John; logo apareceron os dous á vez, e finalmente ambos portelos quedaron pechados. En canto regresou Wemmick de facer funcionar aqueles avisos mecánicos, expreseille a admiración que me causou, e el contestou:
–Xa comprenderá vostede que iso é, á vez, agradable e divertido para o ancián. E ademais, cabaleiro, hai un detalle moi importante, e é que malia a moita xente que atravesa esta porta, o segredo deste mecanismo non o coñece ninguén máis que o meu pai, a señorita Skiffins e eu.
–E todo o fixo o señor Wemmick –engadiu a señorita Skiffins–. El inventou o aparatiño e construíuno coas súas mans.
Mentres a señorita Skiffins quitaba o gorro (aínda que conservou as luvas verdes durante toda a noite, como sinal exterior de que había visita), Wemmick invitoume a dar unha volta pola posesión, a fin de contemplar o aspecto da illa durante o inverno. Supoñendo que o facía con obxecto de darme a oportunidade de coñecer as súas opinións de Walworth, aproveitei a circunstancia tan pronto como saímos do castelo.
Como reflexionara coidadosamente acerca deste particular, empecei a tratar do asunto coma se fose completamente novo para el. Informei a Wemmick de que quería facer algo en favor de Herbert Pocket, referíndolle, de paso, o noso primeiro encontro e a nosa pelexa. Tamén lle dei conta da casa de Herbert e do seu carácter, e mencionei que non tiña outros medios de subsistencia que os que podía proporcionarlle o seu pai, incertos e nada puntuais. Aludín ás vantaxes que me proporcionou o seu trato, cando eu tiña a natural rudeza e o descoñecemento da sociedade, propios da vida que levei durante a miña infancia, e confeseille que ata entón llo pagara bastante mal e que talvez o meu amigo se abrise paso con máis facilidade sen min e sen as miñas esperanzas. Deixei á señorita Havisham en segundo termo e expresei a posibilidade de que eu prexudicase ao meu amigo nos seus proxectos, pero que este posuía unha alma xenerosa e estaba moi por encima de toda desconfianza baixa e de calquera conduta indigna. Por todas estas razóns, díxenlle a Wemmick, e tamén por ser o meu amigo e compañeiro, a quen quería moito, desexaba que a miña boa fortuna reflectise algúns raios sobre el e, por conseguinte, buscaba consello na experiencia de Wemmick e no seu coñecemento dos homes e dos negocios, para saber como podería axudar cos meus recursos a Herbert, por exemplo cun cento de libras por ano, a fin de cultivar nel o optimismo e o bo ánimo e adquirir no seu beneficio, dun modo gradual, unha participación nalgún negocio. En conclusión, rogueille a Wemmick que tivese en conta que o meu auxilio debería prestarse sen que Herbert o soubese nin o sospeitase, e que a ninguén máis que a el tiña no mundo para que me aconsellase achega. Pousei a man sobre o ombreiro do meu interlocutor e terminei dicindo:
–Non podo remedialo, pero confío en vostede. Comprendo que iso lle causará algunha molestia, pero a culpa é súa por invitarme a vir á súa casa.
Wemmick quedou en silencio durante uns momentos, e logo, como sobresaltándose, dixo:
–Pois ben, señor Pip, hei de dicirlle unha cousa, e é que iso demostra que é vostede unha excelente persoa.
–En tal caso, espero que me axudará vostede a ser bo –contestei.
–Vaites! –replicou Wemmick meneando a cabeza–. Ese non é o meu oficio.
–Nin tampouco aquí é onde traballa vostede –repliquei.
–Ten vostede razón –dixo–. Deu vostede no cravo. Se non me equivoco, señor Pip, creo que o que vostede pretende pode facerse dun modo gradual. Skiffins, é dicir, o irmán dela, é axente e perito en contabilidade. Irei velo e tratarei de que faga algo no seu obsequio.
–Non sabe canto llo agradezo.
–Pola contra –dixo–, eu doulle as grazas, porque aínda cando aquí falamos dun modo confidencial e privado, pode dicirse que aínda estou envolvido por algunhas das arañeiras de Newgate e iso axúdame a quitalas.
Logo de falar un pouco máis deste particular regresamos ao castelo, onde atopamos á señorita Skiffins ocupada en preparar o té. A misión, chea de responsabilidades, de facer as torradas, foi delegada no ancián, e aquel excelente cabaleiro dedicábase con tanta atención a iso que non parecía senón que estivese en perigo de que se lle derretesen os ollos. A refección que iamos tomar non era nominal, senón unha vigorosa realidade. O ancián preparou unha morea tan grande de torradas con manteiga que apenas puiden velo por encima mentres a manteiga fervía lentamente no pan, situado nun estante de ferro suspendido sobre o lume, namentres a señorita Skiffins facía tal cantidade de té que ata o porco, que se achaba na parte posterior da propiedade, pareceu excitarse enormemente, e repetidas veces expresou o seu desexo de participar na velada.
Arriárase a bandeira e disparouse o canón no momento de costume. E eu sentinme tan afastado do mundo exterior coma se a gabia tivese trinta pés de ancho e outros tantos de profundidade. Nada alteraba a tranquilidade do castelo, a non ser o ruido producido polos portelos que poñían ao descuberto os nomes de John e da señorita Skiffins. E aqueles portelos parecían presa dunha enfermidade espasmódica, que chegou a molestarme ata que me afixen a eles. A xulgar pola natureza metódica dos movementos da señorita Skiffins, sentín a impresión de que ía todos os domingos ao castelo para facer o té; e ata cheguei a sospeitar que o broche clásico que levaba, representando o perfil dunha muller de nariz moi recto e unha lúa nova, era un obxecto de valor fácilmente transportable e regalado por Wemmick.
Comemos todas as torradas e tomamos té en cantidades proporcionadas, de modo que resultou delicioso o advertir o quentes e graxentos que quedamos ao terminar. Especialmente o ancián, podería pasar polo vello xefe dunha tribo salvaxe tras untarse de graxa. Tras unha curta pausa de descanso, a señorita Skiffins, en ausencia da criadiña, que seica se retiraba os domingos pola tarde ao seo da súa familia, lavou as cuncas, os pratos e as culleriñas como podería facelo unha dama afeccionada a isto, de modo que non nos causou ningunha sensación repulsiva. Logo volveu poñer as luvas mentres os demais sentabamos arredor do lume e Wemmick dicía:
–Agora, pai, léanos o xornal.
Wemmick explicoume, mentres o ancián ía na procura dos anteollos, que aquilo estaba de acordo cos costumes da casa e que o ancián cabaleiro sentía o maior pracer lendo en voz alta as noticias do xornal.
–Hai que perdoarllo –terminou dicindo Wemmick–, pois o pobre non pode gozar con moitas cousas. Non é verdade, pai?
–Está ben, John, está ben –replicou o ancián, observando que o seu fillo lle falaba.
–Mentres el lea, fagan de cando en vez un movemento de afirmación coa cabeza –recomendou Wemmick–; así farano tan feliz como un rei. Todos escoitamos, pai.
–Está ben, John, está ben –contestou o alegre vello, en aparencia tan desexoso e tan compracido de ler que ofrecía un espectáculo moi grato.
O modo de ler do ancián recordoume as clases da escola da tía avóa do señor Wopsle, pero tiña a agradable particularidade de que a voz parecía pasar a través do buraco da pechadura. O vello necesitaba que lle achegasen as candeas, e como sempre estaba a piques de poñer encima da chama a súa propia cabeza ou o xornal, era preciso ter tanto coidado coma se se achegase unha luz a un depósito de pólvora. Pero Wemmick mostrábase incansable e cariñoso na súa vixilancia, e así o vello puido ler o xornal sen darse de conta das infinitas ocasións en que o salvou de abrasarse. Cada vez que miraba cara a nós, todos expresabamos o maior asombro e extraordinario interese e moviamos enerxicamente a cabeza de arriba abaixo ata que el continuaba a lectura.
Wemmick e a señorita Skiffins estaban sentados un a carón do outro, e como eu permanecía nun recuncho cheo de sombra, observei un lento e gradual alongamento da boca do señor Wemmick, dándome a entender, coa maior claridade, que, ao mesmo tempo, alongaba amodo e gradualmente o seu brazo arredor da cintura da señorita Skiffins. Ao seu debido tempo vin que a man de Wemmick aparecía polo outro lado da súa compañeira; pero naquel momento a señorita Skiffins contívoo coa luva verde, quitoulle o brazo coma se fose unha peza de vestir e, coa maior tranquilidade, obrigouno a poñelo sobre a mesa que tiñan diante. Os modos da señorita Skiffins, mentres facía todo iso, eran unha das cousas máis notables que vin na vida, e ata me pareceu que, ao obrar daquel modo, o facía abstraída por completo, talvez maquinalmente.
Pouco e pouco vin que o brazo de Wemmick volvía desaparecer e que gradualmente se ocultaba. Despois abríase outra vez a súa boca. Tras un intervalo de ansiedade pola miña banda, que me resultaba case penosa, vin que a súa man aparecía no outro lado da señorita Skiffins. Inmediatamente, esta detíñao coa maior placidez, quitaba aquel cinto como antes e deixábao sobre a mesa. Considerando que este moble representase o camiño da virtude, podo asegurar que mentres durou a lectura do ancián, o brazo de Wemmick abandonábao con bastante frecuencia, pero a señorita Skiffins volvíao poñer nel.
Por fin, o vello empezou a ler con voz confusa e somnolenta. Chegara a ocasión de que Wemmick sacase unha xerra, unha bandexa de vasos e unha botella negra con tapón coroado por unha peza de porcelana que representaba unha dignidade eclesiástica de aspecto rubicundo e social. Coa axuda de todo isto, todos puidemos beber algo quente, incluso o ancián, que pronto espertou. A señorita Skiffins fixo a mestura da beberaxe, e entón observei que ela e Wemmick bebían no mesmo vaso. Naturalmente, non me atrevín a ofrecerme para acompañar á señorita Skiffins á súa casa, como ao principio me parecera conveniente facer. Por iso fun o primeiro en marchar, logo de despedirme cordialmente do ancián e de pasar unha agradable velada.
Antes de que transcorrese unha semana recibín unhas liñas de Wemmick, datadas en Walworth, dicindo que esperaba facer algún progreso no asunto que se refería á nosa conversa particular e privada e que tería o mellor pracer en que eu fose velo outra vez. Por iso volvín a Walworth e repetín dúas ou tres veces as miñas visitas, sen contar con que varias veces nos entrevistamos na City, pero nunca me falou do asunto na súa oficina nin preto dela. O feito é que atopara un mozo consignatario, recentemente establecido nos negocios, que necesitaba un auxilio intelixente e tamén algo de capital; ademais, ao cabo de pouco tempo, tería necesidade dun socio. Entre el e eu asinamos un contrato secreto que se refería por completo a Herbert, e entreguei a metade das miñas cincocentas libras, comprometéndome a realizar outros pagos, algúns deles en determinadas épocas, que dependían da data en que cobraría a miña renda, e outros cando me vise en posesión das miñas propiedades. O irmán da señorita Skiffins levou ao seu cargo a negociación; Wemmick estaría informado de todo en calquera momento, pero xamais apareceu como mediador.
Aquel asunto levouse tan ben, que Herbert non tivo a menor sospeita da miña intervención. Xamais esquecerei o seu radiante rostro cando, unha tarde, ao chegar á casa, me dixo, coma se fose unha cousa nova para min, que se puxera de acordo cun tal Clarriker (así se chamaba o comerciante novo) e que este lle manifestara unha extraordinaria simpatía, o cal lle facía crer que, por fin, atopara unha boa oportunidade. Día a día, as súas esperanzas foron maiores e o seu rostro estivo máis alegre. E talvez chegou a imaxinar que eu o quería dun modo extraordinario porque tiven a maior dificultade en conter as bágoas de triunfo ao velo tan feliz. Cando todo estivo listo e el entrou na casa de Clarriker, o cal foi causa de que durante unha velada non me falase doutra cousa, eu boteime a chorar ao deitarme, dicíndome que as miñas esperanzas lle foran por fin útiles a alguén.
Nesta época da miña vida ocorreume un feito da maior importancia que cambiou o seu curso por completo. Pero antes de proceder a narralo e de tratar dos cambios que me trouxo, debo dedicar un capítulo a Estella. Non é moito dedicalo ao tema que de tal xeito enchía o meu corazón.

19 de fev. de 2012

Capítulo 36

Herbert e eu iamos de mal a peor no tocante ao aumento das nosas débedas. De cando en vez examinabamos os nosos asuntos, deixabamos marxes e faciamos outros arranxos igualmente exemplares. Pasou o tempo tanto se nos gustaba coma se non, segundo ten por costume, e eu cheguei á miña maioría de idade, cumpríndose a predicción de Herbert de que me ocorrería iso antes de darme conta.
Tamén Herbert chegara xa á súa maioría de idade, oito meses antes ca min. E como en tal ocasión non ocorreu outra cousa, aquel acontecemento non causou unha sensación profunda na Pousada de Barnard. Pero, en cambio, esperabamos ambos o meu vixésimo primeiro aniversario coa maior ansiedade e forxándonos toda sorte de esperanzas, porque os dous tiñamos a seguridade de que o meu titor non podería deixar de dicirme algo preciso naquela ocasión.
Tiven o maior coidado de avisar en Little Britain o día do meu aniversario. O anterior a esta data recibín un aviso oficial de Wemmick comunicándome que o señor Jaggers tería o maior gusto en recibirme ás cinco da tarde aquel sinalado día. Isto convenceunos de que ía ocorrer algo importante, e eu estaba moi emocionado cando acudín á oficina do meu titor con exemplar puntualidade.
No despacho exterior, Wemmick felicitoume e, incidentalmente, fregou un lado do nariz cun paquetiño de papel de seda, cuxo aspecto me gustou bastante. Pero nada dixo con respecto a el, e cun aceno indicoume a conveniencia de entrar no despacho do meu titor. Corría o mes de novembro, e o señor Jaggers estaba ante o lume, apoiando as costas na cheminea, coas mans debaixo dos faldóns da levita.
–Ben, Pip –dixo–. Hoxe hei de chamarlle señor Pip. Felicítoo, señor Pip. –Estreitámonos a man, e hei de facer notar que el o facía sempre con moita rapidez. Logo deille as grazas–. Tome unha cadeira, señor Pip –dixo o meu titor.
Mentres eu sentaba, el conservou a súa actitude e inclinou as cellas cara ás súas botas, o cal me pareceu unha desvantaxe pola miña banda, recordándome a ocasión en que me vin tendido sobre unha lápida. As dúas espantosas máscaras non estaban lonxe do meu interlocutor, e a súa expresión era coma se ambas fixesen unha tentativa estúpida e propia dun apoplético para intervir na conversa.
–Agora, mozo amigo –empezou dicindo o meu titor coma se eu fose unha testemuña ante o tribunal–, vou dicirlle un par de palabras.
–Como vostede guste, cabaleiro.
–Dígame ante todo –continuou o señor Jaggers, inclinándose cara adiante para mirar ao chan e levantando daquela a cabeza para contemplar o teito–, dígame se ten idea da cantidade que se lle asignou anualmente para vivir.
–Da cantidade...?
–Si –repetiu o señor Jaggers sen apartar a mirada do teito–, se ten idea da cantidade anual que se lle asignou para vivir.
Dito isto, mirou ao redor da estancia e detívose, tendo na man o pano de peto, a medio camiño do seu nariz. Eu examinara os meus asuntos con tanta frecuencia, que chegara a destruír a máis lixeira noción que puidese ter acerca da pregunta que se me facía. Timidamente confeseime incapaz de contestala, e iso pareceu compracer ao señor Jaggers, que replicou:
–Xa o imaxinaba –e asoouse ruidosamente, coa maior satisfacción–. Eu formuleille unha pregunta, amigo meu –continuou o señor Jaggers–. Ten vostede algo que preguntarme agora a min?
–Desde logo, seríame moi agradable dirixirlle algunhas preguntas, cabaleiro; pero recordo a súa prohibición.
–Fágame unha –replicou o señor Jaggers.
–Acaso hoxe se dará a coñecer o meu benefactor?
–Non. Pregunte outra cousa.
–Faráseme pronto esta confidencia?
–Deixe vostede iso polo momento –dixo o señor Jaggers– e faga outra pregunta.
Mirei ao meu redor, mais en aparencia non había modo de eludir a situación.
–Acaso... acaso hei de recibir algo, cabaleiro?
Ao oír as miñas palabras, o señor Jaggers exclamou triunfante:
–Xa imaxinaba que acabariamos niso.
Chamou a Wemmick para que lle entregase aquel paquetito de papel. O chamado apareceu, deixouno nas súas mans e marchou.
–Agora, señor Pip, fágame o favor de fixarse. Sen que se lle puxese ningún obstáculo, foi vostede pedíndome as cantidades que lle pareceu ben. O seu nome figura con moita frecuencia no libro de caixa de Wemmick. Malia iso, estou persuadido de que ten vostede moitas débedas.
–Non teño máis remedio que confesalo, cabaleiro.
–Non lle pregunto canto debe, porque estou convencido de que o ignora; e se non o ignorase, tampouco mo diría. A cantidade que confesase estaría sempre por baixo da realidade. Si, si, amigo –exclamou o señor Jaggers accionando co seu dedo índice para facerme calar, ao advertir que eu me dispoñía a facer unha lixeira protesta–. Non hai dúbida de que vostede imaxina que non o faría, pero eu estou seguro. Supoño que me dispensará, pero coñezo mellor estas cousas que vostede mesmo. Agora tome vostede este paquetiño. Teno xa? Moi ben. Ábrao e dígame que hai dentro.
–É un billete de nanco –dixen– de cincocentas libras esterlinas.
–É un billete de Banco –repetiu o señor Jaggers– de cincocentas libras esterlinas. Paréceme unha bonita suma. Creo vostede tamén?
–Como podo consideralo doutro xeito?
–Xa! Pero conteste vostede a pregunta –dixo o señor Jaggers.
–Sen dúbida.
–De modo que vostede, sen dúbida, considera que iso é unha bonita suma. Agora, Pip, esa bonita suma de diñeiro é de vostede. É un agasallo que se lle fai neste día, como demostración de que se realizarán as súas esperanzas. E a razón desta bonita suma de diñeiro cada ano, e non maior, terá que vivir ata que apareza o doador de todo. É dicir, que tomará ao seu cargo os seus propios asuntos de diñeiro, e cada trimestre cobrará vostede en Wemmick cento vinte e cinco libras, ata que estea en comunicación coa orixe de todo isto, non co axente, que son eu. Eu cumpro as miñas instrucións e páganme por iso. Todo iso paréceme pouco xuizoso, pero non me pagan por expresar a miña opinión acerca dos seus méritos.
Eu empezaba a expresar a miña gratitude cara ao meu benefactor pola liberalidade con que me trataba, cando o señor Jaggers me interrompeu.
–Non me pagan, Pip –dixo–, para transmitir as súas palabras a persoa ningunha.
Dito isto, levantou os faldóns da levita e quedou mirando, coa cella cargada, para as súas botas, coma se sospeitase que estas abrigaban algún mal designio cara a el. Logo dunha pausa, indiquei:
–Falamos dun asunto, señor Jaggers, que vostede me aconsellou abandonar por un momento. Espero que non fixese nada malo ao preguntarlle acerca diso.
–Que era iso? –dixo.
Podía estar seguro de que xamais me axudaría a pescudar o que me interesaba, de modo que tiven que facer de novo a pregunta, coma se non a formulase anteriormente.
–Cre vostede posible –dixen, tras vacilar un momento– que o meu benefactor, de quen vostede me falou, nun prazo breve...? –e ao dicir isto interrompinme delicadamente.
–Nun prazo breve que? –repetiu o señor Jaggers–. Esa pregunta está incompleta.
–Desexo saber se nun prazo breve virá a Londres –dixen tras buscar con coidado as palabras convenientes–, ou se, pola contra, me chamará para que vaia a algún sitio determinado.
–Pois ben –replicou o señor Jaggers mirándome por vez primeira cos seus escuros e atentos ollos.
–Deberemos recordar a primeira ocasión en que nos vimos na súa mesma vila. Que lle dixen entón, Pip?
–Díxome vostede, señor Jaggers, que talvez pasarían anos enteiros antes de que aparecese esa persoa.
–Precisamente –dixo o señor Jaggers– esa é a resposta que tamén dou agora.
Quedámonos mirándonos un a outro, e notei que se apresuraba o ritmo da miña respiración, desexoso como estaba de obter del algunha outra cousa. E cando vin que respiraba aínda máis rápido e que el se daba conta diso, comprendín que diminuían as probabilidades de pescudar algo máis.
–Cre vostede, señor Jaggers, que aínda transcorrerán algúns anos?
El moveu a cabeza, non para contestar en sentido negativo á miña pregunta, senón para negar a posibilidade de contestala. E as dúas horribles máscaras pareceron mirar entón cara a min, precisamente no mesmo instante en que os meus ollos se volvían a elas, coma se chegasen a unha crise, na súa curiosa atención, e se dispuxesen a espirrar.
–Óiame –dixo o señor Jaggers quentando a parte traseira das pernas co dorso das mans–. Vou falar claramente con vostede, amigo Pip. Esa é unha pregunta que non debe facerse. Comprenderao vostede mellor cando lle diga que é unha pregunta que podería comprometerme. Pero, en fin, vou compracelo e direille algo máis.
Inclinouse un pouco para mirar coa cella cargada as súas botas, de modo que puido acariñar os papos das pernas durante a pausa que fixo.
–Cando esa persoa se dea a coñecer –dixo o señor Jaggers, endereitándose– vostede e ela arranxarán os seus propios asuntos. Cando esa persoa se dea a coñecer, terminará e cesará a miña intervención no asunto. Cando esa persoa se déea a coñecer, xa non terei necesidade de saber nada máis acerca do particular. E isto é todo o que podo dicirlle.
Quedámonos mirándonos un a outro, ata que eu desviei os ollos e quedei mirando, moi pensativo, ao chan. Das palabras que acababa de oír deducín que a señorita Havisham, por unha razón ou outra, non confiara ao meu titor o seu desexo de unirme a Estella; que el estaba resentido e algo celoso por esa causa; ou que, realmente, lle parecía mal semellante proxecto, pero que non podía facer nada para impedilo. Cando de novo levantei os ollos, deime de conta de que estivera mirándome astutamente mentres eu non o observaba.
–Se iso é todo o que ten vostede que dicirme, cabaleiro –observei–, eu tampouco podo dicir nada máis.
Moveu a cabeza en sinal de asentimiento, sacou o reloxo que tanto temor inspiraba aos ladróns e preguntoume onde ía cear. Contestei que na miña propia morada e en compañía de Herbert, e, como consecuencia necesaria, rogueille que nos honrase coa súa compañía. El aceptou inmediatamente a invitación, pero insistiu en acompañarme a pé ata casa, con obxecto de que non fixese ningún preparativo extraordinario con respecto a el; ademais, tiña que escribir previamente unha ou dúas cartas e logo, segundo o seu costume, lavar as mans. Por esta razón díxenlle que sairía á sala inmediatamente e quedaría falando con Wemmick.
O feito é que en canto sentín no meu peto as cincocentas libras esterlinas, presentouse á miña mente un pensamento que tivera xa outras veces, e pareceume que Wemmick era a persoa indicada para aconsellarme acerca daquela idea. Pechara xa a súa caixa forte e terminaba os seus preparativos para emprender a marcha á súa casa. Deixou o seu escritorio, levou as súas dúas palmatorias graxentas e púxoas en liña nun pequeno estante que había xunto á porta, a carón das despabiladeiras, disposto a apagalas; arranxou o lume para que se extinguise; preparou o chapeu e o gabán, e bateu no peito coa chave da caixa, coma se fose un exercicio atlético tras os negocios do día.
–Señor Wemmick –dixen–, querería pedirlle a súa opinión. Teño o maior desexo de servir a un amigo meu.
Wemmick pechou a caixa de correo da súa boca e meneou a cabeza coma se a súa opinión estivese xa formada acerca de calquera fatal debilidade daquel xénero.
–Ese amigo –proseguín– ten desexo de empezar a traballar na vida comercial, pero, como carece de diñeiro, atopa moitas dificultades que o descorazonan xa desde un principio. O que eu quero é axudarlle precisamente neste principio.
–Con diñeiro? –preguntou Wemmick, cun ton moi seco.
–Con algún diñeiro –contestei, recordando de mala gana os paquetiños de facturas que tiña na casa–. Con algo de diñeiro e, talvez, con algún anticipo das miñas esperanzas.
–Señor Pip –dixo Wemmick–, se vostede non ten inconveniente, vou contar cos dedos as varias pontes do Támesis ata Chelsea Reach. Imos ver. A ponte de Londres, unha; a de Southwark, dúas; Blackfriars, tres; Waterloo, catro; Westminster, cinco; Vauxhall, seis –e ao falar así foi contando cos dedos e coa chave da caixa as pontes que acababa de citar–. De modo que xa ve vostede que hai seis pontes para escoller.
–Non o comprendo.
–Pois elixa vostede a que máis lle guste, señor Pip –continuou Wemmick–, vaia vostede a ela e desde o centro da devandita ponte guinde os cartos ao Támesis, e así saberá cal é a súa fin. En cambio, entréguellos vostede a un amigo e talvez tamén poderá saber a fin que teñen, pero desde logo asegúrolle que será menos agradable e menos proveitoso.
Tras dicir isto, abriu tanto a caixa de correo da súa boca que sen dificultade ningunha podería metérselle un xornal enteiro.
–Iso é moi desalentador –dixen.
–Desde logo –contestou Wemmick.
–De modo que, segundo a súa opinión –preguntei, algo indignado–, un home non debe...
–... empregar diñeiro nun amigo? –dixo Wemmick, terminando a miña pregunta–. Dende logo que non. Sempre no caso de que non queira librarse do amigo, porque en tal caso a cuestión redúcese a saber canto diñeiro lle custará desembarazarse del.
–E esa é a súa decidida opinión acerca do particular, señor Wemmick?
–Esa –contestoume– é a opinión que teño na oficina.
–Ah! –exclamei ao advertir a saída que me ofrecía coas súas palabras.
–E sería tamén a súa opinión en Walworth?
–Señor Pip –díxome con grave acento–, Walworth é un sitio e esta oficina outro, do mesmo xeito que o meu ancián pai é unha persoa e o señor Jaggers outra. É preciso non confundilos. Os meus sentimentos de Walworth deben ser expresados en Walworth, e, pola contra, as miñas opinións oficiais han de ser recibidas nesta oficina.
–Perfectamente –dixen, moi aliviado–. Entón, irei velo a Walworth, pode contar con iso.
–Señor Pip –replicou–, será vostede ben recibido alí con carácter particular e privado.
Mantiveramos esta conversa en voz baixa, pois a ambos nos constaba que o oído do meu titor era finísimo. Cando apareceu no marco da porta da súa oficina, secando as mans coa toalla, Wemmick puxo o gabán e situouse a carón das candeas para apagalas. Os tres saímos xuntos á rúa, e, desde o chanzo da porta, Wemmick tomou o seu camiño e o señor Jagger e eu emprendemos o noso.
Máis dunha vez desexei aquela noite que o señor Jaggers tivese un pai ancián na rúa Gerrard, un Stinger ou outra persoa calquera que lle desengruñase un pouco a cella. Parecía moi penoso, o día en que un facía vinte e un anos, que chegar á maioría de idade fose cousa sen importancia nun mundo tan gardado e receoso como sen dúbida el o consideraba. Con seguridade estaba mil veces mellor informado e era máis listo que Wemmick, pero eu tamén preferiría mil veces invitar a este e non a Jaggers. E o meu titor non se limitou a poñerme triste a min só, porque, despois que se marchou, Herbert dixo del, mentres tiña os ollos fixos no chan, que lle producía a impresión de que o meu titor cometera algunha felonía e esquecera os detalles; tan culpable e anonadado parecía.

14 de fev. de 2012

Capítulo 35

Aquela era a primeira vez que se abría unha tumba no camiño da miña vida, e foi extraordinario o efecto que iso me produciu. Día e noite asaltábame o recordo da miña irmá, sentada na súa butaca xunto ao lume da cociña. E pensar que subsistise esta última sen a miña irmá resultábame de difícil comprensión. Así como nos últimos tempos apenas ou nunca pensei nela, naquel momento tiña a estraña idea de que ía vela pola rúa, vindo cara a min, ou que de súpeto chamaría á porta. Tamén na miña vivenda, coa cal xamais estivo a miña irmá asociada, parecía reinar a impresión da morte e a suxestión perpetua do son da súa voz, ou dalgunha peculiaridade do seu rostro ou da súa figura, coma se aínda vivise e me visitas alí con frecuencia.
Calquera que puidesen ser as miñas esperanzas e a miña fortuna, é dubidoso que eu recordase á miña irmá con moita tenrura. Pero supoño que sempre pode existir certo pesar aínda que o agarimo non sexa grande. Baixo a súa influencia (e quizais ocupando o lugar dun sentimento máis tenro), sentín violenta indignación contra o criminal por cuxa causa sufrira tanto aquela pobre muller, e sen ningunha dúbida, se tivese probas suficientes, perseguiría vengativamente ata o último extremo a Orlick ou a calquera outro.
Tras escribir a Joe para ofrecerlle os meus consolos, e asegurándolle que non deixaría de asistir ao enterro, pasei aqueles días intermedios no curioso estado mental que xa describín. Saín cedo pola mañá e detívenme no Xabaril Azul con tempo máis que suficiente para dirixirme á fragua.
Outra vez corría o verán, e o tempo era moi agradable mentres fun, paseando, cara á fragua. Entón recordei coa maior precisión a época en que non era máis que un neno indefenso e a miña irmá non me consentía certamente. Pero recordeino con maior suavidade, que ata fixo máis levadeiro o mesmo recordo de «Apalpador». Entón o aroma das fabas e do trevo insinuaba no meu corazón que chegaría o día en que sería agradable para a miña memoria que outros, ao pasear á luz do sol, se sentisen algo emocionados ao pensar en min.
Por fin cheguei ante a casa, e vin que Trabb & Co. procederan a preparar o enterro, posesionándose da casa. Dúas persoas absurdas e de triste aspecto, cada unha delas lucindo un bastón envolto nunha vendaxe negro, coma se tal instrumento puidese resultar consolador para alguén, estaban situadas ante a porta principal da casa; nunha delas recoñecín un criado despedido do Xabaril Azul por meter nun serradoiro a unha parella de recén casados que facían a súa viaxe de noivos, a consecuencia dunha fenomenal borracheira que sufría e que lle obrigou a agarrarse con ambos os brazos ao pescozo do seu cabalo para non caer. Todos os rapaces da aldea, e moitas mulleres tamén, admiraban a aqueles enloitados gardiáns, contemplando as pechadas fiestras da casa e da fragua; cando eu cheguei, un dos dous gardiáns, o criado, chamou á porta como dando a entender que eu estaba tan angustiado pola pena que nin sequera me quedaba forza para facelo coas miñas propias mans.
O outro enloitado gardián, un carpinteiro que nunha ocasión comera dous gansos por unha aposta, abriu a porta e introduciume na sala de cerimonia. Alí, o señor Trabb tomara para si a mellor mesa, provisto dos necesarios permisos, e corría ao seu cargo unha especie de bazar de loito, axudándose de regular cantidade de alfinetes negros. No momento da miña chegada acababa de poñer unha gasa no chapeu de alguén, cos extremos daquela anoados e moi longos, e tendeume a man pedíndome o meu chapeu; pero eu, equivocándome acerca da súa intención, estreiteille a man que me tendía co maior afecto.
O pobre e querido Joe, envolvido nunha capa negra atada no pescozo por unha gran gravata da mesma cor, estaba sentado lonxe de todos, no extremo superior do cuarto, lugar onde, como presidente do dó, o colocara o señor Trabb. Eu saudeino inclinando a cabeza e díxenlle:
–Como estás, querido Joe?
–Pip, querido amigo! –contestoume–. Vostede coñeceuna cando aínda era unha espléndida muller.
Logo estreitoume a man e gardou silencio.
Biddy, modestamente vestida co seu traxe negro, ía dun lado a outro e mostrábase moi servizal e útil.
En canto lle dixen algunhas palabras, pois a ocasión non permitía unha conversa máis longa, fun sentar preto de Joe, preguntándome en que parte da casa estaría a miña irmá. Na sala percibíase o débil cheiro de pasteis, e mirei ao redor na prcura da mesa que contiña o refresco; apenas era visible ata que un se afacía a aquela penumbra. Vin nela un pastel de mazá, xa cortado en porcións, e tamén laranxas, sandwichs, biscoitos e dúas xerras, que coñecía moi ben como obxectos de adorno, pero que xamais vira usar en toda a miña vida. Unha delas estaba cheo de porto, e a outra, de xerez.
Xunto á mesa distinguín o servil Pumblechook, envolvido nunha capa negra e co lazo de gasa no chapeu, cuxos extremos eran longuísimos; alternativamente atracábase arreo e facía obsequiosos movementos con obxecto de espertar a miña atención. En canto o logrou, veu cara a min, cheirando a xerez e a pastel e, con voz contida, dixo:
–Serame permitido, querido señor...?
E, en efecto, estreitoume as mans.
Entón distinguín o señor e a señora Hubble, esta última moi apenada e silenciosa nun recuncho.
Todos iamos acompañar o cadáver e, polo tanto, antes Trabb debía converternos a cada un de nós en ridículos fardos de negras teas.
–Asegúrolle, Pip –murmurou Joe cando xa estabamos «formados», segundo dicía o señor Trabb, de dous en dous, no salón, o cal parecía unha horrible preparación para unha triste danza, –asegúrolle, cabaleiro, que preferiría levala eu mesmo á igrexa, acompañado de tres ou catro amigos que me prestasen con gusto os seus corazóns e os seus brazos; pero tívose en conta o que dirían os veciños ao velo, temendo que se figurasen que iso era unha falta de respecto.
–Saquen os panos agora! –gritou o señor Trabb naquel momento coa maior seriedade e coma se dirixise o exercicio duns recrutas–. Fóra panos! Estamos?
Daquela, todos nos levamos os panos á cara, coma se nos sangrasen os narices, e saímos de dous en dous. Diante iamos Joe e eu; seguíannos Biddy e Pumblechook, e, finalmente, ían o señor e a señora Hubble. Os restos da miña pobre irmá foron sacados pola porta da cociña, e como era esencial na cerimonia do enterro que os seis individuos que transportaban o cadáver andasen envolvidos nunha especie de gualdrapas de veludo negro, cun bordo branco, o conxunto parecía un monstro cego, provisto de doce pernas humanas, cuxos pés intentaban dirixirse cada un polo seu lado, baixo a guía dos dous gardas, ou sexa do criado e do seu camarada.
Con todo, a veciñanza manifestaba a súa enteira aprobación con respecto a aquela cerimonia e admiráronnos moito mentres atravesabamos a aldea. Os aldeáns máis novos e vigorosos facían varias tentativas para dividir o cortexo, e ata se poñían á espreita para interceptar o noso camiño nos lugares convenientes. Naqueles momentos, os máis exaltados entre eles gritaban coa maior excitación en canto apareciamos pola esquina inmediata:
–Xa están aquí! Xa veñen!
Cousa que a nós non nos alegraba nin moito menos. Naquela procesión molestoume moito o abxecto Pumblechook, quen, aproveitándose da circunstancia de marchar detrás de min, insistiu durante todo o camiño, como proba das súas delicadas atencións, en arranxar as gasas que colgaban do meu chapeu e en quitarme as engurras da capa. Tamén os meus pensamentos se distraeron moito ao observar o extraordinario orgullo do señor e a señora Hubble, que se vangloriaban enormemente polo feito de seren membros de tan distinguida procesión.
Apareceu ante nós a dilatada extensión das brañas, e case deseguido as velas das embarcacións que navegaban polo río; entramos no cemiterio, situándonos xunto ás tumbas dos meus descoñecidos pais, «Philip Pirrip, desta parroquia, e tamén Georgiana, esposa do anterior».
Alí a miña irmá foi depositada en paz, na terra, mentres as lavercas cantaban sobre a tumba e o lixeiro vento a adornaba con fermosas sombras de nubes e de árbores.
Acerca da conduta do charlatán de Pumblechook mentres isto sucedía, non debo dicir máis senón que se dedicou a min de maneira total e que, ata cando se leron aquelas nobres frases que recordan á humanidade que non trouxo consigo nada ao mundo nin tampouco pode levar nada deste, e lle advirten, ademais, que a vida transcorre rápida como unha sombra e nunca continúa por moito tempo nesta morada terrea, eu oínlle facer en voz baixa unha reserva con respecto a un cabaleiro novo que inesperadamente chegou a posuír unha gran fortuna.
Ao regreso tivo a desvergoña de expresarme o seu desexo de que a miña irmá soubese do gran honor que eu lle facía, engadindo que talvez o considerase ben logrado aínda á custa da súa morte.
Tras isto acabou de beber todo o noso xerez, mentres o señor Hubble bebía o porto, e os dous falaron (o cal, segundo observei, é costume nestes casos) coma se fosen doutra raza completamente distinta da da defunta e notoriamente inmortais. Por fin, Pumblechook marchou co señor e a señora Hubble, para pasar a velada falando do enterro, sen ningunha dúbida, e para dicir nos Tres Alegres Barqueiros que el era o iniciador da miña fortuna e o primeiro benefactor que tiven no mundo.
En canto marcharon, e así que Trabb e os seus homes (aínda que non o seu aprendiz, porque o busquei coa mirada) meteron os seus disfraces nuns sacos que a prevención levaban, e se afastaron á súa vez, a casa volveu adquirir o seu aspecto habitual. Pouco despois, Biddy, Joe e eu tomamos algúns friames; pero fixémolo na sala de respecto e non na antiga cociña. Joe estaba tan absorto nos seus movementos co coitelo, o garfo, o saleiro e outros trebellos semellantes, que aquilo resultou molesto para todos. Pero despois de cear, en canto lle fixen tomar a súa pipa e na súa compañia demos unha volta pola fragua, sentando logo no gran bloque de pedra que había na parte exterior, a cousa marchou moito mellor. Observei que, despois do enterro, Joe cambiara de traxe, coma se quixese facer unha componenda entre o seu traxe das festas e o de faena, e en canto puxo este último, o pobre resultou máis natural e volveu adquirir a súa verdadeira personalidade.
Compraceuno moito a miña pregunta de se podería durmir no meu cuartiño, cousa que a min me pareceu moi agradable, pois comprendín que fixera unha gran cousa tan só con dirixirlle aquela petición.
En canto se espesaron as sombras da tarde, aproveitei unha oportunidade para saír ao xardín con Biddy a fin de charlar un pedazo.
–Biddy –dixen–, creo que puideches escribirme acerca destes tristes acontecementos.
–Creo vostede así, señor Pip? –replicou Biddy–. En realidade, escribiríalle se se me ocorrese.
–Creo que non imaxinarás que quero mostrarme impertinente se che digo que deberías acordarte.
–De verdade, señor Pip?
O seu aspecto era tan apracible e estaba tan cheo de compostura e bondade, e parecía tan linda, que non me gustou a idea de facela chorar outra vez. Tras mirar un momento os seus ollos, dirixidos ao chan, mentres andaba ao meu lado, abandonei tal idea.
–Supoño, querida Biddy, que che será difícil continuar aquí agora.
–Oh, non me é posible, señor Pip! –dixo Biddy con certo pesar pero con apracible convicción–. Falei diso coa señora Hubble, e mañá voume á súa casa. Espero que as dúas poderemos coidar un pouco ao señor Gargery ata que se console.
–E como vas vivir, Biddy? Se necesitas algo, di...
–Que como vou vivir? –repetiu Biddy con momentáneo rubor–. Vou dicirllo, señor Pip. Vou ver se me dan a praza de mestra na nova escola que están acabando de construír. Podo ter a recomendación de todos os veciños, e espero mostrarme traballadora e paciente, ensinándome a min mesma mentres ensino aos demais. Xa sabe vostede, señor Pip –proseguiu Biddy, sorrindo mentres levantaba os ollos para mirarme o rostro–, xa sabe vostede que as novas escolas non son como as antigas. Aprendín bastante de vostede, e logo hei ter tempo para mellorar a miña instrución.
–Estou seguro, Biddy, de que sempre mellorarás, calquera que sexan as circunstancias.
–Ah!, exceptuando en min o lado malo da natureza humana –murmurou.
Tales palabras non eran tanto un reproche como un irresistible pensamento en voz alta. Pero eu resolvín non facer caso, e por iso andei un pouco máis con Biddy, mirando silenciosamente os seus ollos, inclinados ao chan.
–Aínda non coñezo detalles da morte da miña irmá, Biddy.
–Pouco hai que dicir acerca disto, pobriña! Malia que ultimamente mellorara bastante, no canto de empeorar, acababa de pasar catro días bastante malos, cando, unha tarde, pareceu poñerse mellor, precisamente á hora do té, e coa maior claridade dixo: «Joe». Como había xa moito tempo que non pronunciara unha soa palabra, corrín á fragua en busca do señor Gargery. A pobre indicoume por acenos o seu desexo de que o seu esposo sentase preto dela e tamén que lle puxese os brazos rodeando o pescozo del. Apresureime a facelo, e apoiou a cabeza no ombreiro do señor Gargery, ao parecer contenta e satisfeita. De novo dixo «Joe», e unha vez «perdón» e logo «Pip». E xa non volveu levantar a cabeza.
Unha hora máis tarde tendémola na cama, tras convencernos de que estaba morta.
Biddy chorou, e o xardín envolto en sombras, a ruela e as estrelas, que saían entón, presentábanse borrosos aos meus ollos.
–E nunca se soubo nada, Biddy?
–Nada.
–Sabes o que foi de Orlick?
–Pola cor da súa roupa, inclínome a crer que traballa nas canteiras.
–Supoño que, en tal caso, o viches. Por que miras agora esa árbore escura da ruela?
–Vino aí a mesma noite que ela morreu.
–Foi esa a última vez, Biddy?
–Non. Vino aí desde que entramos no xardín. É inútil –engadiu Biddy poñéndome a man sobre o brazo ao advertir que eu botaba a correr–. Xa sabe vostede que non o enganaría. Hai un minuto que estaba aquí, pero marchou xa.
Renaceu a miña indignación ao observar que aínda a perseguía aquel lampantín, cara ao cal experimentaba a mesma antipatía de sempre. Díxenllo así, engadindo que me esforzaría canto puidese, empregando todo o traballo e todo o diñeiro que cumprise, para obrigalo a afastarse da rexión. Gradualmente, ela conduciume a falar con maior calma, e logo díxome canto me quería Joe e que este xamais se queixaba de nada (non dixo de min; non tiña necesidade de tal cousa, e eu comprendíao), senón que sempre cumpría co seu deber, na vida que levaba, con forte man, apracible lingua e cariñoso corazón.
–Verdadeiramente, é difícil reprocharlle nada –dixen–. Mira, Biddy, falaremos con frecuencia destas cousas, porque virei a miúdo. Non quero deixar só ao pobre Joe.
Biddy non replicou nin unha soa palabra.
–Non me oíches? –preguntei.
–Si, señor Pip.
–Non me gusta que me chames «señor Pip». É de moi mal gusto, Biddy. Que queres dicir con iso?
–Que que quero dicir? –preguntou timidamente Biddy.
–Si –díxenlle, moi convencido–. Desexo saber que queres dicir con iso.
–Con iso? –repetiu Biddy.
–Faime o favor de contestarme e de non repetir as miñas palabras. Antes non o facías.
–Que non o facía? –repetiu Biddy–. Oh, señor Pip!
Crin mellor abandonar aquel asunto. Despois de dar en silencio outra volta polo xardín, proseguín dicindo:
–Mira, Biddy, fixen unha observación con respecto á frecuencia con que me propoño vir ver a Joe. Ti recibíchela con notorio silencio. Fai o favor, Biddy, de dicirme o porqué de todo iso.
–E está vostede seguro de que virá velo con frecuencia? –preguntou Biddy deténdose no estreito camiñiño do xardín e mirándome á luz das estrelas cos seus claros e honrados ollos.
–Vaites! –exclamei coma se ao meu pesar me vise obrigado a abandonar a Biddy–. Non hai a menor dúbida de que este é un lado malo da natureza humana. Faime o favor de non dicirme nada máis, Biddy, porque isto me desgusta moito.
E, por esta razón convincente, permanecín a certa distancia de Biddy durante a cea, e cando me dirixín ao meu cuartiño despedinme dela con tanta maxestade como me foi posible en vista dos tristes sucesos daquel día. E coa mesma frecuencia con que me sentín inquedo durante a noite, cousa que tivo lugar cada cuarto de hora, reflexionei acerca da maldade, da inxuria e da inxustiza de que Biddy acababa de facerme vítima.
Tiña que marchar a primeira hora da mañá. Moi cedo saín e, sen ser visto, mirei unha das fiestras de madeira da fragua. Alí permanecín varios minutos, contemplando a Joe, xa dedicado ao seu traballo e co rostro radiante de saúde e de forza, que o facía resplandecer coma se sobre el dese o brillante sol da longa vida que o esperaba.
–Adeus, querido Joe. Non, non limpes a man, por Deus! Dáma ennegrecida como está. Virei moi pronto e con frecuencia.
–Nunca demasiado pronto, cabaleiro –dixo Joe–, e xamais con demasiada frecuencia, Pip.
Biddy esperábame na porta da cociña, cunha xerra de leite recén muxida e unha rebanda de pan.
–Biddy –díxenlle ao darlle a man para despedirme–. Non estou anoxado, pero si doído.
–Non, non estea vostede doído –dixo pateticamente–. Deixe que a doída sexa eu, se fun pouco xenerosa.
Unha vez máis levantábase a bruma mentres me afastaba. E se, como supoño, me permitía ver que eu non volvería e que Biddy estaba no certo, o único que podo dicir é que tiña razón.

12 de fev. de 2012

Capítulo 34

Como me afixera xa ás miñas esperanzas, empecei, insensiblemente, a notar o seu efecto sobre min mesmo e sobre os que me rodeaban. Esforzábame en disimular todo o posible a influencia daquelas no meu propio carácter, pero comprendía perfectamente que non era en xeito ningún beneficiosa para min.
Vivía nun estado de crónica inquietude con respecto á miña conduta para con Joe. Tampouco a miña conciencia se sentía tranquila con respecto a Biddy: Cando espertaba polas noites, como Camilla, adoitaba dicirme con ánimo deprimido que sería moito máis feliz e mellor se nunca vise o rostro da señorita Havisham e chegase á virilidade contento e satisfeito con ser socio de Joe, na honrada e vella fragua. Moitas veces, nas veladas, cando estaba só e sentado ante o lume, dicíame que, en resumidas contas, non había outro lume como o da forxa e o da cociña do meu propio fogar.
Con todo, Estella era de tal modo inseparable da miña intranquilidade mental, que, realmente, eu sentía certas dúbidas acerca da parte que a min mesmo me correspondía niso. É dicir, que, supoñendo que eu non tivese esperanzas e, con todo, Estella ocupase a miña mente, eu non podería precisar á miña satisfaccion se iso sería mellor para min. Non tropezaba con tal dificultade con respecto á influencia da miña posición sobre outros, e así percibía, aínda que talvez debilmente, que non era beneficioso para ninguén e, sobre todo, que non facía ningún ben a Herbert. Os meus hábitos de desbaldir inclinaban a súa débil natureza a facer gastos que non podía soportar e corrompían a sinxeleza da súa vida, arrebatándolle a paz con ansiedades e pesares. Non sentía o menor remorso por inducir ás outras ramas da familia Pocket a que practicasen as pobres artes a que se dedicaban, porque todos eles valían tan pouco que, aínda cando eu deixase durmidas tales inclinacións, calquera outra as espertaría. Pero o caso de Herbert era moi diferente, e moitas veces me apenaba pensar que lle fixera un fraco servizo ao recargar os seus cuartos, escasamente amoblados, con traballos inapropiados de tapicería e poñendo á súa disposición o Vingador do chaleco cor canario.
Entón, como medio infalible de saír dun apuro para entrar noutro maior, empecei a contraer grandes débedas, e en canto me aventurei a percorrer este camiño, Herbert non tivo máis remedio que seguirme. Por consello de Startop presentamos a nosa candidatura nun club chamado Os Pimpíns da Enramada. Xamais souben cal era o obxecto de tal institución, a non ser que consistise en que os seus socios debesen cear opiparamente unha vez cada quince días, pelexar entre si todo o posible despois de cear e ser a causa de que se emborrachasen, polo menos, media ducia de camareiros. Cónstame que estes agradables fins sociais se cumprían dun modo tan invariable que, segundo Herbert e eu entendemos, a nada máis se refería o primeiro brinde que pronunciaban os socios, e que dicía: «Cabaleiros: oxalá sempre reinen os sentimentos de amizade entre Os Pimpíns da Enramada.»
Os Pimpíns gastaban tolamente o seu diñeiro (adoitabamos cear nun hotel de Covent Garden), e o primeiro Pimpín a quen vin cando tiven o honor de pertencer á «Enramada» foi Bentley Drummle; naquel tempo, este ía dando tombos pola cidade nun coche da súa propiedade e facendo enormes estropicios nos postes e nas esquinas das rúas. De cando en vez saía despedido da súa propia carruaxe, coa cabeza por diante, para ir parar entre os cabaleiros, e nunha ocasión vino caer na porta da «Enramada», aínda que sen intención disto, coma se fose un saco de carbón. Pero ao falar así anticípome un pouco, porque eu non era aínda un Pimpín nin podía selo, de acordo cos sagrados reglamentos da sociedade, ata que fose maior de idade. Confiando nos meus propios recursos, estaba disposto a tomar ao meu cargo os gastos de Herbert; pero este era orgulloso e eu non podía facerlle sequera tal proposición. Por iso o pobre loitaba con toda clase de dificultades e continuaba observando o que pasaba ao seu redor.
Cando, gradualmente, adquirimos o costume de deitarnos a altas horas da noite e de pasar o tempo con toda sorte de trasnoitadores, notei que no almorzo Herbert observaba ao seu redor con mirada chea de desalento; empezaba a mirar con maior confianza cara ao mediodía; volvía desalentarse antes da cea, aínda que logo desta parecía advertir claramente a posibilidade de realizar un capital; e, ata a medianoche, estaba seguro de alcanzalo. Con todo, ás dúas da madrugada estaba tan desalentado outra vez que non falaba máis que de mercar un rifle e marcharse a América con obxecto de obrigar aos bisontes a que fosen eles os autores da súa fortuna.
Eu adoitaba pasar en Hammersmith a metade da semana, e entón facía visitas a Richmond, aínda que cada vez máis espazadas. Cando estaba en Hammersmith, Herbert ía alá con frecuencia, e paréceme que en tales ocasións o seu pai sentía, ás veces, a impresión pasaxeira de que aínda non se presentara a oportunidade que o seu fillo agardaba. Pero, entre a desorde que reinaba na familia, non era moi importante o que puidese sucederlle a Herbert. Mentres tanto, o señor Pocket tiña cada día o cabelo máis gris e con maior frecuencia que antes trataba de levantarse a si mesmo polo cabelo, para sobrepoñerse ás súas propias perplexidades, namentres a señora Pocket lle facía a cambadela a toda a familia coa súa banqueta, lía continuamente o seu libro acerca da nobreza, perdía o pano, falaba do seu avoíño e demostraba practicamente as súas ideas acerca da educación dos fillos, mandándoos á cama en canto se presentaban ante ela.
E como agora estou xeneralizando un período da miña vida con obxecto de achaiar o meu propio camiño, non podo facer nada mellor que concretar a descrición dos nosos costumes e modo de vivir na Pousada de Barnard.
Gastabamos tanto diñeiro como podiamos e, en cambio, recibiamos tan pouco como a xente podía darnos. Case sempre estabamos aburridos; sentiámonos desditados, e a maioría dos nosos amigos e coñecidos achábanse na mesma situación. Entre nós había a alegre ficción de que nos divertiamos constantemente, e tamén a verdade esquelética de que nunca o lograbamos. E, segundo creo, o noso caso era, en resumidas contas, en extremo corrente.
Cada mañá, e sempre con novo talante, Herbert ía á City para observar ao seu redor. Con frecuencia, eu visitábao naquel cuarto traseiro e escuro, onde o acompañaba unha gran botella de tinta, un colgadoiro para chapeus, un caldeiro para o carbón, unha caixa de cordel, un almanaque, un pupitre, unha banqueta e unha regra. E non recordo velo facer outra cousa senón observar ao seu redor. Se todos fixésemos o que nos propoñemos coa mesma fidelidade con que Herbert cumpría os seus propósitos, viviriamos sen ningunha dúbida nunha república das virtudes. Non tiña máis nada que facer o pobre raparigo, fóra de ir a determinada hora da tarde ao Lloyd, en cumprimento da cerimonia de ver ao seu principal, segundo imaxino. Non facía nunca nada que se relacionase co Lloyd, segundo puiden decatarme, salvo regresar á súa oficina. Cando consideraba que a súa situación era en extremo seria e que positivamente debía atopar unha oportunidade, ía á Bolsa á hora de sesion, e alí empezaba a pasear entrando e saíndo, coma se bailase unha triste contradanza entre aqueles magnates alí reunidos.
–Haendel –díxome un día Herbert ao chegar á casa para comer, nunha daquelas ocasións especiais–, observei que as oportunidades non se lle presentan a un, senón que é preciso ir na procura delas. Por iso vou ir buscalas.
Si estivésemos menos unidos, creo que chegariamos a odiarnos todas as mañás coa maior regularidade. Naquel período de arrepentimento, eu detestaba os nosos cuartos máis do que podería expresar con palabras, e non podía soportar ver sequera a librea do Vingador, que tiña entón un aspecto máis custoso e menos remunerador que en calquera outro momento das vinte e catro horas do día. A medida que nos afundiamos máis e máis nas débedas, os xantares eran cada día menos substanciosos, e nunha ocasión, á hora do xantar, fomos ameazados, aínda que por carta, con procedementos legais «bastante relacionados coas xoias», segundo podería dicir o xornal do meu país. E un día mesmo collín o Vingador polo seu colo azul e sacudino, levantándoo, de modo que ao estar no aire parecía un Cupido con botas altas, por presumir ou supoñer que necesitabamos un bolo de pan.
Certos días, bastante incertos porque dependían do noso humor, eu dicíalle a Herbert, coma se fixese un notable descubrimento:
–Meu querido Herbert, levamos moi mal camiño.
–Meu querido Haendel –contestábame Herbert coa maior sinceridade, –talvez non me crerás, pero, por estraña coincidencia, estaba a piques de pronunciar esas mesmas palabras.
–Pois, en tal caso, Herbert –contestáballe eu–, imos examinar os nosos asuntos.
Satisfacíanos moito tomar esta resolución. Eu sempre pensei que este era o modo de tratar os negocios e tal o camiño de examinar os nosos, así como o de agarrar polo pescozo o noso inimigo. E cónstame que Herbert opinaba igual.
Pediamos algúns pratos especiais para comer, cunha botella de viño que saía do común, a fin de que os nosos cerebros estivesen reconfortados para tal ocasión e puidésemos dar no albo. Unha vez terminada a comida, sacabamos unhas cantas plumas, gran cantidade de tinta e de papel de escribir, así como de papel secante. Resultábanos moi agradable dispoñer dunha boa cantidade de papel.
Eu entón tomaba unha folla e, na parte superior e con boa letra, escribía a cabeceira: «Memorándum das débedas de Pip». Engadía logo, coidadosamente, o nome da Pousada de Barnard e a data. Herbert tomaba tamén unha folla de papel e coas mesmas formalidades escribía: «Memorándum das débedas de Herbert».
Cada un de nós consultaba entón unha confusa morea de papeis que tiña ao seu carón e que ata entón foran desordenadamente gardados nos caixóns, desgastados de tanto permanecer nos petos, medio queimados para acender candeas, metidos durante semanas enteiras entre o marco e o espello e estragados de mil xeitos distintos. O renxer das nosas plumas ao correr sobre o papel causábanos verdadeiro contento, de tal xeito que ás veces me resultaba difícil advertir a necesaria diferenza existente entre aquel proceder absolutamente comercial e o verdadeiro pago das débedas. E con respecto ao seu carácter meritorio, ambas as cousas parecían absolutamente iguais.
Tras escribir un intre, eu adoitaba preguntar a Herbert como andaba no seu traballo, e o meu compañeiro rañaba a cabeza con triste ademán ao contemplar as cantidades que se ían acumulando ante a súa vista.
–Todo iso xa ascende, Haendel –dicía entón Herbert–, de veras que xa ascende a…
–Ten firmeza, Herbert –replicáballe manexando coa maior asiduidade a miña propia pluma–. Mira os feitos cara a cara. Examina ben os teus asuntos. Contempla o seu estado con serenidade.
–Así o faría, Haendel, pero eles, en cambio, míranme moi confusos.
Con todo, os meus modos resoltos lograban o obxecto proposto, e Herbert continuaba traballando.
Tras un intre abandonaba novamente a súa tarefa coa escusa de que non anotara a factura de Cobbs, de Lobbs, de Nobbs ou outra calquera, segundo fose o caso.
–Se é así, Herbert, fai un cálculo. Sinala unha cantidade en cifras redondas e escríbea.
–Es un home de recursos –contestaba o meu amigo, cheo de admiración–. En realidade, as túas facultades comerciais son moi notables.
Eu tamén o cría así. En tales ocasións deime a min mesmo a reputación dun magnífico home de negocios, rápido, decisivo, enérxico, claro e dotado do maior sangue frío. En canto anotara na lista todas as miñas responsabilidades, comparaba cada unha das cantidades coa factura correspondente e poñíalle o sinal de que o fixera. A aprobación que a min mesmo me daba en canto comprobaba cada unha das sumas anotadas producíame unha sensación voluptuosa. Cando xa terminara a comprobación, dobraba uniformemente as facturas, anotaba a suma na parte posterior e con todas elas formaba un paquetiño simétrico. Logo facía o mesmo en beneficio de Herbert (que coa maior modestia aseguraba non ter enxeño administrativo), e ao terminar experimentaba a sensación de que aclarara considerablemente os seus asuntos.
Os meus costumes comerciais tiñan outro detalle brillante, que eu chamaba «deixar unha marxe». Por exemplo, supoñendo que as débedas de Herbert ascendesen a cento sesenta e catro libras esterlinas, catro xilins e dous peniques, eu dicía: «Deixemos unha marxe e calculemos as débedas en duascentas libras redondas.» Ou, no caso de que as miñas fosen catro veces maiores, tamén «deixaba unha marxe» e calculábaas en setecentas libras. Tiña unha alta opinion da sabedoría de deixar aquela marxe, pero hei de confesar, ao lembrar aqueles días, que isto nos custaba bastante diñeiro. Porque inmediatamente contraïamos novas débedas por valor da marxe calculada, e algunhas veces, penetrados da liberdade e da solvencia que nos atribuía, chegabamos moi pronto a outra marxe.
Pero había, tras tal exame dos nosos asuntos, uns días de tranquilidade, de sentimentos virtuosos e que me daban, mentres tanto, unha admirable opinión de min mesmo. Afagado pola miña conduta e polo meu método, como así mesmo polos cumpridos de Herbert, gardaba o paquetiño simétrico das súas facturas e tamén o das miñas na mesa que tiña diante, entre a nosa provisión de papel en branco, e experimentaba case a sensación de que constituíra un banco dalgunha clase, no canto de ser tan só un individuo particular.
En tan solemnes ocasións pechabamos a pedra e tranca a nosa porta exterior, a fin de non ser interrompidos. Unha noite achábame en tan sereno estado, cando oímos o rozamento dunha carta que acababan de introducir pola expresada porta e que logo caeu ao chan.
–É para ti, Haendel –dixo Herbert indo buscala e regresando con ela–. E espero que non será nada importante.
–Isto último era unha alusión á faixa de loito que había no sobre.
A carta asinábaa a razón social «Trabb & Co.» e o seu contido era moi sinxelo. Dicía que eu era un distinguido señor e informábame de que a señora J. Gargery morrera o luns pasado, ás seis e vinte da tarde, e que se me esperaba para concorrer ao enterro o luns seguinte ás tres da tarde.

9 de fev. de 2012

Capítulo 33

Abrigada co seu traxe de viaxe adornado de peles, Estella parecía máis delicadamente fermosa que noutra ocasión calquera, ata aos meus propios ollos. As súas maneiras eran máis atractivas que antes, e crin advertir nisto a influencia da señorita Havisham.
Sinaloume a súa equipaxe mentres estabamos ambos no patio da pousada, e cando se reuniron os vultos recordei, pois esquecera todo o que non era ela mesma, que nada sabía acerca do seu destino.
–Vou a Richmond –díxome–. Como nos di o noso tratado de xeografía, hai dous Richmonds, un en Surrey e outro en Yorkshire, e o meu é o Richmond de Surrey. A distancia é de dez millas. Tomarei un coche, e vostede acompañarame. Aquí está a miña bolsa, de cuxo contido ha de pagar os meus gastos. Debe vostedetomar a bolsa. Nin vostede nin eu podemos facer máis que obedecer as instrucións recibidas. Non nos é posible obrar ao noso antollo.
E mentres me miraba ao darme a bolsa, sentín a esperanza de que nas súas palabras houbese unha segunda intención. Ela pronunciounas como ao descoido, sen darlles importancia, pero non con desgusto.
–Tomaremos unha carruaxe, Estella. Quere vostede descansar un pouco aquí?
–Si. Repousarei un momento, tomarei unha cunca de té e, mentres tanto, vostede coidará de min.
Apoiou o brazo no meu, coma se iso fose obrigado; eu chamei a un camareiro que quedou mirando á dilixencia como quen non viu nada semellante na vida, a fin de que nos levase a un salonciño particular. Ao oílo, sacou un pano de mesa coma se fose un instrumento máxico sen o cal non puidese atopar o camiño escaleiras arriba, e levounos cara ao buraco negro do establecemento, onde había un espello de diminución –artigo completamente superfluo en vista das dimensións da estancia–, unha botellita con salsa para as anchoas e uns zocos de ignorado propietario. Ante a miña disconformidade con aquel lugar, levounos a outra sala, onde había unha mesa de comedor para trinta persoas e, na cheminea, unha folla arrincada dun libro de contabilidade baixo unha chea de po de carbón.
Tras mirar aquel lume apagado e mover a cabeza, recibiu as miñas ordes, que se limitaron a encargarlle un pouco de té para a señorita, e saíu da estancia, en aparencia moi deprimido.
Molestoume a atmosfera daquela estancia, que ofrecía unha forte combinación de cheiro a corte co de sopa trasnoitada, grazas ao cal se podía inferir que o departamento de coches non marchaba ben e que o seu empresario fervía os cabalos para servilos no restaurante. Con todo, pouca importancia dei a todo iso en vista de que Estella estaba comigo. E ata me dixen que con ela me sentiría feliz aínda que tivese que pasar alí a vida. De todos os xeitos, naqueles instantes eu non era feliz, e iso constábame perfectamente.
–E en compañía de quen vai vostede vivir en Richmond? –pregunteille a Estella.
–Vou vivir –contestou ela– sen reparar en gastos e en compañía dunha señora que ten a posibilidade, ou polo menos así o asegura, de presentarme en todas partes, de facerme coñecer a moitas persoas e de lograr que me vexa moita xente.
–Supoño que a vostede lle gustará moito esa variedade e a admiración que vai espertar.
–Si, tamén o creo.
Contestou en ton tan lixeiro, que eu engadín:
–Fala de vostede mesma coma se fose outra persoa.
–E onde pescudou vostede o meu modo de falar con outros? Veña! Veña! –engadiu Estella sorrindo deliciosamente–. Non creo que teña vostede a pretensión de darme leccións; non teño máis remedio que falar do modo que me é peculiar. E como o pasa vostede co señor Pocket?
–Vivo alí moi agradablemente; polo menos… –e detívenme ao pensar que talvez perdía unha oportunidade.
–Polo menos… –repetiu Estella.
–… dun modo tan agradable como podería vivir en calquera parte, lonxe de vostede.
–É vostede un bobo –dixo Estella coa maior compostura–. Como pode dicir esas parvadas? Segundo teño entendido, o seu amigo, o señor Matthew, é superior ao resto da súa familia.
–Moito. Ademais, non ten ningún inimigo…
–Non engada vostede que el é o seu propio inimigo –interrompeu Estella–, porque odio a esa clase de homes. Oín dicir que, realmente, é un home desinteresado e que está moi por encima dos pequenos celos e do despeito.
–Estou seguro de ter motivos para crelo así.
–Sen dúbida, non ten vostede as mesmas razóns para dicir o propio do resto da súa familia –continuou Estella mirándome con tal expresión que, á vez, era grave e de chanza– porque asedian á señorita Havisham con toda clase de noticias e de insinuacións contra vostede. Obsérvano constantemente e preséntano baixo cantos aspectos desfavorables lles é posible. Escriben cartas acerca de vostede, ás veces anónimas, e é vostede o tormento e a ocupación das súas vidas. É imposible que poida comprender o odio que toda esa xente lle ten.
–Espero, con todo, que non me prexudicarán.
No canto de contestar, Estella botouse a rir. Isto pareceume moi raro e quedei mirándoa perplexo.
Cando acougou o seu acceso de hilaridade, e non se riu dun modo lánguido, senón verdadeiramente divertida, díxenlle, con certa desconfianza:
–Creo poder estar seguro de que a vostede non lle parecería tan divertido se realmente me prexudicasen.
–Non, non. Pode vostede estar seguro diso –contestou Estella–. Teña a certeza de que me río precisamente polo seu fracaso. Eses pobres parentes da señorita Havisham sofren indicibles torturas.
Botouse a rir de novo, e aínda entón, despois de me descubrir a causa da súa risa, esta pareceume moi singular, porque, como non podía dubidar acerca de que o asunto lle facía graza, parecíame excesiva a súa hilaridade por tal causa. Por conseguinte, díxenme que habería algo máis que eu descoñecía. E como ela advertiu tal pensamento en min, contestoume dicindo:
–Nin vostede mesmo pode darse conta da satisfacción que me causa presenciar o desgusto desa xente nin o que me divirten as súas ridiculeces. Vostede, ao revés de min mesma, non foi criado naquela casa desde a infancia. As súas intrigas contra vostede, aínda que contidas e disfrazadas pola máscara da simpatía e da compaixón que non sentían, non puideron aguzar a súa intelixencia, como me pasou a min, e tampouco puido vostede, coma min, abrir gradualmente os seus ollos infantís ante a impostura daquela muller que calcula as súas reservas de paz mental para cando esperta pola noite.
Aquilo xa non parecía divertido para Estella, que traía novamente á súa memoria tales recordos da súa infancia. Eu mesmo non querería ser a causa da mirada que entón lampexou nos seus ollos, nin a cambio de todas as esperanzas que puidese ter na vida.
–Dúas cousas podo dicirlle –continuou Estella–. A primeira, que, malia asegurar o proverbio que unha pinga constante é capaz de furar unha pedra, pode ter a seguridade de que toda esa xente, nin sequera en cen anos, podería prexudicalo no ánimo da señorita Havisham nin pouco nin moito. A segunda é que eu debo estar agradecida a vostede por ser a causa dos seus inútiles esforzos e as súas infrutuosas baixezas, e, en proba diso, aquí ten vostede a miña man.
Mentres ma daba como por xogo, porque a súa seriedade foi momentánea, eu tomeina e leveina aos beizos.
–É vostede moi ridículo –dixo Estella–. Non se dará vostede nunca por avisado? Ou acaso bicará a miña man co mesmo ánimo co que un día me deixei bicar a fazula?
–Cal era ese ánimo? –preguntei.
–Teño que pensar un momento. O de desprezo cara aos aduladores e intrigantes.
–Se digo que si, deixarame que a bique outra vez na fazula?
–Debeu pedilo vostede antes de bicar a man. Pero si. Pode bicarme, se quere.
Eu inclineime; o seu rostro estaba tan tranquilo como o dunha estatua.
–Agora –dixo Estella apartándose no mesmo instante en que os meus beizos tocaban a súa fazula–, agora debe vostede coidar de que me sirvan o té e logo acompañarme a Richmond.
Resultoume doloroso ver que volvía recordar as ordes recibidas, coma se ao estar xuntos non fixésemos máis que cumprir co noso deber, como verdadeiros monecos; pero todo o que ocorreu mentres estivemos xuntos resultoume doloroso. Calquera que fose o ton das súas palabras, eu non podía confiar nel nin fundar ningunha esperanza; e, con todo, continuei igualmente, contra toda esperanza e contra toda confianza. Para que repetilo un milleiro de veces? Así foi sempre.
Chamei para pedir o té, e o camareiro apareceu de novo, levando o seu pano máxico e traendo, por graos, unha cincuentena de accesorios para o té, pero este non aparecía de ningún modo. Trouxo unha bandexa, cuncas, pratiños, pratos, coitelos e garfos; culleres de varios tamaños; saleiros; un boliño de pan, cuberto, coa maior precaución, cunha tapa de ferro; unha cestiña que contiña unha pequena cantidade de manteiga, sobre un leito de perexil; un pan pálido e empoado de fariña por un extremo; algunhas rebandas triangulares nas que estaban claramente marcadas as reixas do fogón, e, finalmente, unha urna familiar bastante grande, que o mozo trouxo penosamente, coma se o angustiase e o fixese sufrir o seu peso.
Tras unha ausencia prolongada naquela fase do espectáculo, chegou por fin cun cofre de fermoso aspecto que contiña unhas ramiñas. Mergulleinas en auga quente, e, así, do conxunto de todos aqueles accesorios extraín unha cunca de non sei que infusión destinada a Estella.
Unha vez pagado o gasto e tras refrescarlle a memoria ao camareiro, sen esquecer ao palafreneiro e tendo en conta á camareira, nunha palabra, tras subornar á casa enteira, deixándoa sumida no desdén e na animosidade, o cal alixeirou bastante a bolsa de Estella, metémonos na nosa cadeira de posta e emprendemos a marcha cara a Cheapside, subindo ruidosamente a rúa de Newgate.
Pronto nos achamos baixo os muros que tan avergoñado me tiñan.
–Que edificio é ese? –preguntoume Estella.
Eu finxín, parvamente, non recoñecelo no primeiro instante, e logo díxenllo. Logo de mirar, retirou a cabeza e murmurou:
–Miserables!
En vista disto, eu non confesaría por nada do mundo a visita que aquela mesma mañá fixera á prisión.
–O señor Jaggers –dixen logo, con obxecto de botarlle o morto a outro –ten a reputación de coñecer mellor que ninguén en Londres os segredos deste triste lugar.
–Paréceme que coñece os de todas as partes –confesou Estella en voz baixa.
–Supoño que está vostede afeita velo con frecuencia.
–En efecto, vino con intervalos variables, durante todo o tempo que podo recordar. Pero non por iso o coñezo mellor agora que cando apenas sabía falar. Cal é a súa opinión acerca dese señor? Lévase vostede ben con el?
–Unha vez afeito aos seus modos desconfiados –contestei–, non nos levamos mal.
–Intimou vostede con el?
–Comín na súa compañía e no seu domicilio particular.
–Imaxino –dixo Estella encolléndose– que debe de ser un lugar moi curioso.
–En efecto, éo.
Eu debía ser coidadoso ao falar do meu titor, para non facelo con demasiada liberdade, ata con Estella; mais, malia todo, continuaría falando do asunto e describindo a cea que nos deu na rúa Gerrard se non chegásemos de súpeto a un lugar moi iluminado polo gas. Mentres durou, pareceu producirme a mesma sensación inexplicable que antes experimentei; e cando saímos daquela luz, quedei como cegado por uns instantes, coma se me vise rodeado por un raio.
Empezamos a falar doutras cousas, especialmente do noso modo de viaxar, de cales eran os barrios de Londres que había por aquel lugar e de cousas polo estilo. A gran cidade era case nova para ela, segundo me dixo, porque non se afastou nunca das proximidades da casa da señorita Havisham ata que se dirixiu a Francia, e aínda entón non fixo máis que atravesar Londres á ida e á volta. Pregunteille se o meu titor estaba encargado dela mentres permanecese en Richmond, e a iso ela limitouse a contestar enfaticamente:
–Non o queira Deus!
Non puiden evitar darme de conta de que tiña interese en atraerme e que se mostraba todo o sedutora que lle era posible, de maneira que me conquistou por completo aínda no caso de que, para logralo, tivese que esforzarse. Con todo, nada daquilo me faría máis feliz, porque aínda cando non dese a entender que ambos debiamos obedecer o disposto por outras persoas, eu comprendería que tiña o meu corazón nas súas mans, porque llo propuxera así e non porque iso espertase ningunha tenrura no seu propio, para despedazalo e logo tiralo lonxe.
Mentres atravesamos Hammersmith indiqueille onde vivía o señor Matthew Pocket, engadindo que, como non estaba a moita distancia de Richmond, esperaba ter frecuentes ocasións de vela.
–Oh, si! Terá vostede que ir verme. Poderá ir cando lle pareza mellor; desde logo, falarei de vostede á familia coa que vou vivir, aínda que, en realidade, xa o coñece por referencias.
Preguntei entón se era numerosa a familia da que ía formar parte.
–Non; só son dúas persoas: nai e filla. A nai, segundo teño entendido, é unha dama que está en boa posición, aínda que non lle molesta aumentar os seus ingresos.
–Estráñame que a señorita Havisham consinta en separarse outra vez de vostede e tan pouco tempo logo do seu regreso de Francia.
–Forma parte dos plans da señorita Havisham con respecto a min, Pip –dixo Estella dando un suspiro coma se estivese fatigada–. Debo escribirlle constantemente e vela tamén con certa regularidade, para darlle conta da miña vida… e non soamente de min, senón tamén das xoias, porque xa case todas son miñas.
Aquela era a primeira vez que me chamaba polo meu nome. Naturalmente, fíxoo adrede, e eu comprendín que recordaría con pracer semellante ocorrencia.
Chegamos demasiado pronto a Richmond, e o noso destino era unha casa situada xunto ao Green, casa antiga, de aspecto moi serio, onde máis dunha vez se luciron as gorgueiras, os lunares, os cabelos empoados, as casacas bordadas, as medias de seda, os encaixes e as espadas. Diante da casa había algunhas árbores vellas, aínda recortadas en formas tan pouco naturais como as gorgueiras, as perrucas e os miriñaques; pero xa estaban sinalados os sitios que habían de ocupar na gran procesión dos mortos, e pronto tomarían parte nela para emprender o silencioso camiño de todo o demais.
Unha campá, con voz moi cascada, que sen ningunha dúbida noutros tempos anunciou á casa: «Aquí está o gardainfante verde… Aquí, a espada con puño de pedras preciosas… Aquí, os zapatos de vermellos tacóns adornados cunha pedra preciosa azul…», resoou gravemente á luz da lúa e no acto presentáronse dúas doncelas de rostro colorado como cereixas, con obxecto de recibir a Estella. Pronto a porta tragou a equipaxe da miña compañeira, quen me tendeu a man, dirixiume un sorriso e deume as boas noites antes de ser tragada á súa vez. E eu continuei mirando cara á casa, pensando no feliz que sería vivindo alí con ela, aínda que, ao mesmo tempo, estaba persuadido de que na súa compañía xamais me sentiría ditoso, senón sempre desgraciado.
Volvín subir ao coche para dirixirme a Hammersmith; entrei co corazón dolorido, e cando saín doíame máis aínda. Ante a porta da miña morada atopei á pequena Jane Pocket, que regresaba dunha festa infantil, escoltada polo seu diminuto noivo, a quen eu envexei malia ter que suxeitarse ás ordes de Flopson.
O señor Pocket saíra a dar clase, porque era un profesor delicioso de economía doméstica, e os seus tratados referentes ao goberno dos nenos e dos criados eran considerados como os mellores libros de texto acerca de tales asuntos. Pero a señora Pocket estaba na casa e achábase nunha pequena dificultade, porque lle entregaran ao pequeno un alfineteiro para que estivese quedo durante a inexplicable ausencia de Millers (que fora visitar un parente que tiña nos Gardas de Infantería), e faltaban do alfineteiro moitas máis agullas das que podían considerarse convenientes para un paciente tan novo, xa fosen aplicadas ao exterior ou para ser tomadas a guisa de tónico.
Como o señor Pocket era xustamente famoso polos excelentes consellos que daba, así como tamén pola súa clara e sólida percepción das cousas e o seu modo de pensar en extremo asisado, ao sentir o meu corazón dolorido tiven a intención de rogarlle que aceptase as miñas confidencias. Pero como entón levantei a vista e vin á señora Pocket mentres lía o seu libro sobre a nobreza, tras prescribir a cama como un remedio soberano para o pequeno, arrepentinme, e decidín non dicir unha palabra.

6 de fev. de 2012

Capítulo 32

Un día, mentres estaba ocupado cos meus libros e en compañía do señor Pocket, recibín unha carta por correo, cuxo aspecto exterior me fixo tremer, porque, malia que non recoñecín a letra do sobrescrito, adiviñei que man a trazara. Non tiña encabezamiento ningún, como «Querido señor Pip», «Querido Pip», «Moi señor meu» ou algo polo estilo, senón que empezaba así:
«Vou ir a Londres pasadomañá, e chegarei na dilixencia do mediodía. Creo que se conveu que vostede sairía a recibirme. Polo menos, esta é a impresión da señorita Havisham, e escríbolle obedecendo as súas indicacións. Ela mándalle o seu saúdo. Súa afectísima, Estella.»
Se tivese tempo, probablemente encargaría varios traxes novos para semellante ocasión; pero como non o tiña, foime preciso contentarme cos que xa posuía. Perdín inmediatamente o apetito, e ata que chegou o día solemne non gocei de descanso nin de tranquilidade. Pero a súa chegada non me trouxo nada diso, porque entón estiven peor que nunca, e empecei a roldar o despacho da dilixencia da rúa Wood, en Cheapside, antes de que o vehículo puidese saír do Xabaril Azul da nosa cidade. Malia que estaba perfectamente informado de todo, non me atrevía a perder de vista o despacho por máis de cinco minutos; e xa pasara media hora, seguindo esta conduta pouco razoable, da garda de catro ou cinco horas que me esperaba, cando se presentou ante min o señor Wemmick.
–Ola, señor Pip! –exclamou–. Como está vostede? Xamais imaxinei que roldase vostede por aquí.
Expliqueille que esperaba a certa persoa que debía chegar na dilixencia, e logo pregunteille polo seu pai e polo castelo.
–Ambos están moi ben, moitas grazas –dixo Wemmick–, e especialmente o meu pai. Está moi ben. Pronto fará oitenta e dous anos. Tiña a intención de disparar oitenta e dous cañonazos en tal día, pero temo que se queixarán os veciños e que o canón non poida resistir a presión. Con todo, esta non é conversación propia de Londres. Onde imaxina vostede que vou agora?
–Á súa oficina –contestei, en vista de que, ao parecer, ía naquela dirección.
–A outro lugar veciño –replicou Wemmick–. Vou a Newgate. Nestes momentos estamos ocupados nun caso de roubo na casa dun banqueiro, e veño de visitar o lugar do suceso. Agora debo ir cambiar unhas palabras co noso cliente.
–Foi o seu cliente o que cometeu o roubo? –preguntei.
–Non, claro! –contestou secamente Wemmick–. Pero acúsano diso. O mesmo nos podería suceder a vostede ou a min. Calquera dos dous podería ser acusado diso.
–O máis probable é que non nos acusen a ningún dos dous –observei.
–Ben! –dixo Wemmick tocándome o peito co dedo índice–. É vostede moi listo, señor Pip. Gustaríalle facer unha visita a Newgate? Ten tempo para iso?
Tiña tanto tempo dispoñible que a proposición foi para min un alivio, malia que non se conciliaba co meu desexo latente de vixiar a oficina da dilixencia. Murmurando algunhas palabras para advertirlle que iría preguntar se tiña tempo para acompañalo, entrei na oficina e polo empregado souben coa maior precisión e poñendo a proba a súa paciencia o momento en que debía chegar a dilixencia, no caso de que non houbese o menor atraso, cousa que eu coñecía de antemán con tanta precisión coma el mesmo. Logo fun reunirme co señor Wemmick e, finxindo sorpresa ao consultar o reloxo, en vista dos datos obtidos, aceptei a súa oferta.
En poucos minutos chegamos a Newgate e atravesando a casa do garda, en cuxas paredes colgaban algúns grillóns entre os reglamentos do cárcere, penetramos no recinto deste. Naquel tempo, os cárceres estaban moi abandonados e afastado aínda o período de esaxerada reacción, subseguinte a todos os erros públicos, que, en suma, é o seu maior e máis longo castigo. Así, os criminais non estaban mellor aloxados e alimentados que os soldados (iso sen falar dos pobres), e de cando en cando incendiaban os seus cárceres coa comprensible escusa de mellorar o cheiro da súa sopa. Cando Wemmick e eu chegamos alí, era a hora de visita; un taberneiro facía as súas roldas levando cervexa que lle compraban os presos a través das reixas.
Os encarcerados falaban cos amigos que foran visitalos, e a escena era sucia, desagradable, desordenada e deprimente.
Sorprendeume ver que Wemmick circulaba por entre os presos como un xardineiro por entre as súas plantas. Ocorréuseme esta idea ao observar que miraba a un talo crecido durante a noite anterior e lle dicía:
–Como, capitán Tom! Está vostede aquí? De verdade? –Logo engadiu–: Está Peteiro Negro detrás da cisterna? Durante os dous meses últimos non o esperaba a vostede. Como se atopa?
Logo detíñase ante as reixas e escoitaba coa maior atención as ansiosas palabras que murmuraban os presos, sempre illadamente. Wemmick, coa boca parecida a unha caixa do correo, inmóbil durante a conferencia, miraba aos seus interlocutores coma se se fixase nos adiantos que fixeran desde a última vez que os observara e calculase a época en que florecían, con ocasión de ser xulgados.
Era moi popular, e observei que corría ao seu cargo o departamento familiar dos negocios do señor Jaggers, aínda que algo da condición deste parecía rodealo, impedindo a aproximación máis aló de certos límites. Expresaba o seu recoñecemento de cada cliente sucesivo por medio dun movemento da cabeza e polo modo de axustar máis cómodamente o chapeu con ambas as mans. Logo pechaba un pouco a caixa do correo e metía as mans nos petos. Nun ou dous casos orixinouse unha dificultade con referencia ao aumento dos honorarios, e entón Wemmick, retirándose canto lle era posible da insuficiente cantidade de diñeiro que lle ofrecían, replicaba:
–É inútil, amigo. Eu non son máis que un subordinado. Non podo tomar iso. Faga o favor de non tratar así a un subordinado. Se non pode vostede reunir a cantidade debida, amigo, é mellor que se dirixa a un principal; na profesión hai moitos principais, segundo xa sabe, e o que non basta para un pode ser suficiente para outro; esta é a miña recomendación, falando como subordinado. Non se esforce en falar en balde. Para que? A quen lle toca agora?
Así atravesamos o invernadeiro de Wemmick, ata que el se volveu cara a min e me dixo:
–Fíxese no home a quen lle vou dar a man.
Faríao mesmo sen esta advertencia, porque ata entón non lle dera a man a ninguén.
Tan pronto como acabou de falar, un home de aspecto maxestoso e moi ergueito (a quen me parece ver cando escribo estas liñas), que levaba unha chaqueta usada de cor de oliva e cuxo rostro estaba cuberto de estraña palidez que se estendía sobre o vermello da súa cute, mentres os ollos lle bailaban dun lado a outro, aínda cando se esforzaba en prestarlles fixeza, achegouse a unha esquina da reixa e levou a man ao chapeu, cuberto dunha capa graxa, coma se fose caldo xeado, facendo un saúdo militar algo xocoso.
–Bos días, coronel –dixo Wemmick–. Como está vostede, coronel?
–Moi ben, señor Wemmick.
–Fíxose todo o que foi posible, pero as probas eran abafadoras, coronel.
–Si, eran tremendas. Pero non importa.
–Non, non –replicou fríamente Wemmick–, a vostede non lle importa. –Logo, volvéndose cara a min, díxome–:
Este home serviu á súa Maxestade. Estivo na guerra e comprou a súa licenza.
–De verdade? –preguntei.
Aquel home cravou en min os ollos e logo mirou ao redor de min. Feito isto, pasou a man polos beizos e botouse a rir.
–Paréceme, cabaleiro, que o vindeiro luns xa non terei ningunha preocupación –díxolle a Wemmick.
–É posible –replicou o meu amigo–, pero non se sabe nada concreto.
–Satisfaime moito ter a oportunidade de despedirme de vostede, señor Wemmick –dixo o preso sacando a man por entre os ferros da reixa.
–Moitas grazas –contestou Wemmick estreitándolla–. O mesmo digo, coronel.
–Se o que levaba comigo cando me prenderon fose lexítimo, señor Wemmick –dixo o preso, pouco inclinado, seica, a soltar a man do meu amigo–, entón rogaríalle o favor de levar outra sortella como proba de gratitude polas súas atencións.
–Doulle as grazas pola intención –contestou Wemmick–. E, agora que recordo, paréceme que vostede era afeccionado a criar pombas de raza. –O preso mirou cara ao ceo–. Teño entendido que posuía vostede unha cría moi notable de pombas mensaxeiras. Non podería encargar a algún dos seus amigos que me levase un par á casa, sempre no caso de que non poida vostede utilizalas doutro xeito?
–Así se fará, cabaleiro.
–Moi ben –dixo Wemmick–. Coidareinas perfectamente. Boas tardes, coronel.
–Adeus!
Estreitaron novamente as mans, e cando nos afastabamos, Wemmick díxome:
–É un moedeiro falso e un obreiro habilísimo. Hoxe comunicaranlle a sentenza ao xefe da prisión, e con toda seguridade será executado o luns. Con todo, como vostede ve, un par de pombas son algo de valor e facilmente transportable.
Dito isto, mirou cara atrás a fixo un aceno, movendo a cabeza, a aquela planta súa que estaba a piques de morrer, e logo mirou ao redor, mentres saïamos da prisión, coma se estivese reflexionando que outro testo podería poñer no mesmo lugar.
Cando saímos do cárcere atravesando a portería, observei que ata os mesmos carcereiros non concedían menor importancia ao meu titor que os propios presos de cuxos asuntos se encargara.
–Oia, señor Wemmick –dixo o carcereiro que nos acompañaba, no momento en que estabamos entre dúas portas craveteadas, unha das cales pechou coidadosamente antes de abrir a outra–. Que vai facer o señor Jaggers con este asasino de Waterside? Vai considerar o asunto como homicidio ou doutro xeito?
–Por que non llo pregunta vostede a el? –replicou Wemmick.
–Oh, pronto o di vostede! –replicou o carcereiro.
–Así son todos aquí, señor Pip –observou Wemmick volvéndose cara a min mentres se abría a caixa do correo da súa boca–. Non teñen reparo ningún en preguntarme a min, o subordinado, pero nunca os sorprenderá vostede dirixindo pregunta ningunha ao meu principal.
–Acaso este novo cabaleiro é un dos aprendices da súa oficina? –preguntou o carcereiro facendo un aceno ao oír a expresión do señor Wemmick.
–Xa volve vostede? –exclamou Wemmick–. Xa llo dixen –engadiu volvéndose a min–. Antes de que a primeira pregunta poida ser contestada, xa me fai outra. E que? Supoñamos que o señor Pip pertence á nosa oficina. Que hai con iso?
–Pois que en tal caso –replicou o carcereiro facendo outro aceno– xa saberá como é o señor Jaggers.
–Vaia! –exclamou Wemmick dándolle un golpiño en son de broma ao carcereiro–. Cando se ve vostede ante o meu principal quada tan mudo como as súas propias chaves. Déixenos saír, vello raposo, ou en caso contrario farei que presente unha denuncia contra vostede por detención ilegal.
O carcereiro botouse a rir, deunos os bos días e quedou rindo a través do portelo, ata que chegamos á escaleira da rúa.
–Mire vostede, señor Pip –dixo Wemmick con acento grave e tomándome confidencialmente o brazo para falarme ao oído–. O mellor que fai o señor Jaggers é non descender nunca da alta situación en que se colocou. Este coronel non se atreve a despedirse del, como tampouco o carcereiro a preguntarlle as súas intencións con respecto a un caso calquera. Así, sen descender da altura en que se acha, fai saír ao seu subordinado. Comprende vostede? E deste xeito apodérase do corpo e da alma de todos.
Eu quedei moi impresionado, e non por vez primeira, acerca da sutileza do meu titor. E, para confesar a verdade, desexei de todo corazón, e tampouco por vez primeira, ter outro titor de intelixencia e de habilidadesmáis correntes.
O señor Wemmick e eu despedímonos ante a oficina de Little Britain, onde estaban congregados, como de costume, varios solicitantes que esperaban ver ao señor Jaggers; eu volvín á miña garda ante a oficina da dilixencia, tendo por diante tres horas polo menos. Pasei todo este tempo reflexionando no estraño que resultaba o feito de que sempre tivese que relacionarse coa miña vida o cárcere e o crime; que na miña infancia, e nas nosas solitarias brañas, me vise ante o crime por primeira vez na miña vida, e que reaparecese noutras dúas ocasións, presentándose como unha mancha que se debilitara, pero non desaparecera de todo; que talvez de igual modo ía impedirme a fortuna e ata o mesmo porvir. Mentres así estaba reflexionando, pensei na fermosa e moza Estella, orgullosa e refinada, que viña cara a min, e co maior aborrecemento fixeime no contraste que había entre a prisión e ela mesma. Desexei entón que Wemmick non me atopase, ou que eu non estivese disposto a acompañalo, para que aquel día, entre todos os do ano, non me rodease a influencia de Newgate no alento e no traxe. Mentres ía dun lado a outro sacudín o po da prisión, que quedara nos meus pés, e tamén cepillei coa man o traxe e ata me esforcei en baleirar por completo os pulmóns. Tan contaminado me sentía ao recordar quen estaba a piques de chegar, que cando a dilixencia apareceu por fin, aínda non me vía libre da mancha do invernadeiro do señor Wemmick. Entón vin asomar a un portelo da dilixencia o rostro de Estella, que de inmediato me saudou coa man.
Que sería aquela indescritible sombra que de novo pasou pola miña imaxinación naquel instante?

4 de fev. de 2012

Capítulo 31

Á nosa chegada a Dinamarca atopamos o rei e a raíña daquel país sentados en senllas butacas e sobre unha mesa de cociña, celebrando unha reunión da corte. Toda a nobreza danesa estaba alí, ao servizo dos seus reis. Esa nobreza consistía nun rapaz aristócrata que levaba unhas botas de gamuza dalgún antepasado xigantesco; nun venerable par, de sucio rostro, que parecía que pertencera ao pobo durante a maior parte da súa vida, e na cabalería danesa, cun peite no cabelo e unhas calzas de seda branca e que en conxunto ofrecía aspecto feminino. O meu notable concidadán permanecía tristemente a un lado, cos brazos dobrados, e eu sentín o desexo de que os seus rizos e a súa fronte fosen máis naturais.
A medida que transcorría a representación presentáronse varios feitos curiosos de pequena importancia. O último rei daquel país non soamente parecía sufrir tose na época da súa morte, senón tamén que a levara á tumba, sen desprenderse dela cando volveu entre os mortais. O rexio aparecido levaba un fantástico manuscrito enrolado nun bastón e ao cal parecía referirse de cando en vez, e, ademais, demostraba certa ansiedade e tendencia a perder esta referencia, o cal daba a entender que gozaba aínda da condición mortal. Por iso talvez a sombra recibiu o consello do público de que «o dobrase mellor», recomendación que aceptou con moito anoxo. Tamén podía notarse naquel maxestoso espírito que, malia finxir que estivera ausente durante moito tempo e que percorrera unha inmensa distancia, procedía, con toda claridade, dunha parede que estaba moi preto. Por esta causa, os seus terrores foron acollidos en broma. Á raíña de Dinamarca, dama moi repoluda, aínda que sen ningunha dúbida historicamente recargada de bronce, o público xulgouna como moi adornada de metal; tiña o queixo unido ao seu diadema por unha ancha faixa de bronce, coma se tivese unha grandiosa dor de moas; tiña a cintura rodeada por outra, así como os brazos, de maneira que todos a sinalaban co nome de «timbal».
O nobre novo que levaba as botas ancestrais era inconsecuente ao representarse a si mesmo como hábil mariño, notable actor, experto cavador de tumbas, sacerdote e persoa da maior importancia nos asaltos de esgrima da corte, ante cuxa autoridade e práctica se xulgaban as mellores fazañas. Isto conduciuno gradualmente a que o público non lle tivese ningunha tolerancia e mesmo, ao ver que posuía as sagradas ordes e se negaba a levar a cabo o servizo fúnebre, a que a indignación contra el fose xeral e se exteriorizase por medio das noces que lle guindaban.
Finalmente, Ofelia foi presa de tal tolemia lenta e musical, que cando, no transcurso do tempo, quitou a gravata de muselina branca, a dobrou e a enterrou, un espectador túzaro que xa había un anaco que estaba arrefriando o impaciente nariz contra unha barra de ferro na primeira fila do público, rosmou:
–Agora que meteron o neno na cama, vamos cear.
O cal, polo menos, era unha incongruencia.
Todos estes incidentes acumuláronse dun modo bulicioso sobre o meu desgraciado concidadán. Cada vez que aquel irresoluto príncipe tiña que facer unha pregunta ou expresar unha dúbida, o público apresurábase a contestarlle. Por exemplo, cando se tratou de se era máis nobre sufrir, uns gritaron que si e outros que non; e algúns, sen decidirse entre ambas as opinións, aconselláronlle que o decidise botando unha moeda a cara ou cruz. Isto foi causa de que entre o público se iniciase unha enconada discusión. Cando preguntou por que as persoas como el tiñan que arrastrarse entre o ceo e a terra, foi alentado con fortes berros dos que lle dicían «Atención!» Ao aparecer cunha media desarranxada, desorde expresada, de acordo co uso, por medio dunha dobra moi ben feita na parte superior, e que, segundo a miña opinión, se lograba por medio dunha prancha, xurdiu unha discusión entre o público acerca da palidez da súa perna e tamén se dubidou de se se debería ao susto que lle deu a pantasma. Cando tomou a frauta, evidentemente a mesma que se empregou na orquestra e que lle entregaron na porta, o público, unanimemente, pediulle que tocase o Rule Britania. E mentres recomendaba ao músico non tocar daquel xeito, o mesmo home túzaro que antes o interrompera dixo: «Ti, en cambio, non tocas a frauta de ningún modo; daquela, es peor ca el.» E lamentou moito ter que engadir que as palabras do señor Wopsle eran continuamente acollidas con grandes gargalladas.
Pero esperábao o máis duro cando chegou a escena do cemiterio. Este tiña a aparencia dun bosque virxe; ao carón había unha especie de lavadeiro de aspecto eclesiástico e ao outro unha porta semellante a unha barreira de portádego. O señor Wopsle levaba unha capa negra, e como o divisaran no momento de entrar por aquela porta, algúns sapresuráronse a avisar amigablemente ao sepultureiro, dicíndolle: «Coidado. Aquí chega o empresario de pompas fúnebres para ver como vai o teu traballo.» Paréceme feito moi coñecido, en calquera país constitucional, que o señor Wopsle non podía deixar o cranio na tumba, tras moralizar sobre el, sen limpar os dedos nun pano branco que sacou do peito; pero nin sequera tan inocente e indispensable acto pasou sen que o público exclamase, a guisa de comentario: «Mozo!» A chegada do cadáver para o seu enterro, nunha caixa negra e baleira, cuxa tapa caeu, foi o sinal da alegría xeral, que aumentou aínda ao descubrir que entre os que levaban a caixa había un individuo a quen recoñeceu o público. A alegría xeral seguiu ao señor Wopsle en toda a súa loita con Laertes, no bordo do escenario e da tumba, e nin sequera desapareceu cando derribou ao rei desde o alto da mesa de cociña e logo morreu, polgada a polgada e desde os tornecelos cara arriba.
Ao empezar fixeramos algunhas débiles tentativas para aplaudir ao señor Wopsle, pero foi evidente que non serían eficaces e, polo tanto, desistimos. Así, pois, continuamos sentados, sufrindo moito por el, pero, con todo, rindo con toda a alma. Ao meu pesar, rin durante toda a representación, porque realmente todo aquilo resultaba moi gracioso; e, no entanto, sentín a impresión latente de que na alocución do señor Wopsle había algo realmente notable, non por mor de antigas asociacións, segundo temo, senón porque era moi lenta, moi triste, lúgubre, subía e baixaba e en nada se parecía ao modo con que un home, en calquera circunstancia natural de morte ou de vida, puidese expresarse acerca dalgún asunto. Cando terminou a traxedia e a el o fixeron saír para recibir os gritos do público, díxenlle a Herbert:
–Vámonos axiña, porque en caso contrario corremos o perigo de atopalo.
Baixamos tan rápido como puidemos, pero non fomos rápidos dabondo, porque xunto á porta había un xudeu, con cellas tan grandes que non podían ser naturais e que cando pasabamos polo seu lado se fixou en min e preguntou:
–O señor Pip e o seu amigo?
Non houbo máis remedio que confesar a identidade do señor Pip e do seu amigo.
–O señor Waldengarver –dixo o home– querería ter o honor…
–Waldengarver? –repetín.
Herbert murmuroume ao oído:
–Probablemente é Wopsle.
–Oh! –exclamei–. Si. Temos que seguilo a vostede?
–Uns pasos, fagan o favor.
En canto estivemos nunha ruela lateral, volveuse, preguntando:
–Que lles pareceu a vostedes o seu aspecto? Vestino eu.
Eu non sabía, en realidade, cal era o seu aspecto, fóra de que parecía fúnebre, co engadido dun enorme sol ou estrela danesa que lle colgaba do pescozo, por medio dunha cinta azul, cousa que lle daba o aspecto de estar asegurado nalgunha extraordinaria compañía de seguros. Pero dixen que me pareceu moi ben.
–Na escena do cemiterio –dixo o noso guía– tivo unha boa ocasión de lucir a capa. Pero, a xulgar polo que vin entre bastidores, pareceume que ao ver á pantasma no cuarto da raíña, podería deixar un pouco máis ao descuberto as medias.
Asentín modestamente, e os tres atravesamos unha portiña de servizo, moi sucia e que se abría en ambas as direccións, penetrando nunha especie de calorosa caixa de embalaxe que había inmediatamente detrás. Alí, o señor Wopsle estaba quitando o seu traxe danés, e había o espazo estrictamente suficiente para miralo por encima dos nosos respectivos ombreiros, aínda que coa condición de deixar aberta a porta ou a tapa da caixa.
–Cabaleiros –dixo o señor Wopsle–. Síntome orgulloso de velos a vostedes. Espero, señor Pip, que me perdoará que o fixese chamar. Tiven a dita de coñecelo a vostede noutros tempos, e o drama foi sempre, segundo se recoñeceu, un atractivo para as persoas opulentas e de nobres sentimentos.
Mentres tanto, o señor Waldengarver, suando espantosamente, trataba de quitar as súas martas principescas.
–Quite as medias, señor Waldengarver –dixo o dono destas–, ou rebentaraas e con elas rebentará trinta e cinco xilins. Xamais Shakespeare puido lucir un par máis fino ca este. Estea quieto na cadeira e déixeme facer a min.
Dicindo así, axeonllouse e empezou a esfolar a súa vítima, quen, ao serlle sacada a primeira media, caeu para atrás coa cadeira, pero salvouse por non haber sitio para tanto.
Ata entón temín dicir unha soa palabra acerca da representación. Pero naquel momento, o señor Waldengarver mirounos moi compracido e dixo:
–Que lles pareceu a representación, cabaleiros?
Herbert, que estaba tras de min, tocoume e ao mesmo tempo dixo:
–Magnífica!
Como é natural, eu repetín a súa exclamación, dicindo tamén:
–Magnífica!
–Gustoulles a interpretación que dei ao personaxe, cabaleiros? –preguntou o señor Waldengarver con certo ton paternal.
Herbert, tras facerme un novo aceno por detrás de min, dixo:
–Foi unha interpretación exuberante e concreta a un tempo.
Por esta razón, e coma se eu mesmo fose o autor desta opinión, repetín:
–Exuberante e concreta a un tempo.
–Alégrome moito de merecer a súa aprobación, cabaleiros –dixo o señor Waldengarver con digno acento, malia que naquel momento fora guindado á parede e de que se apoiaba no asento da cadeira.
–Pero debo advertirlle unha cousa, señor Waldengarver –dixo o home que estaba axeonllado–, na que non pensou vostede durante a súa representación. Non me importa que alguén pense doutro xeito. Eu hei de dicirllo. Non fai vostede ben cando, ao representar o papel de Hamlet, pon as pernas de perfil. O último Hamlet que vestín cometeu a mesma equivocación no ensaio, ata que lle recomendei poñer unha grande oblea vermella en cada canela, e entón no ensaio (que xa era o último), eu situeime na parte do fondo da platea e cada vez que na representación se poñía de perfil, eu dicíalle: «Non vexo ningunha oblea». E aquela noite a representación foi magnífica.
O señor Waldengarver sorriume, como dicíndome: «É un bo empregado e escúsolle as súas parvadas.»
Logo, en voz alta, observou:
–O meu concepto deste personaxe é un pouco clásico e profundo para o público; pero xa mellorará este, mellorará sen ningunha dúbida.
–Non hai dúbida de que mellorará –exclamamos a un tempo Herbert e eu.
–Observaron vostedes, cabaleiros –dixo o señor Waldengarver–, que no público había un home que trataba de burlarse do servizo..., quero dicir, da representación?
Hipocritamente contestamos que, en efecto, nos parecía que o viramos, e engadín:
–Sen dúbida estaba bébedo.
–Oh, non! De ningún xeito! –contestou o señor Wopsle–. Non estaba bébedo. O seu amo xa coidaría de evitalo. O seu amo non lle permitiría emborracharse.
–Coñece vostede ao seu xefe? –preguntei.
O señor Wopsle pechou os ollos e abriunos de novo, realizando moi amodo esta cerimonia.
–Indubidablemente, observaron vostedes –dixo– un burro ignorante e esbardalleiro, coa voz rouca e o aspecto revelador de baixa malignidade, a cuxo cargo estaba o papel (non quero dicir que o representou) de Claudio, rei de Dinamarca. Este é o seu xefe, señores. Así é esta profesión.
Sen comprender moi ben se nos deberiamos mostrar máis apenados polo señor Wopsle, no caso de que este se desesperase, eu estaba apurado por el, malia todo, e aproveitei a oportunidade de que se volvese de costas a fin de que lle puxesen os tirantes –o cal nos obrigou a saír ao corredor– para preguntarlle a Herbert si lle parecía ben que o invitásemos a cear. O meu compañeiro estivo conforme, e por esta razón fixémolo e el acompañounos á Pousada de Barnard, tapado ata os ollos. Fixemos no seu obsequio canto nos foi posible, e estivo connosco ata as dúas da madrugada, pasando revista aos seus éxitos e expoñendo os seus plans. Esquecín en detalle cales eran estes, pero recordo, en conxunto, que quería empezar facendo resucitar o drama e terminar esmagándoo, pois a súa propia morte deixaríao completa e irremediablemente aniquilado e sen esperanza nin oportunidade posible de nova vida.
Moi triste deiteime, e coa maior tristeza pensei en Estella. Tristemente soñei que desapareceran todas as miñas esperanzas, que me vía obrigado a dar a miña man a Clara, a noiva de Herbert, ou a representar Hamlet co espectro da señorita Havisham, iso ante vinte mil persoas e sen saber sequera vinte palabras do meu papel.