14 de mar. de 2012

Capítulo 48

O segundo dos encontros a que me referín no capítulo anterior ocorreu cousa dunha semana máis tarde. Deixei outra vez o bote no peirao que había máis abaixo da ponte, aínda que era unha hora máis cedo que na tarde antes aludida. Sen que decidise onde iría cear, botei a andar cara a Cheapside, e cando cheguei alí, seguramente máis preocupado que ningunha das numerosas persoas que por aquel lugar transitaban, alguén me alcanzou e unha enorme man pousouse sobre o meu ombreiro. Era a man do señor Jaggers, quen logo a pasou polo meu brazo.
–Como seguimos a mesma dirección, Pip, podemos andar xuntos. Onde se dirixe vostede?
–Coido que cara ao Temple.
–Non o sabe vostede? –preguntou o señor Jaggers.
–Pois ben –contestei, satisfeito de poder sonsacarlle algo valéndome da súa teima de facer repreguntas–, non o sei, porque aínda non me decidín.
–Vai vostede a cear? –dixo o señor Jaggers–. Supoño que non terá inconveniente en admitir esta posibilidade.
–Non –contestei–. Non teño inconveniente en admitila.
–Está vostede citado con alguén?
–Tampouco teño inconveniente en admitir que non estou citado con ninguén.
–Pois, en tal caso –dixo o señor Jaggers–, veña vostede a cear comigo.
Ía escusarme, cando el engadiu:
–Wemmick irá tamén.
En vista disto, convertín a miña escusa nunha aceptación, pois as poucas palabras que pronunciara servían igualmente para ambas as respostas, e, así, seguimos por Cheapside e torcemos cara a Little Britain, mentres as luces se acendían brillantes nos escaparates e os faroleiros das rúas, atopando apenas o lugar suficiente para instalar as súas escadas, entre os numerosos grupos de persoas que a semellante hora enchían as rúas, subían e baixaban por elas, abrindo máis ollos avermellados, entre a néboa que se espesaba, que a torre da candea de medula de xunco encerado, na casa de Hummums, proxectase sobre a parede da estancia.
Na oficina de Little Britain presenciei as habituais manobras de escribir cartas, lavar as mans, despabilar as candeas e pechar a caixa forte, o cal era sinal de que se terminaran as operacións do día. Mentres permanecía ocioso ante o lume do señor Jaggers, o movemento das chamas deu ás dúas máscaras a aparencia de que querían xogar comigo dun modo diabólico aos agochos, mentres as dúas candeas de sebo, grosas e bastas, que apenas alumaban ao señor Jaggers mentres escribía nun recuncho, estaban adornadas con anacos de pabilo caídos e pegados ao sebo, dándolles o aspecto de estar de loito, talvez en memoria dunha hoste de clientes aforcados.
Os tres encamiñámonos á rúa Gerrard nun coche de aluguer, e en canto chegamos servíusenos a cea. Aínda que en semellante lugar non se me ocorrería facer a máis remota referencia aos sentimentos particulares que Wemmick adoitaba expresar en Walworth, malia iso non me soubo mal sorprender algunhas veces as súas amigables miradas. Pero non foi así. Cando levantaba os ollos da mesa volvíaos ao señor Jaggers, e mostrábase tan seco e tan afastado de min coma se existisen dous Wemmick xemelgos e o que tiña diante fose o que eu non coñecía.
–Mandoulle vostede a nota da señorita Havisham ao señor Pip, Wemmick? –preguntou o señor Jaggers en canto empezamos a comer.
–Non, señor –contestou Wemmick–. Dispoñíame a botala ao correo, cando chegou vostede co señor Pip. Aquí está.
E entregou a carta ao seu principal e non a min.
–É unha nota de dúas liñas, Pip –dixo o señor Jaggers entregándoma–. A señorita Havisham mandouma por non estar segura do enderezo de vostede. Di que necesita velo por un pequeno asunto que vostede lle comunicou. Irá vostede?
–Si –dixen lendo a nota, que expresaba exactamente o que acababa de dicir o señor Jaggers.
–Cando pensa vostede ir?
–Teño un asunto pendente –dixen mirando a Wemmick, que naquel momento botaba peixe á caixa de correo da súa boca–, e iso non me permite precisar a data. Pero supoño que irei moi pronto.
–Se o señor Pip ten a intención de ir moi pronto –díxolle Wemmick ao señor Jaggers–, non hai necesidade de contestar.
Considerando que estas palabras equivalían á indicación de que non me atrasase, decidín ir ao día seguinte pola mañá, e así o dixen. Wemmick bebeu un vaso de viño e mirou ao señor Jaggers con expresión satisfeita, pero non a min.
–Xa o ve vostede, Pip. O noso amigo, a Araña –dixo o señor Jaggers– xogou os seus triunfos e gañou.
O máis que puiden facer foi asentir cun movemento de cabeza.
–Ah! É un raparigo que promete..., aínda que ao seu modo. Pero é posible que non poida seguir as súas propias inclinacións. O máis forte é o que vence ao final, e neste caso aínda non sabemos quen é. Se resulta ser el e acaba pegando á súa muller...
–Seguramente –interrompín co rostro aceso e o corazón axitado– non pensa vostede en serio que sexa vilán dabondo para iso, señor Jaggers.
–Non o afirmo, Pip. Tan só fago unha suposición. Se resulta ser el e acaba pegando á súa muller, é posible que se constitúa no máis forte; se se ha de resolver coa intelixencia, non hai dúbida de que será vencido. Sería moi aventurado dar unha opinión acerca do que fará un suxeito como ese nas circunstancias en que se acha, porque é un caso de cara ou cruz entre dous resultados.
–Podo preguntar cales son?
–Un suxeito como o noso amigo a Araña –contestou o señor Jaggers–, ou pega ou é servil. Pode ser servil e gruñir, ou ben ser servil e non gruñir. O que non ten dúbida é que ou é servil ou adula. Pregunte a Wemmick cal é o seu opinion.
–Non hai dúbida de que é servil ou pega –dixo Wemmick sen dirixirse a min.
–Esta é a situación da señora Bentley Drummle –dixo o señor Jaggers tomando unha botella de viño escollido, servíndonos a cada un de nós e servíndose daquela el mesmo–, e desexamos que o asunto se resolva a satisfacción desa señora, porque nunca poderá ser a gusto dela e do seu marido a un tempo. Molly! Molly! Que amodo vas esta noite!
Cando lle rifou así, estaba ao seu lado, poñendo uns pratos sobre a mesa. Retirando as mans, retrocedeu un ou dous pasos murmurando algunhas palabras de escusa. E certos movementos dos seus dedos chamáronme extraordinariamente a atención.
–Que ocorre? –preguntou o señor Jaggers.
–Nada –contestei–, só que o asunto de que falabamos era algo doloroso para min.
O movemento daqueles dedos era semellante á acción de facer calceta. A criada quedou mirando ao seu amo, sen saber se podía marchar ou se el tería algo máis que dicirlle e a chamaría en canto se afastase. Miraba a Jaggers coa maior fixeza. E a min pareceume que vira aqueles ollos e tamén aquelas mans nunha ocasión recente e memorable.
O señor Jaggers despediuna, e ela escorreuse cara á porta. Mais malia iso, seguiu ante a miña vista, con tanta claridade coma se continuase no mesmo sitio. Eu miráballe as mans e os ollos, así como o cabelo onduldo, e comparábaos con outras mans, outros ollos e outro cabelo que coñecía moi ben e que talvez poderían ser iguais aos da criada do señor Jaggers tras vinte anos de vida tempestuosa e de malos tratos por parte dun marido brutal. De novo mirei as mans e os ollos da criada, e recordei a inexplicable sensación que experimentara a última vez que paseei –e non só– polo descoidado xardín e pola deserta fábrica de cervexa. Recordei sentir a mesma impresión cando vin un rostro que me miraba e unha man que me saudaba desde o portelo dunha dilixencia, e como volvín experimentala coa rapidez dun lóstrego cando ía en coche –e tampouco só– ao atravesar un vivo resplandor de luz artificial nunha rúa escura. E ese elo, que antes me faltara, acababa de ser soldado para min, ao relacionar o nome de Estella co movemento dos dedos e a atenta mirada da criada de Jaggers. E sentín a absoluta seguridade de que aquela muller era a nai de Estella.
Como o señor Jaggers me vira con Estella, non deixaría de observar os sentimentos que tan dificilmente ocultaba eu. Moveu afirmativamente a cabeza ao dicirlle que o asunto era penoso para min, deume unha palmada nas costas, serviu viño outra vez e continuou a cea.
A criada reapareceu dúas veces máis, pero as súas estancias no comedor foron moi curtas e o señor Jaggers mostrouse severo con ela. Pero as súas mans e os seus ollos eran os de Estella, e así se me presentase un centenar de veces, non por iso estaría nin máis nin menos seguro de que chegara a descubrir a verdade.
A cea foi triste, porque Wemmick bebía os vasos de viño que lle servían coma se realizase algún detalle propio dos negocios, precisamente do mesmo xeito que cobraría o seu salario cando chegase o día indicado, e sempre estaba cos ollos fixos no seu xefe e en aparencia constantemente disposto para ser preguntado. En canto á cantidade de viño que inxeriu, a súa caixa de correo parecía sentir a maior indiferenza, igual que á caixa de correo lle ten sen coidado o número de cartas que lle botan. Durante toda a cea pareceume que aquel non era o Wemmick que eu coñecía, senón o seu irmán xemelgo, pois só se semellaba no externo ao Wemmick de Walworth.
Despedímonos cedo e saímos xuntos. Cando nos reunimos arredor da colección de botas do señor Jaggers, a fin de coller os nosos chapeus, comprendín que o meu amigo Wemmick ía chegar; e no percorreramos media ducia de metros na rúa Gerrard, en dirección a Walworth, cando me dei de conta de que paseaba collido do brazo co xemelgo amigo meu e que o outro se evaporara no aire da noite.
–Ben –dixo Wemmick–, xa terminou a cea. É un home marabilloso que non ten semellante no mundo; pero cando ceo con el teño necesidade de conterme e non como moi ás miñas anchas.
Díxenme que iso era unha boa explicación do caso, e así llo expresei.
–Iso non llo diría a ninguén máis que a vostede –contestou–, pois cónstame que calquera cousa que nos digamos non transcende a ninguén.
Pregunteille se vira á filla adoptiva da señorita Havisham, é dicir, á señora Bentley Drummle. Contestoume que non. Logo, para evitar que as miñas observacións lle parecesen demasiado inesperadas, empecei por falarlle do seu ancián pai e da señorita Skiffins. Cando nomeei a esta pareceu sentir certo receo e detívose na rúa para asoarse, movendo ao mesmo tempo a cabeza con expresión de xactancia.
–Wermmick –díxenlle logo–, acórdase vostede de que a primeira vez que fun cear co señor Jaggers á súa casa recomendoume que me fixase na súa criada?
–De verdade? –preguntou–. Paréceme que si. Si, é verdade –engadiu con malhumor–. Agora acórdome. O que pasa é que aínda non estou ás miñas anchas.
–Chamoulle vostede fera domada.
–E que nome lle dá vostede?
–O mesmo. Como a domou o señor Jaggers, Wemmick?
–É o seu segredo. Hai xa moitos anos que está con el.
–Gustaríame que me contase vostede a súa historia. Sinto un interese especial en coñecela. Xa sabe vostede que o que pasa entre nós queda secreto para todo o mundo.
–Pois ben –dixo Wemmick–, non coñezo a súa historia, é dicir, que non estou informado de toda ela. Pero direille o que sei. Falamos, naturalmente, dun modo reservado e confidencial.
–Desde logo.
–Haberá cousa de vinte anos, esa muller foi xulgada en Old Bailey, acusada de cometer un asasinato, pero foi absolta. Era entón nova e moi fermosa, e, segundo teño entendido, polas súas veas corría algún sangue xitano. E parece que, en efecto, cando se encolerizaba, era muller terrible.
–Pero foi absolta.
–Defendíaa o señor Jaggers –proseguiu Wemmick, mirándome significativamente–, e levou o seu asunto dun modo en verdade asombroso. Tratábase dun caso desesperado, e o señor Jaggers había pouco tempo que exercía, de maneira que a súa defensa causou a admiración xeral. Día por día e por espazo de moito tempo, traballou nas oficinas da policía, expoñéndose ata a ser encausado á súa vez, e cando chegou o xuízo foi o bo. A vítima foi unha muller que tería dez anos máis e era moito máis alta e moito máis forte. Foi un caso de celos. As dúas levaban unha vida errante, e a muller que agora vive na rúa de Gerrard casara moi nova, aínda que «por detrás da igrexa», como se di, cun home de vida irregular e vagabunda; e ela, en canto a celos, era unha verdadeira furia. A vítima, cuxa idade a emparellaba moito mellor con aquel home, foi atopada xa cadáver nunha granxa preto de Hounslow Heath. Alí houbera unha loita violenta, e talvez un verdadeiro combate. O cadáver presentaba numerosas rabuñaduras e as pegadas dos dedos que a estrangularon. Non había probas bastante claras para acusar máis que a esa muller, e o señor Jaggers apoiouse principalmente nas improbabilidades de que fose capaz de facelo. Pode vostede ter a seguridade –engadiu Wemmick tocándome a manga do meu traxe– que entón non aludiu nin unha soa vez á forza das súas mans, como o fai agora.
En efecto, eu relatara a Wemmick que, o primeiro día en que ceei en casa do señor Jaggers, este fixo exhibir á súa criada os seus formidables puños.
–Pois ben –continuou Wemmick–, sucedeu que esta muller se vestiu con tal arte a partir do momento da súa prisión, que parecía moito máis delgada e esvelta do que era en realidade. Especialmente, levaba as mangas de tal modo que os seus brazos daban unha delicada aparencia. Tiña un ou dous negróns no corpo, cousa sen importancia para unha persoa de costumes vagabundas, pero o dorso das mans presentaban moitas rabuñaduras, e a cuestión era se as puideran producir as uñas de alguén. O señor Jaggers demostrou que atravesara unhas matas de espiños que non eran altas dabondo para chegarlle ao rostro, pero que, ao pasar por alí, non puido evitar que as súas mans quedasen rabuñadas; en realidade, atopáronse algunhas puntas de espiños vexetais cravadas na súa epiderme, e, examinado o mato espiñento, atopáronse tamén algúns fíos do seu traxe e pequenas manchas de sangue. Pero o argumento máis forte do señor Jaggers foi o seguinte: tratábase de probar, como demostración do seu carácter celoso, que aquela muller era sospeitosa, nos días do asasinato, de matar á súa propia filla, de tres anos de idade, que tamén o era do seu amante, co fin de vingarse del. O señor Jaggers tratou o asunto como segue: «Afirmamos que estas rabuñaduras non foron feitas por uñas ningunhas, senón que as causaron os espinos que exhibimos. A acusación di que son rabuñaduras producidas por uñas humanas e, ademais, aventura a hipótese de que esta muller matou a súa propia filla. Sendo así, deben vostedes aceptar todas as consecuencias de semellante hipótese. Supoñamos que, realmente, matou a súa filla e que esta, para defenderse, rabuñase as mans da súa nai. Que segue a iso? Vostedes non a acusan nin a xulgan agora polo asasinato da súa filla; por que non o fan? E en canto ao caso presente, se vostedes están empeñados en que existen as rabuñaduras, diremos que xa teñen a súa explicación propia, isto no caso de que non as inventasen». En fin, señor Pip –engadiu Wemmick–, o señor Jaggers era demasiado listo para o xurado e, así, este absolveu a procesada.
–E estivo esta desde entón ao seu servizo?
–Si; pero non soamente iso –contestou Wemmick–, senón que entrou inmediatamente ao seu servizo e xa domada como está agora. Despois foi aprendendo os seus deberes pouco a pouco, pero desde o primeiro momento mostrouse mansa coma un año.
–E, efectivamente, tiña unha nena?
–Así o teño entendido.
–Ten vostede algo máis que dicirme esta noite?
–Nada. Recibín a súa carta e destruína. Nada máis.
Démonos cordialmente as boas noites e marchei para a casa cun novo asunto para as miñas reflexións, pero sen ningún alivio para os antigos.

11 de mar. de 2012

Capítulo 47


Pasaron algunhas semanas sen que ocorrese cambio ningún. Esperabamos noticias de Wemmick, pero este non daba sinais de vida. Se non o coñecese máis que no despacho de Little Britain e non gozase do privilexio de ser un concorrente familiar ao castelo, podería chegar a dubidar del; pero como o coñecía moi ben, non cheguei a sentir tal receo.
Os meus asuntos particulares empezaron a tomar moi feo aspecto, e máis dun dos meus acredores dirixiume apremantes peticións de diñeiro. Eu mesmo cheguei a coñecer a falta de diñeiro (quero dicir, de diñeiro dispoñible no meu peto), e, así, non tiven máis remedio que converter en numerario algunhas xoias que posuía. Estaba resolto a considerar que sería unha especie de fraude indigna aceptar máis diñeiro do meu protector, dadas as circunstancias e en vista da incerteza dos meus pensamentos e dos meus plans. Por conseguinte, valéndome de Herbert, mandeille a carteira, que non tocara, para que el mesmo a gardase, e experimentei certa satisfacción, aínda que non sei se lexítima ou non, polo feito de non aproveitarme da súa xenerosidade a partir do momento en que se deu a coñecer.
A medida que pasaba o tempo, empecei a ter a seguridade de que Estella estaría casada. Temoroso de recibir a confirmación desta sospeita, aínda que non tiña a convicción, evitei a lectura dos xornais e roguei a Herbert, logo de confiarlle as circunstancias da nosa última entrevista, que non volvese falarme dela. Ignoro por que atesourei aquel farrapo de esperanza que había de levar o vento. O que isto lea, non se considerará culpable de facer o mesmo o ano anterior, o mes pasado ou a semana última?
Levaba unha vida moi triste e desditada, e a miña preocupación dominante, que se sobrepoñía a todas as demais, como un alto pico que dominase unha cordilleira, xamais desaparecía da miña vista. Con todo, non houbo novas causas de temor. Ás veces, no entanto, espertaba polas noites, aterrorizado e seguro de que o prenderan; outras, cando estaba levantado, esperaba ansioso os pasos de Herbert ao chegar á casa, temendo que o fixese con maior apresuramento e viñese darme unha mala noticia. Fóra diso e doutros imaxinarios sobresaltos polo estilo, pasou o tempo coma sempre. Condenado á inacción e a un estado constante de dúbidas e de temor, adoitaba pasear a remo no meu bote, e esperaba, esperaba, do mellor modo que podía.
Ás veces, a marea impedíame remontar o río e pasar a Ponte de Londres; en tales casos adoitaba deixar o bote preto da Aduana, para que mo levasen logo ao lugar en que adoitaba deixalo amarrado. Non me sabía mal facer tal cousa, pois iso servíame para que, tanto eu como o meu bote, fósemos coñecidos pola xente que vivía ou traballaba á beira do río. E diso resultaron dous encontros que vou referir.
Unha tarde das últimas do mes de febreiro desembarqui ao escurecer. Aproveitando a baixamar, chegara ata Greenwich e volvín coa marea. O día fora claro e luminoso, pero á posta do sol levantouse a néboa, que me obrigou a avanzar con moitísimo coidado por entre os barcos. Tanto á ida como á volta observei o mesmo sinal tranquilizador nas fiestras de Provis. Todo marchaba ben.
A tarde era desagradable e eu tiña frío, polo cal me dixen que, a fin de entrar en calor, iría cear inmediatamente; e como despois de cear tería que pasar algunhas tristes horas só, antes de ir á cama, pensei que o mellor sería ir logo ao teatro. O coliseo en que o señor Wopsle alcanzara o seu discutible triunfo estaba na veciñanza do río (hoxe xa non existe), e resolvín ir alí. Estaba xa informado de que o señor Wopsle non lograra o seu empeño de resucitar o drama, senón que, pola contra, contribuíra moito á súa decadencia. Nos programas do teatro citárano con moita frecuencia e ignominiosamente como un negro fiel, en compañía dunha nena de nobre berce e un mono. Herbert viuno representando un voraz tártaro, de cómicas propensións, cun rostro de vermello ladrillo e un infamante gorro cheo de campaíñas.
Ceei nun establecemento que Herbert e eu chamabamos «o bodegón xeográfico» porque había mapas do mundo en todas as xerras para a cervexa, en cada medio metro dos manteis e nos coitelos (débese advertir que, ata agora, apenas hai un bodegón nos dominios do lord maior que non sexa xeográfico), e pasei bastante tempo medio durmido sobre as migas de pan do mantel, mirando as luces de gas e caldeándome naquela atmosfera, densa pola abundancia de concorrentes. Mais por fin espertei do todo e saín en dirección ao teatro.
Alí atopei un virtuoso contramestre, ao servizo da súa Maxestade, home excelente, que para min non tiña máis defecto que o de levar os calzóns demasiado apertados nalgúns sitios e sobradamente frouxos noutros, que tiña o costume de dar pancadas nos chapeus para metelos ata os ollos dos que os levaban, aínda que, por outra banda, era moi xeneroso e valente e non quería oír falar de que ninguén pagase contribucións, malia ser moi patriota. No peto levaba un saco de diñeiro, semellante a un budín envolto nun mantel, e, valéndose de tal riqueza, casou, entre a alegría xeral, cunha moza que xa tiña o seu enxoval; todos os habitantes de Portsmouth (que sumaban nove, segundo o último censo) dirixíronse á praia para fregar as mans moi satisfeitos e para estreitar as dos demais, cantando daquela alegremente. Con todo, certo peón bastante negro, que non quería facer nada do que os demais lle propoñían, e cuxo corazón, segundo o contramestre, era tan escuro como a súa cara, propuxo a outros dous compañeiros crear toda clase de dificultades á humanidade, cousa que lograron tan completamente (a familia do peón gozaba de moita influencia política) que foi necesaria case a metade da representación para poñer as cousas en claro, e soamente se conseguiu grazas a un honrado tendeiro que levaba un chapeu branco, botíns negros e nariz vermello, o cal, armado dunhas grellas, se meteu na caixa dun reloxo e desde alí escoitaba canto sucedía, saía e asestaba unga grellada a todos aqueles a quen non podía refutar o que acababan de dicir. Isto foi causa de que o señor Wopsle, de quen ata entón non se oíra falar, aparecese cunha estrela e unha xarreteira, como ministro plenipotenciario do Almirantado, para dicir que os intrigantes serían encarcerados inmediatamente e que se dispoñía a honrar o contramestre coa bandeira inglesa, como lixeiro recoñecemento dos seus servizos públicos. O contramestre, conmovido por primeira vez, secou, respectuoso, os ollos coa bandeira, e logo, recobrando o seu ánimo e dirixindo ao señor Wopsle o tratamento do seu Honor, solicitou a mercé de darlle o brazo. O señor Wopsle concedeulle o seu brazo con graciosa dignidade, e inmediatamente foi empuxado a un recuncho cheo de po, mentres os demais bailaban unha danza de mariñeiros; e desde aquel recuncho, observando o público con desgustada mirada, descubriume.
A segunda peza era a pantomima cómica de Nadal, en cuxa primeira escena me soubo mal recoñecer ao señor Wopsle, que levaba unhas medias vermellas de estame; o seu rostro tiña un resplandor fosfórico, e a guisa de cabelo levaba un floco vermello de cortina. Estaba ocupado na fabricación de barrenos nunha mina, e demostrou a maior covardía cando o seu xigantesco patrón chegou, falando con voz rouca, para cear. Mais non tardou en presentarse en circunstancias máis dignas; o Xenio do Amor Xuvenil tiña necesidade de auxilio –por mor da brutalidade dun ignorante granxeiro que se opoñía a que a súa filla casase co elixido do seu corazón, para o que deixou caer sobre o pretendiente un saco de fariña desde a fiestra do primeiro piso– e por esta razón chamou a un encantador moi sentencioso; o cal, chegando dos antípodas coa maior lixeireza, tras unha viaxe en aparencia bastante violenta, resultou ser o señor Wopsle, que levaba unha especie de coroa a guisa de chapeu e un volume nigromántico debaixo do brazo. E como a ocupación daquel feiticeiro na terra non era outra que a de atender ao que lle dicían, ás cancións que lle cantaban e aos bailes que daban no seu honor, iso sen contar os fogos artificiais de varias cores que lle tributaban, dispoñía de moito tempo. E observei, moi sorprendido, que o empregaba en mirar coa maior fixeza cara a min, cousa que me causou extraordinario asombro.
Había algo tan notable na atención, cada vez maior, da mirada do señor Wopsle e parecía preocupalo tanto o que vía, que por máis que o procurei foime imposible adiviñar a causa que tanto o intrigaba. Aínda seguía pensando niso cando, unha hora máis tarde, saín do teatro e o atopei esperándome xunto á porta.
–Como está vostede? –pregunteille, estreitándolle a man, cando xa estabamos na rúa–. Xa me dei de conta de que me viu.
–Que o vin, señor Pip? –replicou–. Si, é verdade, vino. Pero quen era o que estaba con vostede?
–Quen?
–É moi estraño –engadiu o señor Wopsle, cuxa mirada manifestou a mesma perplexidade que antes–, e, con todo, xuraría...
Alarmado, rogueille ao señor Wopsle que se explicase.
–Non sei si o vin no primeiro momento, grazas a que estaba con vostede –engadiu o señor Wopsle coa mesma expresión vaga e pensativa–. Non podo aseguralo, pero...
Involuntariamente mirei ao redor, como adoitaba facer polas noites cando me dirixía á miña casa, porque aquelas misteriosas palabras me causaron un calafrío.
–Oh! Xa non debe de estar por aquí –observou o señor Wopsle–. Saíu antes ca min. Vino cando marchaba.
Como tiña razóns para estar receoso, ata cheguei a sospeitar do pobre actor. Crin que sería unha argucia para facerme confesar algo. Por iso o mirei mentres andaba ao meu lado; pero non dixen nada.
–Produciume a impresión ridícula de que ía con vostede, señor Pip, ata que me dei de conta de que vostede non sospeitaba sequera a súa presenza. El estaba sentado ás súas costas, coma se fose unha pantasma.
Volvín sentir un calafrío, pero estaba resolto a non falar, pois coas súas palabras talvez quería facerme dicir algo referente a Provis. Desde logo, estaba completamente seguro de que este non se achaba no teatro...
–Xa comprendo que lle estrañan as miñas palabras, señor Pip. É evidente que está vostede asombrado. Pero é tan raro! Apenas crerá vostede o que vou dicirlle, e eu mesmo non o crería si mo dixese vostede.
–De verdade?
–Sen ningunha dúbida. Acórdase vostede, señor Pip, de que un día de Nadal, hai xa moitos anos, cando vostede era un pícaro aínda, eu comín na casa de Gargery, e que, ao terminar a comida, chegaron uns soldados para que lles recompuxesen un par de esposas?
–Recórdoo moi ben.
–Acórdase vostede de que houbo unha persecución de dous presidiarios fuxitivos? Nós unímonos aos soldados, e Gargery subiuno a vostede sobre os ombreiros; eu adianteime mentres vostedes me seguían como podía. Recórdao?
–Recórdoo moi ben.
E, en efecto, acordábame mellor do que el podía figurarse, fóra da última frase.
–Acórdase tamén de que chegamos a unha gabia, e de que alí había unha pelexa entre os dous fuxitivos, e de que un deles resultou coa cara bastante maltratada polo outro?
–Paréceme que o estou vendo.
–E que os soldados, tras acender os fachos, puxeron os dous presidiarios no centro do pelotón e nós fomos acompañándoos polas negras brañas, mentres os fachos iluminaban os rostros dos presos... (este detalle ten moita importancia), mentres máis aló do círculo de luz reinaban as tebras?
–Si –contestei–. Recordo todo iso.
–Pois hei de engadir, señor Pip, que un daqueles dous homes estaba sentado esta noite detrás de vostede. Vino por encima do ombreiro de vostede.
«Coidado!», pensei. E logo preguntei, en voz alta:
–A cal dos dous lle pareceu ver?
–O que fora maltratado polo seu compañeiro –contestou sen vacilar–, e non tería inconveniente en xurar que era el. Canto máis o penso, máis seguro estou de que era el.
–É moi curioso –dixen con toda a indiferenza que puiden finxir, coma se a cousa non me importase nada–. Realmente curioso.
Non podo esaxerar a inquietude que me causou esta conversación nin o terror especial que sentín ao saber que Compeyson estivera detrás de min «como unha pantasma». Se estivera lonxe da miña mente algunha vez, a partir do momento en que se ocultou Provis era, precisamente, cando se achaba a menor distancia de min, e pensar que non me dera de conta diso e que estiven tan distraído como para non advertilo equivalía a pechar unha avenida chea de portas que o mantiña lonxe de min, para que, de súpeto, o atopase ao meu lado. Non podía dubidar de que estaba no teatro, posto que estiven eu tamén, e de que, por leve que fose o perigo que nos ameazase, era evidente que existía e que nos rodeaba.
Pregunteille ao señor Wopsle cando entrara aquel home na sala, pero non puido contestarme; viume, e por encima do meu ombreiro viu aquel home. Soamente tras contemplalo por algún tempo logrou identificalo; pero desde o primeiro momento asociouno dun modo vago comigo mesmo, persuadido de que era alguén que se relacionara comigo durante a miña vida na aldea. Pregunteille como ía vestido, e contestoume que con bastante elegancia, de negro, pero que, polo demais, non tiña nada que chamase a atención. Logo pregunteille si o seu rostro estaba desfigurado, e contestoume que non, segundo lle parecía. Eu tampouco o cría, porque malia as miñas preocupacións, ao mirar ao redor de min non deixaría de chamarme a atención un rostro estragado.
Cando o señor Wopsle me comunicou todo o que podía recordar ou canto eu puiden pescudar por el, e tras convidalo a tomar un pequeno refresco para repoñerse das fatigas da noite, separámonos. Entre as doce e a unha da madrugada cheguei ao Temple, cuxas portas estaban pechadas. Ninguén estaba preto de min cando as atravesei nin cando cheguei á miña casa.
Herbert estaba xa nela, e ante o lume celebramos un importante consello. Pero non se podía facer nada, fóra de comunicar a Wemmick o que descubrira aquela noite, recordándolle, de paso, que esperabamos as súas instrucións. E como crin que talvez o comprometería indo con demasiada frecuencia ao castelo, informeino de todo por carta. Escribina antes de deitarme, saín e boteina á caixa do correo; tampouco aquela vez puiden notar que ninguén me seguise nin me vixiase. Herbert e eu estivemos de acordo en que o único que podiamos facer era ser moi prudentes. E fómolo máis que nunca, no caso de que iso fose posible, e, pola miña banda, nunca me achegaba á vivenda de Provis máis que cando pasaba no meu bote. E en tales ocasións miraba ás súas fiestras coa mesma indiferenza con que mirase outra cousa calquera.

10 de mar. de 2012

Capítulo 46

Deran as oito da noite antes de que me rodease o aire impregnado, e non desagradablemente, do cheiro das serraduras e das lascas dos carpinteiros de ribeira e das motonerías da beira do río. Toda aquela parte contigua ao río érame por completo descoñecida. Baixei pola ribeira e observei que o lugar que buscaba non se achaba onde eu cría e que non era fácil de atopar. Chamábase Mill Pond Bank, Chinks’s Basin; e non tiña outra pista para chegar a Chinks’s Basin que a cordelería do Vello Cobre Verde.
Pouco importa detallar as veces que me extraviei entre as naves que se reparaban e os vellos cascos a piques de ser despezados, nin tampouco a lama e os restos de toda clase que pisei, depositados na ribeira pola marea, nin cantos estaleiros vin, ou cantas áncoras, xa desbotadas, mordían cegamente a terra, ou as moreas de madeiras vellas e de anacos de cascos, cordas e motóns que se ofreceron á miña vista. Tras achegarme varias veces ao meu destino e pasar de largo outras, cheguei inesperadamente a Mill Pond Bank. Era un lugar moi fresco e ventilado, onde o vento procedente do río tiña espazo para revolverse a vontade; había alí dúas ou tres árbores, o esqueleto dun muíño de vento e unha serie de armazóns de madeira que na distancia parecían outros tantos anciños vellos que perderan a maior parte dos dentes.
Buscando, entre as poucas que se ofrecían á miña vista, unha casa que tivese a fachada de madeira e tres pisos con fiestras salientes (e non miradores, que é outra cousa distinta), mirei a placa da porta, e nela lin o nome da señora Whimple. Como esta era o que buscaba, chamei, e apareceu unha muller de aspecto agradable e próspero. Pronto foi substituída por Herbert, que silenciosamente me levou á sala e pechou a porta. Resultábame moi raro ver aquel rostro amigo e tan familiar, que parecía acharse na súa casa, nun barrio e nunha vivenda completamente descoñecidos para min, e sorprendinme mirándoo do mesmo xeito que miraba o armariño dun recuncho, cheo de pezas de cristal e de porcelana; as cunchas da cheminea; os gravados iluminados que se vían nas paredes, representando a morte do capitán Cook, unha lancha e a Súa Maxestade o rei Xurxo III, na terraza de Windsor, coa súa perruca, propia dun cocheiro de luxo, pantalón curto de pel e botas altas.
–Todo vai ben, Haendel –dixo Herbert–. El está completamente satisfeito, aínda que moi deseoso de verte. A miña prometida áchase co seu pai, e, se esperas a que baixe, presentareicha e logo iremos arriba. Ese... é o seu pai.
Chegaran aos meus oídos uns alarmantes ruídos, procedentes do piso superior, e talvez Herbert viu o asombro que iso me causou.
–Temo que ese home sexa un bandido –dixo Herbert sorrindo–, pero nunca lle vin. Non cheiras a ron? Está bebendo continuamente.
–Ron?
–Si –contestou Herbert–, e xa podes supoñer o que iso lle alivia a gota. Ten o maior empeño en gardar no seu cuarto todas as provisiones, e logo dállas aos demais, segundo se necesitan. Gárdaas nuns estantes que ten na cabeceira da cama e pésaas cuidadosamente. O seu cuarto debe de parecer unha tenda de ultramarinos.
Mentres falaba así, aumentou o rumor dos ruxidos, que pareceron xa un ouveo rouco, ata que se debilitou e morreu.
–Naturalmente, as consecuencias están á vista –dixo Herbert–. Ten o queixo de Gloucester á súa disposición e cómeo en abundantes cantidades. Iso faille aumentar as dores de gota da man e doutras partes do corpo.
Talvez naquel momento o enfermo se mancou, porque proferiu outro furioso ruxido.
–Para a señora Whimple, ter un hóspede como o señor Provis é verdaderaimente un favor do ceo, porque poucas persoas resistirían este ruído. É un lugar curioso, Haendel, non é verdade?
Así era, realmente; pero resultaba máis notable a orde e a limpeza que reinaban por todas as partes.
–A señora Whimple –replicou Herbert cando llo fixen notar– é unha ama de casa excelente, e en verdade non sei o que faría Clara sen a súa axuda maternal. Clara non ten nai, Haendel, nin ningún outro parente máis que o vello Gruñón.
–Seguramente non é este o seu nome, Herbert.
–Non –contestou o meu amigo–, é o que eu lle dou. Chámase Barley. É unha bendición para o fillo dos meus pais amar unha rapariga que non ten parentes e que, polo tanto, non pode molestar a ninguén falándolle da súa familia.
Herbert dixérame noutras ocasións, e agora recordoumo, que coñeceu a Clara cando esta completaba a súa educación nunha escola de Hammersmith, e que ao ser chamada á súa casa para coidar do pai, os dous mozos confiaron o seu afecto á maternal señora Whimple, que os protexeu e regulamentou as súas relacións con extraordinaria bondade e a maior discreción. Todos estaban convencidos da imposibilidade de confiar ao señor Barley nada de carácter sentimental, pois non se achaba en condicións de tomar en consideración outras cousas máis psicolóxicas que a gota, o ron e os víveres almacenados na súa estancia.
Mentres falabamos así en voz baixa, e o ruxido sostido do vello Barley facía vibrar a viga que cruzaba o teito, abriuse a porta da estancia e apareceu, levando un cesto na man, unha rapariga duns vinte anos, moi linda, esvelta e de ollos negros. Herbert quitoulle o cesto coa maior tenrura e, ruborizándose, presentouma. Realmente era unha rapariga encantadora, e podería pasar por unha fada reducida ao cativerio e a quen o terrible ogro Barley dedicase ao seu servizo.
–Mira –dixo Herbert mostrándome o cesto con compasivo e tenro sorriso, logo de falar un pouco.
–Velaquí a cea da pobre Clara, que cada noite lle entrega o seu pai. Aquí está a súa porción de pan e un pouquiño de queixo, ademais da súa parte de ron... que bebo eu. Este é o almorzo do señor Barley, que mañá pola mañá haberá que servir guisado. Dúas costeletas de carneiro, tres patacas, algúns chíchars, unha pouca fariña, dúas onzas de manteiga, un pouco sal e ademais toda esa pementa negra. Hai que guisarllo todo xunto, para servilo quente. Non hai dúbida de que todo iso é excelente para a gota.
Había tanta naturalidade e encanto en Clara mentres miraba aquelas provisións que Herbert nomeaba unha tras outra, e parecía tan confiada, amante e inocente ao prestarse modestamente a que Herbert a rodease co seu brazo; mostrábase tan cariñosa e tan necesitada de protección, que nin a cambio de todo o diñeiro que contiña a carteira que aínda non abrira me sentiría capaz de desfacer aquelas relacións entre ambos, no caso de que iso me fose posible. Contemplaba a moza con pracer e con admiración, cando, de súpeto, o rosmido que resoaba no piso superior se converteu nun ruxido feroz. Ao mesmo tempo resoaron algúns golpes no teito, coma se un xigante que tivese unha perna de pau golpease furiosamente o chan con ela, no seu desexo de chegar ata nós. Ao oílo, Clara díxolle a Herbert:
–Papá necesítame.
E saíu da estancia.
–Xa vexo que te asusta –dixo Herbert–. Que che parece que quere agora, Haendel?
–Ignóroo –contestei–. Algo de beber?
–Precisamente –repuxo, satisfeito coma se eu acabase de adiviñar unha cousa extraordinaria–. Ten o grog xa preparado nun recipiente e encima da mesa. Espera un momento e oirás como Clara o incorpora para que beba. Agora! –Resoou outro ruxido, que terminou con maior violencia–. Agora –engadiu Herbert fixándose no silencio que seguiu– está bebendo. E neste momento –engadiu ao notar que o gruñido resoaba de novo na viga– xa se tendeu outra vez.
Clara regresou en breve, e Herbert acompañoume arriba a ver ao noso protexido. Cando pasabamos por diante da porta do señor Barley, oímos que murmuraba algo con voz rouca, cuxo ton diminuía e aumentaba como o vento. E sen cesar dicía o que vou copiar, aínda que hei de advertir que substituín con bendicións outras palabras que eran precisamente todo o contrario.
–Ah! Benditos sexan os meus ollos, aquí está o vello Bill Barley! Aquí está o vello Bill Barley, benditos sexan os meus ollos! Aquí está o vello Bill Barley, tendido na cama e sen poder moverse, bendito sexa Deus! Tendido de costas coma un linguado morto! Así está o vello Bill Barley, bendito sexa Deus! Ah!
Segundo me comunicou Herbert, o vello consolábase así día e noite. Tamén, ás veces, de día, distraíase mirando ao río por medio dun anteollo convenientemente colocado para usalo desde a cama.
Atopei comodamente instalado a Provis nos seus dous cuartos da parte alta da casa, frescos e ventilados, e desde os cales non se oía tanto o escándalo producido polo señor Barley. Non parecía estar alarmado o máis mínimo, pero chamoume a atención que, en aparencia, estivese máis manso, aínda que me foi imposible explicar o porqué nin como o puiden notar.
Grazas ás reflexións que puiden facer durante aquel día de descanso, decidín non dicirlle unha soa palabra de Compeyson, pois temía que, levado pola súa animosidade cara a aquel home, puidese sentirse inclinado a buscalo e buscar así a súa propia perdición. Por iso, en canto os tres estivemos sentados ante o lume, pregunteille se tiña confianza nos consellos e nos informes de Wemmick.
–Pois claro, rapaz! –contestou con acento de convicción–. Jaggers sábeo moi ben.
–Pois en tal caso, direille que falei con Wemmick –dixen– e vin para transmitirlle a vostede os informes e consellos que me deu.
Fíxeno coa maior exactitude, aínda que coa reserva mencionada; díxenlle o que Wemmick oíra na prisión de Newgate (aínda que ignoraba se por boca dalgúns presos ou dos oficiais do cárcere), que se sospeitaba del e que se vixiaron os meus cuartos. Transmitinlle o encargo de Wemmick de non deixarse ver por algún tempo, e tamén lle dei conta da súa recomendación de que eu vivise afastado del. Así mesmo, referinlle o que me dixera o meu amigo acerca da súa marcha ao estranxeiro. Engadín que, naturalmente, cando chegase a ocasión favorable, eu acompañaríao, ou seguiríao de cerca, segundo nos aconsellase Wemmick. Non aludín nin remotamente ao feito do que podería ocorrer logo; por outra banda, eu non o sabía aínda, e non me gustaría falar diso, dada a perigosa situación en que se achaba pola miña culpa. En canto a cambiar o meu modo de vivir, aumentando os meus gastos, fíxenlle comprender que tal cousa, nas desagradables circunstancias en que nos achabamos, non soamente sería ridícula, senón talvez perigosa.
Non puido negarme iso, e en realidade portouse dun modo moi razoable. O seu regreso era unha aventura, segundo dixo, e sempre soubo ao que se expoñía. Nada faría para comprometerse, e engadiu que temía moi pouco pola súa seguridade, grazas ao bo auxilio que lle prestabamos.
Herbert, que quedara mirando para o lume e sumido nas súas reflexións, dixo entón algo que se lle ocorreu en vista dos consellos de Wemmick e que talvez fose conveniente levar a cabo.
–Tanto Haendel como eu somos bos remeiros, e os dous poderiamos levalo polo río en canto chegue a ocasión favorable. Entón non alugaremos ningún bote e tampouco tomaremos remeiros; iso evitaranos posibles receos e sospeitas, e creo que debemos evitalas no que poidamos. Nada importa que a estación non sexa favorable. Creo que sería prudente que ti comprases un bote e o tiveses amarrado no desembarcadoiro do Temple. De cando en vez dariamos algúns paseos polo río, e unha vez que a xente se afaga a vernos, xa ninguén fará caso de nós. Podemos dar vinte ou cincuenta paseos, e así nada de particular haberá no paseo vixésimo primeiro ou quincuaxésimo primeiro, aínda que entón nos acompañe outra persoa.
Gustoume o plan, e, en canto a Provis, entusiasmouse. Conviñemos en poñelo en práctica e en que Provis non daría mostras de recoñecernos cantas veces nos vise, pero que, en cambio, correría a cortina da fiestra que daba ao Leste sempre que nos vise e non houbese ningunha novidade. Terminada xa a nosa conferencia e convido todo, levanteime para marcharme, facendo a Herbert a observación de que era preferible que non regresásemos xuntos á casa, senón que eu o precedese media hora.
–Non o deixo aquí con gusto –díxenlle a Provis–, aínda que non dubido de que está máis seguro nesta casa que preto da miña. Adeus!
–Querido Pip –dixo estreitándome as mans–, non sei cando nos veremos de novo e non me gusta dicir adeus. Digamos, pois, boas noites.
–Boas noites! Herbert serviranos de lazo de unión, e, cando chegue a ocasión oportuna, teña vostede a seguridade de que estarei disposto. Boas noites! Boas noites!
Cremos mellor que non se movese dos seus cuartos, e deixámolo no relanzo que había ante a porta, sostendo unha luz para alumarnos mentres baixabamos a escaleira. Mirando atrás, pensei na primeira noite, cando chegou á miña casa; naquela ocasión, as nosas posicións respectivas eran inversas, e entón pouco puiden sospeitar que chegaría a ocasión en que o meu corazón estaría cheo de ansiedade e de preocupacións ao separarme del, como me ocorría naquel momento.
O vello Barley estaba rosmando e blasfemando cando pasamos ante a súa porta. En aparencia, non cesara de facelo nin se dispoñía a gardar silencio. Cando chegamos ao pé da escaleira, pregunteille a Herbert se conservara o nome de Provis ou o cambiara por outro. Replicoume que o fixera así e que o inquilino se chamaba agora señor Campbell. Engadiu que todo canto se sabía del na casa era que este señor Campbell lle fora recomendado e que el, Herbert, tiña o maior interese en que estivese ben aloxado e cómodo para levar unha vida retirada. Por iso en canto chegamos á sala onde estaban sentadas traballando a señora Whimple e Clara, nada dixen do meu interese polo señor Campbell, senón que calei acerca do particular.
Cando me despedín da fermosa e amable rapariga de ollos negros, así como da maternal señora que amparara con honesta simpatía un amor xuvenil e verdadeiro, aquela casa e aquel lugar parecéronme moi diferentes. Por vello que fose o enfurecido Barley e aínda que blasfemase como unha cuadrilla de bandidos, había naquela casa suficiente bondade, mocidade, amor e esperanza para compensalo. E logo, pensando en Estella e na nosa despedida, encamiñeime tristemente á miña casa.
No Temple, todo seguía tan tranquilo como de costume. As fiestras dos cuartos daquel lado, ultimamente ocupadas por Provis, estaban escuras e silenciosas, e en Garden Court non había ningún folgazán. Pasei máis alá da fonte dúas ou tres veces, antes de descender os chanzos que había no camiño dos meus apousentos, pero vin que estaba completamente só. Herbert, que foi verme á miña cama ao chegar, pois xa me deitara, fatigado como estaba mental e corporalmente, fixera a mesma observación. Despois abriu unha fiestra, mirou ao exterior á luz da lúa e díxome que a rúa estaba tan solemnemente deserta como a nave de calquera catedral á mesma hora.
Ao día seguinte ocupeime en adquirir o bote. Pronto quedou comprado, e levárono ata as escaleiras do desembarcadoiro do Temple, quedando nun lugar onde eu podía chegar nun ou dous minutos desde a miña casa. Logo embarqueime como para practicarme no remo; ás veces ía só e outras en compañía de Herbert. Con frecuencia saïamos a pasear polo río con choiva, con frío e con auganeve, pero ninguén se fixaba xa en min despois de verme algunhas veces. Primeiro adoitabamos pasear pola parte alta da Ponte de Blackfriars; pero a medida que cambiaban as horas da marea, empecei a dirixirme cara á Ponte de Londres, que naquela época era tida pola vella Ponte de Londres, e en certos estados da marea había alí unha corrente que lle daba moi mala reputación. Pero pronto empecei a saber como había que pasar aquela ponte, tras velo facer, e así, en breve, puiden navegar por entre os barcos ancorados no Pool e máis abaixo, cara a Erith. A primeira vez que pasamos por diante da casa de Provis acompañábame Herbert. Ambos iamos remando, e tanto á ida como á volta vimos que se baixaban as cortinas das fiestras que daban ao Leste. Herbert ía alá, polo menos, tres veces por semana, e nunca me comunicou ningunha cousa alarmante. Con todo, estaba persuadido de que aínda existían motivos para sentir inquietude, e eu non podía desbotar a sensación de que me vixiaban. Unha sensación semellante convértese para un nunha idea fixa e molesta, e sería difícil precisar de cantas persoas sospeitaba que me vixiaban.
Nunha palabra, que estaba cheo de temores con respecto ao home que vivía oculto. Algunhas veces, Herbert díxome que lle resultaba agradable asomarse a unha das nosas fiestras cando se retiraba a marea, pensando que se dirixía cara ao lugar en que vivía Clara, levando consigo infinidade de cousas. Pero non pensaba que tamén se dirixía cara ao lugar en que vivía Magwitch e que cada unha das manchas negras que houbese na súa superficie podía ser un dos seus perseguidores, que silenciosa, rápida e seguramente ía apoderarse del.

6 de mar. de 2012

Capítulo 45

Afastándome da porta do Temple en canto lin este aviso, encamiñeime cara á rúa Fleet, onde tomei un coche de punto, atrasado, e nel fíxenme levar a Hummums, en Covent Garden. Naqueles tempos, sempre se podía atopar alí unha cama a calquera hora da noite, e o vixiante deixoume entrar inmediatamente, entregándome a primeira candea da fila que había nun estante, e acompañoume ao primeiro dos cuartos aínda desocupados. Era unha especie de bóveda no soto da parte posterior, ocupada por unha cama de catro patas parecida a un monstro despótico, pois situárase no centro e unha das súas patas estaba na cheminea e outra na porta de entrada, sen contar con que tiña acurralado nun recuncho o mísero lavabo.
Como eu pedira luz para toda a noite, o vixiante, antes de deixarme só, tróuxome a boa, vella e constitucional canea de medula de xunco bañada en cera que se usaba naqueles tempos virtuosos, un obxecto parecido á pantasma dun bastón que instantaneamente rompía en canto se tocaba, que nese caso xa non se podía acender e que se condenaba ao máis completo illamento, no fondo dunha alta torre de folla de lata, provista de numerosos buracos redondos, a cal proxectaba curiosos círculos de luz nas paredes. Cando me metín na cama e estiven tendido nela, cos pés doloridos, canso e triste, observei que non podía pegar os ollos nin conseguir que os pechase aquel estúpido Argus. E, así, no máis profundo e negro da noite, estabamos os dous mirándonos un a outro.
Que noite tan triste! Que chea de ansiedades e de dor e que interminable! Na estancia reinaba un cheiro desagradable de feluxe frío e de po quente, e cando miraba aos recunchos do pavillón que había sobre a miña cabeza pregunteime cantas moscas azuis procedentes da carnicería e cantas eirugas debían de estar invernando alí en espera da primavera. Entón temín que algúns daqueles insectos caese sobre a miña cara, idea que me desacougou moito e que me fixo temer outras aproximacións máis desagradables aínda ao longo das miñas costas. Tras permanecer esperto un intre, fixéronse oír aquelas voces extraordinarias de que está cheo o silencio. O armario murmuraba, suspiraba a cheminea, movíase o pequeno lavabo, e unha corda de guitarra, oculta no fondo dalgún caixón, deixaba oír a súa voz. Ao mesmo tempo adquirían nova expresión os ollos de luz que se proxectaban nas paredes, e en cada un daqueles círculos amarelentos parecíame ver escritas as palabras: «Non vaia á súa casa.»
Calquera que fosen as fantasías nocturnas que me asaltaban ou os ruídos que chegaban aos meus oídos, nada podía borrar as palabras: «Non vaia á súa casa.» Elas mesturábanse en todos os meus pensamentos, como faría calquera dor corporal. Pouco tempo antes lera nos xornais que un cabaleiro descoñecido fora a pasar a noite á casa de Hummums e que, tras deitarse, se suicidara, de maneira que á mañá seguinte o atoparon bañado no seu propio sangue. Imaxinei que talvez ocuparía aquela mesma bóveda, e a tanto chegou a aprensión, que me levantei para ver se descubría algunha mancha avermellada; logo abrín a porta para mirar ao corredor e para reanimarme contemplando o resplandor dunha luz afastada, preto da cal me constaba que durmiñaba o sereno. Pero, mentres tanto, non deixaba de preguntarme que ocorrería na miña casa, cando volvería a ela e se Provis estaba san e salvo na súa. Estas preguntas ocupaban de tal xeito a miña imaxinación, que eu mesmo podería supoñer que non me deixaba lugar para outras preocupacións. E ata cando pensaba en Estella, na nosa despedida, que fora xa para sempre, e mentres recordaba todas as circunstancias da nosa separación, así como todas as súas miradas, os distintos tons da súa voz e os movementos dos seus dedos mentres facía calceta, aínda entón sentíame perseguido polas palabras: «Non vaia á súa casa.» Cando, por fin, xa derrengado, adormecín, aquela frase converteuse nun verbo que non tiña máis remedio que conxugar. Modo indicativo, tempo presente. «Non vaias á casa. Non vaia á casa. Non vaiamos á casa. Non vaiades á casa. Non vaian á casa.» Logo conxugábao con outros verbos auxiliares, dicindo: «Non podo, nin debo, nin quero ir á casa», ata que, sentíndome aturrullado, dei media volta sobre a almofada e quedei mirando os círculos de luz da parede.
Avisara para que me chamasen ás sete, porque, evidentemente, tiña que ver a Wemmick antes que a ninguén máis, e tamén era natural que me encamiñase a Walworth, pois era preciso coñecer as súas opinións particulares, que soamente expresaba naquel lugar. Foi para min un alivio levantarme e abandonar aquela estancia en que pasara tan horrible noite, e non necesitei unha segunda chamada para saltar da cama.
Ás oito da mañá aparecéronseme as murallas do castelo. Como naquel momento entrou a criadiña con dous moletes quentes, na súa compañía atravesei a ponte, e así chegamos sen ser anunciados á presenza do señor Wemmick, que estaba ocupado en facer té para el e para o seu ancián pai. Unha porta aberta deixaba ver a este, aínda na súa cama.
–Ola, señor Pip! Por fin foi vostede á súa casa?
–Non, non fun á casa.
–Perfectamente –dixo fregando as mans.
–Deixei unha carta para vostede en cada unha das portas do Temple, para ter a seguridade de que recibiría unha delas. Por que porta entrou vostede?
Díxenllo.
–Durante o día percorrerei as demais para destruír as outras cartas –dixo Wemmick–. É unha precaución excelente non deixar probas escritas, se se pode evitar, porque ninguén sabe o paradoiro que poden ter. Vou tomarme unha liberdade con vostede. Quere facerme o favor de asar esta salchicha para o meu pai? –Contesteille que o faría co maior gusto–. Pois entón, Mary Anne, podes ir ocuparte nos teus quefaceres –dixo Wemmick á criadiña–. Así quedamos sós e sen que ninguén poida oírnos, non é verdade, señor Pip? –engadiu facéndome un chiscadela en canto a rapariga se afastou.
Deille as grazas polas súas probas de amizade e pola súa previsión e empezamos a falar en voz baixa, mentres eu asaba a salchicha e el poñía manteiga no pan do ancián.
–Agora, señor Pip –dixo Wemmick–, xa sabe vostede que nos entendemos moi ben. Estamos aquí falando en privado, e antes de hoxe xa nos relacionamos para levar a cabo asuntos confidenciais. Os sentimentos oficiais son unha cousa. Aquí obramos e falamos extraoficialmente.
Asentín con toda cordialidade, pero estaba tan nervioso que, sen darme conta, deixei que a salchicha do ancián se convertese nun facho, de maneira que tiven que soprar para apagala.
–Onte pola mañá souben por casualidade –dixo Wemmick–, mentres me achaba en certo lugar onde o levei unha vez... Aínda que sexa entre os dous, é mellor non mencionar nome ningún se é posible.
–É moito mellor –dixen–. Compréndoo.
–Oín por casualidade, onte pola mañá –proseguiu Wemmick–, que certa persoa algo relacionada cos asuntos coloniais e non desprovista de obxectos de valor facilmente transportables, aínda que non sei quen pode ser en realidade, e se lle parece tampouco nomearemos esa persoa...
–Non é necesario –dixen.
–… causara certa sensación en determinada parte do mundo, onde vai bastante xente, desde logo non a gusto seu moitas veces e sempre con gastos a cargo do goberno...
Como eu observaba o seu rostro coa maior fixeza, convertín a salchicha nuns fogos artificiais, o cal atraeu, naturalmente, a miña atención e a do señor Wemmick. Eu rogueille que me dispensase.
–Causou, como digo, certa sensación por mor da súa desaparición, sen que se oíse falar máis del. Por esta causa –engadiu Wemmick– fixéronse conxecturas e aventuráronse opinións. Tamén oín dicir que se vixiaban os seus cuartos en Garden Court, Temple, e que posiblemente continuarían vixiados.
–Por quen? –preguntei.
–Non entrarei nestes detalles –dixo evasivamente Wemmick–, porque iso comprometería as miñas responsabilidades oficiais. Oíno, como outras veces oín cousas moi curiosas, no mesmo sitio. Fíxese en que non son informes recibidos, senón que tan só o souben porque o oíra.
Mentres falaba quitoume o garfo que sostiña a salchicha e puxo co maior esmero o almorzo do ancián nunha bandexa. Antes de servirllo entrou no dormitorio cun pano limpo que atou por baixo da barba do ancián; axudouno a sentar na cama e ladeoulle o gorro de durmir, o cal lle deu un aspecto de libertino. Logo púxolle diante o almorzo, co maior coidado, e dixo:
–Está vostede ben, pai?
–Está ben, John, está ben! –contestou o alegre ancián. E como parecía que se establecera a intelixencia tácita de que o ancián non estaba presentable e, por conseguinte, había que consideralo como invisible, eu finxín que non me dera conta de nada daquilo.
–Esta vixilancia da miña casa, que nunha ocasión xa sospeitei –díxenlle a Wemmick en canto volveu ao meu lado–, é inseparable da persoa a quen se referiu vostede, non é verdade?
Wemmick estaba moi serio.
–Polas noticias que teño, non podo aseguralo. É dicir, que non podo asegurar que xa foi vixiado. Pero estao ou áchase en gran perigo de selo.
Observando que se contiña na súa fidelidade a Little Britain a fin de non dicir todo o que sabía, e como, co corazón agradecido, eu comprendía canto se apartaba dos seus costumes ao darme conta do que oíra, non quixen violentalo preguntándolle máis. Pero tras meditar un pouco ante o lume, díxenlle que me gustaría facerlle unha pregunta, que podía contestar ou non, segundo lle parecese mellor, na seguridade de que a súa decisión sería a máis acertada. Interrompeu o seu almorzo, cruzou os brazos e, pechando as mans sobre as mangas da camisa (pois a súa idea da comodidade do fogar facíalle quitar a chaqueta en canto estaba na casa), moveu afirmativamente a cabeza para indicarme que esperaba a pregunta.
–Oíu vostede falar dun home de mala fama, cuxo nome verdadeiro é Compeyson?
Contestou con outro movemento de cabeza.
–Vive?
Afirmou de novo.
–Está en Londres?
Fixo outro movemento afirmativo, comprimiu a caixa de correo da súa boca e, repetindo a súa muda resposta, continuou comendo.
–Agora –dixo logo–, posto que xa terminou o interrogatorio –e repetiu estas palabras para que me servisen de advertencia–, vou darlle conta do que fixen, en consideración do que oín. Fun en busca de vostede a Garden Court e, como non o achei, encamiñeime á casa de Clarriker para ver a Herbert.
–Atopouno vostede? –preguntei coa maior ansiedade.
–Atopeino. Sen mencionar nomes nin dar detalles, fíxenlle comprender que se estaba informado de que alguén, Tom, Jack ou Richard, se achaba nos cuartos de vostedes ou nas proximidades, o mellor que podería facer era aconsellar a Tom, Jack ou Richard que se afastase durante a ausencia de vostede.
–Debeu de quedar moi desconcertado acerca do que tería que facer.
–Estaba desconcertado. Ademais, manifesteille a miña opinión de que, nestes momentos, non sería moi prudente afastar demasiado a Tom, Jack ou Richard. Agora, señor Pip, vou dicirlle unha cousa. Nas circunstancias actuais, non hai nada como unha gran cidade unha vez xa se está nela. Non se precipiten vostedes. Queden tranquilos, en espera de que melloren as cousas, antes de aventurar a saída, mesmo en busca de aires estranxeiros. Deille as grazas polos seus valiosos consellos e pregunteille que fixera Herbert.
–O señor Herbert –dixo Wemmick–, tras estar moi apurado por espazo de media hora, atopou un plan. Comunicoume en segredo que cortexa a unha moza, que, como xa saberá vostede, ten ao seu pai na cama. Este pai, que se dedicou ao aprovisionamento de barcos, está nun cuarto desde cuxa fiestra pode ver as embarcacións que soben e baixan polo río. Talvez xa coñece vostede a esa señorita.
–Personalmente non –contestei.
A verdade era que ela me considerou sempre un compañeiro demasiado custoso, que non lle facía ningún ben a Herbert, de maneira que cando este lle propuxo presentarme a ela, a moza acolleu a idea con tan pouca calor que o seu prometido se creu obrigado a darme conta do estado do asunto, indicando a conveniencia de deixar pasar algún tempo antes de insistir. Cando empecei a mellorar en segredo o porvir de Herbert, puiden tomar filosoficamente este pequeno contratempo; pola súa banda, tanto el como a súa prometida non sentiron grandes desexos de introducir unha terceira persoa nas súas entrevistas; e así, aínda que se me dixo que progresara moito na estimación de Clara, e aínda que esta e eu cambiaramos algunhas frases amables e saúdos por medio de Herbert, eu non a vira nunca. Con todo, non molestei a Wemmick con estes detalles.
–Parece que a casa en cuestión –seguiu dicindo Wemmick– está xunto ao río, entre Limehouse e Greenwich; coida dela unha respectable viúva, que ten un piso amoblado para alugar. O señor Herbert díxome todo iso, preguntándome que me parecía o lugar en cuestión como albergue transitorio para Tom, Jack ou Richard. Crin moi acertado o plan, por tres razóns que comunicarei a vostede. Primeira: está separado do seu barrio e tamén dos sitios cruzados por moitas rúas, grandes ou pequenas. Segunda: sen necesidade de ir vostede mesmo, pode estar ao corrente do que fai Tom, Jack ou Richard, por medio do señor Herbert. Terceira: tras algún tempo, e cando pareza prudente, no caso de que queira embarcar a Tom, Jack ou Richard nun buque estranxeiro, teno vostede precisamente á beira do río.
Moi consolado por aquelas consideracións, dei efusivas grazas a Wemmick e rogueille que continuase.
–Pois ben. O señor Herbert ocupouse do asunto coa maior decisión, e ás nove da noite pasada trasladou a Tom, Jack ou Richard, quen sexa, pois nin a vostede nin a min nos importa, e logrou un éxito completo. No cuarto que ocupaba díxose que o chamaban desde Dover, e, en realidade, tomaron tal camiño, para torcer pola próxima esquina. Outra gran vantaxe en todo iso é que se levou a cabo sen vostede, de maneira que se alguén seguía os pasos de vostede constaralle que se achaba a moitas millas de distancia e ocupado noutros asuntos. Isto desvía as sospeitas e confúndeas; pola mesma razón recomendeille que non fose á súa casa en caso de regresar onte á noite. Isto complica as cousas, e vostede necesita, precisamente, que haxa confusión.
Wemmick, que terminara o seu almorzo, consultou o seu reloxo e foi en busca da súa chaqueta.
–E agora, señor Pip –dixo coas mans aínda pousadas sobre as mangas da camisa–, probablemente fixen xa canto me foi posible; pero se podo facer algo máis, desde logo, dun modo persoal e particular, terei o maior gusto. Aquí está o enderezo. Non haberá ningún inconveniente en que vaia vostede esta noite ver por si mesmo que Tom, Jack ou Richard esta ben e en seguridade, antes de ir á súa propia casa, o cal é outra razón para que onte á noite non fora a ela. Pero en canto estea no seu propio domicilio, non volva máis por aquí. Xa sabe vostede que sempre é benvido, señor Pip –engadiu separando as mans das mangas e sacudíndoas–, e, finalmente, déixeme que lle diga unha cousa importante. –Púxome as mans nos ombreiros e engadiu en voz baixa e solemne–: Aproveite vostede esta mesma noite para gardar todos os seus efectos de valor facilmente transportables. Non sabe vostede nin pode saber o que lle sucederá no futuro. Procure, daquela, que non lles ocorra nada aos efectos de valor.
Considerando completamente inútiles os meus esforzos para dar a entender a Wemmick a miña opinión sobre o particular, non o intentei sequera.
–Xa é tarde –engadiu Wemmick–, e debo marchar. Se non ten vostede nada máis importante que facer ata que escureza, aconsellaríalle que quedase aquí ata entón. Ten vostede o aspecto de estar moi preocupado; pasaría un día moi tranquilo co meu ancián pai, que se levantará en breve, e, ademais, gozará dun pouco de..., acórdase vostede do porco?
–Naturalmente –díxenlle.
–Pois ben, un pouco del. A salchicha que asou vostede era súa, e hai que confesar que, desde todos os puntos de vista, era de primeira calidade. Próbeo, aínda que non sexa máis que polo gusto de saborealo. Adeus, pai! –engadiu gritando alegremente.
–Está ben, John, está ben! –contestou o ancián desde dentro.
Pronto quedei durmido ante o lume de Wemmick, e o ancián e eu gozamos mutuamente da nosa compañía, adormecendo, de cando en vez, durante o día. Para comer tivemos lombo de porco e verduras colleitadas na propiedade, e eu dirixía expresivos movementos de cabeza ao ancián, cando non o facía dando cabezadas a impulsos do sono. Ao escurecer deixei ao vello preparando o lume para torrar o pan; e a xulgar polo número de cuncas de té, así como polas miradas que o meu compañeiro dirixía cara aos portelos que había na parede, á beira da cheminea, deducín que esperaba á señorita Skiffins.

5 de mar. de 2012

Capítulo 44

Atopei á señorita Havisham e a Estella na estancia en que estaba a mesa tocador e onde ardían as candeas nos candelabros das paredes. A primeira estaba sentada nun canapé ante o lume, e Estella, nun almofadón aos seus pés. A moza facía calceta, e a señorita Havisham mirábaa. Ambas levantaron os ollos cando eu entrei, e as dúas déronse conta da alteración do meu rostro. Comprendino así pola mirada que cambiaron.
–Que vento o trouxo, Pip? –preguntou a señorita Havisham.
Aínda que me miraba en fite, deime de conta de que estaba algo confusa. Estella interrompeu un momento o seu labor de calceta, fixando en min os seus ollos, e logo continuou traballando, e polo movemento dos seus dedos, coma se fose a linguaxe convencional dos xordomudos, pareceume comprender que se daba de conta de que eu descubrira o meu benefactor.
–Señorita Havisham –dixen–, onte fun a Richmond con obxecto de falarlle a Estella; pero, observando que algún vento a trouxera aquí, seguina.
A señorita Havisham indicoume por terceira ou cuarta vez que sentase, e por iso tomei a cadeira que había ante a mesa tocador, a que lle vira ocupar tantas veces. E aquel lugar cheo de ruínas e de cousas mortas pareceume o máis indicado para min aquel día.
–O que quería dicir a Estella, señorita Havisham, direino agora ante vostede mesma... en poucos instantes. As miñas palabras non a sorprenderán nin a desgustarán. Son tan desgraciado como pode vostede desexar.
A señorita Havisham continuaba mirándome en fite, Polo movemento dos dedos de Estella comprendín que tamén ela esperaba o que ía dicir, pero non levantou a vista cara a min.
–Descubrín quen é o meu benefactor. Non foi un descubrimento afortunado, e seguramente iso non ha de contribuír a mellorar a miña reputación, a miña situación e a miña fortuna. Hai razóns que me impiden dicir nada máis acerca do particular, porque o segredo non me pertence.
Mentres gardaba silencio por un momento, mirando a Estella e pensando como continuaría, a señorita Havisham murmurou:
–O segredo non te pertence. Que máis?
–Cando me fixo vostede vir aquí, señorita Havisham; cando eu vivía na aldea próxima, que oxalá non abandonase nunca..., supoño que entrei aquí como podería entrar outro raparigo calquera..., como unha especie de criado, para satisfacer unha necesidade ou un capricho e para recibir o salario correspondente.
–Si, Pip –replicou a señorita Havisham, afirmando ao mesmo tempo coa cabeza–. Nese concepto entraches nesta casa.
–E que o señor Jaggers...
–O señor Jaggers –dixo a señorita Havisham interrompéndome con firmeza– non tiña nada que ver con iso e non sabía unha palabra ao respecto. El é o meu avogado e, por casualidade, érao tamén do teu benefactor. Do mesmo xeito mantén relación con outras moitas persoas, coas que podía ocorrer o mesmo. Pero sexa como for, sucedeu así e ninguén ten a culpa diso.
Calquera que contemplase entón o seu desmedrado rostro podería ver que non se escusaba nin mentía.
–Pero cando eu caín no erro, no que crin por espazo de tanto tempo, vostede deixoume sumido nel –dixen.
–Si –contestoume, afirmando outra vez con movementos de cabeza–, deixeite no erro.
–Foi iso un acto bondadoso?
–E por que –exclamou a señorita Havisham golpeando o chan co seu bastón e encolerizándose de súpeto, de maneira que Estella a mirou sorprendida–, por que hei de ser bondadosa?
A miña queixa carecía de base, e por iso non proseguín. Así llo manifestei cando ela quedou pensativa tras a súa irritada réplica.
–Ben, ben –dixo–. Que máis?
–Fun pagado liberalmente polos servizos prestados aquí –dixen para facela acougar–, e recibín o beneficio de ser posto de aprendiz con Joe, de maneira que tan só fixen estas observacións para informarme debidamente. O que segue ten outro obxecto, e espero que menos interesado. Ao permitirme que continuase no meu erro, señorita Havisham, vostede castigou ou puxo a proba –se estas expresións non lle desagradan e podo usalas sen ofendela– aos seus egoístas parentes.
–Si. Eles tamén o imaxinaron, como ti. Para que había de molestarme en rogarche a ti ou en suplicarlles a eles que non supuxésedes semellante cousa? Vós mesmos fabricastes os vosos propios enganos. Eu non tiven parte ningunha niso.
Esperando a que de novo acougase, porque tamén pronunciou estas palabras moi irritada, continuei:
–Fun vivir cunha familia emparentada con vostede, señorita Havisham, e desde que cheguei a Londres mantiven con eles constante relación. Cónstame que sufriron honradamente o mesmo engano ca min. E cometería unha falsedade e unha baixeza se non lle dixese a vostede, tanto se é do seu agrado coma se non e tanto se me presta crédito coma se non me cre, que se equivoca profundamente ao xulgar mal ao señor Matthew Pocket e ao seu fillo Herbert, no caso de que supoña que non son xenerosos, leais, sinceros e incapaces de calquera cousa que sexa indigna ou egoísta.
–Son os teus amigos –obxectou a señorita Havisham.
–Eles mesmos me ofreceron a súa amizade –repliquei– precisamente cando imaxinaban que eu prexudicara os seus intereses. Pola contra, paréceme que nin a señorita Sarah Pocket nin a señorita Georgiana, nin a señora Camila eran amigas miñas.
Este contraste impresionouna, segundo observei con satisfacción. Miroume fixamente por uns instantes e logo dixo:
–Que queres para eles?
–Soamente –contesteille– que non os confunda cos demais. É posible que teñan o mesmo sangue, pero pode estar vostede segura de que non son iguais.
Sen deixar de mirarme atentamente, a señorita Havisham repetiu:
–Que queres para eles?
–Non son tan astuto, xa o ve vostede –díxenlle en resposta, dándome conta de que me ruborizaba un pouco–, para crer que podo ocultarlle, aínda querendo, que desexo algo. Se vostede, señorita Havisham, pode dedicar o diñeiro necesario para facer un gran servizo ao meu amigo Herbert, algo que resolvería a súa vida enteira, aínda que, dada a natureza do caso, debería facerse sen que el o soubese, eu podería indicarlle o modo de levalo a cabo.
–Por que ha de facerse sen que el o saiba? –preguntou, apoiando as mans no seu bastón, a fin de poder mirarme con maior atención.
–Porque –repliquei– eu mesmo empecei a prestarlle este servizo hai máis de dous anos, sen que el o soubese, e non quero que se decate do que por el fixen. Non podo explicar a razón de que xa non me sexa posible continuar favorecéndoo. Iso é unha parte do segredo que pertence a outra persoa e non a min.
Gradualmente, a señorita Havisham apartou de min a súa mirada e volveuna cara ao lume. Tras contemplalo por un espazo de tempo que, dado o silencio reinante e a escasa luz das candeas, pareceu moi longo, sobresaltouse ao oír o ruído que fixeron varias brasas ao esborrallarse, e de novo volveu mirarme, primeiro case sen verme e logo con atención cada vez máis concentrada. Mentres tanto, Estella non deixara de facer calceta. Cando a señorita Havisham fixou en min a súa atención, engadiu, coma se no noso diálogo non houbese a menor interrupción:
–Que máis?
–Estella –engadín volvéndome entón cara á moza e esforzándome en facer firme a miña voz trémula–, xa sabe vostede que a amo. Xa sabe vostede que a amei sempre coa maior tenrura.
Ela levantou os ollos para fixalos no meu rostro, ao verse interpelada de tal xeito, e miroume con aspecto sereno. Vin entón que a señorita Havisham nos miraba, fixando alternativamente os seus ollos en nós.
–Diríalle isto antes, a non ser polo meu longo erro, pois este inducíame a esperar, crendo que a señorita Havisham nos destinara un ao outro. Mentres crin que vostede tiña que obedecer, contívenme para non falar, pero agora debo dicirllo.
Sempre serena e sen que os seus dedos se detivesen, Estella moveu a cabeza.
–Xa sei –dixen en resposta á súa muda contestación–, xa sei que non teño a esperanza de poder chamala miña, Estella. Ignoro o que será de min moi pronto, o pobre que serei ou onde terei que ir. Porén, ámoa. Ámoa desde a primeira vez que a vin nesta casa.
Mirándome con inquebrantable serenidade, moveu de novo a cabeza.
–Sería cruel por parte da señorita Havisham, horriblemente cruel, ferir a susceptibilidade dun pobre raparigo e torturarme durante estes longos anos cunha esperanza va e un cortexo inútil, no caso de que reflexionase acerca do que facía. Pero creo que non pensou niso. Estou persuadido de que as súas propias penas lle fixeron esquecer as miñas, Estella.
Vin que a señorita Havisham levaba a man ao corazón e a deixaba alí mentres continuaba sentada e mirándonos, sucesivamente, a Estella e a min.
–Parece –dixo Estella coa maior tranquilidade– que existen sentimentos e ilusións, pois non sei como chamalos, que non me é posible comprender. Cando vostede me di que me ama, comprendo o que quere dicir, como frase significativa, pero nada máis. Non esperta vostede nada no meu corazón nin conmove nada nel. E non me importa o máis mínimo canto diga. Moitas veces tratei de avisalo acerca disto. Non é certo?
–Si –contestei tristemente.
–Si. Pero vostede non quería darse por avisado, porque imaxinaba que lle falaba de broma. E agora cre vostede o mesmo?
–Crin, coa esperanza de comprobalo logo, que non mo dicía en serio. Vostede, tan nova, tan feliz e tan fermosa, Estella! Seguramente, iso está en desacordo coa Natureza.
–Está na miña natureza –replicou. E a continuación engadiu significativamente–: Está na natureza formada no meu interior. Establezo unha gran diferenza entre vostede e todos os demais cando lle digo isto. Non podo facer máis.
–Non é certo –preguntei– que Bentley Drummle está nesta cidade e que a cortexa a vostede?
–É verdade –contestou ela referíndose ao meu inimigo con expresión de profundo desdén.
–É certo que vostede alenta as súas pretensións, que sae a pasear a cabalo na súa compañía e que esta mesma noite el ceará con vostede?
Pareceu algo sorprendida de que estivese informado de todo iso, pero de novo contestou:
–É certo.
–Teño a esperanza de que vostede non poderá amalo, Estella.
Os seus dedos quedaron quietos por vez primeira cando me contestou, algo irritada:
–Que lle dixen antes? Segue imaxinando, malia todo, que non lle falo con sinceridade?
–Non é posible que vostede case con el, Estella.
Mirou á señorita Havisham e quedou un momento pensativa, co labor entre as mans. Logo exclamou:
–Por que non dicirlle a verdade? Vou casar con el.
Deixei caer a cara entre as mans, pero logrei dominarme mellor do que esperaba, tendo en conta a agonía que me produciron tales palabras. Cando de novo levantei o rostro, advertín tan triste mirada no da señorita Havisham, que me impresionei malia a miña dor.
–Estella, querida Estella, non permita vostede que a señorita Havisham a leve a dar ese paso fatal. Rexéiteme para sempre (xa o fixo vostede, e cónstame), pero entréguese a outra persoa mellor que Drummle. A señorita Havisham entrégaa a vostede a el como o maior desprezo e a maior inxuria que pode facer de todos os demais admiradores de vostede, moito mellores que Drummle, e aos poucos que verdaderamente a aman. Entre eses poucos pode haber algún que a queira tanto coma min, aínda que ningún que a ame de tanto tempo. Acepte vostede a calquera deles e, xa que será vostede máis feliz, eu soportarei mellor a miña desdita.
A miña vehemencia pareceu espertar nela o asombro, coma se sentise algunha compaixón, iso supoñendo que chegase a comprenderme.
–Vou casar con el –dixo con voz algo máis cariñosa–. Estanse facendo os preparativos para a miña voda e casarei pronto. Por que mestura vostede inxuriosamente en todo iso o nome da miña nai adoptiva? Obro pola miña iniciativa propia.
–É iniciativa de vostede, Estella, entregarse a unha besta?
–A quen quere vostede que me entregue? Acaso a un deses homes que se darían conta inmediatamente, no caso de que alguén poida sentir iso, de que eu non o quero en absoluto? Pero non hai máis que falar. É cousa feita. Vivirei ben, e o mesmo lle ocorrerá ao meu marido. E en canto a levarme, segundo vostede di, a dar este paso fatal, saiba que a señorita Havisham preferiría que esperase e non casase axiña que; pero estou cansada xa da vida que levei ata agora, que ten moi poucos encantos para min, e desexo cambiala. Non falemos máis, porque non poderemos comprendernos mutuamente.
–Cun home tan estúpido e tan animal? –exclamei desesperado.
–Non teña vostede coidado, que non serei unha bendición para el –díxome Estella–. Non serei nada diso. E agora, aquí ten vostede a miña man. Despedirémonos tras esta conversación, rapaz visionario... ou home?
–Oh Estella! –contestei mentres as miñas amargas bágoas caían sobre a súa man, malia os meus esforzos por contelas.
–Aínda que eu quedase en Inglaterra e puidese vela como todos os demais, como podería resignarme a vela convertida en esposa de Drummle?
–Parvadas! –dixo–. Iso pasará en moi pouco tempo.
–Xamais, Estella!
–Dentro dunha semana xa non se acordará de min.
–Que non me acordarei de vostede! É unha parte da miña propia vida, parte de min mesmo. Estivo vostede en cada unha das liñas que lin, desde que vin aquí por vez primeira, cando era un raparigo ordinario e rudo, cuxo pobre corazón xa feriu vostede entón. Estivo vostede en todas as esperanzas que desde entón tiven... no río, nas velas dos barcos, nas brañas, nas nubes, na luz, na escuridade, no vento, nos bosques, no mar, nas rúas. Foi vostede a imaxe de toda graciosa fantasía que a miña mente puido forxar. As pedras de que están construídas os máis grandes edificios de Londres non son máis reais, nin é máis imposible que as súas mans as quiten do seu sitio, que separar de min a súa influencia antes, agora e sempre. Ata a última hora da miña vida, Estella, non ten vostede máis remedio que seguir sendo parte de min mesmo, parte do ben que exista en min, así como tamén do mal que en min se albergue. Pero neste momento da nosa separación asócioa tan só co ben, e fielmente recordareina confundida con el, pois malia toda a miña dor nestes momentos, sempre me fixo vostede máis ben que mal. Oh, que Deus a bendiga e que El a perdoe!
Ignoro en que éxtase de infelicidade pronunciei estas entrecortadas palabras. A rapsodia fluía dentro de min como o sangue dunha ferida interna e saía ao exterior. Levei a súa man aos meus beizos, sosténdoa alí uns momentos, e logo afasteime. Pero sempre recordei –e pronto ocorreu iso por unha razón máis poderosa– que así como Estella me miraba con incrédulo asombro, o espectral rostro da señorita Havisham, que seguía coa man apoiada no corazón, parecía expresar a compaixón e o remorso.
Todo acabara! Todo quedaba lonxe! E tan sumido na dor estaba ao saír, que ata a mesma luz do día me pareceu máis escura que ao entrar. Por uns momentos oculteime pasando por estreitas ruelas, e logo emprendín o camiño a pé, en dirección a Londres, pois comprendía que non me sería posible volver á pousada e ver alí a Drummle. Tampouco me sentía con forzas para sentar no coche e sufrir a conversación dos viaxeiros, e o mellor que podería facer era fatigarme en extremo.
Era xa máis de medianoite cando crucei a Ponte de Londres. Seguindo as rúas estreitas e intrincadas que naquel tempo se dirixían cara ao Oeste, preto da beira do Middlesex, o meu camiño máis directo cara ao Temple era seguindo a beira do río, a través de Whitefriars. Non me esperaban ata a mañá seguinte, pero como eu tiña as miñas chaves, aínda que Herbert xa estivese deitado, podería entrar sen molestalo.
Como raras veces chegaba á porta de Whitefriars logo de estar pechada a do Temple, e, por outra banda, eu ía cheo de barro e estaba canso, non me molestou que o porteiro me examinase coa maior atención mentres tiña aberta lixeiramente a porta para permitirme a entrada. E para auxiliar a súa memoria, pronunciei o meu nome.
–Non estaba seguro por completo, señor, aínda que mo parecía. Aquí hai unha carta, cabaleiro. O mensaxeiro que a trouxo dixo que talvez vostede sería tan amable de lela á luz do meu farol.
Moi sorprendido por esta indicación, tomei a carta. Estaba dirixida ao cabaleiro Philip Pip, e na parte superior do sobrescrito víanse as palabras: «FAGA O FAVOR DE LER A CARTA AQUÍ.» Abrina mentres o vixiante sostiña o farol, e dentro achei unha liña, de letra de Wemmick, que dicía: «NON VAIA Á SÚA CASA».

4 de mar. de 2012

Capítulo 43

Para que interromperme a fin de preguntarme se a miña antipatía cara a Provis podía deberse a Estella? Para que entreterme no meu camiño, a fin de comparar o estado da miña mente entre cando tratei de limparme da mancha da prisión, antes de ir ao encontro de Estella na oficina da dilixencia, co estado mental en que me achaba agora, ao considerar o abismo que se abrira entre Estella, no seu orgullo e beleza, e o presidiario a quen albergaba na miña casa? Non por facelo sería mellor o camiño nin tampouco o final que nos estivese reservado a todos. Iso non sería de ningún beneficio para o meu protector nin para min.
Esta narración producírame outro temor; ou, mellor dito, tal relato dera forma e obxecto a un temor que sentía inconscientemente. Se Compeyson vivía e descubría por azar o regreso de Provis, non serían xa dubidosas as consecuencias. Ninguén mellor ca min estaba persuadido de que Compeyson tiña un medo horrible a Provis, e non era difícil imaxinar que un home como el, a xulgar pola descrición que se nos fixera, non vacilaría o máis mínimo en librarse dun inimigo delatándoo.
Ata entón, eu non lle dixera unha soa palabra a Provis acerca de Estella, e estaba firmemente decidido a non facelo. Pero díxenlle a Herbert que antes de marchar ao estranxeiro desexaba ver a Estella e á señorita Havisham. Isto ocorreu en canto quedamos sós pola noite do mesmo día en que Provis nos referiu a súa historia. Resolvín, pois, ir a Richmond ao seguinte día, e así o fixen.
Ao presentarme á señora Brandley, esta fixo chamar á doncela de Estella, quen me dixo que a moza marchara ao campo. Onde? Á casa Satis, como de costume. Repliquei que non era como de costume, pois ata entón nunca fora sen min. Preguntei cando estaría de regreso, pero advertín unha reserva especial na resposta, que aumentou a miña perplexidade. A doncela díxome que, segundo imaxinaba, non regresaría por algún tempo. Nada puiden adiviñar nin comprender por tales palabras, excepto o feito de que deliberadamente se propoñían que eu non puidese comprendelo, e, así, volvín á miña casa completamente desencantado.
Pola noite volvín consultar con Herbert logo da marcha de Provis (e debo repetir que eu sempre o acompañaba ata o seu aloxamento e observaba coa maior atención ao meu redor ), e na nosa conversa, tras tratar do asunto, chegamos á conclusión de que nada podía decidirse acerca da proxectada viaxe ao estranxeiro ata que eu regresase da miña visita á señorita Havisham. Mentres tanto, Herbert e eu reflexionamos sobre o que máis conviría dicir, ou ben que tiñamos a sospeita e o temor de que alguén nos vixiase, receoso, ou escusarnos no feito de que, como eu non estivera nunca no estranxeiro, me resultaría agradable facer unha viaxe. Constábanos de antemán que el aceptaría calquera cousa que eu lle propuxese. Por outra banda, Herbert e eu conviñemos en que non había que pensar en que Provis continuase moitos días no mesmo perigo a que estaba exposto.
Ao día seguinte cometín a baixeza de finxir que ía cumprir unha promesa feita a Joe de ir velo; eu era capaz de cometer calquera indignidade con relacion a Joe ou ao seu nome. Mentres durase a miña ausencia, Provis debería ter o maior coidado, e Herbert encargaríase del como o facía eu. Propoñíame estar ausente unha soa noite, e ao meu regreso debería empezar, segundo as ideas de Provis, a miña carreira como cabaleiro rico. Entón ocorréuseme, e, segundo vin máis tarde, tamén se lle ocorreu a Herbert, que poderiamos inducilo a ir ao estranxeiro coa escusa de facer compras ou algo polo estilo.
Tras dispoñer así a miña visita á señorita Havisham, saín na primeira dilixencia do día seguinte, cando apenas había luz no ceo, e atopámonos en plena estrada ao asomar o día, que parecía avanzar amodo, queixándose e tremendo de frío, envolto como estaba en capas de nubes e farrapos de néboa, coma se fose un esmoleiro. Cando chegamos ao Xabaril Azul, tras viaxar entre a choiva, cal non sería o meu asombro ao ver no limiar da porta, cun escarvadentes na man e contemplando a dilixencia, a Bentley Drummle!
Como el finxiu que non me vira, eu fixen coma se non o recoñecese. Tal actitude era moi ridícula por ambas as partes, e máis aínda porque logo entramos á vez na sala do café, onde el acababa de terminar o seu almorzo e onde ordenei que me servisen o meu. Érame violento en grao sumo velo na cidade, posto que dabondo sabía a causa da súa permanencia nela.
Finxindo que me entregaba á lectura dun xornal local de data remota, no que non había nada tan lexible como as manchas de café, de encurtidos, de salsas de peixe, de manteiga derretida e de viño de que estaba cheo, coma se o papel contraese o xarampón dun modo moi irregular, sentei á miña mesa namentres el permanecía ante o lume. Aos poucos pareceume insoportable que estivese alí, e por esta causa púxenme en pé, decidido a gozar da miña parte de calor na cheminea. Para alcanzar o atizador a fin de reanimar o lume, tiven que pasar as mans por detrás das súas pernas; pero, con todo, continuei finxindo que non o coñecía.
–É un desaire? –preguntou o señor Drummle.
–Oh! –exclamei, co atizador na man.
–É vostede? Como está vostede? Preguntábame quen me impediría gozar da calor do lume.
Dito isto, revolvín as brasas dun modo tremendo e despois planteime á beira do señor Drummle, cos ombreiros ríxidos e de costas ao lume.
–Acaba vostede de chegar? –preguntou o señor Drummle dándome un lixeiro empuxón cara a un lado.
–Si –contestei, empuxándoo co meu ombreiro.
–É un lugar horrible –dixo Drummle–. Segundo teño entendido, é o seu país.
–Si –asentín–. E seica o seu Shropshire se parece bastante.
–Non se lle parece en nada –contestou Drummle. Logo mirou para as botas, e eu imiteino mirando para as miñas. Un momento máis tarde, o señor Drummle mirou as miñas botas, e eu as súas, en xusta correspondencia.
–Hai moito que está vostede aquí? –pregunteille, decidido a non deixarme afastar unha soa polgada do lume.
–O suficiente para estar xa canso –contestou Drummle finxindo un bocexo, pero igualmente decidido a non afastarse.
–Estará aínda moito tempo?
–Non sabería dicirlle –contestou Drummle–. E vostede?
–Non sabería dicirlle –repliquei. Entón experimentei a sensación de que se naquel momento o señor Drummle fixese a menor tentativa para gozar de máis sitio ante o lume, eu guindaríao contra a fiestra, e tamén comprendín que se o meu ombreiro expresase a mesma pretensión, o señor Drummle me guindaría á mesa máis próxima. El púxose a asubiar, e eu fixen o mesmo.
–Por aquí abundan as brañas, segundo creo –observou Drummle.
–Si. E que? –repliquei. O señor Drummle miroume, logo fixouse nas miñas botas e dixo:
–Oh! –E botouse a rir.
–Está vostede de bo humor, señor Drummle?
–Non –contestou–, non pode dicir se que o estea. Vou pasear a cabalo. Para pasar o tempo propóñome explorar esas brañas. Dixéronme que xunto a elas hai varias aldeas e que hai tabernas e ferrerías curiosas... ¡Camareiro!
–Que desexa o señor?
–Está enselado o meu cabalo?
–Levárono xa ante a porta, señor.
–Moi ben. Agora atende. Hoxe a señorita non sairá a cabalo, porque o tempo segue malo.
–Moi ben, señor.
–E eu non virei comer, porque irei facelo á casa da señorita.
–Moi ben, señor.
Drummle miroume con tal expresión de triunfo na seu carota de grandes mandíbulas, que o corazón me doeu malia á estupidez daquel home, exasperándome de tal xeito que me sentín inclinado a collelo nos brazos (igual que nas historias de ladróns se conta que os bandidos collían ás damas) para sentalo á forza sobre as brasas.
Unha cousa resultaba evidente en nós, e era que, de non vir ninguén na nosa axuda, ningún dos dous sería capaz de abandonar o lume. Alí estabamos ambos, cos ombreiros e os pés en contacto, sen movernos a ningún lado nin por espazo dunha polgada. Desde alí podiamos ver o cabalo ante a porta e entre a choiva; o meu almorzo estaba servido na mesa, mentres que xa retiraran o servizo de Drummle; o camareiro invitábame a sentar, e eu fíxenlle un sinal de asentimento, pero os dous continuabamos inmóbiles ante o lume.
–Estivo vostede recentemente na Enramada? –preguntou Drummle.
–Non –contestei–. Xa quedei máis que satisfeito dos Pimpíns a última vez que estiven.
–Foi cando tivemos aquela pequena diferenza de opinión?
–Si –contestei secamente.
–Vaites! –exclamou el–. Demostrou vostede ser moi lixeiro de cascos. Non debía perder tan pronto a súa presenza de ánimo.
–Señor Drummle –contesteille–, non é vostede quen para darme consellos sobre o particular. Cando perdo o dominio sobre min mesmo (e con iso non admito que me ocorrese naquela ocasión), polo menos non tiro vasos á cabeza das persoas.
–Pois eu si –contestou Drummle.
Tras miralo unha ou dúas veces con expresión de ferocidade que aumentaba a cada momento, dixen:
–Señor Drummle, eu non busquei esta conversación, que, por outra banda, non me parece nada agradable.
–Dende logo que non –dixo con altivez e mirándome por encima do ombreiro–. Non mo parece nin remotamente.
–Polo tanto –continuei–, e se mo permite, aventurareime a indicar a conveniencia de que en diante non exista entre nós a menor comunicación.
–Esta é tamén a miña opinión –dixo Drummle–, e indicaríao eu mesmo, ou faríao sen advertilo. Pero non perda vostede os estribos. Non perdeu xa bastante?
–Que quere vostede dicir, cabaleiro?
–Camareiro! –chamou Drummle coma se quixese contestarme deste xeito. O chamado acudiu–. Atende ben. Supoño que comprendiches que a señorita non paseará hoxe a cabalo e que eu cearei na súa casa.
–Entendino moi ben, señor.
Cando o camareiro, poñendo a man na teteira, viu que estaba moi fría, dirixiume unha mirada suplicante e marchou. Drummle, tendo o maior coidado de non mover o seu ombreiro que se tocaba co meu, sacou un cigarro do peto, mordeu a punta e acendeuno, pero sen demostrar a súa intención de apartarse o máis mínimo. Enfurecido como estaba, comprendín que non poderiamos cruzar unha soa palabra máis sen falar de Estella, nome que non podería consentirlle que pronunciase; por esta razón, quedei mirando fixamente á parede, coma se non houbese ninguén na sala e eu mesmo me obrigase a gardar silencio. É imposible dicir canto tempo permaneceriamos en tan ridícula situación, pero naquel momento entraron tres granxeiros ricos, aos que acompañara o camareiro sen ningunha dúbida e que apareceron na sala do café desabrochando os grandes abrigos e fregando as mans. E como queira que deron unha carga en dirección ao lume, non tivemos máis remedio que retirarnos.
A través da fiestra vino agarrando as crins do pescozo do seu cabalo e montando do modo brutal que lle era peculiar. Logo desapareceu. Imaxinei que se marchara, cando volveu pedindo lume para o cigarro que tiña na boca. Apareceu un home co traxe cheo de po, a fin de darlle con que acender, e ignoro de onde saíu, se do patio da pousada ou da rúa. E mentres Drummle se inclinaba sobre a cadeira para acender o cigarro e ría, movendo a cabeza en dirección á sala do café, os ombreiros inclinados e o revolto cabelo daquel home, que me daba as costas, fixéronme recordar a Orlick.
Demasiado preocupado por outras cousas para sentir interese en pescudar se o era ou non, ou para tocar sequera o almorzo, lavei a cara e as mans para quitar de enriba o po da viaxe e dirixinme á vella e tan recordada casa, que mellor sería para min non ver nunca na vida e na que oxalá non entrase xamais.

3 de mar. de 2012

Capítulo 42

–Querido rapaz e amigo de Pip: Non vou contarlles a miña vida coma se fose unha lenda ou unha novela. O esencial podo dicilo nun puñado de palabras inglesas. No cárcere e fóra del, no cárcere e fóra del, no cárcere e fóra del. Isto é todo. Tal foi a miña vida ata que me encerraron nun barco e Pip se fixo o meu amigo.
»Cumprín toda clase de condenas, agás a de ser aforcado. Tivéronme encerrado con tanto coidado coma se fose unha teteira de prata. Leváronme dun lado a outro, sacáronme dunha cidade para transportarme a outra, metéronme no cepo, azoutáronme e molestáronme de mil xeitos. Non teño a menor idea do lugar en que nacín, como seguramente tampouco o saben vostedes. Cando tiven conciencia de min mesmo achábame en Essex, furtando nabos para comer. Recordo que alguén me abandonou; era un home que se dedicaba ao oficio de caldereiro remendón, e, como levou o lume consigo, eu quedei tremendo de frío.
»Sei que me chamaba Magwitch e que o meu nome de pía era Abel. Que como o sabía? Pois do mesmo xeito que coñezo os nomes dos paxaros das sebes e sei cal é o pimpín, o tordo ou o gorrión. Podería crer que todos eses nomes eran unha mentira, pero como resultou que os dos paxaros eran verdadeiros, crin que tamén o meu o sería.
»Segundo puiden ver, ninguén coidaba do pequeno Abel Magwitch, que non tiña nada nin encima nin dentro de si. En cambio, todos me temían e obrigábanme a afastarme, ou facíanme prender. E tantas veces chegaron a collerme para meterme no cárcere que crecín sen lle dar importancia a iso, dada a regularidade con que me prendían.
»Así continuei, e cando era un neno cuberto de farrapos, digno da compaixón de calquera (non porque me mirase nunca ao espello, porque descoñecía que houbese tales cousas nas vivendas), gozaba xa da reputación de ser un delincuente endurecido. “Este é un delincuente endurecido”, dicían no cárcere ao mostrarme aos visitantes. “Pode dicirse que este rapaz non viviu máis que no cárcere.” Entón os visitantes mirábanme, e eu mirábaos a eles. Algúns medíanme a cabeza, aínda que mellor farían medíndome o estómago, e outros dábanme folletos que eu non sabía ler, ou dicíanme cousas que non entendía. E logo acababan falándome do diaño. Pero que demo podía facer eu? Tiña necesidade de meter algo no estómago, non é certo? Mais observo que me entenrezo, e xa nin sei o que teño que falar. Querido rapaz e compañeiro de Pip, non teñan medo de que me entenreza outra vez.
»Vagabundeando, pedindo esmola, roubando, traballando ás veces, cando podía, aínda que isto non era moi frecuente, pois vostedes mesmos me dirán se estarían dispostos a darme traballo; roubando caza nos vedados, facendo de labrador, ou de carreteiro, ou atando feixes de herba seca, ás veces exercendo de quincalleiro e unha serie de ocupacións polo estilo, que non conducen máis que a gañar mal a vida e a crearse dificultades; deste xeito fíxenme home. Un soldado desertor que estaba oculto nunha fonda, ensinoume a ler; e un xigante que percorría o país e que a cambio dun penique poñía a súa firma onde lle dicían, ensinoume a escribir. Xa non me encerraban con tanta frecuencia como antes, mais, con todo, non perdera de vista por completo as chaves do calabozo.
»Nas carreiras de Epsom, haberá cousa de vinte anos, trabei relación cun home cuxo cranio sería capaz de romper con este atizador, se o tivese agora mesmo ao alcance da miña man, coa mesma facilidade que se fose unha langosta. O seu verdadeiro nome era Compeyson; e ese era o home, querido Pip, con quen me viches pelexar na gabia, tal como lle dixeches onte á noite ao teu amigo tras a miña saída.
»Ese Compeyson educouse como cabaleiro, asistiu a unha escola de internos e era instruído. Tiña unha conversación moi agradable e era destro nos bos modos dos señores. Tamén era guapo. A véspera da gran carreira foi cando o atopei xunto a un matorral nun tenducho que eu coñecía moi ben. El e algúns máis estaban sentados nas mesas do tenducho cando eu entrei, e o dono (que me coñecía e que era un xogador de marca maior) chamouno e díxolle: “Creo que ese home podería convirlle”, referíndose a min.
»Compeyson miroume coa maior atención, e eu tamén o mirei. Levaba reloxo e cadea, un anel e un alfinete de gravata, así como un elegante traxe.
»–A xulgar polas aparencias, non ten vostede moi boa sorte –díxome Compeyson.
»–Así é, amigo; nunca a tiven. –Acababa de saír do cárcere de Kingston, onde me condenaran por vagabundo; non porque faltasen outras causas, pero non fun alí por nada máis.
»–A sorte cambia –dixo Compeyson–; talvez a de vostede está a piques de cambiar.
»–Oxalá! –contesteille–. Xa sería hora.
»–Que sabe vostede facer? –preguntou Compeyson.
»–Comer e beber –contesteille–, sempre que vostede atope o que.
»Compeyson botouse a rir, volveu mirarme coa maior atención, deume cinco xilins e citoume para a noite seguinte no mesmo sitio.
»Ao seguinte día, á mesma hora e lugar, fun verme con Compeyson, e este propúxome ser o seu compañeiro e o seu socio. Os negocios de Compeyson consistían na estafa, na falsificación de documentos e firmas, en facer circular billetes de Banco roubados e cousas polo estilo. Ademais, gustáballe moito planear os golpes, pero deixar que os levase a cabo outro, aínda que el quedaba coa maior parte dos beneficios. Tiña tanto corazón como unha lima de aceiro, era tan frío como a mesma morte e tiña unha cabeza verdaderamente diabólica.
»Había outro con Compeyson, chamado Arthur..., non porque este fose o seu nome de pía, senón o alcume. Estaba o pobre en moi mala situación e tan fraco e desmedrado que daba pena miralo. El e Compeyson parece que, algúns anos antes, lle fixeran unha xogada a unha rica señora, grazas á cal sacaran moitísimo diñeiro; pero Compeyson apostaba e xogaba, e sería capaz de malgastar as contribucións que se pagan ao rei. Así, pois, Arthur estaba enfermo de morte, pobre, sen un penique e aterrado. A muller de Compeyson, a quen este trataba a patadas, apiadábase do desgraciado cantas veces lle era posible demostrar a súa compaixón, e en canto a Compeyson, non tiña piedade de nada nin de ninguén.
»Podería mirarme no espello de Arturo, pero non o fixen. E non quero agora dicir que o desgraciado me importaba gran cousa, pois para que serviría mentir? Por iso empecei a traballar con Compeyson e convertinme nun pobre instrumento nas súas mans. Arthur vivía no máis alto da casa de Compeyson (que estaba moi preto de Brentford), e Compeyson leváballe exactamente a conta do que lle debía por aloxamento e comida, para o caso de que se repuxese o suficiente e saíse a traballar. O pobre Arthur saldou moi pronto esta conta. A segunda ou terceira vez que o vin, chegou arrastrándose ata o salón de Compeyson, a altas horas da noite, vestindo unha especie de bata de flanela, co cabelo mollado pola suor e, achegándose á muller de Compeyson, díxolle:
»–Escoite, Sally, agora si que é verdade que está comigo arriba e non podo librarme dela. Vai completamente vestida de branco –dixo–, con flores brancas no cabelo; ademais, está tola de remate e leva un sudario colgado do brazo, dicindo que mo porá ás cinco da madrugada.
»–Non sexas animal –díxolle Compeyson–. Non sabes que aínda vive? Como podería entrar na casa a través da porta ou da fiestra?
»–Ignoro como veu –contestou Arthur tremendo de medo–, pero o certo é que está alí, ao pé da cama e completamente tola. E da ferida que ten no corazón, ti fixécheslle esa ferida!, de alí sáenlle pingas de sangue.
»Compeyson faláballe con violencia, pero era moi covarde.
»–Sube a este estúpido enfermo ao seu cuarto –ordenou á súa muller–. Magwitch, axúdalle. –Pero el non se achegaba sequera.
»A muller de Compeyson e eu levámolo outra vez á cama, e el deliraba dun modo que daba medo.
»–Mirádea! –gritaba–. Non vedes como move o sudario cara a min? Non a vedes? Mirade os seus ollos! E non é horroroso ver que está tan tola? –Daquela exclamaba–: Vai poñer o sudario e, no caso de que o consiga, estou perdido. Quita! Quita!
»E agarrábase a nós sen deixar de falar coa sombra ou contestándolle, de tal xeito que ata a min pareceume que a vía.
»A esposa de Compeyson, que xa estaba afeita a el, deulle un pouco de licor para quitarlle o medo, e pouco a pouco o desgraciado tranquilizouse.
»–Oh, xa marchou! Veu levala o seu gardián? –exclamaba.
»–Si, si –contestáballe a esposa de Compeyson.
»–Recomendoulle vostede ben que a encerrasen e atrancasen a porta da súa cela?
»–Si.
»–E pediulle que lle quitase aquel sudario tan horrible?
»–Si, si, todo iso fixen. Non hai coidado xa.
»–É vostede unha excelente persoa –díxolle á muller de Compeyson.
»–Non me abandone, rógollo. E moitas grazas.
»Permaneceu tranquilo ata que faltaron poucos minutos para as cinco da madrugada; naquel momento púxose en pé e deu un alarido, exclamando:
»–Xa está aquí! Trae outra vez o sudario! Xa o desdobra! Agora achégaseme desde o recuncho! Diríxese cara á miña cama! Sostédeme, un por cada lado! Non lle deixedes que me toque! Ah, grazas, meu Deus! Esta vez non me acertou. Non lle deixedes que me bote o sudario por encima dos ombreiros. Tende coidado de que non me levante para rodearme con el. Oh, agora levántame! Sostédeme sobre a cama, por Deus!
»Dito isto, levantouse, malia os nosos esforzos, e quedou morto.
»Compeyson considerou aquela morte con satisfacción, pois así quedaba terminada unha relación que xa lle era desagradable. El e eu empezamos a traballar moi pronto, aínda que primeiro me xurou (pois era moi falso) serme fiel, e fíxoo no meu propio libro, este mesmo de cor negra sobre o que fixen xurar ao teu amigo.
»Sen entrar a referir as cousas que planeaba Compeyson e que eu executaba, o cal requiriría talvez unha semana, direi tan só que aquel home me meteu en tales leas que me converteu no seu verdadeiro escravo. Eu sempre estaba en débeda con el, sempre no seu poder, sempre traballando e sempre correndo os maiores perigos. El era máis novo ca min, pero tiña maior habilidade e instrución, e por esta causa dábame cincocentas voltas e non me tiña ningunha compaixón. A miña muller, mentres eu pasaba esta mala tempada con... Pero, alto! Ela non...
Mirou ao seu redor moi confuso, coma se perdese a liña no libro do seu recordo; volveu o rostro cara ao lume, abriu as mans, que tiña apoiadas nos xeonllos, levantounas logo e volveu deixalas onde as tiña.
–Non hai necesidade de falar diso –dixo, mirando de novo ao seu redor–. A tempada que pasei con Compeyson foi case tan mala como a peor da miña vida. Dito isto queda dito todo. Referinlles que mentres andaba ás ordes de Compeyson fun xulgado, eu só, por un delito leve? –Contestei negativamente–. Pois ben –continuou el–, fun xulgado e condenado. E en canto a ser preso por sospeitas, iso ocorreume dúas ou tres veces durante os catro ou cinco anos que durou a situacion; pero faltaron as probas. Para rematar, Compeyson e eu fomos xulgados polo delito de poñer en circulación billetes de Banco roubados, pero, ademais, acusábasenos doutras cousas. Compeyson díxome: “Cómpre que nos defendamos por separado e que non teñamos comunicación.” E isto foi todo. Eu estaba tan miserable e pobre, que tiven que vender toda a roupa que tiña, fóra da que levaba encima, antes de lograr que me defendese Jaggers.
»Cando sentei no banco dos acusados fixeime ante todo no aspecto distinguido de Compeyson, co seu cabelo rizado, o seu traxe negro e o seu pano branco, mentres que eu tiña un aspecto miserable. Cando empezou a acusación e me presentaron as testemuñas de cargo, puiden observar que de todo se me facía responsable e que, en cambio, apenas se dirixía acusación ningunha contra el. Das declaracións resultaba que todos me viran a min, segundo podían xurar; que sempre me entregaran a min o diñeiro e que sempre aparecía eu como autor do delito e como única persoa que se aproveitaba del. Cando empezou a falar o defensor de Compeyson, a cousa foi máis clara para min, porque, dirixíndose ao tribunal e ao xurado, díxolles: “Aquí teñen vostedes sentados no banco dous homes que en nada se parecen; un deles, o máis novo, ben educado e refinado, segundo todo o mundo pode ver; o de máis idade carece de educación e de instrución, como tamén é evidente. O primeiro, poucas veces, se é que algunha, poucas veces se dedicou a estas cousas, e no caso presente non existen contra el máis que lixeiras sospeitas que non se comprobaron; en canto ao outro, sempre foi visto en todos os lugares en que se cometeu o delito e sempre se beneficiou dos resultados dos seus atentados contra a propiedade. É, pois, posible dubidar, posto que non aparece máis que un autor deses delitos, acerca de quen os cometeu?” E así proseguiu falando. E cando empezou a tratar das condicións de cada un, non deixou de consignar que Compeyson era instruído e educado, a quen coñecían perfectamente os seus compañeiros de estudos e os seus consocios dos círculos e clubs, onde gozaba de boa reputación. En cambio, eu fora xulgado e condenado moitas veces e era coñecido en todos os cárceres. Cando se deixou falar a Compeyson, fíxoo chorando en aparencia e cubrindo o rostro co pano. E ata lles dixo uns versos. Eu, en cambio, non puiden dicir máis que: “Señores, este home que senta ao meu lado é un pillo de marca maior.” E cando se pronunciou o veredicto, recomendouse á clemencia do tribunal a Compeyson, tendo en conta a súa boa conduta e a influencia que nel tiveran as malas compañías, a cambio do cal el debería declarar todo canto soubese contra min. A min consideráronme culpable de todo aquilo do que me acusaban. Por iso lle dixen a Compeyson: “Cando saiamos do Tribunal, vouche romper esa cara lercha que tes”. Pero el volveuse ao xuíz solicitando protección, e así logrou que se interpuxesen dous carcereiros entre nós. E cando se pronunciou a sentenza vin que a el o condenaban tan só a sete anos, e a min, a catorce. O xuíz pareceu lamentar haber ter que condenalo a esta pena, en vista de que podería levar unha vida mellor; pero en canto a min, díxome que eu era un criminal endurecido, arrastrado polas miñas violentas paixóns, e que seguramente empeoraría no canto de corrixirme.
Excitárase tanto ao referirnos isto, que tivo necesidade de interromper o seu relato para dominarse. Fixo dúas ou tres aspiracións curtas, tragou saliva outras tantas veces e, tendéndome a man, engadiu, en ton tranquilizador:
–Non vou entenrecerme, querido Pip. –Pero como estaba suorento, sacou o pano e secou o rostro, a cabeza, o pescozo e as mans antes de poder continuar–. Xuráralle a Compeyson que lle rompería a cara, aínda que para iso tivese que esnaquizar a miña propia. Fomos parar ao mesmo pontón; mais, malia que o intentei, tardei moito tempo en poder achegarme a el. Por fin logrei situarme tras el e deille un golpiño na fazula, tan só con obxecto de que volvese a cara e esnaquizarlla entón, pero víronme e impedíronme realizar o meu propósito. O calabozo daquel barco non era moi sólido para un home coma min, capaz de nadar e de bucear. Escapei cara a terra, e andaba oculto por entre as tumbas cando por vez primeira vin o meu Pip.
E dirixiume unha mirada tan afectuosa que de novo se me fixo aborrecible, aínda que sentía a maior compaixón por el.
–Grazas ao meu Pip deime conta de que tamén Compeyson escapara e estaba nas brañas. De veras, estou convencido de que fuxiu polo medo que me tiña, sen saber que eu estaba xa en terra. Perseguino, e cando o alcancei esnaquiceille a cara. “E agora”, díxenlle, “o peor que podo facerche, sen ter en conta para nada o que a min me suceda, é devolverte ao pontón.” E sería capaz de botarme á auga con el e, colléndoo polos pelos, levalo outra vez ao pontón aínda sen o auxilio dos soldados.
»De novo, saíu mellor librado, porque tiña mellores antecedentes ca min. Ademais, dixo que escapara atemorizado polas miñas intencións asasinas, e por todo iso o seu castigo foi leve. En canto a min, cargáronme de cadeas, fun xulgado outra vez e deportáronme para sempre. Pero, meu querido Pip e amigo seu, iso non me apurou moito, pois podía volver, e, en efecto, puiden, posto que estou aquí.
Volveu secar a cabeza co pano, como fixera antes; logo sacou do peto un pouco de tabaco, quitou a pipa do ollal en que a puxera, encheuna devagar e empezou a fumar.
–Morreu? –preguntei tras un silencio.
–Quen, meu mozo?
–Compeyson.
–El debe imaxinar que morrín eu, no caso de que aínda viva. Podes ter a seguridade diso –engadiu con feroz mirada–. Pero non oín falar del desde entón.
Herbert estivera escribindo co seu lapis na cuberta dun libro que tiña diante. Suavemente empuxou o libro cara a min, mentres Provis estaba fumando e cos ollos fixos no lume, e así puiden ler sobre o volume: “O nome do mozo Havisham era Arthur. Compeyson é o home que finxiu namorarse da señorita Havisham”.
Pechei o libro a fixen un lixeiro aceno a Herbert, que deixou o libro a un lado; pero ningún dos dous dixemos unha soa palabra, senón que quedamos mirando a Provis, que fumaba ante o lume.