23 de jan. de 2012

Capítulo 19

A mañá trouxo unha diferenza considerable na miña esperanza xeral da vida e fíxoa tan brillante que apenas me parecía a mesma. O que máis pesaba na miña mente era a consideración de que só faltaban seis días para o da miña marcha; porque non podía deixar de abrigar o receo de que mentres tanto podía ocorrer algo en Londres e que cando eu chegase alí o asunto estivese estragado ou destruído por completo.
Joe e Biddy mostráronse amables e cariñosos cando lles falei da nosa próxima separación, pero só se referiron a ela cando eu o fixen. Despois de almorzar, Joe sacou o meu contrato de aprendizaxe do armario do salón e ambos o botamos ao lume, o cal me deu a sensación de que xa estaba libre. Con esta novidade da miña emancipación fun á igrexa con Joe, e pensei que se o sacerdote o soubese todo, non lería o fragmento referente ao home rico e ao reino dos ceos. Despois de comer, cedo, saín só a dar un paseo, propoñéndome despedirme canto antes das brañas. Cando pasaba xunto á igrexa, sentín (como me ocorreu durante o servizo relixioso pola mañá) unha compaixón sublime cara aos pobres seres destinados a ir alí un domingo tras outro, durante toda a súa vida, para acabar por xacer escuramente entre os verdes terrapléns. Prometinme facer algo por eles un día ou outro, e formei o plan de ofrecerlles unha comida de carne asada, pudding de ameixas, un litro de cervexa e catro litros de condescendencia en beneficio de todos os habitantes da vila. Antes pensara moitas veces e cun sentimento parecido á vergonza nas relacións que sostiven co fuxitivo a quen vin coxear por aquelas tumbas. Estas eran as miñas ideas naquel domingo, pois o lugar recordábame a aquel pobre desgraciado vestido de farrapos e tremendo, co seu grillón de presidiario e o seu traxe de tal. O meu único consolo era dicirme que aquilo ocorrera moito tempo atrás, que sen dúbida sería levado a moita distancia e que, ademais, estaba morto para min, sen contar coa posibilidade de que realmente falecese.
Xa non máis terras baixas, non máis diques e comportas, non máis gando apacentando na herba. Todo iso, malia a súa monotonía, parecíame ter agora un aspecto moito máis respectable, e sentía a impresión de que se ofrecía á miña contemplación para que o mirase tanto como quixese, como posuidor de tan gran porvir. Adeus, sinxelas amizades da miña infancia! En diante viviría en Londres e entre grandezas e non me dedicaría xa ao oficio de ferreiro e naquel sitio. Satisfeito e animoso dirixinme á vella batería, e alí tendinme para pensar se a señorita Havisham me destinaba a Estella. Así quedei durmido. Ao espertar sorprendeume moito ver a Joe sentado ao meu lado e fumando a súa pipa. Saudoume con alegre sorriso en canto abrín os ollos e dixo:
–Como é por última vez, Pip, pareceume ben seguirte.
–Alégrome moito de que o fixeches, Joe.
–Grazas, Pip.
–Podes estar seguro, querido Joe –engadín despois de darnos a man–, de que nunca te esquecerei.
–Oh, non, Pip!–dixo Joe, persuadido-. Estou seguro diso. Somos vellos amigos. O que ocorre é que eu necesitei algún tempo para afacerme á idea da nosa separación. Foi unha cousa moi extraordinaria. Non é verdade?
En certo xeito, non me compracía o feito de que Joe estivese tan seguro. Gustaríame máis advertir nel algunha emoción ou que me contestase: «Iso hónrate moito, Pip», ou algo polo estilo. Daquela, non fixen ningunha observación á primeira resposta de Joe, e ao referirme á segunda, acerca de que a noticia chegara moi repentinamente, díxenlle que eu sempre desexara ser un cabaleiro e que continuamente pensaba no que faría se o fose.
–De verdade? –exclamou Joe–. É asombroso.
–É unha mágoa, Joe –dixen eu–, que non adiantases un pouco máis nas leccións que che daba. Non é verdade?
–Non o sei –contestou Joe–. Teño a cabeza tan dura! Non son mestre máis que no meu oficio. Sempre foi unha mágoa a miña dureza de caletre. Pero non é de sentir máis agora que o ano anterior. Non che parece?
O que eu quería dicir era que cando tomase posesión das miñas propiedades e puidese facer algo en beneficio de Joe, sería moito máis agradable que el estivese máis instruído para mellorar de posición. Pero el ignoraba tan por completo esa intención miña, que me pareceu mellor mencionarlla con preferencia a Biddy.
Por iso, cando regresamos á casa e tomamos o té, levei a Biddy ao noso xardinciño, situado ao carón da rúa, e despois de dicirlle dun modo vago que non a esquecería nunca, engadín que tiña que pedirlle un favor.
–E este é, Biddy –continuei–, que non deixarás de aproveitar ningunha oportunidade de axudar un pouco a Joe.
–De que xeito? –preguntou Biddy mirándome en fite.
–Pois verás. Joe é un bo rapaz. En realidade, creo que é o mellor de cantos homes viven na terra, pero está moi atrasado nalgunhas cousas. Por exemplo, Biddy, na súa instrución e nas súas maneiras.
Malia que, mentres falaba, eu miraba a Biddy e de que ela abriu moito os ollos en canto terminei, non me mirou.
–Oh, as súas maneiras! Parécenche malas, entón? –preguntou Biddy arrincando unha folla de grosella negra.
–Querida Biddy, as súas maneiras están moi ben para a aldea…
–Pois se están ben aquí… –interrompeu Biddy mirando en fite a folla que tiña na man.
–Pero se eu puidese poñer a Joe nunha esfera superior, como espero facelo en canto entre en posesión das miñas propiedades, as súas maneiras non parecerían entón moi boas.
–E ti cres que el sabe iso? –preguntou Biddy.
Esta era unha pregunta tan provocadora (porque xamais se me ocorreu tal cousa), que me apresurei a replicar, con acento fosco:
–Que queres dicir, Biddy?
Esta, despois de estrullar a folla entre as mans, e desde entón o aroma do groselleiro negro recordoume sempre aquela tarde no xardín, situado á beira da rúa, dixo:
–Terás en conta que talvez el sexa orgulloso?
–Orgulloso? –repetín con desdeñosa énfase.
–Oh, hai moitas clases de orgullo! –dixo Biddy fitándome e meneando a cabeza–. Non todo o orgullo é da mesma clase.
–Ben. E por que non continúas? –preguntei.
–Non é todo da mesma clase –proseguiu Biddy–. Talvez sexa demasiado orgulloso para permitir que alguén o saque do lugar que ocupa dignamente e no cal merece o respecto xeral. Para dicirche a verdade, creo que sente este orgullo, aínda que pareza atrevemento en min dicir tal cousa, porque sen dúbida ti o coñeces mellor ca min.
–Asegúroche, Biddy –dixen–, que me sabe moi mal que penses así. Non o esperaba. Es envexosa, Biddy, e ademais, criticona. O que ocorre é que estás desgustada pola mellora da miña fortuna e non podes evitar o demostralo.
–Se pensas deste xeito –replicou Biddy–, non teño inconveniente en que o digas. Repíteo se che parece ben.
–Pois se ti queres ser así, Biddy –dixen eu en ton virtuoso e superior–, non me botes a min a culpa. Sábeme moi mal ver estas cousas, aínda que comprendo que é un lado desagradable da natureza humana. O que quería rogarche é que aproveitases todas as pequenas oportunidades que se presentarán logo da miña marcha para mellorar o meu querido Joe. Pero despois de oírte, xa non che pido nada. Non sabes o que sinto descubrir en ti este sentimento, Biddy –repetín –é un lado desagradable da natureza humana.
–Tanto se me censuras como se me das a túa aprobación –contestou a pobre Biddy–, podes estar seguro de que sempre farei canto estea na miña man. E calquera que sexa a opinión que leves de min, iso non causará ningunha díferencia no meu recordo de ti. Con todo, un cabaleiro non debe ser inxusto –engadiu Biddy volvendo a cabeza.
Eu volvín repetirlle, coa maior vehemencia, que iso era un lado malo da natureza humana (cuxo sentimento, aínda que aplicándoo a distinta persoa, era seguramente certo), e afasteime de Biddy mentres esta se dirixía á casa. Fun á porta do xardín e dei un triste paseo ata a hora da cea, sentindo novamente que era moi triste e raro que aquela noite, a segunda da miña brillante fortuna, me parecese tan solitaria e desagradable como a primeira.
Pero de novo a mañá fixo brillante a miña esperanza, e estendín a miña clemencia cara a Biddy, de modo que ambos abandonamos a discusión daquel asunto. Tras vestirme co mellor traxe que tiña, fun á cidade tan cedo como puiden para atopar as tendas abertas e presenteime ao xastre señor Trabb, que naquel momento almorzaba na rebotica, e, non crendo necesario saír a recibirme, indicoume que entrase.
–Que hai? –dixo o señor Trabb con ton de protección–. Como está vostede e que desexa?
O señor Trabb cortara o seu bolo quente en tres rebanadas e untábaas con manteiga antes de poñelas unha encima doutra. Era un solteirón que vivía moi ben; a súa aberta fiestra daba a un xardinciño e a unha horta moi bonitos, e na parede, xunto á cheminea, había unha magnífica caixa forte, de ferro, e non dubidei de que dentro estaba encerrada unha gran cantidade de diñeiro en sacos.
–Señor Trabb –dixen–. Sábeme moi mal falar disto, porque parece unha fanfurriñada, pero o caso é que cheguei a obter boas propiedades.
Notouse un cambio no señor Trabb. Esqueceu a manteiga e as rebandas do bolo, levantouse do asento que ocupaba á beira da cama e limpou os dedos no mantel, exclamando:
–Deus me bendiga!
–Teño que ir a Londres ao encontro do meu titor –dixen eu, sacando distraidamente unhas guineas do peto e mirándoas logo–, e preciso un traxe elegante que poñer. Desde logo penso pagalo en moeda contante e soante –engadín pensando que quizais non se fiaría.
–Meu querido señor –dixo o señor Trabb mentres se inclinaba respectuosamente e logo abría os brazos tomándose a liberdade de tocarme ambos os cóbados–. Faga o favor de non darme un desgusto falando diso. Permitirame felicitalo? Quere vostede facerme o favor de dirixirse á tenda?
O aprendiz do señor Trabb era o máis atrevido de toda a rexión. Cando eu entrei estaba varrendo a tenda, e adozou esta tarefa varrendo por encima de min. Seguía entregado á mesma ocupación cando saín á tenda co señor Trabb, e el entón golpeou coa vasoira todos os recunchos e obstáculos posibles, co fin de expresar, segundo puiden comprender, a súa igualdade con calquera ferreiro vivo ou morto.
–Non fagas ruído! –gritoulle o señor Trabb coa maior severidade–, ou arríncoche a cabeza dunha pancada. Fágame o favor de sentar, cabaleiro. Este –dixo o señor Trabb baixando unha peza de pano e estendéndoa sobre o mostrador antes de meter a man por baixo, para mostrar o brillo– é un xénero excelente. Podo recomendalo para o seu obxecto, cabaleiro, porque realmente é de calidade superior. Pero tamén verá outros. Dáme o número catro, ti –engadiu dirixíndose ao raparigo e mirándoo dun modo ameazador, pois temía que aquel desvergonzado me fixese algunha trastada coa vasoira ou outra demostración de familiaridade.
O señor Trabb non separou os ollos do rapaz ata que este deixou o xénero número catro sobre o mostrador e estivo outra vez a unha distancia prudencial. Entón ordenoulle que trouxese o número cinco e o número oito.
–Ollo con facer trasnadas –engadiu o señor Trabb–, porque che aseguro que te acordarás durante toda a túa vida.
O señor Trabb inclinouse entón sobre o número catro e con deferente confianza recomendoumo como artigo moi lixeiro para o verán, engadindo que estaba de moda entre a nobreza e a xente de diñeiro. Era un artigo que el consideraría como un honor que vestise a un distinguido cidadán, no caso de que puidese chamarme tal.
–Non traes os números cinco e oito, bandido? –díxolle o señor Trabb ao rapaz–. Ou prefires que te saque a couces da tenda e vaia buscalos eu mesmo?
Axudado polo bo xuízo do señor Trabb, elixín a tea para un traxe, e entón volvemos ao salón para tomar as medidas. Porque malia que o señor Trabb xa as tiña e de que estivo satisfeito delas, díxome entón que, nas actuais circunstancias, non as consideraba convenientes. Por iso o señor Trabb me mediu e me calculou na sala coma se eu fose un terreo e el un agrimensor distinguido, e deuse a si mesmo tanto traballo que cheguei a sentir a dúbida de que o prezo do traxe non chegaría a recompensarlle as molestias. Cando por fin terminou e conveu en mandar o traxe o xoves seguinte á casa do señor Pumblechook, dixo, mentres tiña a man na pechadura da porta do salón:
–Comprendo, cabaleiro, que as persoas distinguidas de Londres non poden ser parroquianos dun xastre rural, como regra xeral. Pero se, de cando en vez, quixese vostede dar unha volta por aquí na súa calidade de habitante de Londres, eu quedaría profundamente agradecido. Bos días, cabaleiro. Estou moi agradecido… A porta!
Estas últimas palabras foron dirixidas ao rapaz, que non se decatou do seu significado. Pero vino quedar pampo cando o seu mestre me quitaba as pelusas da roupa coas súas propias mans, e a miña primeira experiencia decisiva do estupendo poder do diñeiro foi que, moralmente, dominara ao aprendiz de Trabb.
Despois de tan memorable acontecemento fun á casa do sombreireiro, do zapateiro e do vendedor de xéneros de punto, estrañado de que o meu equipo requirise os servizos de tantas profesións. Tamén fun á cocheira e tomei un asento para as sete da mañá do sábado. Non era xa necesario explicar por todas as partes o cambio da miña situación; pero cando facía algunha alusión a isto, a consecuencia era que o menestral que estaba comigo deixaba de fixar a súa atención a través da fiestra da rúa alta, para concentrar a súa mente en min. Tras pedir todo o que necesitaba, dirixín os meus pasos cara á casa de Pumblechook, e cando me achegaba ao establecemento deste, vino en pé ante a porta.
Esperábame coa maior impaciencia. Moi cedo saíra na súa carruaxe, e como foi á fragua informárase das noticias. Preparara unha colación para min no salón Barnwell, e tamén ordenou ao seu empregado saír a atenderme en canto pasou a miña sagrada persoa.
–Meu querido amigo! –dixo o señor Pumblechook colléndome ambas as mans cando estivemos sós e ante o refrixerio-. Non sabe vostede canto me alegro da súa boa fortuna! Por outra banda, é moi merecida, si, moi merecida.
Con iso quería referirse ao asunto, e eu formei moi bo concepto do seu modo de expresarse.
–E pensar… –engadiu o señor Pumblechook despois de dar un suspiro de admiración e de contemplarme por uns instantes–, pensar que eu sexa o humilde instrumento para que vostede alcance iso é unha recompensa que me enorgullece.
Roguei ao señor Pumblechook que recordase que nada debía dicirse nin insinuarse acerca daquilo.
–Meu querido e mozo amigo –dixo o señor Pumblechook–, supoño que me permitirá vostede chamarlle así…
–Naturalmente –contestei eu.
Entón o señor Pumblechook volveu collerme con ambas as mans e comunicoulle ao seu chaleco un movemento en aparencia debido á emoción, aínda que aquela peza estaba bastante caída.
–Meu querido mozo e amigo, descanse vostede en min, seguro de que na súa ausencia farei canto poida para recordar este detalle a Joe. Joe! –engadiu o señor Pumblechook con ton de mágoa.
Logo meneou a cabeza e golpeouna significativamente, para dar a entender a súa opinión de que as calidades intelectuais do meu amigo eran algo deficientes.
–Pero meu querido mozo e amigo –engadiu o señor Pumblechook–, debe vostede de estar famento e caendo de cansazo. Sente. Aquí hai un polo, unha lingua e outras cousiñas que espero que non desdeñará vostede. Pero é posible? –engadiu o señor Pumblechook levantándose inmediatamente despois que sentar– que ante min teña o mesmo mozo a quen sempre apoiei nos tempos da súa feliz infancia? E será posible que eu poida…?
Indubidablemente referíase ao seu desexo de estreitarme a man. Consentín, e el fíxoo co maior fervor. Logo sentou outra vez.
–Aquí hai viño –dixo o señor Pumblechook–. Bebamos para dar grazas á fortuna, e oxalá sempre outorgue os seus favores con tanto acerto. E, con todo, non podo –dixo o señor Pumblechook levantándose outra vez– ver diante de min unha persoa e beber á súa saúde sen…
Díxenlle que fixese o que lle parecese mellor, e estreitoume novamente a man. Logo baleirou o seu vaso e púxoo cara abaixo en canto estivo baleiro. Eu fixen o mesmo, e si invertese a posición do meu propio corpo despois de beber, o viño non podería dirixirse máis directamente á miña cabeza. O señor Pumblechook serviume un zanco de polo e a mellor tallada da lingua, e, por outra banda, pareceu non coidarse de si mesmo.
–Ah, polo, pouco imaxinabas –dixo o señor Pumblechook apostrofando á ave que estaba no prato–, pouco imaxinabas, cando ías polo curral, o que te esperaba! Pouco pensaches que chegarías a servir de alimento, baixo este humilde teito, a unha persoa que…, talvez sexa unha debilidade –engadiu o señor Pumblechook poñéndose en pé outra vez–, pero permíteme…?
Empezaba xa a ser innecesaria a miña resposta de que podía estreitarme a man, e por iso fíxoo deseguido, e non puiden descubrir como logrou facelo tantas veces sen ferirse co meu coitelo.
–E en canto á súa irmá –dixo despois de comer por espazo duns instantes–, a que tivo o honor de crialo con biberón… A pobre é un espectáculo doloroso, e moito máis cando se pensa que non está en situación de comprender este honor. Non lle parece…?
Vin que se dispoñía a estreitarme a man outra vez, e detíveno exclamando:
–Beberemos á súa saúde.
–Ah! –exclamou o señor Pumblechook apoiándose no respaldo da cadeira e penetrado de admiración–. Canta nobreza hai en vostede, cabaleiro! –Non sei a que cabaleiro se refería, pero certamente non era eu, aínda que non había alí outra persoa–. Canta nobreza hai en vostede! Sempre afable e sempre indulxente! Talvez –dixo o servil Pumblechook deixando sobre a mesa o seu vaso cheo, no seu apresuramento por poñerse en pé–, talvez ante unha persoa vulgar eu parecería pesado, pero…
En canto me estreitou a man volveu sentar e bebeu á saúde da miña irmá.
–Estariamos cegos –dixo entón –se esquecésemos o mal carácter que tiña; pero hai que confesar tamén que as súas intencións sempre eran boas.
Entón empecei a observar que o seu rostro estaba moi encarnado, e, en canto a min mesmo, tiña o rostro arroibado e proíame.
Díxenlle ao señor Pumblechook que dera orde de que mandasen o meu traxe á súa casa, e el quedou estático de admiración ao ver que o distinguía de tal modo. Expliqueille os meus desexos de evitar os ruxerruxes e a admiración da miña aldea, e puxo nas mesmas nubes a miña previsión. Expresou a súa convicción de que ninguén máis que el mesmo era digno da miña confianza, e deume a man outra vez. Logo preguntoume tenramente se me acordaba dos nosos xogos infantís, cando me propoñía sumas e como os dous conviñemos en que eu entrase de aprendiz con Joe; tamén fixo memoria de que el sempre foi o meu preferido e o meu amigo máis querido. Pero, aínda que eu bebese dez veces o viño que inxerira, malia iso nunca me convenceu de que as súas relacións comigo foron as que aseguraba; no máis profundo do meu corazón rexeitaría indignado aquela idea. Con todo, lembro que cheguei a convencerme de que xulgara mal a aquel home, que resultaba ser práctico e bondadoso.
Por graos empezou a demostrarme tal confianza, que me pediu o meu consello con respecto aos seus propios asuntos. Mencionou que nunca se presentara unha ocasión tan favorable como aquela para acaparar o negocio de grans e sementes no seu propio establecemento, no caso de que se ampliase considerablemente. O único que necesitaba para alcanzar así unha enorme fortuna era ter algo máis de capital. Estas foron as súas palabras: máis capital. E Pumblechook cría que este capital podería interesalo nos seus negocios un socio que non tería nada que facer máis que pasear e examinar de cando en vez os libros e visitalo dúas veces ao ano para levar os seus beneficios, a razón do cincuenta por cento. Iso parecíalle unha excelente oportunidade para un mozo animoso que tivese bens e que, polo tanto, sería digna de fixar a súa atención. Que pensaba eu diso? El daba moito valor ás miñas opinións, e por iso me preguntaba acerca do particular. Eu díxenlle que esperase un pouco. Esta resposta impresionouno de tal xeito que xa non me pediu permiso para estreitarme as mans, senón que dixo que tiña que facelo, e cumpriu o seu desexo.
Bebemos todo o viño, e o señor Pumblechook aseguroume varias veces que faría canto estivese na súa man para poñer a Joe á altura conveniente (aínda que eu ignoraba cal era esta) e que me prestaría eficaces e constantes servizos (servizos cuxa natureza eu ignoraba). Tamén me deu a coñecer, por vez primeira na miña vida e certamente despois de gardar o seu segredo dun modo abraiante, que sempre dixera de min: «Este rapaz sae do común e fíxense en que a súa fortuna será extraordinaria.» Dixo con lacrimoso sorriso que recordar iso era unha cousa singular, e eu convín niso. Finalmente saín ao aire libre, dándome conta, aínda que dun modo vago, de que na conduta do sol había algo raro, e entón fixeime en que, sen darme conta, chegara á barreira do portádego, sen ter en conta para nada o camiño.
Espertei ao oír que me chamaba o señor Pumblechook. Estaba a algunha distancia máis aló, na rúa chea de sol, e facíame expresivos xestos para que me detivese. Obedecín mentres el chegaba alasante ao meu lado.
–Non, meu querido amigo –dixo en canto recobrou bastante o alento para poder falar–. Non será así, se podo evitalo. Esta ocasión non pode pasar sen esta mostra de afecto pola súa banda. Serame permitido, como vello amigo e como persoa que lle desexa toda sorte de ditas…?
Estreitamos a man por centésima vez polo menos, e logo el ordenoulle, moi indignado, a un carreteiro novo que pasaba polo meu lado que se apartase do meu camiño. Deume a súa bendición e quedou axitando a man ata que eu pasei a revolta do camiño; entón dirixinme a un campo, e antes de proseguir a miña marcha cara á casa botei unha soneca baixo uns matos. Poucos efectos tiña que levar a Londres, pois a maior parte dos que posuía non eran conformes á miña nova posición. Pero aquela mesma tarde empecei a arranxar a miña equipaxe e levei moitas cousas, aínda que estaba persuadido de que non as necesitaría ao día seguinte; con todo, todo o fixen para dar a entender que non había un momento que perder.
Así pasaron o martes, o mércores e o xoves; o venres pola mañá fun á casa do señor Pumblechook para poñer o novo traxe e facer unha visita á señorita Havisham. O señor Pumblechook cedeume o seu propio cuato para que me vestise, e entón observei que estaba adornado con cortinas limpas e expresamente para aquel acontecemento. O traxe, como é natural, foi para min case un desencanto. É probable que todo traxe novo e moi esperado resulte, ao chegar, moi por baixo das esperanzas de quen o vai poñer. Pero unha vez que puxen o meu traxe novo e estiven media hora facendo xestos ante o pequeno espello do señor Pumblechook, na miña inútil tentativa de verme as pernas, pareceume que me sentaba mellor. O señor Pumblechook non estaba na casa, porque había feira nunha cidade veciña, situada a cousa de dez millas. Eu non lle dixera exactamente cando pensaba marchar e non tiña ningún desexo de estreitarlle outra vez a man antes de partir. Todo marchaba como era debido, e así saín vestindo as miñas novas galas, aínda que moi avergoñado de ter que pasar polo lado do empregado da tenda e receoso de que, en suma, o meu tipo resultase algo raro, como o de Joe cando levaba o traxe dos domingos.
Dando unha gran volta por todas as ruelas, dirixinme á casa da señorita Havisham e, moi molesto polas luvas que levaba, tirei do cordón da campá. Acudiu Sara Pocket á porta e retrocedeu ao verme tan cambiado; e ata o seu rostro, da cor da casca da noz, deixou de ser moreno para poñerse verde e amarelo.
–Ti? –exclamou–. Ti? Meu Deus! Que queres?
–Voume a Londres, señorita Pocket, e querería despedirme da señorita Havisham.
Como non me esperaban, deixoume encerrado no patio mentres ía preguntar se podía entrar. Ao cabo dun intre volveu e fíxome subir, aínda que sen quitarme os ollos de encima.
A señorita Havisham estaba facendo exercicio no cuarto que contiña a enorme mesa, e apoiábase na súa muleta. A estancia estaba iluminada como noutro tempo. Ao oírnos entrar, a señorita Havisham detívose e volveuse. Naquel momento estaba fronte ao pastel de voda.
–Non te vaias, Sara –dixo–. Que hai, Pip?
–Mañá voume a Londres, señorita Havisham –dixen poñendo o maior coidado nas palabras que pronunciaba–. Pensei que vostede non tería inconveniente en que viñese despedirme.
–Tes moi bo aspecto, Pip –dixo axitando ao redor de min a súa muleta, coma se fose un fada madriña que despois de transformarme se dispuxese a outorgarme o don final.
–Sobreveume a boa fortuna desde que a vin por última vez, señorita Havisham –murmurei–. E estoulle moi agradecido por iso, señorita Havisham.
–Si, si –dixo mirando satisfeita á desconcertada e envexosa Sara–. Xa vin ao señor Jaggers. Estou informada diso, Pip. De modo que te vas mañá?
–Si, señorita Havisham.
–Fuches adoptado por unha persoa rica?
–Si, señorita Havisham.
–Non se deu a coñecer?
–Non, señorita Havisham.
–E o señor Jaggers é o teu titor?
–Si, señorita Havisham.
Era evidente que se deleitaba con aquelas preguntas e respostas e que se divertía cos celos de Sara Pocket.
–Moi ben –continuou–. Ofréceseche unha brillante carreira. Sé bo, merécea e atende ás instrucións do señor Jaggers–. Miroume e logo contemplou a Sara, en cuxo rostro se debuxara un cruel sorriso–. Adeus, Pip. Xa sabes que debes usar sempre o teu nome.
–Si, señorita Havisham.
–Adeus, Pip.
Tendeu a man, e eu, axeonllándome, leveina aos beizos. Nada resolvera acerca do modo de despedirme dela. Pero naquel momento ocorréuseme tal conduta do modo máis natural. Ela mirou a Sara Pocket mentres os seus estraños ollos expresaban o triunfo, e así me separei da miña fada madriña, que quedou con ambas as mans apoiadas na muleta, no centro da estancia, debilmente iluminada e xunto ao murcho pastel de voda oculto polas arañeiras.
Sara Pocket acompañoume ata abaixo, coma se eu fose unha pantasma que convén afastar. Parecía non poder comprender o meu novo aspecto e estaba moi confusa. Eu díxenlle: «Adeus, señorita Pocket», pero ela limitouse a quedar coa mirada fixa e talvez non se deu conta de que lle falaba. Unha vez fóra da casa encamiñeime á de Pumblechook, quitei o traxe novo, enroleino para envolvelo e regresei á miña casa co meu traxe vello, que en verdade levaba moito máis a gusto, malia ir cargado co novo. Aqueles seis días que tanto tardaron en pasar transcorreran por fin. Cando as seis noites se converteron en cinco, en catro, en tres e en dúas, eu dábame mellor conta do agradable que era para min a compañía de Joe e de Biddy. A última noite puxen o meu traxe novo, para que eles me contemplasen, e ata a hora de deitarme estiven rodeado do seu esplendor. En honor da ocasión tivemos cea quente, adornada polo inevitable polo asado, e para terminar bebemos viño con azucre. Estabamos todos moi tristes, e ningún sequera finxía unha alegria que non sentía.
Eu debía marchar da aldea ás cinco da mañá, levando o meu maletín, e díxenlle a Joe que quería marchar só. Temo e apéname moito pensar agora que iso ae debeu ao meu desexo de evitar o contraste que ofreceriamos Joe e eu se iamos os dous xuntos ata o coche. Díxenme que non había nada diso, pero cando aquela noite fun para o meu cuartiño, vinme obrigado a confesarme a verdade e sentín o impulso de baixar outra vez e de rogarlle a Joe que me acompañase á mañá seguinte. Pero non o fixen.
No meu axitado soño daquela noite non vin máis que coches que se dirixían equivocadamente a outros lugares no canto de ir a Londres e entre cuxas varas había cans, gatos, porcos e ata homes, pero nunca cabalos. Ata que apuntou a aurora e empezaron a cantar os paxaros non puiden facer outra cousa que pensar en viaxes fantasticamente interrompidas. Logo púxenme en pé, vestinme en parte e sentei xunto á fiestra para mirar a través dela por última vez; pero pronto quedei durmido.
Biddy levantouse tan cedo para prepararme o almorzo, que, malia que durmín xunto á fiestra por espazo dunha hora, percibín o fume da cociña e púxenme en pé coa idea terrible de que pasara xa a mañá e de que a tarde estaba avanzada. Pero moito despois diso e de oír o ruído que abaixo facían as cuncas do té, e aínda despois de estar vestido por completo, non me decidín a baixar, senón que quedei no meu cuarto abrindo e pechando a maleta unha e outra vez ata que Biddy me berrou que xa era tarde.
Almorcei con présa e sen gusto ningún. Púxenme en pé despois de comer, e con certa vivacidade, coma se naquel momento acabase de ocorrérseme, dixen:
–Ben, coido que teño que marcharme.
Logo biquei á miña irmá, que se ría movendo a cabeza dun lado a outro, sentada na súa cadeira de sempre; biquei a Biddy e rodeei cos meus brazos o pescozo de Joe. Feito isto, tomei o meu maletín e saín da casa. O último que vin deles foi cando, ao oír ruído ás miñas costas, me volvín e vin que Joe me tiraba un zapato vello e Biddy me guindaba outro. Entón detívenme, axitei o meu chapeu e o pobre Joe moveu a man dereita por encima da cabeza gritando con voz rouca:
–Hurra!
En canto a Biddy, cubriu o rostro co mandil.
Afasteime a bo paso, observando que era máis fácil marchar do que imaxinara e reflexionando que non sería conveniente que me tirasen un zapato vello cando xa estivese no coche e á vista de toda a rúa Principal. Asubiei, como dando pouca importancia á miña marcha; pero a aldea estaba moi tranquila e apracible e a lixeira néboa levantábase solemnemente, coma se quixese mostrarme o mundo. Pensei en que alí fora moi inocente e pequeno e que máis aló todo era moi grande e descoñecido; repentinamente sentín unha nostalxia, e empecei a derramar bágoas. Estaba entón xunto ao poste indicador do extremo da aldea, e puxen a man nel dicindo:
–Adeus, querido amigo!
Deus sabe que nunca debemos avergoñarnos das nosas bágoas, porque son a choiva que limpa o cegador po da terra que recubre os nosos corazóns endurecidos. Despois de chorar atopeime mellor que antes, e sentinme máis triste e estiven máis convencido da miña ingratitude, así como tamén fun desde entón máis cariñoso. E se chorase antes, tería ao meu lado o meu querido Joe.
Tan amansado quedei por aquelas bágoas e pola súa repetición durante o traxecto, que cando estiven no coche e desapareceu ao lonxe a cidade, pensei, co corazón dolorido, en se faría ben baixando cando cambiasen os cabalos, a fin de retroceder á aldea e pasar outra noite na casa, para poder despedirme mellor dos meus. Cando veu a remuda aínda non estaba decidido, pero díxenme, para consolarme, que aínda podería esperar á remuda seguinte para volver á aldea. E mentres estaba ocupado con estas dúbidas, podía imaxinar a Joe en calquera home que cruzase polo noso lado. Entón o meu corazón latexaba apresurado. Oxalá fose el!
Cambiamos de cabalos unha e outra vez, e xa entón foi demasiado tarde e lonxe para retroceder, de modo que continuei. A néboa levantouse xa con solemnidade e o mundo quedaba estendido ante as miñas miradas.

22 de jan. de 2012

Capítulo 18

Iso ocorreu no cuarto ano da miña aprendizaxe e na noite dun sábado. Arredor do lume dos Tres Alegres Barqueiros congregárase un grupo que escoitaba atento a lectura que, en voz alta, facía o señor Wopsle do xornal. Eu formaba parte daquel grupo.
Cometérase un crime que se fixo célebre, e o señor Wopsle estaba roibo ata as cellas. Deleitábase ante cada un dos violentos adxectivos da descrición e identificábase con cada unha das testemuñas da instrución do proceso. Con voz débil e queixosa dicía «Estou perdido!», cando se trataba dos últimos momentos da vítima, e con voz salvaxe gritaba: «Vou arranxar as contas contigo!», referíndose ás palabras pronunciadas polo asasino. Explicou o exame dos médicos forenses imitando o modo de falar do practicante da vila, e falou con voz tan débil e trémula ao repetir a declaración do garda da barreira que oíra golpes, dun modo tan propio dun paralítico que chegou a inspirarnos serias dúbidas acerca da cordura daquela testemuña. O forense, en mans do señor Wopsle, converteuse en Timón de Atenas; o alguacil, en Coriolano. El gozaba o indicible e nós tamén, á parte de que todos estabamos moi cómodos e a gusto. Naquel agradable estado mental chegamos ao veredito de «asasinato premeditado».
Entón, e non antes, deime conta de que un descoñecido cabaleiro estaba apoiado no respaldo do asento situado fronte a min e que observaba a escena. No seu rostro advertíase unha expresión de desdén e mordía o lado do seu enorme dedo índice mentres observaba o grupo de rostros.
–Perfectamente –dixo o descoñecido ao señor Wopsle en canto terminou a lectura–, paréceme que o arranxou vostede todo ao seu gusto.
Todos se sobresaltaron e levantaron os ollos coma se aquel novo personaxe fose o asasino. El mirou a todos fría e sarcasticamente.
–Desde logo é culpable, verdade? –dixo–. Veña, dígao!
–Cabaleiro –replicou o señor Wopsle–, aínda que non teña o honor de coñecelo a vostede, podo asegurar que ese home é culpable.
Ao oír estas palabras, todos recobramos o valor suficiente para unirnos nun murmullo de aprobación.
–Xa sabía que opinaría vostede así –dixo o descoñecido–, e diso estaba convencido de antemán. Pero agora quero facerlle unha pregunta: sabe vostede ou non que a lei de Inglaterra presupón que todo home é inocente, a non ser que se demostre sen ningunha dúbida que é culpable?
–Cabaleiro –empezou a dicir o señor Wopsle–, como inglés que son, eu…
–Alto! –replicou o descoñecido mordendo de novo o índice–. Non saia vostede pola tanxente. Ou está vostede informado diso ou ignórao. Que contesta?
Estaba coa cabeza inclinada a un lado, e pareceu guindar o dedo índice ao señor Wopsle, coma se quixese sinalalo, antes de repetir a acción.
–Veña, conteste–dixo–. Está vostede informado diso ou non?
–Certamente estou informado –replicou o señor Wopsle.
–Sábeo sen ningunha dúbida. Por que non o dixo de antemán? Agora vou facerlle outra pregunta –engadiu tomando posesión do señor Wopsle coma se tivese algún dereito sobre el–. Sabe vostede xa que a ningunha desas testemuñas a volveron interrogar?
O señor Wopsle empezou a murmurar:
–Eu soamente podo dicir.…
Pero o descoñecido interrompeuno:
–Como? Quere vostede contestar a pregunta ou non? En fin, probe outra vez –engadiu sinalándoo de novo co dedo–. Fíxese no que di. Está vostede informado ou non de que non se fixeron repreguntas ás testemuñas? Non quero que me conteste máis que si ou non.
O señor Wopsle vacilou, e nós empezamos a ter unha pobre idea del.
–Espere –engadiu o descoñecido–. Vou axudarlle. Non o merece vostede, pero fareino. Fíxese no papel que ten nas mans. Que é?
–Que é? –repetiu o señor Wopsle mirándoo sen comprender.
–É –proseguiu o descoñecido, con acento sarcástico e receoso– o xornal que acaba vostede de ler?
–Ignóroo.
–Sen ningunha dúbida. Agora fíxese no impreso e vexa se expresa con claridade que o acusado dixo que os seus conselleiros legais lle deron instrucións concretas para que se reservase a súa defensa.
–Acabo de lelo.
–Nada importa o que acaba vostede de ler, cabaleiro. Non lle pregunto que acaba de ler. Se lle peta, pode ler ao revés o nosopai, e talvez o fixese vostede antes de hoxe. Fíxese no xornal. Non, non, amigo meu, non no alto da columna. É vostede renarte. Ao final, ao final. –Todos empezamos a crer que o señor Wopsle era home amigo dos subterfuxios–. Ben. Atopouno xa?
–Velaquí –dixo o señor Wopsle.
–Agora lea vostede e dígame se expresa con claridade ou non que o preso dixo ser instruído polos seus conselleiros legais para que se reservase a súa defensa. Atopouno? Enténdeo claramente?
–Non son estas as palabras exactas –observou o señor Wopsle.
–Que non son as palabras exactas? –repetiu amargamente o cabaleiro–. Pero é exacto o sentido?
–Si –confesou o señor Wopsle.
–Si –repetiu o descoñecido mirando ao seu redor a todos os reunidos e coa man estendida cara á testemuña Wopsle–. E agora pregunto a vostedes que me din da conciencia dun home que, con este parágrafo ante os ollos, é capaz de durmir sobre a súa almofada tras chamar culpable a un home sen oílo.
Todos empezamos a sospeitar que o señor Wopsle non era o home que creramos e que xa iamos dándonos conta dos seus defectos.
–E ese mesmo home, recórdeno –proseguiu o cabaleiro, sinalando ao señor Wopsle co índice–, ese mesmo home podería ser nomeado xurado neste xuízo, e, despois de pecar, volvería satisfeito ao seo da súa familia e apoiaría a cabeza na almofada, iso tras xurar que examinaría lealmente o caso pendente entre o noso soberano, o rei, e o preso do banco, e que pronunciaría un veredito xusto, de acordo coas evidencias que se lle ofrecesen, para que Deus lle axudase logo pola súa rectitude.
Todos estabamos profundamente persuadidos de que o desgraciado Wopsle fora demasiado lonxe, e que, sendo aínda tempo, faría mellor en deterse na súa atolondrada carreira.
O estraño cabaleiro, con aire de autoridade indiscutible e en aparencia coñecedor de algo secreto acerca de cada un de nós, algo que aniquilaría a cada un se se decidía a revelalo, deixou o respaldo do seu asento e situouse entre os dous bancos, fronte ao lume, onde permaneceu en pé. Meteu a man esquerda no peto, mentres continuaba mordendo o índice da dereita.
–A xulgar polos informes recollidos –dixo mirando ao redor mentres o contemplabamos acovardados–, teño razóns para crer que entre vostedes hai un ferreiro chamado Joseph, ou Joe, ou Gargery. Quen é?
–Son eu –contestou Joe.
O estraño cabaleiro fíxolle un aceno para que se achegase, cousa que fixo Joe.
–Ten vostede un aprendiz –proseguiu o descoñecido– comunmente chamado Pip?
–Aquí estou! –exclamei.
O cabaleiro non me recoñeceu, pero eu si lembrei que era o mesmo a quen atopara na escaleira, na miña segunda visita a casa da señorita Havisham. Recoñecino desde o primeiro momento en que o vin, e agora que estaba ante el, mentres me apoiaba a man no ombreiro, volvín contemplar con detemento a súa gran cabeza, o seu cute moreno, os seus ollos afundidos, as súas poboadas cellas, a súa enorme cadea de reloxo, a súa barba e bigote espesos, aínda que afeitados, e ata o aroma de xabón perfumado na súa enorme man.
–Debo ter unha conversación particular con vostedes dous –dixo tras examinarme ao seu pracer–. Levaranos só un intre. Talvez sexa mellor que vaiamos á súa casa. Prefiro non anticipar nada aquí; logo referirano todo ou algo aos seus amigos, segundo lles pareza mellor; iso non me importa nada.
En absoluto silencio saímos dos Tres Alegres Barqueiros e, sen despegar os beizos, dirixímonos á casa. Mentres andabamos, o estraño descoñecido mirábame con moita atención e ás veces mordía o lado do dedo índice. Cando xa estabamos preto de casa, Joe, crendo que a ocasión era, en certo xeito, importante e cerimoniosa, anticipouse a nós para abrir a porta. A nosa conferencia tivo lugar no salón, que iluminaba debilmente unha candea. Empezou sentando o descoñecido á mesa; achegando a candea e consultando algunhas notas nun libro de peto. Logo deixou este a un lado e mirou na penumbra a Joe e a min, para saber onde estabamos respectivamente.
–Chámome Jaggers –empezou dicindo–, e son avogado en Londres. Son bastante coñecido. Teño que tratar con vostedes un asunto nada corrente, e empezo por dicir que nisto non tomei ningunha iniciativa. Se se me pedise consello, o máis probable é que non estivese aquí. Non me preguntaron nada, e por iso vin ante vostedes. Vou limitarme a facer o que corresponde ao que obra como axente doutro. Nin máis nin menos.
Observando que non podia vernos moi ben desde onde estaba sentado, levantouse, pasou unha perna por encima do respaldo da cadeira e apoiouse nela, de maneira que tiña un pé no chan e o outro sobre o asento da cadeira.
–Joe Gargery –dixo–, son portador dunha oferta que o librará dese raparigo, o seu aprendiz. Supoño que non terá vostede inconveniente en anular o seu contrato de aprendizaxe a petición súa e no seu beneficio. Desexa vostede algunha compensación por iso?
–Non queira Deus que pida cousa ningunha por axudar a Pip! –exclamou Joe, moi asombrado.
–Esta exclamación é piadosa, pero de nada serve neste caso –replicou o señor Jaggers–. A cuestión é: quere vostede algo?, necesita vostede algo?
–A iso debo contestar –dixo Joe severamente– que non.
Pareceume que o señor Jaggers miraba a Joe coma se fose un parvo polo seu desinterese, pero eu sentía demasiado abraio e curiosidade para poder estar seguro.
–Moi ben –dixo o señor Jaggers–. Recorde o que acaba de prometer e non se volva atrás.
–Quen se volve atrás? –preguntou Joe.
–Non mencionei a ninguén. Non dixen que ninguén o faga. Ten vostede permiso?
–Si, téñoo.
–Pois recorde vostede que un can ladrador é bo, pero mellor aínda é o que morde e non ladra. Recordarao vostede? –repetiu o señor Jaggers pechando os ollos e inclinando a cabeza cara a Joe, coma se o escusase por algo–. Agora, volvendo a este rapaz, debo comunicarlles a vostedes que ten un espléndido porvir.
Joe quedou asombrado, e mirámonos un ao outro.
–Teño instrucións de comunicarlle –dixo o señor Jaggers sinalándome co dedo índice– que terá considerables bens. Ademais, que o actual posuidor deses bens desexa que abandone inmediatamente a esfera social e a casa que ocupa agora e que se eduque como cabaleiro. Nunha palabra, como persoa de gran porvir.
Desapareceran os meus soños, e a miña tola fantasía quedou atrasada ante a realidade pura; a señorita Havisham ía facer a miña fortuna en grande escala.
–Agora, señor Pip –proseguiu o avogado–, o que me queda por dicir vai encamiñado a vostede de maneira total. Ante todo, debe vostede ter en conta que a persoa que me deu as instrucións que estou cumprindo desexa que sempre leve vostede o nome de Pip. Atrévome a esperar que non terá vostede inconveniente ningún, pois o seu espléndido porvir depende do cumprimento desta fácil condición. Pero se ten vostede algún inconveniente, esta é a ocasión de manifestalo.
Latexaba tan aprisa o meu corazón e asubiábanme de tal xeito os oídos que apenas puiden tartexar que non tiña ningún inconveniente.
–Xa imaxino –dixo o avogado–. Agora, señor Pip, debe vostede ter en conta que o nome da persoa que se converte na súa benefactora debe quedar absolutamente en secreto, ata que esta persoa crea que chegou a ocasión de revelalo. Teño autorización desta persoa para comunicarlle que ela mesma llo revelará directamente, de palabra. Ignoro cando ou onde o fará, pois ninguén pode dicilo. Posiblemente poden pasar varios anos. Ademais, saiba que se lle prohibe facer ningunha indagación nin alusión ou referencia acerca desa persoa, por velada que sexa a insinuación, con obxecto de pescudar a personalidade da súa benefactora, en calquera das comunicacións que vostede poida dirixirme. Se no seu peito abriga vostede algunha sospeita ou suposición, gardaraa para si mesmo. Nada importa cales poidan ser as razóns de semellante prohibición. Talvez sexan de extremada gravidade ou consistan soamente nun capricho. Vostede non ha de tratar de pescudalo. A condición é rigorosa. Xa lle dei conta desta condición. A aceptación dela e a súa observancia e obediencia é o último que me encargou a persoa que me deu as súas instrucións e cara á cal non teño outra responsabilidade. Esta persoa é a mesma a quen deberá vostede o seu espléndido porvir, e o segredo está soamente en posesión dela mesma e de min. Novamente repito que non é moi difícil de cumprir a condición que lle impoñen para alcanzar este melloramento de fortuna; pero se ten algún inconveniente en aceptala, non ten máis que dicilo. Fale.
Unha vez máis, tatexei con dificultade que non tiña nada que obxectar.
–Imaxínoo. Señor Pip, terminei xa a exposición das estipulacións.
Aínda que me chamaba «señor Pip» e empezaba a demostrarme maior consideración, aínda non se lle borrara do rostro certa expresión ameazadora; de cando en vez pechaba os ollos e sinalábame co dedo mentres falaba, coma se quixese significarme que coñecía moitas cousas no meu desprestixio e que, se quería, podía enumeralas.
–Imos agora tratar dos detalles do noso convenio. Debe vostede saber que, aínda que usei a palabra «porvir» máis dunha vez, non soamente terá vostede porvir. Obra xa nas miñas mans unha cantidade de diñeiro máis que suficiente para a súa educación e para a súa subsistencia. Farame vostede o favor de considerarme o seu titor. Oh! –engadiu ao observar que eu me dispoñía a darlle as grazas–. De antemán dígolle que me pagan polos meus servizos, pois en caso contrario non os prestaría. Decidiuse que será vostede mellor educado, de acordo coa súa posición completamente distinta, e crese que comprenderá vostede a importancia e a necesidade de entrar inmediatamente a gozar destas vantaxes.
Dixen que sempre o desexara.
–Nada importa o que vostede desexase, señor Pip –contestou–. Recorde iso. Se o desexa agora, xa basta. Debo entender que está vostede disposto a quedar inmediatamente ao coidado dun mestre apropiado? É así?
Eu tatexei que si.
–Ben. Agora hai que ter en conta as súas inclinacións. Non porque o crea necesario, senón porque así mo ordenaron. Coñece vostede algún profesor a quen prefira? Eu non coñecía máis profesoras que Biddy e a tía avoa do señor Wopsle, de maneira que contestei en sentido negativo.
–Hai un mestre de quen teño algunhas noticias que me parece indicado para o caso –dixo o señor Jaggers–. Observe que non o recomendo, porque teño o costume de non recomendar nunca a ninguén. O cabaleiro de quen falo chámase Mateo Pocket.
Ah! Recordei inmediatamente aquel nome. Era un parente da señorita Havisham: aquel Mateo de quen falaran o señor Camila e a súa esposa; o Mateo que debería ocupar o seu sitio na cabeceira mortuoria da señorita Havisham cando xacese, co seu traxe de voda, sobre a mesa nupcial.
–Coñece vostede o nome? –preguntou o señor Jaggers dirixíndome unha astuta mirada. Logo pechou os ollos, esperando a miña resposta.
Esta foi que, efectivamente, oíra antes aquel nome.
–Oh! –exclamou–. Xa oíu vostede este nome? Pero o que importa é que me di vostede acerca diso.
Dixen, ou tratei de dicir, que lle estaba moi agradecido por aquela indicación…
–Non, mozo amigo –interrompeu, movendo amodo a cabeza–. Fíxese ben.
Pero, sen fixarme, empecei a dicir que lle estaba moi agradecido pola súa recomendación...
–Non, mozo amigo –interrompeu de novo co mesmo ademán, engurrando o cello e sorrindo ao mesmo tempo–, non, non, non; explícase vostede ben, pero non é iso. É vostede demasiado novo para tratar de envolverme nas súas palabras. Recomendación non é a palabra, señor Pip. Busque outra.
Corrixíndome, dixen que lle estaba moi agradecido por mencionar ao señor Mateo Pocket.
–Iso xa está mellor –exclamou o señor Jaggers.
–E poñereime con gusto ás ordes dese cabaleiro –engadín.
–Moi ben. Mellor será que o faga na súa propia casa. Prepararase a viaxe para vostede, e ante todo poderá vostede ver ao fillo do señor Pocket, que está en Londres. Cando irá vostede a Londres?
Eu contestei, mirando a Joe, que estaba ao meu lado e inmóbil, que, segundo supoñía, podería ir inmediatamente.
–Antes –observou o señor Jaggers –convén que teña vostede un traxe novo para a viaxe. Este traxe non é apropiado. Digamos de hoxe en oito días. Necesitará vostede algún diñeiro. Parécelle ben que lle deixe vinte guineas?
Sacou unha longa bolsa, coa maior indiferenza, contou as vinte guineas sobre a mesa e empuxounas cara a min. Entón separou a perna da cadeira por vez primeira. Quedou sentado nela ao carricho en canto me deu o diñeiro e empezou a balancear a bolsa mirando a Joe.
–Que, Joe Gargery! Parece que está vostede aparvado.
–Si, señor –contestou Joe con firmeza.
–Conviñemos que non quere nada para si, acórdase?
–Xa estamos conformes –replicou Joe–. E estamos e seguiremos estando conformes acerca diso.
–E que me diría vostede –engadiu o señor Jaggers– se as miñas instrucións fosen as de facerlle a vostede un agasallo por vía de compensación?
–Compensación de que? –preguntou Joe.
–Pola perda dos servizos do seu aprendiz.
Joe botou a man sobre o meu ombreiro tan cariñosamente como faría unha nai. Moitas veces pensei nel comparándoo a un martelo pilón que pode esmagar un home ou acariñar unha casca de ovo coa súa combinación de forza e suavidade.
–De todo corazón –dixo Joe– libero a Pip dos seus servizos, para que vaia gozar do honor e da fortuna. Pero se vostede imaxina que o diñeiro pode ser unha compensación para min pola perda deste neno, pouco me importa a fragua, que é o meu mellor amigo...
Meu querido e bo Joe, a quen estaba tan disposto a deixar e aínda con tanta ingratitude, agora véxote outra vez co teu negro e musculoso brazo ante os ollos e o teu ancho peito alasante mentres a túa voz se debilita! ¡Oh, meu querido, fiel e tenro Joe, paréceme sentir aínda o tremor da túa man sobre o brazo, contacto tan solemne aquel día coma se fose o rozamento do á dun anxo!
Pero entón reanimei a Joe. Eu estaba extraviado no labirinto da miña futura fortuna e non podía volver pasar polos carreiros que ambos pisaramos. Rogueille a Joe que se consolase, porque, segundo el dixo, sempre foramos os mellores amigos, e engadín que seguiriamos séndoo. Joe fregou os ollos co puño que tiña libre, coma se quixese arrincalos, pero non dixo nada máis.
O señor Jaggers observara a escena coma se considerase a Joe o idiota da vila e a min o seu gardián. Cando rematou, sopesou na súa man a bolsa que xa non balanceaba e dixo:
–Joe Gargery, avísoo a vostede de que esta é a súa última oportunidade. Comigo non hai que facer as cousas a medias. Se quere vostede aceptar o agasallo que teño o encargo de entregarlle, dígao claro e terao. Se, pola contra, quere dicir…
Cando pronunciaba estas palabras, co maior asombro pola súa banda, viuse detido pola actitude de Joe, que empezou a dar voltas ao redor del con todas as demostracións propias das súas intencións puxilísticas.
–O que lle digo –exclamou Joe– é que se vostede vén á miña casa molestarme, pode saír inmediatamente. E tamén lle digo que se é home se achegue. E o que digo é que sosterei as miñas palabras mentres me sexa posible.
Eu afastei a Joe, que acougou de inmediato, e se limitou a dicirme, con toda a cortesía de que era capaz e ao mesmo tempo para que o soubese calquera a quen lle interesase, que non desexaba que o molestasen na súa propia casa. O señor Jaggers levantouse ao observar as demostracións de Joe e foi apoiarse na parede, xunto á porta. E sen mostrar ningunha inclinación a dirixirse ao centro da estancia, expresou as súas observacións de despedida. Que foron estas:
–Pois ben, señor Pip, creo que canto antes saia vostede de aquí, posto que vai ser un cabaleiro, mellor será. Queda convido que o fará vostede de hoxe en oito días, e, mentres tanto, recibirá vostede o meu enderezo impreso. Unha vez estea en Londres, poderá tomar un coche de aluguer en calquera cocheira e dirixirse á miña casa. Observe que non expreso opinión, nin nun sentido nin noutro, acerca da misión que aceptei. Páganme por iso e por iso o fago. Agora fíxese vostede no que acabo de dicir. Fíxese moito.
Dirixía o dedo índice a nós os dous á vez, e creo que continuaría a non ser polos receos que lle inspiraba a actitude de Joe. Por iso marchou.
Tiven unha idea que me induciu a botar a correr tras el mentres se encamiñaba aos Tres Alegres Barqueiros, onde deixara unha carruaxe de aluguer.
–Dispénseme, señor Jaggers.
–Si? –exclamou volvéndose–. Que ocorre?
–Como desexo cumprir exactamente as súas instrucións, señor Jaggers, paréceme moito mellor preguntarlle: hai algún inconveniente en que me despida dunha persoa a quen coñezo nas proximidades, antes de marchar?
–Non –dixo, mirándome coma se apenas me entendese.
–Non me refiro á vila, senón tamén á cidade.
–Non –replicou–. Non hai inconveniente.
Deille as grazas e botei a correr cara á miña casa, onde vin que Joe pechara xa a porta principal, así como a do salón, e estaba sentado ante o lume da cociña, cunha man en cada xeonllo e mirando pensativo os ardentes carbóns. Durante longo tempo, nin el nin eu dixemos unha palabra.
A miña irmá estaba na súa butaca chea de coxíns e no recuncho acostumado, e en canto a Biddy, estaba sentada, ocupada no seu labor e ante o lume. Joe achábase preto da moza, e eu xunto a el, no recuncho oposto ao ocupado pola miña irmá. Canto máis miraba os brillantes carbóns, máis incapaz me sentía de mirar a Joe; e canto máis duraba o silencio, menos capaz me sentía de falar. Por fin exclamei:
–Joe, dixéchesllo a Biddy?
–Non, Pip –replicou Joe mirando aínda o lume e collendo con forza os xeonllos coma se tivese algún segredo que estes estivesen dispostos a revelar–. Crin mellor que llo dixeses ti, Pip.
–Prefiro que fales ti, Joe.
–Pois ben –dixo este–. Pip é un cabaleiro afortunado, e Deus o bendiga no seu novo estado.
Biddy deixou caer o seu labor de costura e mirouno. Joe seguía collendo os xeonllos e mirou tamén. Eu devolvín a mirada a ambos e, logo dunha pausa, os dous felicitáronme; pero nas súas palabras había certa tristeza que comprendín moi ben.
Tomei ao meu cargo indicarlle a Biddy, e por medio desta a Joe, a grave obriga que tiñan os meus amigos de non indagar nin dicir nada acerca da persoa que acababa de facer a miña fortuna. Todo se sabería ao seu tempo, observei, e, mentres tanto, non debía dicirse nada, fóra de que ía ter un espléndido porvir grazas a unha persoa misteriosa. Biddy afirmou coa cabeza, moi pensativa e mirando ao lume, mentres continuaba o traballo, e dixo que o recordaría moi ben. Joe, pola súa banda, mantendo aínda collidos os xeonllos, dixo:
–Eu tamén o recordarei, Pip.
Logo felicitáronme outra vez, e continuaron expresando tal extrañeza de que eu me convertese en cabaleiro que non me gustou o máis mínimo.
Imposible dicir o traballo que lle custou a Biddy tratar de darlle á miña irmá algunha idea do sucedido. Segundo creo, tales esforzos fracasaron por completo. A enferma botouse a rir e sacudiu a cabeza moitas veces, e ata, imitando a Biddy, repetiu as palabras «Pip» e «riqueza». Pero dubido de que comprendese sequera o que dicía, o cal dá a entender que non tiña ningunha confianza na claridade da súa mente. Nunca o crería se non me ocorrese, pero o caso é que mentres Joe e Biddy recobraban a súa habitual alegría, eu poñíame cada vez máis triste. Desde logo, non porque estivese desgustado da miña fortuna; pero é posible que, aínda sen sabelo, estivese desgustado comigo mesmo. Sexa o que for, estaba sentado co cóbado apoiado no xeonllo e a cara sobre a man, mirando ao lume mentres os meus dous compañeiros seguían falando da miña marcha, do que farían sen min e de todo o referente ao cambio. E cada vez que sorprendía a un deles mirándome, cousa que non facían con tanto agrado (e mirábanme con frecuencia, especialmente Biddy), sentíame ofendido igual que se expresasen algunha desconfianza en min. Aínda que ben sabe Deus que non o deron a entender con palabras nin con signos. En tales ocasións, eu levantábame e ía mirar á porta, porque a da nosa cociña daba ao exterior da casa e permanecía aberta durante as noites de verán para ventilar o cuarto. As estrelas cara ás cales eu levantaba os meus ollos parecíanme pobres e humildes polo feito de que brillasen sobre os rústicos obxectos entre os cales pasara a miña vida.
–O sábado pola noite –dixen cando sentamos a tomar a cea, que consistía en pan, queixo e cervexa–. Cinco días máis e será xa a véspera da miña marcha. Pronto pasarán.
–Si, Pip –observou Joe, cuxa voz soou máis profunda ao proxectala dentro da súa xerra de cervexa–, pronto pasarán.
–Estiven pensando, Joe, que cando o luns vaiamos á cidade para encargar o meu novo traxe, direille ao xastre que irei poñelo alí ou que o mande á casa do señor Pumblechook. Seríame moi desagradable que a xente de aquí empezase a contemplarme como un bicho raro.
–Os señores Hubble terían moito gusto en verte co teu traxe novo, Pip –dixo Joe tratando de cortar o pan e o queixo sobre a palma da man esquerda e mirando a miñs parte, que eu non tocara, coma se recordase o tempo en que tiñamos costume de comparar os nosos respectivos bocados–. Tamén lle gustaría a Wopsle. E nos Tres Alegres Barqueiros todos o considerarían unha deferencia.
–Iso precisamente é o que non quero, Joe. Empezarían a charlar tanto disto e dun modo tan ordinario que eu mesmo non podería soportarme.
–De verdade, Pip? –exclamou Joe–. Se non puideses soportarte a ti mesmo…
Entón Biddy preguntoume, mentres sostiña o prato da miña irmá:
–Pensaches en cando te contemplaremos o señor Gargery, a túa irmá e eu? Supoño que non terás inconveniente en que te vexamos.
–Biddy –repliquei, algo resentido–. Es tan vivaz, que apenas hai xeito de seguirte.
–Sempre o foi –observou Joe.
–Se esperases un instante, Biddy, oiríasme dicir que me propoño traer aquí o meu traxe, nun fardo, pola noite, é dicir, a noite anterior á miña marcha.
Biddy non dixo xa nada máis. Eu perdoeina xenerosamente e pronto lles dei con afecto as boas noites a ela e a Joe e marchei para a cama. En canto me metín no meu cuartiño, quedei sentado e contempleino durante un longo anaco, considerándoo unha estancia moi pobre e da que me separaría moi pronto para habitar sempre outras máis elegantes. Naquela estancia estaban os meus novos recordos, e entón tamén sentín a mesma estraña confusión mental entre este e os outros cuartos mellores que iría habitar, así como me ocorrera moitas veces entre a forxa e a casa da señorita Havisham e entre Biddy e Estella.
Todo o día brillara o sol sobre o tellado do meu sotabanco, e por iso ía calor. Cando abrín a fiestra e quedei mirando ao exterior vin a Joe mentres lentamente saía á escuridade desde a porta que había na planta baixa e daba algunhas voltas ao aire libre; logo vin pasar a Biddy para entregarlle a pipa e acenderlla. El non adoitaba fumar tan tarde, e isto indicoume que, por unha ou outra razón, necesitaba algún consolo.
Entón quedou ante a porta, xusto debaixo de min, fumando a pipa, e estaba tamén Biddy falando en voz baixa con el. Comprendín que falaban de min, porque puiden oír varias veces que ambos pronunciaban o meu nome en ton cariñoso. Eu non escoitaría máis aínda que me foi posible oír mellor, e por iso me retirei da fiestra e sentei na cadeira que tiña xunto á cama, sentíndome moi triste e raro naquela primeira noite da miña brillante fortuna, que, por estraño que pareza, era a máis solitaria e desditada que pasara na miña vida.
Mirando cara á aberta fiestra descubrín flotando algunhas lixeiras columnas de fume procedentes da pipa de Joe, cousa que me pareceu unha bendición pola súa banda, non ante min, senón saturando o aire que ambos respirabamos. Apaguei a luz e metinme na cama, que entón me pareceu moi incómoda. E non puiden lograr nela o meu acostumado soño profundo.

21 de jan. de 2012

Capítulo 17

Rutineiramente seguín a miña vida de aprendiz, que non tivo outra variación, alén dos límites da vila e das brañas, que a chegada do meu aniversario e a visita que fixen en tal día á señorita Havisham. Atopei á señorita Sara Pocket de garda na porta e á señorita Havisham tal como a deixara. Faloume de Estella do mesmo xeito, se non coas mesmas palabras. A entrevista durou algúns minutos, e cando xa me marchaba deume unha guinea, e recomendoume que fose visitala no meu próximo aniversario. Podo dicir, desde logo, que esta visita se converteu nun costume anual. Na primeira ocasión tratei de non coller a guinea, pero iso non tivo mellor efecto que o de facer que preguntase se esperaba recibir algo máis. Daquela, tanto naquela visita como nas sucesivas, tomei o agasallo que me ofrecía.
Tan inmutable era a triste e vella casa, e a amarelenta luz nas escuras estancias, así como o aspecto murcho da boa señora xunto ao toucador, que moitas veces me preguntei se ao parárense os reloxos se parara tamén o tempo naquel lugar misterioso, e se mentres eu e todos os demais creciamos e nos desenvolviamos, canto había na casa permanecía sempre no mesmo estado. Xamais entraba alí a luz do día. Isto abraiábame, e baixo a influencia daquela casa continuei odiando cordialmente o meu oficio e tamén seguín avergoñado do meu propio fogar.
Con todo, aínda que dun modo inconsciente, empecei a darme conta dun cambio que se obraba en Biddy. Levaba xa zapatos de tacón, cabelo crecíalle brillante e limpo, e xamais tiña as mans sucias. Non era fermosa; era máis ben ordinaria e non se parecía en nada a Estella, pero era agradable e tiña un carácter moi doce. Apenas había un ano que estaba connosco, pois recordo que nesa altura quitou o loito, cousa que me sorprendeu, cando observei, unha noite, que tiña uns ollos moi reflexivos e atentos, ollos que eran lindos e de expresión bondadosa. Iso ocorreume ao levantar a cabeza dunha tarefa en que estaba absorto, pois dedicábame a copiar algúns parágrafos dun libro para mellorarme a min mesmo en dous aspectos á vez, grazas a unha estrataxema, e entón notei que Biddy estaba observando o que eu facía. Deixei a un lado a pluma, e Biddy interrompeu o seu labor de costura, aínda que sen abandonalo.
–Oe, Biddy –díxenlle–. Como te arranxas? Ou eu son moi parvo ou ti moi lista.
–Que queres dicir? –contestou Biddy sorrindo.
Administraba perfectamente a súa vida doméstica, coa maior habilidade; pero eu non me refería a iso, aínda que iso facía máis sorprendente o feito a que quería aludir.
–Como te arranxas, Biddy –repetín–, para aprender todo o que eu aprendo e para estar sempre á mesma altura ca min?
Eu empezaba a oufanarme dos meus coñecementos, porque neles gastaba as guineas que recibía o día do meu aniversario, e ao mesmo obxecto dedicaba tamén a maior parte do meu diñeiro, aínda que non teño agora ningunha dúbida de que o pouco que aprendía me custaba moi caro.
–Tamén eu podería preguntarche –replicou Biddy– como te arranxas ti.
–Non. Porque cando eu volvo da fragua, pola noite, todos poden verme dedicado ás miñas tarefas e, en cambio, a ti non se te ve nunca entregada a estas ocupacións.
–Talvez te collín coma se fose un arrefriado –dixo Biddy tranquilamente e volvendo á súa costura. Continuando na miña idea, mentres me reclinaba no respaldo da miña cadeira de madeira, mirei a Biddy, que entón cosía, coa cabeza ladeada, e empecei a considerala unha rapaza extraordinaria. Naquel momento recordei que ela coñecía con igual perfección os termos do noso oficio, os nomes dos diferentes traballos que realizabamos e tamén os das nosas ferramentas. Nunha palabra, todo canto eu sabía, Biddy coñecíao tamén. E, en teoría, era tan bo ferreiro coma min ou se cadra mellor.
–Es unha desas persoas, Biddy –díxenlle–, que aproveitan extraordinariamente todas as oportunidades. Antes de vir aquí, xamais tiveches ningunha, e agora, en cambio, mira canto melloraches.
Biddy miroume un instante e continuou cosendo.
–Eu fun a túa primeira mestra, non é verdade? –preguntou mentres cosía.
–Biddy! –exclamei asombrado–. Por que choras?
–Non choro –contestou levantando os ollos e botándose a rir–. Por que pensas tal cousa?
Se o pensei foi porque sorprendín o brillo dunha bágoa que caía sobre o seu labor. Permanecín silencioso, recordando a lamentable vida daquela pobre rapariga ata que a tía avoa do señor Wopsle venceu con éxito o mal costume de vivir, do que tanto desexan verse libres algunhas persoas. Lembrei as circunstancias desagradabilísimas que rodearan a pobre rapaza na miserable tendiña e na ruidosa e pobre escola nocturna, sen contar con aquel montón de carne vella e estúpida que tiña que coidar constantemente. Entón reflexionei que, mesmo naqueles tempos desfavorables, deberon de existir latentes en Biddy todas as calidades que agora estaba desenvolvendo, porque nos meus primeiros apuros e no meu primeiro descontento volvinme a ela en demanda de axuda, coma se fose a cousa máis natural. Biddy cosía tranquilamente e xa non derramaba bágoas, e mentres eu a miraba e pensaba nela e nas súas cousas, ocorréuseme que talvez non lle demostrase bastante o meu agradecemento. Posiblemente fun demasiado reservado, e debería confiar máis nela, aínda que, como é natural, nas miñas meditacións non usei as palabras que quedan transcritas.
–Si, Biddy –observei cando rematei a miña tarefa–. Ti fuches a miña primeira mestra, e iso nun tempo en que ningún dos dous podiamos soñar en estar xuntos nesta cociña.
–Ah, pobriña! –replicou Biddy–. É unha triste verdade.
Era moi propio de Biddy mostrarse tan xenerosa como para transferir á miña irmá a observación que eu acababa de facer. Inmediatamente levantouse e ocupouse en coidala para que estivese máis cómoda.
–Perfectamente –dixen–; teremos que falar un pouco máis diso, como adoitabamos facer noutro tempo. E eu tamén che consultarei máis a miúdo, como facía antes. O vindeiro domingo iremos a pasear polas brañas, Biddy, e así poderemos ter unha longa conversa.
Naquel tempo, a miña irmá non quedaba nunca soa; pero Joe encargouse con moito gusto de coidala aquel domingo cando Biddy e eu saímos xuntos. Era verán e ía un tempo espléndido. Cando deixamos atrás a vila, a igrexa e o cemiterio e nos atopamos nas brañas e vimos as velas dos barcos que navegaban, empecei a combinar naos meus pensamentos á señorita Havisham e a Estella, como adoitaba. Así que chegamos á beira do río sentamos, mentres a auga se rizaba aos nosos pés, contribuíndo así a aumentar a paz e a tranquilidade do ambiente moito máis ca se non houbese o menor ruído. Entón resolvín que o lugar e a ocasión eran propicios para admitir a Biddy nas miñas confidencias máis secretas.
–Biddy –díxenlle tras recomendarlle o segredo–. Desexo ser un cabaleiro.
–Eu, no teu lugar, non o querería –replicou–. Non creo que che sexa conveniente.
–Biddy –díxenlle con certa severidade–, teño razóns especiais para querer ser un cabaleiro.
–Ti sabes mellor o que fas, Pip, pero non creo que poidas ser máis feliz que agora.
–Biddy –exclamei, impaciente–, ten en conta que agora non son feliz. Estou desgustado coa miña situación e coa miña vida. Desde que me puxeron de aprendiz non me gustaron nin a unha nin a outra. Non sexas parva.
–Paréceche que dixen algunha parvada? –preguntou Biddy levantando as cellas–. Síntoo moito, pois non quería dicir ningunha. Tan só desexo que esteas ben e vivas a gusto.
–Pois entón ten en conta que, se sigo deste xeito, nunca estarei ben nin vivirei a gusto, senón que, pola contra, serei moi desgraciado. É así, Biddy, a non ser que poida levar unha vida moi diferente da de agora.
–É unha mágoa –dixo Biddy movendo tristemente a cabeza.
Como eu, moitas veces, tamén o cría así na loita singular que sempre sostiña comigo mesmo, houben de derramar bágoas de despeito e de dor cando Biddy expresou os seus sentimentos e os meus propios. Díxenlle que tiña razón, comprendín que era lamentable, pero que non había máis remedio.
–Se puidese resignarme –díxenlle a Biddy mentres arrincaba a curta herba que estaba ao meu alcance, do mesmo xeito como outras veces repenaba os cabelos, desesperado, e patexaba, irritado, a parede da fábrica de cervexa–, si puidese resignarme e me gustase a fragua soamente a metade do que me gustaba cando era pequeno, comprendo que iso sería moito mellor para min. Entón nin ti, nin eu, nin Joe, necesitariamos nada máis, e talvez Joe e eu chegariamos a ser socios ao terminar a miña aprendizaxe; eu continuaría ao teu lado e, ao sentarmos un domingo nesta mesma beira, seriamos dúas persoas distintas. Entón eu sería bo dabondo para ti. Non é verdade, Biddy?
Suspirou mentres contemplaba os barcos e contestoume:
–Si. Non son demasiado esixente.
Iso non era moi afagador para min, pero comprendín que non quería molestarme.
–No canto diso –dixen collendo outro puñado de herba e mastigando un talo–, fíxate no que pasa. Estou desgustado, vivo desgraciado e… Pero que importaría ser ordinario e rudo, se ninguén mo dixese?
Biddy volveu repentinamente o rostro para mirarme e contemploume con maior atención que aos barcos que pasaban ante nós.
–Quen dixo iso non dixo a verdade nin deu mostras de ser moi cortés –observou fixando novamente a mirada nas embarcacións–. Quen cho dixo?
Eu quedei desconcertado ao advertir que acababa de revelar o meu segredo sen darme conta. Pero como non había xeito de retroceder xa, contestei:
–Díxomo a linda señorita que había na casa da señorita Havisham. É máis fermosa que ninguén e admíroa extraordinariamente. Pola súa causa quero chegar a ser un cabaleiro.
Tras facer esta confesión, propia dun lunático, empecei a guindar ao río a herba que arrincara, coma se tivese a idea de seguila.
–E queres ser un cabaleiro para vingarte dos seus insultos, ou para conquistala? –preguntoume Biddy tranquilamente logo dunha pausa.
–Non o sei –contesteille con tristeza.
–Porque se é para vingarte dela –proseguiu Biddy–, creo, aínda que ti saberás mellor o que che convén, que o lograrías mellor non facendo caso das súas palabras. Pero se é para conquistala, creo, aínda que ti o sabes mellor, que non o merece.
Iso era exactamente o que eu pensara moitas veces e o mesmo que advertía moi ben en todos os momentos. Pero como podía eu, pobre rapaz da aldea e sen luces, evitar aquela marabillosa inconsistencia en que caen todos os días os homes mellores e máis sabios?
–Todo o que me dis pode ser verdade –repliquei–, pero admíroa extraordinariamente.
E ao dicir isto debruceime no chan e repenei o cabelo por ambos os lados da cabeza, e dei tremendos tiróns. Mentres tanto, coñecendo o desvarío do meu tolo corazón, que tan mal se empregara, díxenme que merecía golpear a cabeza contra as pedras, por pertencer a un idiota coma min. Biddy era unha rapaza moi asisada e non se esforzou en razoar máis comigo. Puxo acariciadoramente a súa man, suave malia que o traballo a fixera basta, sobre as miñas, unha tras outra, e con dozura separounas do meu cabelo. Logo deume algunhas palmadiñas nas costas para facerme acougar, namentres eu, coa cabeza apoiada na manga, choraba un pouco, exactamente igual que faría no patio da fábrica de cervexa, e sentín a vaga idea de que estaba moi maltratado por alguén, ou por todo o mundo. Non podo precisalo.
–Alégrome dunha cousa –dixo Biddy–, e é de que creas que debes facerme estas confidencias, Pip. E tamén me alegro doutra cousa, e é de que podes ter a seguridade de que gardarei este segredo e de que continuarei sendo digna das túas confidencias. Se a túa primeira mestra –pobriña!, tanto como necesitaba aprender ela mesma!– o fose aínda na actualidade, cre saber cal sería a lección que che faría estudar. Pero sería difícil de aprender, e como xa avantaxaches á túa profesora, resultaría agora completamente inútil. –E dando un leve suspiro por min, Biddy púxose en pé e con voz que cambiou dun modo agradable dixo–: Imos pasear un pouco máis, ou volvemos para a casa?
–Biddy! –exclamei levantándome, abrazando o seu pescozo e dándolle un bico–. Sempre cho direi todo.
–Ata que sexas un cabaleiro –replicou Biddy.
–Xa sabes que non o serei nunca, e, polo tanto, sempre terás a miña confianza. Non porque teña ocasión de dicirche algo, porque sabes o mesmo ca min, segundo che dixen na casa a outra noite.
–Ah! –murmurou Biddy mentres miraba as afastadas embarcacións. E logo volveu cambiar o ton da súa voz dun modo tan agradable coma antes, e repetiu–: Paseamos un pouco máis, ou volvemos para a casa?
Díxenlle a Biddy que quería pasear un pouco máis, e así o fixemos ata que a tarde de verán desapareceu ante o crepúsculo, que foi moi fermoso. Eu empecei a reflexionar se, en resumidas contas, estaba agora situado dun modo máis natural e agradable que xogando aos naipes á luz das velas na estancia dos reloxos parados e sendo desprezado por Estella. Crin que o mellor para min sería esquecer a Estella por completo, así como os demais recordos e fantasías, e empezar a traballar, decidido a que me gustase o que tiña que facer, aplicarme a isto e sacar o mellor partido posible. Dubidei acerca de que se Estella estivese ao meu lado, no canto de Biddy, talvez entón me sentiría desditado. Tiven que confesarme que estaba seguro de que sería así, e por iso non puiden menos que dicirme:
–Que parvo es, Pip!
Mentres andabamos, Biddy e eu falamos moito, e pareceume moi razoable canto ela me dixo. Biddy non era nunca insolente nin caprichosa ou variable; non sentiría o máis pequeno pracer en darme un desgusto, e estou seguro de que máis ben se feriría a si mesma que a min. Como se explicaba, pois, que eu non a preferise entre as dúas?
–Biddy –dixen cando nos encamiñabamos á casa–. Gustaríame moito que puideses convencerme.
–Oxalá me fose posible! –exclamou.
–Se puidese lograr namorarme de ti… Non che importa que che fale con tanta franqueza, tendo en conta que xa somos vellos amigos?
–Oh, non! –contestou Biddy–. Non te preocupes por min.
–Se puidese lograr iso, creo que sería o máis conveniente para min.
–Pero ti non te namorarás nunca de min –replicou Biddy.
Aquela tarde non me pareceu iso tan imposible coma se o falásemos unhas horas antes. Daquela, observei que non estaba tan seguro disto. Pero Biddy si estaba segura, segundo dixo cun ton da maior certeza. No meu corazón comprendía que tiña razón, e, con todo, sóubome mal que estivese tan persuadida diso.
Cando chegamos cerca do cemiterio tivemos que cruzar un terraplén e chegamos a un portelo próximo dunha comporta. Naquel momento xurdiu da comporta, dos xuncos ou da lama (o cal era moi propio del) nada menos que o vello Orlick.
–Ola! –exclamou–. Onde ides?
–Onde imos de ir, senón á casa?
–Que me maten se non vos acompaño.
Tiña o costume de usar esta maldición contra si mesmo. Naturalmente, non lle atribuía o seu verdadeiro significado, pero usábaa como o seu suposto nome de pía, sinxelamente para molestar á xente e producir unha impresión de algo terrible. Cando eu era pequeno estaba convencido de que se el me matase, faríaoo coa maior crueldade.
A Biddy non lle gustou que fose connosco, e en voz moi baixa díxome:
–Non lle deixes vir. Non me gusta.
E como a min tampouco me gustaba aquel home, tomeime a liberdade de dicirlle que llo agradeciamos, pero que non queriamos que nos acompañase. El recibiu as miñas palabras cunha gargallada, quedou atrás, pero botou a andar seguíndonos, encorvado, a algunha distancia.
Sentindo curiosidade de saber se Biddy sospeitaba que el participase na agresión criminal da que a miña irmá non puido nunca darnos noticia, pregunteille por que non lle gustaba aquel home.
–Oh! –contestou mirando cara atrás mentres el nos seguía coa cabeza baixa–. Porque… porque temo que eu lle gusto.
–Díxocho algunha vez? –preguntei, indignado.
–Non –contestou Biddy mirando outra vez cara atrás–, nunca mo dixo; pero en canto me ve empeza a roldarme.
Aínda que tal noticia era nova para min, non dubidei da exactitude da interpretación dos actos e das intencións de Orlick. Eu estaba moi anoxado porque se atrevera a admirala, tanto coma se fose unha aldraxe cara a min.
–En todo caso, iso non che interesa –dixo Biddy tranquilamente.
–Non, Biddy, non me interesa, pero non me gusta nin o aprobo.
–Nin a min tampouco –dixo Biddy–, aínda que a ti non che interese.
–É verdade –repliquei–, pero debo dicirche, Biddy, que tería moi mala opinión de ti se te roldase co teu consentimento.
A partir daquela noite vixiei a Orlick, e en canto se presentaba algunha oportunidade para que puidese roldar a Biddy, eu apresurábame a presentarme para impedilo. Botara raíces na fragua de Joe a causa do capricho que por el sentía a miña irmá, pois, pola contra, eu intentaría facer que o despedisen. El dábase de conta das miñas intencións e correspondía a elas, segundo tiven ocasión de saber máis adiante.
E coma se a miña mente non estivese xa bastante confusa, tal confusión complicouse cincuenta mil veces máis en canto puiden advertir que Biddy era inconmensurablemente moito mellor que Estella, e que a vida sinxela e honrada para a cal eu nacera non debía avergoñar a ninguén, senón que me ofrecía suficiente respecto por min mesmo e bastante felicidade. Naqueles tempos estaba seguro de que o meu desafecto cara a Joe e cara á fragua desaparecera xa, e que me achaba en moi bo camiño de chegar a ser socio de Joe e de vivir en compañía de Biddy. Mais, de súpeto, aparecíase na miña mente algún recordo maldito dos días das miñas visitas á casa da señorita Havisham e, como destrutor proxectil, dispersaba as miñas sensatas ideas. Cando estas se diseminaban, custábame moito tempo reunilas de novo, e ás veces, antes de logralo, volvían dispersarse ante o pensamento extraviado de que talvez a señorita Havisham faría a miña fortuna en canto terminase a miña aprendizaxe.
Se o acabase xa, quedaríame no máis profundo das miñas dúbidas, segundo creo. Pero non o terminei, porén, porque chegou a unha fin prematura, segundo se verá polo que segue.

20 de jan. de 2012

Capítulo 16

Como tiña na mente a traxedia de George Barnwell, dun modo inconsciente sentinme disposto a crer que eu tivera algunha participación na agresión contra a miña irmá ou, polo menos, como eu era o seu parente máis próximo e todos sabían que lle debía agradecemento, era natural que se sospeitase de min máis que doutra persoa calquera. Pero cando, á clara luz da seguinte mañá, empecei a reflexionar acerca do asunto e oín como falaban del comentándoo desde varios puntos de vista, considerei o suceso doutro xeito distinto e moito máis razoable.
Joe estivera nos Tres Alegres Barqueiros fumando a súa pipa desde as oito e cuarto ata as dez menos cuarto da noite. Mentres permaneceu alí, alguén puido ver á miña irmá na porta da cociña, e ademais ela cambiou un saúdo cun labrador que se dirixía á súa casa. Aquel home non podía precisar a hora en que a vira, pois cando quixo recordar sumiuse nun mar de confusións, aínda que, desde logo, asegurou que debeu de ser antes das nove da noite. Cando Joe se foi á súa casa, ás dez menos cinco, atopouna tendida no chan, e inmediatamente pediu auxilio. O lume non estaba moi esgotado nin tampouco era moi longo o pabilo da candea, pero esta fora apagada.
Non faltaba nada na casa, e fóra da candea apagada, a cal se achaba nunha mesa entre a porta e a miña irmá e ás costas desta cando foi ferida, non se notaba ningunha desorde na cociña máis que a que ela mesma orixinara ao caer e ao derramar sangue pola ferida. Pero naquel lugar había unha proba. Golpeárona con algo moi pesado e de cantos redondeados na cabeza e na columna vertebral; despois de ferila e mentres ela estaba tendida de bruzos no chan, guindáranlle algo moi pesado con extraordinaria violencia. E no chan, ao seu lado, cando Joe levantou á súa muller, puido ver un grillón de presidiario que fora limado.
Joe, examinando aquel ferro cos seus coñecementos de ferreiro, declarou que fora limado había bastante tempo. Os empregados dos pontóns que, decatados do caso, viñeron examinar o grillete corroboraron a opinión de Joe. Non precisaron a data en que aquel grillón, que sen dúbida pertencera aos pontóns, puidera saír deles, pero aseguraban que non pertencía a ningún dos dous penados que escaparan a noite anterior. Ademais, un dos dous fuxitivos fora apresado de novo, e observaron que aínda levaba o seu propio grillón.
Como eu sabía algo máis, supuxen que pertencería ao meu penado, é dicir, que era o mesmo que vira limar nas brañass, mais malia iso non o acusaba de empregalo en ferir á miña irmá. E iso porque sospeitaba que outras dúas persoas o atoparan e o utilizaran para cometer o crime. Sen ningunha dúbida, o asasino era Orlick ou aquel home estraño que me ensinara a lima. Con respecto ao primeiro, comprobouse que fora á cidade, exactamente como nos dixera cando o atopamos na barreira. Pola tarde vírono varias persoas polas rúas e estivo en compañía doutras nalgunhas tabernas, ata que regresou comigo mesmo e co señor Wopsle. De modo que, fóra da pelexa, non se lle podía apoñer ningún cargo. Polo demais, a miña irmá pelexara con el e con todo o mundo máis de dez mil veces. En canto a aquel home estraño, no caso de que regresase en busca dos seus dous billetes de banco, ninguén llos disputaría, porque a miña irmá estaba máis que disposta a devolverllos. Por outra banda, non houbo liorta, pois era evidente que o criminal chegou silenciosa e repentinamente e a vítima quedou tendida no chan antes de poder volver a cabeza. Era horrible pensar que eu facilitara a arma, aínda que, naturalmente, sen imaxinar o que podía resultar; pero apenas podía apartar do meu cerebro aquel asunto. Sufrín angustias indicibles mentres pensaba en se, por fin, debería referirlle a Joe aquela historia da miña infancia. Todos os días, e durante varios meses seguintes, decidín non dicir nada, pero á mañá seguinte volvía reflexionar e a contradicirme a min mesmo. Finalmente tomei unha resolución decisiva no sentido de gardar silencio, porque tiven en conta que o segredo xa era moi antigo, e como me acompañou durante tanto tempo, converténdose xa nunha parte de min mesmo, non podía decidirme a separarme del. Ademais, tiña o inconveniente de que, sendo tan desagradables os resultados da miña conduta, iso privaríame do afecto de Joe, se cría na verdade das miñas palabras, e, no caso de que non as crese, irían sumarse na mente do meu amigo coas miñas invencións dos cans fabulosos e das costelas de tenreira. Pero sexa como for, contemporicei comigo mesmo e resolvín revelar o meu segredo no caso de que este puidese servir para axudar ao descubrimento do asasino.
A policía mandada de Londres frecuentou os arredores da casa por espazo dunha ou dúas semanas e fixo todo canto eu oíra e lera con respecto a casos semellantes. Prenderon varios inocentes, seguiron pistas falsas e persistiron en facer concordar as circunstancias coas ideas, no canto de tratar de deducir ideas das circunstancias. Tamén frecuentaron bastante Os Tres Alegres Barqueiros, enchendo de admiración os parroquianos, que os miraban con certa reserva; e tiñan un modo misterioso de beber, que case valía tanto coma se prendesen o culpable. Pero iso non equivaleu a tal éxito, porque non conseguiron descubrir o criminal.
Moito despois da desaparición dos policías, a miña irmá estaba moi doente na cama. Perturbáraselle enormemente a retina, de modo que vía os obxectos multiplicados e ás veces empeñábase en coller imaxinarias cuncas de té e vasos de viño, tomándoos por realidades. O oído e a memoria conservábaos bastante bos, pero as súas palabras resultaban inintelixibles. Cando por fin se recobrou bastante para poder ser transportada á planta baixa, foi necesario poñerlle ao carón o meu encerado para que puidese indicar por escrito o que non podía dicir verbalmente. E como escribía moi mal e pronunciaba peor, aínda cando estaba sa, e, por outra banda, Joe era un mal lector, orixinábanse tremendas complicaciones entre eles, que eu era o chamado a resolver. O feito de que lle servise carneiro no canto de medicina, a confusión entre o té e Joe, ou entre o panadeiro e o touciño, eran os máis fáciles dos meus propios erros.
Con todo, mellorara moito o seu xenio, e naquel momento mostrábase paciente. Unha trémula incerteza de acción en todos os seus membros foi pronto unha parte do seu estado regular, e logo, a intervalos de dous ou tres meses, adoitaba levar as mans á cabeza e, ás veces, permanecía por espazo dunha semana sumida nalgunha aberración mental. Estabamos moi preocupados por atoparlle unha enfermeira conveniente, ata que por unha casualidade achamos o que buscabamos. A tía avoa do señor Wopsle quedou por fin sumida no soño eterno, e así Biddy veu formar parte da nosa familia. Cousa dun mes despois da reaparición da miña irmá na cociña, Biddy chegou á nosa casa cunha caixiña moteada que contiña todos os seus efectos e foi desde entón unha verdadeira bendición para a casa e especialmente para Joe, pois o pobre rapaz estaba moi apenado pola constante contemplación da ruína en que se convertera a súa muller e tomara o costume, cando a coidaba, de volverse a cada momento cara a min para dicirme cos ollos azuis humedecidos polas bágoas:
–Tan fermosa como era, Pip!
Biddy fíxose cargo instantaneamente da enferma, coma se o estudase desde a súa infancia, e así Joe puido gozar, en certo xeito, da maior tranquilidade que tivera entón na súa vida e mesmo, de cando en vez, concorrer aos Tres Alegres Barqueiros, o cal era, certamente, beneficioso. Os policías sospeitaran bastante do pobre Joe, malia que el nunca se decatara, e parece que chegaron á conclusión de consideralo un dos homes máis profundamente intelixentes que atoparan na súa vida.
O primeiro triunfo de Biddy no seu novo cargo foi resolver unha dificultade que a min me vencera por completo, malia os esforzos que fixen por evitalo. Era o seguinte: Repetidas veces, a miña irmá trazou no encerado unha letra que parecía un T moi curioso, e logo, coa maior vehemencia, chamábanos a atención coma se, ao debuxar aquela letra, desexase unha cousa determinada. En balde tratei de adiviñar que podería significar aquela letra, e mencionei os nomes de cantas cousas empezaban por T. Por fin imaxinei que iso podía significar algo semellante a un martelo. Pronunciei esta palabra ao oído da miña irmá, e ela empezou a golpear a mesa, como para expresar o seu asentimento. En vista diso, presenteille todos os nosos martelos, un tras outro, pero sen éxito. Logo pensei nunha muleta, posto que a súa forma tiña certa semellanza, e pedín prestada unha na vila para mostrarlla á miña irmá, cheo de confianza. Pero ao vela moveu a cabeza negativamente e con tal enerxía que chegamos a temer, dado o seu precario estado, que chegase a dislocar o pescozo. En canto a miña irmá advertiu que Biddy a comprendía rapidamente, apareceu outra vez aquel signo no encerado. Biddy mirou moi pensativa, oíu as miñas explicacións, mirou á miña irmá e logo a Joe, quen sempre era representado no encerado pola inicial do seu nome, e correu á fragua seguida por Joe e por min.
–Naturalmente! –exclamou Biddy, triunfante–. Non o comprenderon vostedes? É él! Orlick, sen ningunha dúbida.
A miña irmá esquecera o seu nome e só podía representalo por medio do martelo. Explicámoslle o noso desexo de que fose á cociña, e el, lentamente, deixou a un lado o martelo, secou a fronte coa manga, secouna logo co mandil e botou a andar encorvado e cos xeonllos algo dobrados, cousa que moi característica del.
Confeso que esperaba que a miña irmá o acusase e que sentín o maior desencanto ao comprobar que non ocorría tal cousa. Ela manifestou o maior desexo de reconciliarse con el e mostrou a maior satisfacción por telo diante; ademais indicou que lle désemos algo que beber. Observábao coa maior atención, como desexosa de asegurarse de que aceptaba de boa gana aquela acollida, e exteriorizou canto lle foi posible o desexo de congraciarse con el, como podería facelo un neno que quere poñerse a ben cun mestre de mal carácter. A partir de entón, raro era o día en que a miña irmá deixaba de debuxar o martelo no encerado e que Orlick non aparecese andando encorvado, para permanecer un intre ante ela, coma se non soubese máis ca min mesmo que pensar de todo aquilo.

19 de jan. de 2012

Capítulo 15

Como era maior de máis para concorrer á sala da tía avoa do señor Wopsle, terminou a miña educación ás ordes daquela absurda señora. Iso non ocorreu, con todo, ata que Biddy me transmitiu todos os seus coñecementos, desde o catálogo de prezos ata unha canción cómica que un día comprou por medio penique. Apenas tiña significado para min, pero, con todo, no meu desexo de adquirir coñecementos, aprendina de memoria coa maior gravidade.
A canción empezaba: “Cando fun a Londres, señores, tralará, tralará, verdade que estaba moi moreno?, tralará, tralará.”
Logo, a fin de aprender máis, propúxenlle ao señor Wopsle que me ensinase algo, cousa á que el accedeu bondadosamente. Con todo, resultou que só me aceptou a título de figura muda nas súas recitacións dramáticas, con obxecto de contradicirme, de abrazarme, de chorar sobre min, de agarrarme, de darme puñaladas e de golpearme de distintos modos. En vista disto, desistín moi pronto de continuar o curso, aínda que con bastante presteza para evitar que o señor Wopsle, na súa furia poética, me dese unha boa malleira.
Canta instrución puiden adquirir tratei de comunicala a Joe. Isto di tanto no meu favor que, en conciencia, non podo deixar de explicalo. Eu desexaba que Joe fose menos ignorante e menos ordinario, para que resultase máis digno da miña compañía e menos merecedor dos reproches de Estella.
A vella batería das brañas era o noso lugar de estudo, e un anaco de lousa rota e un pedaciño de lapis eran o instrumental instrutivo. Joe engadía a todo iso unha pipa de tabaco. Observei moi pronto que Joe era incapaz de recordar nada dun domingo a outro, ou de adquirir, grazas ás miñas leccións, algunha instrución. Con todo, el fumaba a súa pipa na batería con aire máis intelixente que noutro lugar calquera, mesmo con aspecto de home instruído, coma se se considerase en camiño de facer grandes progresos. E creo que verdadeiramente os facía o pobre e querido Joe.
Era agradable e apracible divisar as velas sobre o río, que pasaban máis aló das gabias, e algunhas veces, na marea baixa, parecían pertencer a embarcacións afundidas que aínda navegaban polo fondo da auga. Sempre que observaba as embarcacións que había no mar coas velas estendidas, recordaba a señorita Havisham e a Estella; e cando a luz daba de lado nunha nube, nunha vela, na lomba verde dun outeiro ou na liña de auga do horizonte, ocorríame o mesmo. A señorita Havisham, Estella, a casa estraña da primeira e a singular vida que ambas levaban parecían ter que ver con todo o que fose pintoresco.
Un domingo, cando Joe, gozando da súa pipa, se oufanara de ter o caletre moi duro e eu o deixara tranquilo por aquel día, quedei tendido no chan por algún tempo e co queixo na man, e parecíame descubrir pegadas da señorita Havisham e de Estella por todos os lados, no ceo e na auga, ata que por fin resolvín comunicarlle a Joe un pensamento que había tempo que albergaba na cabeza.
–Joe –dixen–: crees que debería facerlle unha visita á señorita Havisham?
–Para que, Pip? –contestou Joe, reflexionando con lentitude.
–Para que, Joe? Para que se fan as visitas?
–Algunhas visitas talvez si –contestou Joe–, pero, con todo, non contestaches a miña pregunta, Pip. Con respecto a visitar á señorita Havisham, creo que ela imaxinaría que queres algo ou que esperas algunha cousa dela.
–Non comprendes que xa llo advertiría antes, Joe?
–Desde logo, podes facelo –contestou o meu amigo–, e talvez ela o crea, aínda que tamén pode non crelo.
Joe pensou que dea no cravo, e eu abundaba na súa opinión. Deulle dúas ou tres chupadas á pipa e engadiu:
–Xa ves, Pip. A señorita Havisham portouse moi ben contigo. E cando che entregou o diñeiro, chamoume para dicirme que xa non había que esperar nada máis.
–Iso é, Joe. Eu oíno tamén.
–Nada máis –repetiu Joe con certa énfase.
–Si, Joe; dígoche que o oín.
–O cal significa, Pip, que para ela terminou todo e que en diante has de seguir un camiño completamente distinto.
Eu opinaba igual que el, e en nada me consolaba que Joe o crese así.
–Pero oe, Joe
–Escóitote.
–Estou xa no primeiro ano da miña aprendizaxe, e desde o día en que empecei a traballar non lle fun dar as grazas á señorita Havisham nin lle demostrei que me acordo dela.
–Isto é verdade, Pip. E como non podes presentarlle como regalo unha colección de ferraduras, en vista de que ela non podería utilizalas…
–Non me refiro a esta clase de recordos, Joe; nin falo tampouco de ningún agasallo.
Pero Joe pensaba entón na conveniencia de facer un agasallo, e engadiu:
–Talvez poderías regalarlle unha cadea nova para a porta principal ou, quizais, unha ou dúas grosas de parafusos para que os use onde mellor lle conveña. Tamén algún obxecto de fantasía, como un garfo para facer torradas, ou unhas grellas.
­–Díxenche que non quero ningún agasallo, Joe –interrompino.
–Pois ben –dixo Joe–. Se eu estivese no teu lugar, Pip, tampouco pensaría en regalarlle nada. Desde logo, non o faría. De que serve unha cadea para a porta, se a pobre señora non se deita nunca? Tampouco me parecen convenientes os parafusos, nin o garfo para as torradas. Por outra banda…
–Meu querido Joe –exclamei desesperado e agarrándome á súa chaqueta–. Non sigas. Repítoche que xamais tiven a intención de facerlle un agasallo á señorita Havisham.
–Non, Pip –contestou satisfeito, coma se lograse convencerme–. Dígoche que tes razón.
–Así é, Joe. O único que quería dicirche é que, como agora non temos moito traballo, poderías darme un permiso de medio día, mañá mesmo, e así iría á cidade a visitar á señorita Est… Havisham.
–Paréceme –dixo Joe con gravidade– que o nome desta señorita non é Esthavisham, a non ser que se volvesen bautizar.
–Xa o sei, xa o sei. Trabuqueime. E que che parece, Joe?
Joe manifestouse conforme, pero tivo o maior empeño en dar a entender que se non me recibían cordialmente ou non me invitaban a repetir a miña visita, senón que se aceptaba tan só como expresión de gratitude por un favor recibido, aquela viaxe non debería intentarse outra vez. Eu prometín conformarme con estas condicións.
Joe tiña un obreiro, ao que pagaba semanalmente, chamado Orlick. Aseguraba que o seu nome de pía era Dolge, cousa imposible de toda imposibilidade, pero era tan testán que, segundo creo, non estaba enganado acerca do particular, senón que deliberadamente lle impuxo este nome á xente do pobo como afronta cara á súa comprensión. Era un home de anchos ombreiros, solto de membros, moreno, de gran forza, que xamais se daba présa por nada e que sempre andaba inclinado. Parecía que nunca ía de boa gana traballar, senón que se inclinaba cara ao traballo por casualidade; e cando se dirixía aos Alegres Barqueiros para cear ou se afastaba pola noite, saía inclinado como sempre, como Caín ou o Xudeu Errante, coma se non tivese idea do lugar a que se dirixía nin intención de regresar nunca máis. Durmía na casa do garda das comportas das brañas, e nos días de traballo saía da súa ermitaxe, sempre inclinado cara ao chan, coas mans nos petos e a comida metida nun pano que colgaba ao redor do pescozo e que danzaba constantemente ás súas costas. Durante o domingo permanecía case sempre xunto ás comportas, entre os feixes ou xunto aos celeiros. Sempre andaba cos ollos fixos no chan, e cando atopaba algo, ou algo o obrigaba a levantalos, miraba resentido e estrañado, coma se o único pensamento que tivese fose o feito estraño e inxurioso de que xamais debese pensar en nada. Aquel triste viaxeiro non sentía simpatía ningunha por min. Cando eu era moi pequeno e tímido dábame a entender que o diaño vivía nun recuncho escuro da fragua e que el coñecía moi ben o mal espírito. Tamén me dicía que era necesario, cada sete anos, acender o lume cun neno vivo e que, polo tanto, xa podía considerarme como combustible. En canto fun o aprendiz de Joe, Orlick tivo a sospeita de que algún día eu lle quitaría o posto, e daquela aínda me manifestou maior antipatía. Desde logo, non dixo nin fixo nada, nin abertamente deu a entender a súa hostilidade; porén, observei que sempre procuraba despedir as faíscas na miña dirección e que cando eu cantaba Old Clem, el trataba de equivocar o compás.
Dolge Orlick estaba traballando ao día seguinte, cando eu lle recordei a Joe o permiso de medio día. Polo momento non dixo nada, porque el e Joe tiñan entón unha peza de ferro candente na engra e eu tiraba da cadea do fol; pero logo, apoiándose no seu martelo, dixo:
–Escoite vostede, mestre. Non quererá favorecer só a un de nós? Se o mozo Pip vai ter permiso de medio día, faga vostede o mesmo polo vello Orlick.
Supoño que tería entón vinte e cinco anos, pero el sempre falaba de si mesmo coma se fose un ancián.
–E que farás ese medio día de festa se cho dou? –preguntou Joe.
–Que que farei? Que fará el co seu permiso? Farei o mesmo que el –dixo Orlick.
–Pip vai ir á cidade –observou Joe.
–Pois, entón, o vello Orlick irá tamén á cidade –contestou el–. Poden ir dúas persoas. Non só pode ir el.
–Non che enfades –dixo Joe.
–Enfadareime se quero –rosmou Orlick–. Se el vai, eu tamén irei. E agora, mestre, esixo que non haxa favoritismos neste taller. Sexa vostede home.
O mestre negouse a seguir tratando o asunto ata que o obreiro estivese de mellor humor. Orlick dirixiuse á fragua, sacou unha barra candente, ameazoume con ela coma se quixese atravesarme o corpo e mesmo a paseou arredor da miña cabeza; logo deixouna sobre a engra e empezou a martelala coa mesma saña ca se batese en min e as faíscas fosen pingas do meu sangue. Finalmente, cando estivo acalorado e o ferro frío, apoiouse novamente no seu martelo e dixo:
–Agora, mestre.
–Xa estás de bo humor? –preguntou Joe.
–Estou perfectamente –dixo o vello Orlick con voz prosmeira.
–Tendo en conta que o teu traballo é bastante bo –dixo Joe–, imos ter todos medio día de festa.
A miña irmá estivera oíndo en silencio, no patio, pois era moi curiosa e unha espía incorrixible, e inmediatamente mirou ao interior da fragua a través dunha das fiestras.
–Es un estúpido –díxolle a Joe– dándolle permiso a un lacazán coma ese. Debes de ser moi rico para desperdiciar deste xeito o diñeiro que pagas por xornais. Quen me dera ser eu o amo dese mangallón.
–Xa sabemos que é vostede moi mandona –replicou Orlick, enfurecido.
–Déixaa en paz –ordenou Joe.
–Asegúroche que lles asentaría moi ben a man a todos os pailáns e a todos os truáns –replicou a miña irmá, empezando a enfurecerse–. E entre eles comprendería ao teu amo, que merece ser o rei dos pailáns. E tamén che asentaría a man a ti, que es o lacazán máis porco que hai entre este lugar e Francia. Xa o sabes.
–Ten vostede unha lingua moi afiada, tía Gargery –rosmou o obreiro–. E se se fala de truáns, cómpre tela a vostede en conta.
–Queres deixala en paz? –dixo Joe.
–Que dixeches? –exclamou a miña irmá empezando a berrar–. Que dixeches? Que acaba de dicirme ese bandido de Orlick, Pip? Que se atreveu a dicirme, cando teño ao meu marido ao lado? Oh! Oh! –Cada unha destas exclamaciones foi un berro, e hei de observar que a miña irmá, malia ser a muller máis violenta que coñecín, non se deixaba arrastrar polo apaixonamento, porque deliberada e conscientemente se esforzaba en enfurecerse por graos–. Que me chamou ante o covarde que xurou defenderme? Oh! Contédeme! Agarráédeme!
–Se fose vostede a miña muller –rosmou o obreiro entre dentes–, xa vería o que lle facía. Poríaa debaixo da bomba e daríalle unha boa ducha.
–Díxenche que a deixes en paz! –repetiu Joe.
–Meu Deus! –exclamou a miña irmá gritando–. E que teña que oír estes insultos dese Orlick! Na miña propia casa! Eu, unha muller casada! E co meu marido ao lado! Oh! Oh!
Aquí a miña irmá, tras dun ataque de histeria e de bater no peito e nos xeonllos coas mans, quitou o gorro e despeiteouse, o cal era indicio de que se dispoñía a deixarse dominar pola furia. E como xa o lograra, dirixiuse cara á porta, que eu por fortuna acababa de pechar. O pobre e desgraciado Joe, tras ordenarlle en balde ao obreiro que deixase en paz á súa muller, non tivo máis remedio que preguntarlle por que insultara á súa esposa e logo se era home de manter as súas palabras. O vello Orlick comprendeu que a situación o obrigaba a arrostrar as consecuencias das súas palabras e, daquela, dispúxose a defenderse; de modo que, sen pasar sequera o traballo de quitar os mandís, lanzáronse un contra outro como dous xigantes. Pero se alguén da veciñanza era capaz de resistir un longo anaco a Joe, debo confesar que a ese alguén non o coñecía eu. Orlick, coma se non fose máis que o cabaleiro novo e pálido, viuse axiña entre o po do carbón e sen moita présa por levantarse. Entón Joe abriu a porta, colleu á miña irmá, que se desmaiara ao pé da fiestra (aínda que, segundo imaxino, non sen presenciar a pelexa), meteuna na casa e deitouna, tratando de facerlle recobrar o coñecemento, pero ela non fixo máis que loitar e resistirse e agarrar con forza o cabelo de Joe. Reinaron unha tranquilidade e un silencio singulares tras os alaridos; e máis tarde, coa vaga sensación que sempre relacionei con este silencio, é dicir, coma se fose domingo e alguén morrese, subín a escaleira para vestirme.
Ao baixar atopei a Joe e a Orlick varrendo e sen outras pegadas do sucedido que un corte nunha das aletas do nariz de Orlick, o cal non o adornaba nin contribuia a acentuar a expresión do seu rostro. Chegara unha xerra de cervexa dos Tres Alegres Barqueiros, e os dous estábana bebendo apraciblemente. O silencio tivo unha influencia sedante e filosófica sobre Joe, que me seguiu ao camiño para dicirme, como observación de despedida que puidese serme útil:
–Xa o ves, Pip. Despois do balbordo, o silencio. Así é a vida.
Pouco importa cales foron as absurdas emocións (porque creo que os sentimentos que son moi serios nun home resultan cómicos nun neno) que sentín ao ir outra vez a casa da señorita Havisham. Nin tampouco importa saber cantas veces pasei por diante da porta antes de decidirme a chamar, ou as que pensei en afastarme sen facelo, de pertencerme o meu tempo, regresando á miña casa.
Abriume a porta a señorita Sara Pocket. Non Estella.
–Vaites! Ti aquí outra vez? –exclamou a señorita Pocket–. Que queres?
Cando dixen que soamente fora ver como estaba a señorita Havisham, foi evidente que Sara deliberou acerca de se me permitiría ou non a entrada, pero, non atrevéndose a asumir a responsabilidade, deixoume entrar, e pouco despois comunicoume a seca orde de que subise. Nada cambiara, e a señorita Havisham estaba soa.
–Moi ben –dixo fixando os seus ollos en min–. Espero que non desexes cousa ningunha. Advírtoche que non obterás nada.
–Non me trae nada diso, señorita Havisham –contestei–. Unicamente desexaba comunicarlle que estou seguindo a miña aprendizaxe e que sinto o maior agradecemento cara a vostede.
–Ben, ben –exclamou movendo os dedos con impaciencia–. Ven de cando en vez. Ven o día do teu aniversario. Ah! –exclamou de súpeto, volvéndose e volvendo tamén a cadeira cara a min–. Seguramente buscas a Estella, verdade?
En efecto, eu mirara ao meu redor buscando á moza, e por iso tatexei dicindo que agardaba que estivese ben de saúde.
–Está no estranxeiro –contestou a señorita Havisham–, educándose como convén a unha señora. Está lonxe do teu alcance, máis bonita que nunca, e todos cantos a ven admírana. Paréceche que a perdiches?
Nas súas palabras había tan maligno gozo e botouse a rir dun modo tan molesto, que eu non souben que dicir, pero evitoume a turbación que sentía despedíndome. Cando tras de min, Sara, a da cara de cor de noz, pechou a porta, sentinme menos satisfeito do meu fogar e do meu oficio que noutra ocasión calquera. Isto é o que gañei con aquela visita.
Mentres andaba distraidamente pola rúa Principal, mirando desconsolado os escaparates e pensando no que compraría se fose un cabaleiro, de súpeto saíu o señor Wopsle dunha librería. Levaba na man unha triste traxedia de George Barnwell, na que acababa de empregar seis peniques coa idea de guindar cada unha das súas palabras á cabeza de Pumblechook, con quen ía tomar o té. Pero ao verme creu sen dúbida que a Providencia lle puxera no seu camiño a un aprendiz para que fose a vítima da súa lectura. Por iso se apoderou de min e insistiu en acompañarme ata a sala de Pumblechook, e como eu sabía que me sentiría moi desgraciado na miña casa e, ademais, as noites eran escuras e o camiño solitario, pensei que mellor sería ir acompañado que só, e por iso non opuxen gran resistencia. Daquela, dirixímonos á casa de Pumblechook, precisamente cando a rúa e as tendas acendían as súas luces. Como nunca asistira a ningunha outra representación dos dramas de George Barnwell, non sei, en realidade, canto tempo se inviste en cada unha; pero sei perfectamente que a lectura daquela obra durou ata as nove e media da noite, e cando o señor Wopsle entrou en Newgate crin que non chegaría a ir ao cadalso, pois empezou a recitar moito máis amodo que noutro período calquera da súa deshonrosa vida. Pareceume que o heroe do drama debera queixarse de que non se lle permitise recoller os froitos do que sementara desde que empezou a súa vida. Isto, con todo, era unha simple cuestión de cansazo e de extensión. O que me impresionou foi a identificación do drama coa miña inofensiva persoa. Cando Barnwell empezou a facer trasnadas, eu sentinme benévolo, pero a indignada mirada de Pumblechook recriminoume con dureza. Tamén Wopsle se esforzou en presentarme no aspecto máis desagradable. Á vez feroz e hipócrita, vinme obrigado a asasinar ao meu tío sen circunstancias atenuantes. Milwood destruía a cada momento todos os meus argumentos. A filla do meu amo manifestábame o maior desdén, e todo o que podo dicir en defensa da miña conduta, na mañá fatal, é que foi a consecuencia lóxica da debilidade do meu carácter. E aínda despois de ser felizmente aforcado, e en canto Wopsle pechou o libro, Pumblechook quedou mirándome e meneou a cabeza dicindo ao mesmo tempo:
–Espero que iso che servirá de lección, rapaz.
Díxoo coma se xa fose un feito coñecido o meu desexo de asasinar un parente próximo, con tal que puidese inducir a un deles a ter a debilidade de converterse no meu benefactor. Era xa noite pecha cando todo rematou e cando, en compañía do señor Wopsle, emprendín o camiño cara á miña casa. En canto saímos da cidade atopamos unha espesa néboa que nos calaba ata os ósos. O farol da barreira divisábase vagamente; en aparencia, non brillaba no lugar en que adoitaba estar e os seus raios parecían substancia sólida na néboa. Observabamos estes detalles e falabamos de que talvez a néboa podería desaparecer se sopraba o vento desde un cuadrante determinado das nosas brañas, cando nos atopamos cun home que andaba encurvado a sotavento da casa da barreira.
–Vaites! –exclamamos–. Es ti, Orlick?
–Ah! –exclamou el erguéndose–. Saín a dar unha volta para ver se atopaba a alguén que me acompañase.
–Xa é moi tarde para ti –observei.
Orlick contestou, moi loxicamente:
–Si? Pois tamén están vostedes algo atrasados.
–Pasamos a velada –dixo o señor Wopsle, entusiasmado pola sesión–, pasamos a velada, señor Orlick, dedicados aos praceres intelectuais.
O vello Orlick rosmou coma se non tivese nada que replicar, e os tres botamos a andar. Entón pregunteille en que empregara o seu medio día de festa e se fora á cidade.
–Si –dixo–. Tamén fun. Fun detrás de ti. Non te vin, aínda que che seguín os pasos. Pero, mira, parece que resoan os canóns.
–Nos pontóns? –preguntei.
–Si. Algún paxaro escapou da gaiola. Desde que anoiteceu están disparando. Pronto oirás un canonazo.
En efecto: non deramos moitos pasos cando un estampido chegou ata os nosos oídos, aínda que algo apagado pola néboa, e retumbou ao longo das terras baixas inmediatas ao río coma se perseguise e ameazase aos fuxitivos.
–Unha boa noite para escapar –dixo Orlick–. O que é hoxe, pareceríame algo difícil cazar un fuxitivo.
O asunto era bastante interesante para min e reflexionei en silencio acerca del. O señor Wopsle, como o tío que tan mala paga alcanzou polas súas bondades na traxedia, empezou a meditar en voz alta sobre o seu xardín en Camberwell. Orlick, coas mans nos petos, andaba encurvado ao meu lado. A noite era escura, húmida e fangosa, de modo que a cada paso nos afundiamos na lama. De cando en vez chegaba ata nós o estampido do canón que daba o sinal da fuga, e novamente retumbaba ao longo do leito do río. Eu estaba entregado aos meus propios pensamentos. O señor Wopsle morrera amablemente en Camberwell, moi valente no campo Bosworth e nas maiores agonías en Glastonbury. Orlick, ás veces, cantaruxaba a canción de Old Clem, e eu supuxen que bebera, aínda que non estaba bébedo. Así chegamos á vila. O camiño que seguimos levounos máis aló dos Tres Alegres Barqueiros e, con gran sorpresa nosa, pois xa eran as once da noite, atopamos o establecemento en estado de grande axitación, coa porta aberta de par a par e as luces acesas en todos os departamentos do establecemento, dun modo nada habitual. O señor Wopsle preguntou que sucedía, aínda que convencido de que apresaran un penado; un momento despois saíu correndo coa maior présa. Sen deterse, exclamou ao pasar polo noso lado:
–Parece que ocorreu algo na túa casa, Pip. Corramos todos!
–Que pasou? –preguntei correndo ao seu lado, mentres Orlick facía o mesmo.
–Non o sei moi ben. Parece que entraron violentamente na casa en ausencia de Joe. Crese que foron os fuxidos. E dise que feriron a alguén.
Corriamos demasiado para continuar a conversación, e non nos detivemos ata chegar á nosa cociña. Estaba chea de xente. Podería dicir que se reuniu alí a vila enteira, parte da cal ocupaba o patio. Había tamén un cirurxián, Joe e un grupo de mulleres, todos inclinados cara ao chan e no centro da cociña. Os curiosos retrocederon en canto me presentei eu, e así puiden ver á miña irmá tendida, sen sentido e sen movemento, no entarimado do chan, onde foi derrubada por un tremendo golpe na parte posterior da cabeza, asestado por unha man descoñecida, mentres ela estaba volta cara ao lume. E así a pobre quedou condenada a non encolerizarse máis mentres fose esposa de Joe.