4 de fev. de 2012

Capítulo 30

Tras reflexionar profundamente acerca do asunto, mentres me vestía á mañá seguinte no Xabaril, resolvín dicirlle ao meu titor que abrigaba dúbidas de que Orlick fose o home apropiado para ocupar un cargo de confianza na casa da señorita Havisham.
–Desde logo, Pip, non é o home apropiado –dixo o meu titor, moi convencido da verdade destas palabras–, porque o home que ocupa un lugar de confianza nunca é o máis indicado.
Parecía moi satisfeito de informarse de que aquel emprego especial non o ocupase, excepcionalmente, o home apropiado, e moi compracido escoitou as noticias que lle dei de Orlick.
–Moi ben, Pip –observou en canto terminei–. Vou ir inmediatamente despedir ao noso amigo.
Algo alarmado ao decatarme de que quería obrar con tanta rapidez, aconselleille esperar un pouco, e mesmo lle indiquei a posibilidade de que lle resultase difícil tratar co noso amigo.
–Oh, non, non se mostrará difícil! –asegurou o meu titor, dobrando, confiado, o pano de seda–. Gustaríame ver como poderá contradicir os meus argumentos.
Como debiamos regresar xuntos a Londres na dilixencia do mediodía e eu almorcei tan aterrorizado por mor de Pumblechook que apenas podía soster a cunca, isto deume a oportunidade de dicirlle que desexaba dar un paseo e que seguiría a estrada de Londres mentres el estivese ocupado, e que me fixese o favor de avisar ao cocheiro de que subiría á dilixencia no lugar en que me atopasen. Así puiden afastarme do Xabaril Azul inmediatamente despois de terminar o almorzo.
E dando unha volta dun par de millas cara ao campo e pola parte posterior do establecemento de Pumblechook, saín outra vez á rúa Principal, un pouco máis aló daquel perigo, e sentinme relativamente seguro.
Resultábame moi agradable acharme de novo na tranquila e vella cidade, sen que me violentase atoparme con alguén que ao recoñecerme quedase asombrado. Ata un ou dous tendeiros saíron das súas tendas e deron uns pasos na rúa ante min, con obxecto de volverse, de súpeto, coma se esquecesen algo, e cruzar polo meu lado para contemplarme. En tales ocasións, ignoro quen dos dous, se eles ou eu, finxiamos peor; eles por non finxiren ben, e eu por pretender que non me daba conta. Con todo, a miña posición era moi distinguida, e aquilo non me resultaba molesto, ata que o destino me puxo no camiño do desvergonzado aprendiz de Trabb.
Mirando ao longo da rúa e en certo punto do meu camiño, divisei o aprendiz de Trabb atándose a si mesmo cunha bolsa baleira de cor azul. Persuadido de que o mellor sería miralo serenamente, finxindo non recoñecelo, o cal, por outra banda, bastaría talvez para contelo e impedirlle facer algunha das súas trastadas, avancei con expresión indiferente, e xa me felicitaba polo meu propio éxito, cando de súpeto empezaron a tremerlle os xeonllos ao aprendiz de Trabb, ourizóuselle o cabelo, caeulle a pucha e púxose a tremer, cambaleando polo centro da rúa e berrando aos transeúntes:
–Socorro! Valédeme! Teño moito medo!
Finxía acharse no paroxismo do terror e da contrición por mor da dignidade do meu porte. Cando pasei polo seu lado batíanlle os dentes e, con todas as mostras de extremada humillación, prostrouse no po.
Tal escena resultoume moi molesta, pero aínda non era nada comparado co que me esperaba. Non andara douscentos pasos, cando, con gran terror, asombro e indignación pola miña banda, vin que se me achegaba outra vez o aprendiz de Trabb. Saía dunha ruela estreita. Levaba colgada no ombreiro a bolsa azul e nos seus ollos advertíanse inocentes intencións, mentres que o seu porte indicaba o seu alegre propósito de dirixirse á casa de Trabb. Sobresaltado, advertiu a miña presenza e sufriu un ataque tan forte como o anterior; pero aquela vez os seus movementos foron rotativos e cambaleou dando voltas ao redor de min, cos xeonllos máis trémulos que nunca e as mans levantadas, coma se me pedise clemencia. Os seus sufrimentos foron contemplados co maior gozo por numerosos espectadores, e eu quedei completamente confuso.
Non avanzara moito, descendendo pola rúa, cando, ao acharme fronte ao correo, volvín ver o mozo de Trabb que saía doutra calella. Aquela vez, porén, estaba completamente cambiado.
Levaba a bolsa azul do mesmo xeito que eu o meu abrigo, e oufanábase ao longo da beirarrúa, indo cara a min, pero polo lado oposto da rúa e seguido por un grupo de amigachos seus a quen lles dicía de cando en vez, facendo un aceno:
–Non o vistes?
É imposible expresar con palabras a burla e a ironía do aprendiz de Trabb cando ao pasar polo meu lado alzou o colo da camisa, botou o cabelo para un lado, puxo un brazo en asas, sorriu con expresión parva, retorcendo os cóbados e o corpo, e repetindo aos seus compañeiros:
–Non o vistes? Non o vistes?
Inmediatamente, os seus amigos empezaron a gritarme e a correr tras de min ata que atravesei a ponte como unha galiña á que perseguisen e dando a entender que me coñeceron cando eu era ferreiro. Ese foi o coroamento da miña desgraza daquel día, que me fixo saír da cidade coma se, por dicilo así, me guindasen por ela, ata que estiven no campo.
Pero, de non resolver entón quitarlle a vida ao aprendiz de Trabb, en realidade non podía facer outra cousa que amolarme. Sería fútil e degradante loitar contra el na rúa ou tratar de obter del outra satisfacción inferior ao sangue do seu corazón. Ademais, era un rapaz a quen ningún home puidera golpear; máis parecía unha invulnerable e travesa serpe que ao ser acurralada lograba fuxir por entre as pernas do seu inimigo e ouveando ao mesmo tempo en son de burla. Con todo, ao día seguinte escribinlle ao señor Trabb para dicirlle que o señor Pip se vería na precisión de interromper todo trato con quen de tal xeito esquecía os seus deberes para coa sociedade tendo ás súas ordes un rapaz que excitaba o desprezo en toda mente respectable.
A dilixencia que levaba ao señor Jaggers chegou ao seu debido tempo; volvín ocupar o meu asento e cheguei salvo a Londres, aínda que non enteiro, porque me abandonou o meu corazón. Así que cheguei apresureime a mandarlle a Joe un bacallau e unha caixa de ostras como reparación porque non fora eu mesmo, e logo dirixinme á Pousada de Barnard.
Atopei a Herbert comendo uns friames e moi satisfeito de verme regresar. Tras mandar o Vingador ao café para que trouxesen algo máis que comer, comprendín que aquela mesma tarde debía abrir o meu corazón ao meu amigo e compañeiro. Como era imposible facer ningunha confidencia mentres o Vingador estivese no vestíbulo, o cal non podía ser considerado máis que como unha antecámara do ollo da cerradura, mandeino ao teatro. Difícil sería dar unha proba máis da miña escravitude con respecto a aquel rapaz que esta constante preocupación de buscarlle algo que facer. E ás veces víame tan apurado que o mandaba á esquina de Hyde Park para saber que hora era.
Despois de comer sentamos apoiando os pés no guardalume. Entón díxenlle a Herbert:
–Meu querido amigo, teño que dicirche algo moi reservado.
–Meu querido Haendel –dixo el á súa vez–, aprecio e respecto a túa confianza.
–É con respecto a min mesmo, Herbert –engadín–, e tamén se refire a outra persoa.
Herbert cruzou os pés, mirou ao lume coa cabeza ladeada e, en vista de que transcorrían uns instantes sen que eu empezase a falar, miroume.
–Herbert –dixen poñéndolle unha man no xeonllo–, amo, mellor dito, adoro a Estella.
No canto de asombrarse, Herbert replicou, coma se fose a cousa máis natural do mundo:
–Perfectamente. Que máis?
–Como, Herbert! Isto é o que me contestas?
–Si, e que máis? –repetiu Herbert–. Desde logo, xa me dera de conta.
–Como o sabías? –preguntei.
–Que como o sei, Haendel? Pois por ti mesmo.
–Nunca che dixen tal cousa.
–Que nunca mo dixeches? Cando cortas o pelo, tampouco vés contarmo, pero teño sentidos que me permiten observalo. Sempre a adoraches, ou, polo menos, desde que eu te coñezo. Cando viñeches aquí, trouxeches a túa adoración canda a equipaxe. Non hai necesidade de que mo digas, porque mo estiveches referindo constantemente durante todo o día. Cando me contaches a túa historia, do modo máis claro déchesme a entender que estiveras adorándoa desde o momento en que a viches, é dicir, cando aínda eras moi novo.
–Moi ben –contestei, pensando que aquilo era algo novo, aínda que non desagradable–. Nunca deixei de adorala. Ela regresou convertida nunha fermosa e elegante señorita. Onte vina. E se antes a adoraba, agora adóroa dobremente.
–Felizmente para ti, Haendel –dixo Herbert–, fuches escollidto e destinado a ela. Sen que nos metamos en terreo prohibido, podemos aventurarnos a dicir que non pode existir dúbida ningunha entre nós con respecto a este feito. Tes xa algunha sospeita sobre cales son as ideas de Estella acerca da túa adoración?
Movín tristemente a cabeza.
-Oh! –exclamei–. Está a milles de millas de distancia de min!
–Paciencia, meu querido Haendel. Hai que darlle tempo ao tempo. Tes algo máis que comunicarme?
–Avergóñame dicilo –repliquei–, e, porén, non é peor dicilo que pensalo. Ti considérasme un rapaz afortunado e, en realidade, sono. Onte, como quen di, non era máis que un aprendiz de ferreiro; pero hoxe, quen poderá dicir o que son?
–Digamos que es un bo rapaz, se non atopas a frase –replicou Herbert sorrindo e golpeando coa man o dorso da miña–. Un bo rapaz, impetuoso e indeciso, atrevido e tímido, pronto na acción e no soño: toda esta mestura hai de ti.
Detívenme un momento para reflexionar acerca de se, verdadeiramente, había tal mestura no meu carácter.
En conxunto, non me pareceu acertada a análise, pero non crin necesario discutir sobre isto.
–Cando me pregunto o que podo ser hoxe, Herbert –continuei–, refírome aos meus pensamentos. Ti dis que son un rapaz afortunado. Estou persuadido de que non fixen nada para elevarme na vida e que a fortuna por si soa me levantou. Isto, naturalmente, é ter sorte. E, con todo, cando penso en Estella…
–E tamén cando non pensas –interrompeume Herbert mirando ao lume, cousa que me pareceu bondadosa pola súa banda.
–Entón, meu querido Herbert, non podo dicirche o incerto e supeditado que me sinto, e exposto a centos de continxencias. Sen entrar no terreo prohibido, como ti dixeches hai un momento, podo engadir que todas as miñas esperanzas dependen da constancia dunha persoa (aínda que non a nomee). E aínda no mellor caso, resulta incerto e desagradable saber só e dun modo tan vago cales son estas esperanzas.
Ao dicir isto aliviei a miña mente do que sempre estivera nela, en maior ou menor grao, aínda que, sen ningunha dúbida, con maior intensidade desde o día anterior.
–Paréceme, Haendel –contestou Herbert co seu acento esperanzado e alegre–, que no desalento desa tenra paixón miramos o dente do cabalo regalado cunha lente de aumento. Tamén me parece que ao concentrar a nosa atenión no exame, descoidamos por completo unha das mellores calidades do animal. Non me dixeches que o teu titor, o señor Jaggers, che comunicou desde o primeiro momento que non só terías grandes esperanzas? E aínda que el non cho dixese así, malia que esta suposición é moi aventurada, podes crer que entre todos os homes de Londres o señor Jaggers é capaz de manter tales relacións contigo se non estivese seguro do terreo que pisa?
Contestei que me era imposible negar a verosimilitude de semellante suposición. Dixen iso, como adoita verse en moitos casos, coma se fose unha concesión que de mala gana lle facía á verdade e á xustiza, coma se en realidade me gustase poder negalo.
–Indubidablemente este é un argumento poderoso –dixo Herbert–, e paréceme que non poderías atopar outro mellor. Polo demais, non tes outro recurso que o de conformarte durante o tempo que esteas baixo a titoría do señor Jaggers, así como este ha de esperar o que lle fixase o seu cliente. Antes de que fagas os vinte e un anos non poderás informarte con detalle deste asunto, e entón talvez che darán máis noticias acerca do particular. De todos os xeitos, cada día aproxímaste a isto, porque por fin non terás máis remedio que chegar.
–Que animoso e esperanzado es! –dixen admirando, agradecido, as súas optimistas ideas.
–Non teño máis remedio que ser así –contestou Herbert–, porque case non posúo outra cousa. Hei de confesar, con todo, que o bo sentido que me loas non me pertence en realidade, senón que é do meu pai. A única observación que lle oín facer con respecto á túa historia foi definitiva: «Sen dúbida trátase dun asunto serio, porque en caso contrario non interviría o señor Jaggers.» E agora, antes que dicir outra cousa acerca do meu pai ou do fillo do meu pai, corresponderei á túa confianza coa miña propia e por un momento serei moi antipático para ti, é dicir, positivamente repulsivo.
–Oh, non, non o lograrás! –exclamei.
–Si que o conseguirei –replicou–. Á unha, ás dúas e ás tres! Alá vou. Meu querido amigo Haendel –engadiu, e aínda que falaba en ton lixeiro facíao, con todo, moi en serio–, estiven reflexionando desde que empezamos a falar e a partir do momento en que apoiamos os pés no guardalume, e estou seguro de que Estella non forma parte da túa herdanza, porque, como recordarás, o teu titor xamais se referiu a ela. Teño razón, a xulgar polo que me dixeches, ao crer que el nunca se referiu a Estella, directa ou indirectamente, en ningún sentido? Nin sequera insinuou, por exemplo, que o teu protector tivese xa un plan formado con respecto ao teu casamento?
–Nunca.
–Agora, Haendel, xa non sinto, douche a miña palabra, o sabor agre destas uvas. Posto que non estás prometido a ela, non podes desprenderte dela? Xa che dixen que me mostraría antipático.
Volvín a cabeza e pareceu que sopraba no meu corazón con extraordinaria violencia algo semellante aos ventos das brañas que procedían do mar, e experimentei unha sensación parecida á que sentín a mañá en que abandonei a fragua, cando a néboa se levantaba solemnemente e cando apoiei a man no poste indicador da aldea. Por uns momentos reinou o silencio entre nós.
–Si; pero meu querido Haendel –continuou Herbert coma se estivésemos falando no canto de permanecer silenciosos–, o feito de que esta paixón estea tan fortemente arraigada no corazón dun rapaz a quen a Natureza e as circunstancias fixeron tan romántico convértena en algo moi serio. Pensa na educación de Estella e pensa tamén na señorita Havisham. Recorda o que é ela, e aquí é onde che parecerei repulsivo e abominable. Todo iso non pode conducirte máis que á desgraza.
–Seino, Herbert –contestei coa cabeza volta–, pero non podo remedialo.
–Non che é posible esquecela?
–Completamente imposible.
–Non podes intentalo sequera?
–De ningún xeito.
–Pois ben –replicou Herbert poñéndose en pé alegremente, coma se estivese durmido, e empezando a reanimar o lume–. Agora tratarei de facerme agradable outra vez.
Deu unha volta pola estancia, levantou as cortinas, puxo as cadeiras no seu lugar, ordenou os libros que estaban diseminados polo cuarto, mirou o vestíbulo, examinou o interior da caixa do correo, pechou a porta e volveu sentar ante o lume. E cando o fixo empezou a fregar a perna esquerda con ambas as mans.
–Dispoñíame a dicirche unhas palabras, Haendel, con respecto ao meu pai e ao fillo do meu pai. Paréceme que apenas necesita observar o fillo do meu pai que a situación doméstica deste non é moi brillante.
–Sempre hai alí abundancia, Herbert –dixen eu, con desexo de alentalo.
–Oh, si! O mesmo di o varredor, moi satisfeito, e tamén o dono da tenda de efectos navais da rúa traseira. E falando en serio, Haendel, porque o asunto o é bastante, coñeces a situación tan ben coma min. Supoño que reinou a abundancia na miña casa cando o meu pai non abandonara os seus asuntos. Pero se houbo abundancia, xa non a hai agora. Non che parece observar na túa propia rexión que os fillos dos matrimonios mal avidos son sempre moi afeccionados a casarse canto antes?
Esta era unha pregunta tan singular, que en contestación lle preguntei:
–É así?
–Ignóroo, e por iso cho pregunto –dixo Herbert–. E iso porque este é o noso caso. A miña pobre irmá Carlota, que naceu inmediatamente logo de min e morreu antes dos catorce anos, era un exemplo moi notable. A pequena Jane é igual. No seu desexo de establecerse matrimonialmente, calquera podería supoñer que pasou a súa curta existencia na contemplación perpetua da felicidade doméstica. O pequeno Alick, malia que aínda vai vestido de neno, xa se puxo de acordo para unirse cunha personiña conveniente que vive en Kew. E, en realidade, imaxino que todos estamos prometidos, a excepción do cativo.
–De modo que tamén o estás ti? –preguntei.
–Si –contestou Herbert–, pero isto é un segredo.
Asegureille que o gardaría e rogueille que me dese máis detalles. Falara con tanta comprensión da miña propia debilidade que desexaba coñecer algo da súa forza.
–Podes dicirme como se chama? –preguntei.
–Clara –dixo Herbert.
–Vive en Londres?
–Si. Talvez debo mencionar –engadiu Herbert, que quedara moi desanimado desde que empezamos a falar de tan interesante asunto– que está por debaixo das parvas preocupacións da miña nai acerca da posición social. O seu pai dedicouse a aprovisionar de vituallas os barcos de pasaxeiros. Creo que era unha especie de sobrecargo.
–E agora que é? –preguntei.
–Ten unha enfermidade crónica –contestou Herbert.
–E vive…?
–No primeiro piso –contestou Herbert. Iso non era o que eu quería preguntar, porque me refería ao seu medio de subsistencia–. Eu nunca o vin –continuou Herbert–, porque desde que coñecín a Clara sempre permanece no seu cuarto do piso superior. Pero oíno constantemente. Fai moito ruído e berra e golpea o chan con algún instrumento espantoso.
Ao mirarme botouse a rir de boa gana, e, por un momento, Herbert recobrou o seu alegre carácter.
–E non esperas velo? –preguntei.
–Oh, si, constantemente! –contestou Herbert–. Porque cada vez que o oio imaxino que caerá a través do teito. Non sei como resisten as vigas.
Tras rir outra vez con excelente humor, recobrou a súa tristeza e díxome que en canto empezase a gañar un capital propoñíase casar con aquela moza. E engadiu, moi convencido e desalentado:
–Pero non é posible casar mentres un ten que observar ao redor de si.
Mentres contemplabamos o lume e eu pensaba no difícil que era algunhas veces conquistar un capital, metía as mans nos petos. Nun deles chamoume a atención un papel dobrado que atopei, e ao abrilo vin que era o prospecto que me entregara Joe, referente ao famoso afeccionado provincial de fama extraordinaria.
–Meu Deus! –exclamei involuntariamente e en voz alta–. Esquecín que era para esta noite.
Iso cambiou nun momento o asunto da nosa conversa, e apresuradamente decidimos asistir a tal representación. Por iso, en canto resolvín consolar e protexer a Herbert naquel asunto que tanto importaba ao seu corazón, valéndome de todos os medios practicables e impracticables, e cando Herbert me dixo que a súa noiva me coñecía por referencias e que me presentaría a ela, estreitamos cordialmente as mans para selar a nosa mutua confianza, apagamos as candeas, arranxamos o lume, pechamos a porta e saímos na procura do señor Wopsle e de Dinamarca.

Capítulo 29

Levanteime moi cedo e saín. Aínda non era tempo de ir á casa da señorita Havisham, e por iso dei un paseo polo campo, na dirección da casa desta, que non era, desde logo, a correspondente á vivenda de Joe; alí podería ir ao día seguinte, e mentres tanto pensaba na miña protectora e elaboraba brillantes cadros dos seus plans acerca de min.
A señorita Havisham adoptara a Estella, e case pode dicirse que tamén me adoptara a min, de modo que, sen ningunha dúbida, a súa intención era criarnos xuntos. Reservábame o cometido de restaurar a triste casa, de admitir a entrada do sol nas súas escuras estancias, de poñer en marcha os reloxos, de acender o lume na cheminea e de quitar as arañeiras e eliminar todos os insectos; nunha palabra: realizar os brillantes actos do cabaleiro mozo dos poemas, para casar logo coa princesa. Cando pasaba ante ela detívenme para mirar a casa; os seus muros de ladrillo vermello, as súas fiestras atrancadas e o verde acivro agarrado ás chemineas, coas súas raíces e os seus tendóns, coma se fosen vellos brazos sarmentosos, facían de todo aquilo un misterio tranquilo, cuxo heroe era eu. Estella era a inspiración e o corazón da aventura, desde logo. Pero aínda que adquirise tan forte dominio en min, aínda que a miña fantasía e a miña esperanza repousasen nela, malia que a súa influencia na miña vida infantil e no meu carácter fose todopoderosa, nin sequera naquela romántica mañá puiden dotala doutros atributos que os que realmente posuía. Menciono isto aquí cun propósito definido, porque é o fío polo cal se poderá seguirme no meu mísero labirinto. De acordo coa miña experiencia, as nocións convencionais dun namorado non poden ser certas sempre. A incualificable verdade é que cando amaba a Estella con amor de home, amábaa só e sinxelamente por considerala irresistible. E, dunha vez para sempre, direi tamén que, para a miña desgraza, comprendía moitas veces, se non sempre, que a amaba contra toda razón, contra toda promesa, contra toda paz e esperanza e contra a felicidade e o desencanto que puidese haber nisto.
E, dunha vez para sempre, direi tamén que non por iso a quería menos e que iso non tiña máis influencia en conterme que se eu crese devotamente que ela era o cumio da perfección humana.
Dispuxen o meu paseo de maneira que cheguei á porta da casa á hora habitual noutros tempos.
Tras tirar do cordón da campá con man trémula, volvinme de costas á porta, mentres trataba de recobrar o alento e de facer acougar os latexos do meu corazón. Oín como se abría a porta lateral da casa e os pasos que atravesaban o patio; pero finxín non darme de conta, nin sequera no momento en que a porta xirou sobre os seus oxidados gonzos.
Mais por fin tocáronme no ombreiro, e eu, como sobresaltado, volvinme. E tiven entón maior sobresalto ao verme cara a cara cun home sinxelamente vestido de gris. Era o último a quen podía esperar ver ocupando o lugar de porteiro na casa da señorita Havisham.
–Orlick!
–Ah, meu amigo! Non soamente vostede cambiou. Pero entre, entre. É contrario ás miñas ordes ter a porta aberta.
Entrei e el pechou con chave, gardándoa logo.
–Si –dixo dando media volta mentres me precedía nalgúns pasos cando nos dirixiamos á casa–. Aquí estou.
–E como veu dar vostede aquí?
–Pois moi sinxelamente –replicou–: andando coas miñas pernas. Ao mesmo tempo trouxen a miña caixa nunha carreta.
–E para que bo está vostede aquí?
–Supoño que non estou para nada malo.
Eu non estaba seguro de tanto. Tiven tempo de pensar na miña resposta mentres el levantaba con lentitude a súa pesada mirada desde o chan, cara ás miñas pernas e os meus brazos, para fixarse no meu rostro.
–De modo que deixou vostede a fragua? –preguntei.
–Parécelle que isto ten aspecto de fragua? –contestoume Orlick mirando ao seu redor con aire ofendido–. Cre vostede que ten aspecto de tal?
Eu pregunteille canto tempo había que deixara a fragua de Gargery.
–Son aquí os días tan parecidos un a outro –contestou–, que non podería contestarlle sen calculalo antes. Porén, podo dicirlle que vin aquí algún tempo despois da marcha de vostede.
–Pois eu podería dicirlle a data, Orlick.
–Ah! –exclamou secamente–. É que, desde entón, vostede puido aprender.
Falando así chegaramos á casa, onde vin que o seu cuarto estaba situado xunto á porta de servizo e cuxa fiestra daba ao patio. Nas súas pequenas dimensións, non era moi distinta aquel cuarto do que en París se adoita destinar ao porteiro. Nas paredes estaban colgadas algunhas chaves, e a elas engadiu a da porta exterior; a súa cama, cuberta por unha colcha feita con retallos de toda clase de tea, estaba nun oco interior que formaba a mesma estancia. O conxunto tiña un aspecto desaliñado, confinado e triste, semellante á gaiola destinada a un leirón humano, mentres el aparecía macizo e escuro na sombra do recuncho inmediato á fiestra e moi parecido ao leirón humano para quen o cuarto estaba preparado, como así era en efecto.
–Xamais vira este cuarto –observei–, aínda que antes aquí non había porteiro ningún.
–Non –contestou el–. Ata que se viu que a planta baixa carecía de protección e se creu que era perigoso vivir así, en vista de quehai fugas de presidiarios con certa frecuencia. Entón recomendáronme á casa como home capaz de devolver a calquera as mesmas intencións que traia, e eu aceptei. É moito máis fácil que mover os foles e dar marteladas. Xa estou cansado daquilo.
Os meus ollos sorprenderon unha arma de fogo e un bastón con aneis de bronce que había sobre a cheminea, e a mirada de Orlick seguiu a miña.
–Moi ben –dixen eu, pouco desexoso de continuar aquela conversa–. Debo subir para ver á señorita Havisham?
–Que me maten se o sei –replicou espreguizándose e logo sacudíndose a si mesmo–. As miñas instrucións terminaron xa, meu amigo. Eu, pola miña banda, limitareime a dar unha martelada nesta campá, e vostede seguirá o corredor ata que atope a alguén.
–Creo que me esperan.
–Ignóroo por completo –replicou.
En vista diso, dirixinme cara ao longo corredor que noutros tempos pisei cos meus grosos zapatos, e el fixo resoar a súa campá. No extremo do corredor, mentres aínda vibraba a campá, atopei a Sara Pocket, a cal parecía entón adquirir, pola miña culpa e dun modo definitivo, unha coloración verde e amarela no seu rostro.
–Oh! –exclamou–. É vostede, señor Pip?
–Si, señorita Pocket. E teño a satisfacción de dicirlle que tanto o señor Pocket como a súa familia están moi ben.
–Son máis xuizosos? –preguntou Sara meneando tristemente a cabeza–. Mellor sería que gozasen de máis xuízo no canto de boa saúde. Ah, Mathew, Mathew…!Xa coñece o camiño, cabaleiro.
Coñecíao bastante, porque moitas veces subira a escaleira ás escuras. Ascendín entón por ela cun calzado máis lixeiro que noutro tempo e chamei do modo habitualna porta da estancia da señorita Havisham.
–É a chamada de Pip –oín que dicía inmediatamente–. Entra, Pip.
Estaba na súa butaca, preto da vella mesa, vestindo o mesmo traxe antigo e con ambas as mans cruzadas sobre o seu bastón, o queixo apoiado nelas e os ollos fixos no chan. Sentada preto dela, tendo na man o zapato branco que nunca usara e coa cabeza inclinada mentres o miraba, estaba unha elegante dama a quen nunca vira.
–Entra, Pip –murmurou a señorita Havisham sen levantar os ollos nin mirar ao seu redor–. Entra, Pip. Como estás, Pip? De modo que me bicas a man coma se fose unha raíña? Que...?
Miroume de súpeto, movendo unicamente os ollos e repetiu en ton que á vez era xocoso e triste:
–Que...?
–Souben, señorita Havisham –dixen eu sen que se me ocorrese outra cousa–, que foi vostede tan bondadosa como para desexar que viñese vela. E por iso me apresurei a obedecela.
–E que...?
A señora a quen nunca vira levantou os ollos e miroume burlonamente; entón vin que os seus ollos eran os de Estella. Pero estaba tan cambiada e era tan fermosa e tan muller, e de tal modo era admirable polos adiantos que fixera que me pareceu que eu non lograra ningún. Imaxinei, mentres a miraba, que dun modo irremediable volvía converterme no raparigo rudo e ordinario doutros tempos. Que intensa foi a sensación de distancia e de disparidade que se apoderou de min e da inaccesibilidade en que parecía acharse ela!
Deume a man, e eu tatexei algunhas palabras, tratando de expresar o pracer que tiña ao vela de novo, e tamén dei a entender que había moito tempo que esperaba tan agradable ocasión.
–Atópala moi cambiada, Pip? –preguntou a señorita Havisham con mirada ansiosa e golpeando co bastón unha cadeira que había entre as dúas, para indicarme que sentase nela.
–Ao entrar, señorita Havisham, non crin polo rostro ou pola figura que fose Estella; pero agora, e malia o seu cambio, recoñezo perfectamente a súa figura e o seu rostro anteriores.
–Supoño que non vas dicir que Estella é vella –replicou a señorita Havisham–. Acórdate de que era orgullosa e insultante e que desexabas afastarte dela. Lémbralo?
Eu, moi confuso, contestei que diso había moito tempo, que daquela non sabía o que dicía e outras cousas polo estilo. Estella sorriu con perfecta compostura e dixo que non tiña dubida ningunha de que daquela eu estaba no certo, pois fora sempre moi desagradable comigo.
–E a el atópalo cambiado? –preguntoulle a señorita Havisham.
–Moito –contestou Estella mirándome.
–Paréceche menos rudo e menos ordinario? –preguntou a señorita Havisham xogando co cabelo de Estella.
Esta botouse a rir, mirou o zapato que tiña na man, riu de novo, miroume e deixou o zapato. Seguía tratándome como a un raparigo, pero continuaba atraéndome.
Estabamos os tres sentados na triste estancia e entre as antigas e estrañas influencias que tanto me impresionaran. Entón souben que Estella acababa de chegar de Francia e que estaba a piques de dirixirse a Londres. Tan orgullosa e teimuda coma antes, lograra unir de tal modo estas calidades á súa propia beleza, que era por completo imposible e fóra de razón, ou polo menos así mo pareceu, separalas da súa fermosura. En realidade, non se podía disociar a súa presenza de todos aqueles malditos desexos de diñeiro e de nobreza que me asediaron durante a miña infancia, de todas aquelas mal reguladas aspiracións que me fixeron avergoñarme do meu fogar e de Joe, nin de todas aquelas visións que me ofreceron a imaxe do seu rostro nas chamas da fragua, ou entre as faíscas que o martelo arrincaba ao ferro candente sobre a engra, ou na escuridade da noite, cando sentía a impresión de que asomaba o seu rostro á fiestra da fragua, para fuxir deseguido. Nunha palabra: érame imposible separala, no pasado ou no presente, da razón máis profunda da miña propia vida.
Conveuse que eu permanecería alí durante o resto do día e que á noite regresaría ao hotel, e a Londres á mañá seguinte. Tras conversarmos un intre, a señorita Havisham mandounos a pasear polo abandonado xardín, e ao regresar díxome que a levase dun lado a outro na súa cadeira de rodas, como fixera outras veces.
Así, Estella e eu saímos ao xardín pola porta que me deu paso antes de ter o encontro co cabaleiro mozo e pálido, ou sexa con Herbert. Eu tremía espiritualmente e adoraba ata o bordo do vestido da miña compañeira, a cal, moi serena e decidida a non adorar o bordo do meu traxe, saíu comigo, e en canto chegamos ao lugar da pelexa con Herbert detívose e dixo:
–Sen dúbida porteime dun modo raro aquel día, cando me escondín para presenciar a pelexa. Pero non podo negar que o fixen e que me divertín moito.
–Xa me recompensou vostede ben.
–De verdade? –replicou, coma se non se acordase–. Se a memoria non me é infiel, sentía moita antipatía cara ao seu adversario, porque me soubo moi mal que o trouxesen aquí para molestarme coa súa presenza.
–Pois agora el e eu somos moi amigos –dixen.
–De verdade? Agora paréceme recordar que vostede recibe leccións do seu pai.
–Así é.
De mala gana admitín este feito, que me daba moi pouca importancia, e así puiden observar que ela volvía tratarme case como a un rapaz.
–A partir do cambio da súa fortuna e das súas esperanzas, cambiou tamén vostede de compañeiros –observou Estella.
–Naturalmente –dixen.
–E necesariamente –engadiu ela con altivez–. O que foi outrora unha boa compañía para vostede, sería completamente inapropiada.
Dubido moito de que na miña conciencia houbese aínda a intención de ir visitar a Joe, pero estas palabras quitáronma por completo.
–E non tiña vostede idea, naqueles tempos, da boa fortuna que o esperaba? –dixo Estella movendo lixeiramente a man, como para significar a época da miña loita con Herbert.
–Nin remotamente.
Ofrecía un contraste, que eu sentín moi ben, o aire de seguridade e de superioridade con que ela andaba ao meu lado e o de incerteza e submisión con que eu acompañábaa. E irritoume moito máis do que me molestou, se non estivese convencido de que se me sacara da miña baixa esfera para reservarme a ela.
O xardín, grazas ao descoidado que estaba, tiña tal frondosidade que apenas se podía andar por el; de maneira que, tras dar un par de voltas ou tres, chegamos outra vez ao patio da fábrica de cervexa.
Indiqueille o lugar onde a vira andar por encima dos barrís, o primeiro día da miña visita á casa, e ela, dirixindo unha fría e descoidada mirada naquela dirección, preguntoume:
–De verdade?
Recordeille o lugar polo que saíra da casa para darme de comer e de beber, e ela contestou:
–Non me acordo.
–Non se acorda vostede tampouco de que me fixo chorar? –preguntei.
–Non –dixo meneando a cabeza e mirando ao redor.
Estou convencido de que aquela falta de memoria con respecto a tales detalles me fixeron chorar interiormente, que é o choro máis triste de todos.
–É preciso que vostede saiba –dixo Estella, con acento de condescendencia, propio dunha moza fermosa e brillante– que non teño corazón, a condición de que iso se relacione coa miña memoria.
Eu pronunciei algunhas palabras, tomándome a liberdade de dubidar do que acababa de dicir. Estaba seguro de que a súa beleza sería imposible carecendo de corazón.
–Oh!, si que o teño, e sería posible atravesalo cun puñal ou dun balazo –contestou Estella–, e, naturalmente, el cesaría de latexar e eu de existir. Pero xa sabe vostede ao que me refiro. Aquí non teño ningunha bondade, ningunha simpatía, ningún sentimento nin ningunha desas parvadas.
Que vía na miña mente mentres ela estaba inmóbil, ao meu lado, e mirándome coa maior atención? Algo que vira na señorita Havisham? Non. Nalgunhas das súas miradas e xestos había certo parecido coa señorita Havisham, parecido que ás veces adquiren os nenos con respecto ás persoas maiores coas que mantiveron un trato frecuente ou coas que viviron encerrados. Isto, cando pasou xa a infancia, produce unhas semellanzas casuais e moi notables entre a expresión de dous rostros que, polo demais, son completamente distintos. E, con todo, non podía achar en Estella nada que me recordase á señorita Havisham. Mireina outra vez e, malia que ela continuaba cos ollos fixos en min, desapareceu por completo a miña ilusión.
Que sería?
–Falo en serio –dixo Estella sen engurrar a fronte, que era moi tersa, e sen que tampouco se ensombrecese o seu rostro–. E se temos que pasar moito tempoxuntos, é mellor que se convenza diso deseguido. Non –engadiu imperiosamente ao observar que eu abría os beizos–. Non lle dediquei a ninguén a miña tenrura. Xamais sentín tal cousa.
Un momento despois estabamos na fábrica de cervexa, abandonada desde había tanto tempo, e ela sinalou a alta galería por onde a vin pasar o primeiro día, dicíndome que recordaba que estivera alí e que me vira mentres eu a contemplaba asustado. Mentres os meus ollos observaban a súa branca man, volvín sentir a mesma débil impresión, que non podía recordar sobre o brazo, e ao instante aquela pantasma volveu pasar e afastouse.
Que sería?
–Que ocorre? –preguntou Estella–. Asustouse vostede outra vez?
–Asustaríame en realidade se crese o que acaba de dicir –repliquei, tratando de esquecelo.
–De modo que non o cre vostede? Moi ben. De todos os xeitos, recorde que llo dixen. A señorita Havisham quererá velo pronto no seu antigo posto, aínda que eu creo que iso podería deixarse agora a un lado, con outras cousas xa antigas. Imos dar outra volta polo xardín, e logo entre na casa. Veña. Hoxe non derramará vostede bágoas pola miña crueldade; será o meu paxe e prestarame o seu ombreiro.
O seu bonito traxe arrastrárase polo chan. Recolleu a cola da saia cunha man e coa outra apoiouse lixeiramente no meu ombreiro mentres andabamos. Demos dúas ou tres voltas máis polo abandonado xardín, que me pareceu que florecera para min, e se herbas verdes e amarelas que crecían nas fendas do antigo valo fosen as flores máis preciosas do mundo, non os recordaría con máis agarimo.
Entre nós non había discrepancia de idade que puidese xustificar o seu afastamento de min; tiñamos case os mesmos anos, aínda que, naturalmente, ela parecía ser maior ca min; pero a aparente inaccesibilidade que lle daban a súa beleza e os seus modos atormentábame no medio das miñas delicias e aínda na seguridade que sentía eu de que a nosa protectora nos elixira a un para o outro. Pobre de min!
Por fin volvemos á casa, e alí decateime coa maior sorpresa de que o meu titor acababa de chegar para ver á señorita Havisham, a fin de tratar de negocios, e que estaría de regreso á hora para comer. Os antigos candeeiros da estancia en que estaba a mesa do festín foron acendidos mentres nós estabamos no xardín e a señorita Havisham continuaba sentada na súa cadeira e esperándome.
Cando empuxei a súa cadeira de rodas e demos algunhas voltas lentas arredor dos restos da festa nupcial, pareceume volver aos tempos pasados. Pero na fúnebre estancia, con aquela figura sepulcral sentada na cadeira que fixaba os ollos nela, Estella parecía máis radiante e fermosa que antes e eu estaba sumido en estraño embeleso.
Pasou o tempo e achegouse a hora da comida; entón Estella deixounos para preparala. A señorita Havisham e eu detivémonos preto do centro da longa mesa, e ela, cun dos seus pálidos brazos estendido, apoiou a pechada man no amarelento mantel. E cando Estella miraba cara atrás, antes de saír, a señorita Havisham bicoulle a man con tal voraz intensidade que me pareceu terrible. Entón, en canto Estella marchouse e quedamos sós, ela volveuse a min e, en voz tan baixa que parecía un murmurio, dixo:
–Atópala fermosa, graciosa e crecida? Non a admiras?
–Todos os que a vexan admirarana, señorita Havisham.
Ela rodeoume o pescozo cun brazo e, acercando a miña cabeza á súa, mentres estaba sentada na cadeira, exclamou:
–Ámaa, ámaa, ámaa! Como te trata?
Antes de que puidese contestar, aínda supoñendo que fose capaz de contestar a tan difícil pregunta, ela repetiu:
–Ámaa, ámaa, ámaa! Se se che mostra favorable, ámaa. Se te fire, ámaa. Se che esnaquiza o corazón, e a medida que creza en anos e sexa máis forte cho deixa máis esnaquizado, malia iso, ámaa, ámaa, ámaa!
Xamais vira eu tal ímpeto apaixonado como o que ela empregou ao pronunciar tales palabras. Sentín arredor do pescozo os músculos do seu fraco brazo, axitado pola vehemencia que a posuía.
–Escóitame, Pip. Adopteina para que fose amada. Crieina e eduqueina para que a amasen. E fixen que chegase a ser como é para que puidesen amala. Ámaa!
Pronunciou esta palabra repetidas veces, e non había dúbida acerca da súa intención; pero se falase do mesmo de «odiar» no canto de «amar», ou de «desesperación», «vinganza» ou «tráxica morte», non podería soar nos seus beizos dun modo máis semellante a unha maldición.
–E agora vou dicirche –engadiu co mesmo murmurio vehemente e apaixonado–, vou dicirche o que é un amor verdadeiro. É unha devoción cega que para nada ten en conta a propia humillación, a absoluta submisión, a confianza e a fe, contra un mesmo e contra o mundo enteiro, e que entrega o propio corazón e a propia alma ao que os esnaquiza..., como fixen eu.
Cando dixo isto, engadiu un berro tan desesperado, que me crin obrigado a collela pola cintura, porque se levantou na cadeira, cuberta pola mortalla do seu traxe, e golpeou o aire coma se quixese guindarse a si mesma contra a parede e caer morta.
Todo isto ocorreu en poucos segundos. Cando volvín deixala na cadeira, sentín un aroma que me era moi coñecido, e ao volverme vin o meu titor na estancia.
Sempre levaba consigo, e creo que non o mencionei aínda, un pano de peto de rica seda e de enormes dimensións, que lle era sumamente útil na súa profesión. Moitas veces vino deixar aterrorizado a un cliente ou a unha testemuña limitándose a desdobrar cerimoniosamente o seu pano, coma se se dispuxese a asoarse, pero logo facía unha pausa, como persuadido de que non tiña tempo antes de que a testemuña ou o cliente confesasen de plano, e así ocorría que, do modo máis natural do mundo, chegaba a confesión do que se atopaba ante el. Cando o vin na estancia, sostiña nas mans o pano de seda e estábanos mirando. Ao atopar os meus ollos, limitouse a dicir, tras facer unha lixeira pausa:
–De verdade? É singular.
E logo usou con marabilloso efecto o pano para o fin a que estaba destinado.
A señorita Havisham viuno ao mesmo tempo ca min e, como lle ocorría a todo o mundo, sentía temor daquel home. Fixo un esforzo para tranquilizarse, e logo, tatexando, díxolle ao señor Jaggers que era tan puntual como sempre.
–Tan puntual coma sempre? –repetiu el achegándose a nós. Logo, mirándome, engadiu–: Como está vostede, Pip? Quere que lle faga dar unha volta, señorita Havisham? Unha volta nada máis? De modo que está vostede aquí, Pip?
Díxenlle cando chegara e que a señorita Havisham desexaba que fose para ver a Estella.
–Ah! –replicou el–. É unha preciosa señorita.
Logo empuxou a cadeira da señorita Havisham cunha das súas enormes mans e meteu a outra no peto do pantalón, coma se este contivese numerosos segredos.
–Dígame, Pip –engadiu en canto se detivo–. Cantas veces vira vostedeo antes á señorita Estella?
–Cantas veces?
–Si, cantas. Dez mil, talvez?
–Oh, non, non tantas!
–Dúas?
–Jaggers –interveu a señorita Havisham con gran pracer pola miña parte–. Deixe vostede ao meu Pip tranquilo e vaia comer con el.
Jaggers obedeceu, e ambos nos encamiñamos á escura escaleira. Mentres nos dirixiamos cara aos cuartos illados que había máis alá do enlousado patio da parte posterior preguntoume cantas veces vira comer ou beber á señorita Havisham, e, como de costume, deume a elixir entre unha vez e cen.
Eu reflexionei un momento e logo contestei:
–Nunca.
–Nin o verá nunca, Pip –replicou sorrindo e cargando a cella a un tempo–. Nunca quixo que a vise ninguén comer ou beber desde que leva esta vida. Polas noites vai dun lado a outro, e entón toma o que atopa.
–Perdóeme –dixen–. Podo facerlle unha pregunta, cabaleiro?
–Vostede pode preguntarme –contestou– e eu podo declinar a resposta. Pero, en fin, pregunte.
–O apelido de Estella é Havisham, ou...? –interrompinme, porque non tiña nada que engadir.
–Ou que? –dixo el.
–É Havisham?
–Si, Havisham.
Así chegamos á mesa, onde nos esperaban Estella e Sara Pocket. O señor Jaggers ocupou a presidencia, Estella sentou fronte a el e eu vinme cara a cara coa miña amiga do rostro verdoso e amarelento. Comemos moi ben e serviunos unha criada a quen xamais vira ata entón, pero que, a xulgar por canto puiden observar, estivera sempre naquela casa. Despois de comer puxeron unha botella de excelente porto ante o meu titor, que sen ningunha dúbida coñecía moi ben a marca, e as dúas señoras deixáronnos.
Era tanta a reticencia das palabras do señor Jaggers baixo aquel teito, que xamais vin cousa parecida, nin sequera nel mesmo. Coidaba, ata, das súas propias miradas, e apenas dirixiu unha vez os ollos ao rostro de Estella durante toda a comida. Cando ela lle dirixía a palabra, prestaba a maior atención e, como é natural, contestaba, pero, polo que puiden ver, non a miraba sequera. En cambio, ela mirábao frecuentemente, con interese e curiosidade, se non con desconfianza, pero el parecía non darse de conta de nada. Durante toda a comida divertiuse facendo que Sara Pocket se puxese máis verde e amarela que nunca, aludindo nas súas palabras ás grandes esperanzas que eu podía abrigar. Pero entón tampouco demostrou decatarse do efecto que todo iso producía e finxiu arrincarme, e en realidade fíxoo, aínda que ignoro como, estas manifestacións da miña inocente persoa.
Cando el e eu quedamos sós, permaneceu sentado e co aire do que reserva as súas palabras a consecuencia dos moitos datos que posúe, cousa que, realmente, era demasiado para min. E como non tiña outra cousa ao alcance da man, pareceu repreguntar ao viño que bebía. Sostíñao ante a candea, logo probábao, dáballe varias voltas na boca, tragábao, volvía mirar outra vez o vaso, cheiraba o porto, catábao, bebíao, volvía encher o vaso e examinábao outra vez, ata que me puxo nervioso, coma se eu estivese convencido de que o viño lle dicía algo no meu prexuízo. Tres ou catro veces sentín a débil impresión de que debía iniciar algunha conversa; pero cada vez que el advertía que ía preguntarlle algo, mirábame co vaso na man e saboreaba o viño, coma se quixese facerme observar que era inútil a miña tentativa, porque non podería contestarme.
Creo que a señorita Pocket estaba convencida de que verme tan só a poñía en perigo de volverse tola, e talvez de arrincar o chapeu, que era moi feo, parecido a un estropallo de muselina, e de espallar polo chan os cabelos que seguramente non naceran na súa cabeza. Non apareceu cando máis tarde subimos ao cuarto da señorita Havisham e os catro xogamos ao whist. No intervalo, a señorita Havisham, obrando dun modo caprichoso, puxera algunha das máis fermosas xoias que había no tocador no cabelo de Estella, no seu peito e nos seus brazos, e observei que ata o meu titor a miraba por baixo das súas espesas cellas e que as levantaba un pouco cando ante os seus ollos viu a fermosura de Estella adornada con tan ricos lampexos de luz e de cor.
Nada direi do modo e da extensión con que gardou os nosos triunfos e saíu con cartas sen valor ao terminar as roldas, antes de que quedase destruída a gloria dos nosos reis e das nosas raíñas, nin tampouco da miña sensación acerca do modo de mirarnos a cada un, á luz de tres fáciles enigmas que el adiviñou moito tempo atrás. O que me causou pena foi a incompatibilidade que había entre a súa fría presenza e os meus sentimentos con respecto a Estella. Non porque eu non puidese falarlle dela, senón porque sabía que non podería soportar o inevitable renxer das súas botas en canto oíse falar de Estella e porque, ademais, non quería que tras falar dela fose lavar as mans, como tiña por costume. O que máis me apuraba era que o obxecto da miña admiración estivese a curta distancia del e que os meus sentimentos se achasen no mesmo lugar en que se atopaba el.
Xogamos ata as nove da noite, e entón conveuse que cando Estella fose a Londres avisaríaseme con anticipación da súa chegada a fin de que acudise a recibila ao baixar da dilixencia; logo despedinme dela, estreitei a súa man e deixeina.
O meu titor albergábase no Xabaril, e ocupaba o cuarto inmediato ao meu. No máis profundo da noite resoaban nos meus oídos as palabras da señorita Havisham cando me dicía: «Ámaa, ámaa, ámaa!» Adapteinas aos meus sentimentos e díxenlle á miña almofada: «Ámoa, ámoa, ámoa!» centos de veces.
Logo sentinme penetrado de extraordinaria gratitude ao pensar que me estivese destinada a min, que noutros tempos non fun máis que un aprendiz de ferreiro. Entón pensei que, segundo temía, ela non debía de estar moi agradecida por aquel destino, e pregunteime cando empezaría a interesarse por min. Cando podería espertar o seu corazón, que agora estaba mudo e durmido?
Ai de min! Imaxinei que estas eran emocións elevadas e grandiosas. Pero nunca pensei que houbese nada baixo e mesquiño en apartarme de Joe, porque sabía que ela o desprezaría. Non pasara máis que un día desde que Joe fixera asomar as bágoas aos meus ollos; pero secaron axiña, Deus me perdoe, demasiado axiña.

Capítulo 28

Era evidente que ao seguinte día tería que dirixirme á nosa cidade, e, no primeiro ímpeto do meu arrepentimiento, pareceume igualmente claro que debería aloxarme na casa de Joe. Pero en canto reservei o meu asento na dilixencia do día seguinte e tras ir e regresar da casa do señor Pocket, non estiven xa tan convencido deste último extremo e empecei a inventar razóns e escusas para aloxarme no Xabaril Azul. Eu podería resultar molesto na casa de Joe; non me esperaban, e a cama non estaría disposta; ademais, estaría demasiado lonxe de casa da señorita Havisham, e ela desexaría recibirme exactamente á hora fixada.
Todos os estafadores do mundo non son nada comparados cos que se estafan a si mesmos, e con tales falsedades logrei enganarme. É moi curioso que puidese coller sen darme conta media coroa falsa que me dese calquera persoa, pero si resultaba extraordinario que, coñecendo a ilexitimidade das mesmas moedas que eu fabricaba, as aceptase, con todo, como boas. Calquera descoñecido amable, con pretexto de dobrar mellor os meus billetes de banco, podería escamotearmos e darme, en cambio, papeis en branco; pero que era iso comparado comigo mesmo, cando dobraba os meus propios papeis en branco e os facía pasar ante os meus propios ollos por billetes lexítimos?
Unha vez decidido a aloxarme no Xabaril Azul, sentinme moi indeciso acerca de se levaría ou non comigo o Vingador. Resultábame bastante tentador que aquel mercenario exhibise o seu custoso traxe e as súas botas altas no patio do Xabaril; era tamén moi agradable imaxinar que, como por casualidade, o levase á tenda do xastre para confundir o irrespetuoso aprendiz do señor Trabb. Por outra banda, este aprendiz podía facerse íntimo amigo del e contarlle varias cousas; ou, pola contra, traveso e pillo como eu sabía que era, sería capaz de burlarse del a berros na rúa Principal. Ademais, a miña protectora podería decatarse da existencia do meu criadiño e parecerlle mal. Por estas últimas razóns, resolvín non levar comigo o Vingador.
Tomara asento no coche da tarde, e como era inverno, non chegaría ao meu destino ata dúas ou tres horas despois de escurecer. A hora de saída desde Cross Keys estaba sinalada para as dúas da tarde. Cheguei cun cuarto de hora de anticipación, asistido polo Vingador, se podo empregar esta expresión con respecto a alguén que xamais me asistía se podía evitalo.
Naquela época era costume utilizar a dilixencia para transportar os presidiarios aos arsenais.
Como varias veces oíra falar deles como ocupantes dos asentos exteriores de destes vehículos, e en máis dunha ocasión os vin na estrada, balanceando as pernas cargadas de ferro sobre o teito do coche, non tiven motivo de sorprenderme cando Herbert, ao atoparse comigo no patio, me dixo que dous presidiarios farían a mesma viaxe ca min. Pero tiña, en cambio, unha razón, que xa era agora antiga, para sentir certa impresión cada vez que oía en Londres o nome de «presidiario».
–Non terás ningún reparo, Haendel? –preguntou Herbert.
–Oh, non!
–Pareceume que non che gustaba.
–Desde logo, como xa comprenderás, non lles teño ningunha simpatía; pero non me preocupan.
–Mira, aquí están –dixo Herbert–. Agora saen da taberna. Que espectáculo tan degradante e vil!
Supoño que invitaran ao seu gardián, pois acompañábaos un carcereiro, e os tres saíron limpando a boca coas mans. Os dous presidiarios estaban esposados e suxeitos un a outro, e nas pernas levaban grillóns dun modelo que eu coñecía moi ben. Vestían o traxe que tamén me era coñecido. O seu gardián tiña un par de pistolas e debaixo do brazo levaba unha moca moi grosa con varios nós; pero parecía estar en relación de boa amizade cos presos e permanecía ao seu lado mentres miraba como enganchaban os cabalos, coma se os presidiarios constituísen un espectáculo aínda non inaugurado e el fose o seu expositor. Un dos presos era máis alto e groso que o outro e parecía que, de acordo cos camiños misteriosos do mundo, tanto dos presidiarios como das persoas libres, lle asignaran o traxe máis pequeno que puidesen achar. As súas mans e as súas pernas parecían alfineteiros, e aquel traxe e aquel aspecto disfrazábano dun modo absurdo; con todo, recoñecín no acto o seu ollo medio pechado. Aquel era o mesmo home a quen vin no banco dos Tres Alegres Barqueiros un sábado pola noite e que me apuntou coa súa invisible arma de fogo.
Agradoume bastante o convencemento de que non me recoñecera, coma se xamais me vise na vida. Miroume, e os seus ollos fixáronse na cadea do meu reloxo; logo chuspiu e díxolle algo ao seu compañeiro. Ambos se botaron a rir, deron xuntos media volta, mentres resoaban as esposas que os unían, e miraron a outra parte. Os grandes números que levaban nas costas, coma se fosen portas dunha casa; o seu exterior rudo, como sarnoso e desmañado, que os facía parecer animais inferiores; as súas pernas cargadas de ferros, nos que para disimular levaban numerosos panos de peto, e o modo en que todos os miraban e se apartaban deles, convertíanos, segundo dixera Herbert, nun espectáculo desagradable e degradante.
Pero iso non era o peor. Resultou que unha familia que marchaba de Londres collera toda a parte posterior da dilixencia e non había outros asentos para os presos que os dianteiros, inmediatamente detrás do cocheiro. Por esta razón, un colérico cabaleiro que tomara un cuarto asento naquel sitio empezou a berrar dicindo que iso era un quebrantamento de contrato, pois víase obrigado a mesturarse cunha compañía tan vilá, velenosa, perniciosa, infame, vergonzosa e non sei cantas cousas máis.
Mentres tanto, o coche estaba xa disposto para partir, e o cocheiro impaciente, e todos nos preparabamos a subir para ocupar os nosos sitios. Tamén os presos se achegaron co seu gardián, difundindo ao redor deles aquel cheiro peculiar que sempre rodea os presidiarios e que se parece á baeta, á miga de pan, ás cordas e ás pedras de lareira.
–Non o tome vostede así, cabaleiro –díxolle o gardián ao colérico pasaxeiro-. Eu sentarei ao seu lado. Poñereinos na parte exterior do asento, e eles non se meterán con vostedes para nada. Nin sequera se dará de conta de que van alí.
–E eu non teño culpa ningunha –rosmou o presidiario a quen eu coñecía–. Pola miña banda, non teño ningún desexo de facer esta viaxe, e con gusto quedaría aquí. Non teño ningún inconveniente en que outro ocupe o meu lugar.
–Ou o meu –engadiu o outro, de mal humor–. S estivese libre, con seguridade non molestaría a ningún de vostedes.
Daquela os dous botáronse a rir e empezaron a cascar noces e a chuspir as cascas ao redor deles. Coido que eu faría o mesmo de acharme no seu lugar e verme tan desprezado.
Por fin decidiuse que non se podía compracer en nada ao encolerizado cabaleiro, que debía sentar á beira daqueles compañeiros indesexables ou quedar onde estaba. En vista diso, ocupou o seu asento, queixándose aínda, e o gardián sentou ao seu lado, namentres os presidiarios se izaban o mellor que podían, e o que eu recoñecera sentou detrás de min e tan preto que sentía na caluga o sopro da súa respiración.
–Adeus, Haendel –gritou Herbert cando nos puxemos en marcha.
Pareceume entón unha afortunada circunstancia que me dese outro nome distinto de Pip.
É imposible expresar con canta agudeza sentía entón a respiración do presidiario, non só na caluga, senón tamén ao longo das costas. A sensación era semellante á que me produciría un ácido corrosivo que me tocase a medula, e isto facíame sentir denteira. Parecíame que aquel home respiraba máis que outro calquera e con maior ruído, e deime conta de que, inadvertidamente, encollera un ombreiro nos meus vans esforzos para resgardarme del.
O tempo era bastante frío, e os dous presos maldicían a baixa temperatura, que, antes de atoparnos moi lonxe, nos deixou a todos entumecidos. Cando deixamos atrás a Casa de Medio Camiño, estabamos todos adormentados, trementes e calados. Mentres eu durmiñaba preguntábame se tiña a obrigación de devolverlle as dúas libras esterlinas a aquel desgraciado antes de perdelo de vista e como podería facelo. Pero no momento de saltar cara adiante, coma se quixese ir caer entre os cabalos, levanteime asustado e volvín reflexionar sobre o asunto.
Pero sen dúbida estiven durmido máis tempo do que me figuraba, porque, malia que non puiden recoñecer nada na escuridade nin polas luces e sombras que producían os nosos farois, non deixei de observar que atravesabamos as brañas, a xulgar polo vento húmido e frío que sopraba contra nós.
Inclinándose cara adiante en busca de calor e para protexerse do vento, os dous presos estaban entón máis preto de min que antes, e as primeiras palabras que lles oín cambiar ao espertar foron as do meu propio pensamento:
–Dous billetes dunha libra esterlina.
–E como se fixo con eles? –preguntou o presidiario a quen eu non coñecía.
–Eu que sei! –replicou o outro–. Escondeunos en algures. Paréceme que llos deron uns amigos.
–Quen mos dera a min! –dixo o outro tras maldicir o frío.
–Os billetes ou os amigos?
–Os billetes! Só por un vendería a todos os amigos que teño no mundo, e paréceme que sairía gañando. E ben? Que dixo?
–Dixo… –repetiu o presidiario a quen eu coñecía–. Quedou feito e dito en menos que canta un galo, detrás dunha morea de táboas no arsenal. Íanme deixar libre? Si, íanme deixar libre. Podería ir buscar aquel neno que lle deu de comer e lle gardou o segredo, para darlle dous billetes dunha libra esterlina? Claro que o podería ir buscar. E atopeino.
–Que parvo fuches! –murmurou o outro–. Eu gastaríao en comer e en beber. Ese debía de ser un novato. Non sabía nada de ti?
–Nada en absoluto. Pertenciamos a distintas cuadrillas de diferentes pontóns. A el xulgáron outra vez por quebrantamento de condena e castigárono a cadea perpetua.
–E foi esa a única vez que percorriches esta comarca?
–A única.
–E que pensas desta rexión?
–Que é moi mala. Non hai nela máis que barro, néboa, auga estancada e traballo; traballo, auga estancada, néboa e barro.
Ambos maldicían a comarca coa súa linguaxe violenta e brutana. Gradualmente empezaron a gruñir, pero non dixeron nada máis.
Tras sorprender tal diálogo houben de baixar e quedar só nas tebras da estrada, pero tiña a certeza de que aquel home non sospeitaba sequera a miña identidade. En realidade, eu non soamente estaba cambiado polo meu propio crecemento e polas alteracións naturais, senón tamén vestido dun modo tan distinto e rodeado de circunstancias tan diferentes, que era moi improbable ser recoñecido pr el se non se lle presentaba algunha casualidade que lle axudase. Con todo, a coincidencia de estarmos xuntos no mesmo coche era tan estraña que me penetraba o medo de que outra coincidencia puidese relacionarme, aos oídos daquel home, co meu nome verdadeiro. Por esta razón resolvín afastarme da dilixencia en canto chegásemos á cidade e separarme por completo dos presos.
Levei a cabo o meu propósito co maior éxito. Tiña o maletín baixo o asento que había aos meus pés e só tiña que facer virar unha bisagra para sacalo. Tireino ao chan antes de baixar e botei pé a terra ante o primeiro farol e os primeiros empedrados da cidade. En canto aos presidiarios, proseguiron o seu camiño coa dilixencia, sen dúbida para chegar ao sitio que eu coñecía tan ben, onde os farían embarcar para cruzar o río. Mentalmente vin outra vez o bote coa súa tripulación de penados, esperando a aqueles dous, ante o embarcadoiro cheo de lama, e de novo me pareceu oír a orde de «Avante!», coma se llela desen a cans, e outra vez vin aquela Arca de Noé cargada de criminais e fondeada de lonxe entre as negras augas.
Non podería explicar o que temía, porque o medo era, á vez, indefinido e vago, pero o feito é que me achaba preso de grande inquietude. Mentres me dirixía ao hotel sentín que un terror, que excedía á aprensión de ser obxecto dun penoso ou desagradable recoñecemento, me facía tremer. Non se chegou a precisar, pois era tan só a resurrección, por espazo dalgúns minutos, do terror que sentira durante a miña infancia.
No Xabaril Azul, a sala do café estaba desocupada, e non soamente puiden encargar a cea, senón que estiven sentado un anaco antes de que me recoñecese o camareiro. Tras escusarse pola fraqueza da súa memoria, preguntoume se debía mandar aviso ao señor Pumblechook.
–Non –contestei–. De ningún xeito.
O camareiro, que foi o mesmo que viñera queixarse en nome dos comerciantes o día en que se formalizou o meu contrato de aprendizaxe con Joe, pareceu quedar moi sorprendido, e aproveitou a primeira oportunidade para deixar ante min un sucio exemplar dun xornal local, de modo que o collín e lin este parágrafo:
«Recordarán os nosos lectores, e certamente non sen interese, con referencia á recente e romántica boa fortuna dun mozo artífice en ferro desta veciñanza (que espléndido tema, dito sexa de paso, para a pluma máxica do noso concidadán Tooby, o poeta das nosas columnas, por máis que aínda non goce de fama universal!), que o primeiro xefe, compañeiro e amigo daquel mozo foi unha personalidade que goza do maior respecto, relacionada cos negocios de grans e sementes, e cuxa cómoda e importante oficina está situada dentro dun raio de cen millas da rúa Principal. Obedecendo aos ditados dos nosos sentimentos persoais, sempre o consideramos o mentor do noso mozo Telémaco, porque convén saber que na nosa cidade viu a luz o fundador da fortuna deste último. Terá interese o sabio local, ou quizais os marabillosos ollos das nosas belezas cidadás, en pescudar que fortuna é esta?
Cremos que Quintin Matsys era o FERREIRO de Anveres. Verb. Sap.»
Teño a convicción, baseada na miña grande experiencia, de que se nos días da miña prosperidade me dirixise ao Polo Norte, atoparía alí alguén, xa fose un esquimó errante ou un home civilizado, que me diría que Pumblechook foi o meu primeiro xefe e o promotor da miña fortuna.

2 de fev. de 2012

Capítulo 27

«Meu querido señor Pip: Escribo por indicación do señor Gargery, a fin de comunicarlle que está a piques de saír para Londres en compañía do señor Wopsle e que lle sería moi agradable ter a ocasión de velo a vostede. Irá ao Hotel Barnard o martes pola mañá, ás nove, e no caso de que esta hora non lle sexa cómoda, faga o favor de deixalo dito. A súa pobre irmá está exactamente igual que cando vostede marchou. Todas as noites falamos de vostede na cociña, tratando de imaxinar o que vostede fai e di. Se parécelle que nos tomamos excesiva liberdade, perdóenos polo agarimo dos seus antigos días de pobreza.
Nada máis teño que dicirlle, querido señor Pip. Queda á súa disposición a súa sempre agradecida e afectuosa servidora,
Biddy»
«P. S.: El desexa dun modo especial que escriba mencionando as lavercas. Di que vostede xa o comprenderá. Así o espero, e creo que lle será agradable velo, aínda que agora sexa un cabaleiro, porque vostede sempre tivo bo corazón e el é un home moi bo e moi digno. Linllo todo, fóra da última frase, e el repite o seu desexo de que lle mencione outra vez as lavercas.»
Recibín esta carta por correo o luns pola mañá, de maneira que a visita de Joe debería ter lugar ao día seguinte. E agora debo confesar exactamente con que sensacións esperaba a chegada de Joe.
Non con pracer ningún, aínda que con el estivese ligado por tantos lazos; non, senón con bastante perplexidade, certa mortificación e algunha molestia. Se puidese afastalo pagando algo, seguramente dedicase a iso algún diñeiro. De todos os xeitos, consolábame bastante a idea de que iría visitarme á Pousada de Barnard e non a Hammersmith, e que, daquela, Bentley Drummle non podería velo. Pouco me importaba que o visen Herbert ou o seu pai, pois a ambos os respectaba; pero saberíame moi mal que o coñecese Drummle, porque a este desprezábao. Así, ocorre que, durante toda a vida, as nosas peores debilidades e baixezas cométense por mor das persoas a quen máis desprezamos.
Eu empezara a decorar sen tregua os cuartos que ocupaba na pousada, dun modo en realidade innecesario e pouco apropiado, sen contar co caras que resultaban aquelas loitas con Barnard.
Entón, os cuartos eran xa moi distintos de como os atopara, e eu gozaba do honor de ocupar algunhas páxinas enteiras nos libros de contabilidade dun tapiceiro veciño. Ultimamente empezara a gastar con tanta présa, que ata ata collín un criadiño, ao cal lle facía poñer polainas, e case podería dicirse de min que me convertín no seu escravo; porque en canto convertín aquel monstro (o raparigo procedía do refugallo da familia da miña lavandeira) e o vestín cunha chaqueta azul, un chaleco de cor canario, gravata branca, pantalón de cor crema e as botas altas antes mencionadas, observei que tiña moi pouco que facer e, en cambio, moito que comer, e estas dúas horribles necesidades amargábanme a existencia.
Ordenei a aquela pantasma vengadora que estivese no seu posto ás oito da mañá do martes, no vestíbulo (o cal tiña dous pés cadrados, segundo me demostraba o que me cargaron por unha alfombra), e Herbert aconselloume preparar algunhas cousas para o almorzo, crendo que serían do gusto de Joe. E aínda que me sentín sinceramente agradecido a el por mostrarse tan interesado e considerado, abrigaba o estraño receo de que se Joe viñese para ver a Herbert, este non se manifestaría tan satisfeito da visita.
Malia todo, dirixinme á cidade o luns pola noite, para estar disposto a recibir a Joe; levanteime cedo pola mañá e procurei que a saliña e a mesa do xantar tivesen o seu aspecto máis espléndido. Por desgraza, poallaba aquela mañá, e nin un anxo sería capaz de disimular o feito de que o edificio Barnard derramaba bágoas mesturadas con feluxe pola parte exterior da fiestra, coma se fose algún débil xigante desenfeluxador.
A medida que se achegaba a hora sentía maior desexo de escapar, pero o Vingador, en cumprimento das ordes recibidas, estaba no vestíbulo, e pronto oín a Joe pola escaleira. Coñecín que era el polos seus desamañados pasos ao subir os chanzos, pois os seus zapatos de cerimonia estábanlle sempre moi grandes, e tamén polo tempo que empregou en ler os nomes que atopaba ante as portas dos outros pisos no curso do ascenso. Cando por fin se detivo ante a parte exterior da nosa porta, puiden oír o seu dedo ao seguir as letras pintadas do meu nome, e logo, coa maior claridade, percibín a súa respiración no buraco da chave. Por fin rañou lixeiramente a porta, e Pepper, pois tal era o nome do raparigo vingador, anunciou «o señor Gargeryr». Crin que este non acabaría de limpar os pés no felpudo e que tería necesidade de saír para sacalo; mais por fin entrou.
–Joe! Como estás, Joe?
–Pip! Como está vostede, Pip?
Co bondadoso e honrado rostro resplandecente, deixou o chapeu no chan entre nós, colleume as dúas mans e empezou a levantalas e a baixalas coma se eu fose unha bomba último modelo.
–Teño moito gusto en verte, Joe. Dáme o teu chapeu.
Pero Joe, levantándoo coidadosamente con ambas as mans, coma se fose un niño de paxaros con ovos dentro, non quixo oír falar sequera de separarse daquel obxecto da súa propiedade e persistiu en permanecer en pé e falando sobre o chapeu, dun modo moi incómodo.
–Canto creceu vostede! –observou Joe–. Ademais engordou e ten un aspecto moi distinguido. –O bo Joe fixo unha pausa antes de descubrir esta última palabra e logo engadiu–: Seguramente honra vostede ao seu rei e ao seu país.
–E ti, Joe, parece que estás moi ben.
–Grazas a Deus –replicou Joe–, estou perfectamente. E a súa irmá non está peor que antes. Biddy pórtase moi ben e é sempre amable e cariñosa. E todos os amigos están ben e no mesmo sitio, fóra de Wopsle, que sufriu un cambio.
Mentres falaba así, e sen deixar de soster con ambas as mans o chapeu, Joe dirixía miradas circulares pola estancia, e tamén sobre a tea floreada da miña bata.
–Un cambio, Joe?
–Si –dixo Joe baixando a voz–. Deixou a igrexa e vai dedicarse ao teatro. E co desexo de ser cómico, veu a Londres comigo. E desexa –engadiu Joe poñendo por un momento o niño baixo o brazo esquerdo e metendo a man dereita para sacar un ovo– que se isto non resulta molesto para vostede, admita este papel.
Tomei o que Joe me daba e vin que era o engurrado programa dun teatriño que anunciaba a primeira aparición, naquela mesma semana, do «celebrado afeccionado provincial de fama extraordinaria, cuxa única actuación no teatro nacional causou a maior sensación nos círculos dramáticos locais».
–Estiveches nesa representación, Joe? –preguntei.
–Si –contestou Joe con énfase e solemnidade.
–Causou sensación?
–Si –dixo Joe–. Si. Houbo, sen dúbida, unha gran cantidade de mondas de laranxa, particularmente cando apareceu a pantasma. Pero hei de dicirlle, cabaleiro, que non me pareceu moi ben nin conveniente para que un home traballe a gusto verse interrompido constantemente polo público, que non cesaba de dicir «amén» cando el estaba falando coa pantasma. Un home puido servir na igrexa e ter daquela unha desgraza –engadiu Joe en ton sensible–, pero non hai razón para recordarllo nunha ocasión como aquela. E, ademais, cabaleiro, se a pantasma do pai dun non merece atención, quen a merecerá, cabaleiro? E máis aínda cando o pobre estaba ocupado en soster o chapeu de loito, que era tan pequeno que ata o mesmo peso das plumas facía que lle caese da cabeza.
Naquel momento, o rostro de Joe tivo a mesma expresión que se vise unha pantasma, e iso deume a entender que Herbert acababa de entrar na estancia. Así, pois, presenteinos un a outro, e o mozo Pocket ofreceulle a man, pero Joe retrocedeu un paso e seguiu agarrando o niño de paxaros.
–Son o seu servidor, cabaleiro –dixo Joe–, e espero que tanto vostede como o señor Pip... –Naquel momento, os seus ollos fixáronse no Vingador, que poñía unhas torradas na mesa, e demostrou con tanta claridade a intención de converter o raparigo nun dos nosos compañeiros, que eu engurrei a cella, deixándoo máis confuso aínda, –espero que estean vostedes ben, aínda que vivan nun lugar tan pechado. Talvez sexa esta unha boa pousada, de acordo coas opinións de Londres –engadiu Joe en ton confidencial–, e paréceme que debe de ser así; pero, pola miña banda, non tería aquí ningún porco no caso de que desexase cebalo e que a súa carne tivese bo sabor.
Tras dirixir esta «afagadora» observación cara aos méritos da nosa vivenda e en vista de que mostraba a tendencia de chamarme «cabaleiro», Joe foi invitado a sentar á mesa, pero antes mirou ao seu redor pola estancia, en busca dun lugar apropiado en que deixar o chapeu, coma se soamente puidese achalo en moi poucos obxectos raros, ata que por fin o deixou na esquina da cheminea, desde onde o chapeu caeu varias veces durante o curso do xantar.
–Quere vostede té ou café, señor Gargery? –preguntou Herbert, que sempre presidía a mesa polas mañás.
–Moitas grazas, cabaleiro –contestou Joe, completamente envarado–. Tomarei o que a vostede lle guste máis.
–Que lle parece o café?
–Moitas grazas, cabaleiro –contestou Joe, evidentemente desencantado pola proposición–. Xa que é vostede tan amable de elixir o café, non desexo contradicir a súa opinión. Pero non lle parece a vostede que é pouco axeitado para comer algo?
–Pois entón tome vostede té –dixo Herbert, servíndollo.
Naquel momento, o chapeu de Joe caeu da cheminea. El levantouse da cadeira e, tras collelo, volveu deixalo exactamente no mesmo sitio, coma se fose un detalle de excelente educación o feito de que tivese que caer moi pronto.
–Cando chegou vostede a Londres, señor Gargery?
–Foi onte pola tarde? –preguntouse Joe tras tusir ao amparo da súa man, coma se collese a tose ferina desde que chegara–. Non, non foi onte. Si, si, onte. Foi onte pola tarde –engadiu con ton que expresaba a súa seguridade, a súa satisfacción e a súa estrita exactitude.
–Viu vostede algo de Londres?
–Oh, si, señor! –contestou Joe–. Eu e Wopsle dirixímonos inmediatamente a visitar os almacéns da fábrica de betume. Pero pareceunos que non eran como nos debuxos dos anuncios que cravan nas portas das tendas. Paréceme –engadiu Joe para explicar mellor a súa idea –que os debuxaron demasiado arquitecturalísimamente.
Creo que Joe prolongaría aínda esta palabra, que para min era moi expresiva e indicadora dalgunha arquitectura que coñezo, de non ser porque naquel momento a súa atención foi providencialmente atraída polo seu chapeu, que rebotaba no chan. En realidade, aquela peza esixía a súa atención constante e unha rapidez de vista e de mans moi semellante á necesaria para coidar dun portelo. El facía as cousas máis extraordinarias para recollelo e demostraba niso a maior habilidade; tan pronto se precipitaba cara a el e o collía cando empezaba a caer, como se apoderaba del no momento en que estaba suspendido no aire. Logo trataba de deixalo noutros lugares da estancia, e ás veces pretendeu colgalo dalgún dos debuxos de papel da parede, antes de convencerse de que era mellor acabar dunha vez con aquela molestia. Finalmente meteuno no caldeiro para a auga sucia, onde me tomei a liberdade de poñer as mans.
En canto ao colo da camisa e ao da súa chaqueta, eran cousas que deixaban na maior perplexidade e á vez insolubles misterios. Por que un home habería de atormentarse en tal medida antes de persuadirse de que estaba vestido de todo? Por que suporía Joe necesario purificarse por medio do sufrimento, ao vestir o seu traxe dos domingos? Entón caeu nun inexplicable estado de meditación, mentres sostiña o garfo entre o prato e a boca; os seus ollos sentíronse atraídos cara a estrañas direccións; de cando en vez sobrecollíano fortes accesos de tose, e estaba sentado a tal distancia da mesa, que lle caía moito máis do que comía, aínda que logo aseguraba que non era así, e por iso sentín a maior satisfacción cando Herbert nos deixou para dirixirse á cidade.
Eu non tiña bo sentido dabondo nin tampouco bastante bos sentimentos para comprender que a culpa de todo era miña e que se eu me mostrase máis afable e ás miñas anchas con Joe, este demostraríame tamén menor envaramento e afectación nos seus modos. Estaba impaciente pola súa causa e moi irritado con el; e nesta situación, angustioume máis coas súas palabras.
–Estamos sós, cabaleiro? –empezou a dicir.
–Joe –interrompino con aspereza, –como te atreves a chamarme «cabaleiro»?
Miroume un momento con expresión de leve reproche e, malia o absurdo da súa gravata e dos seus colos, observei na súa mirada certa dignidade.
–Se estamos os dous sós –continuou Joe–, e como non teño a intención nin a posibilidade de permanecer aquí moitos minutos, debo terminar, aínda que mellor diría que debo empezar, mencionando o que me obrigou a gozar deste honor. Porque se non fose –engadiu Joe co seu antigo acento de lúcida exposición,–, se non fose porque o meu único desexo é serlle útil, non tería o honor de comer en compañía de cabaleiros nin de frecuentar o seu trato.
Estaba tan pouco disposto a observar outra vez a súa mirada, que non lle dirixín observación ningunha acerca do ton das súas palabras.
–Pois ben, cabaleiro –proseguiu Joe–. A cousa ocorreu así. Estaba nos Tres Barqueiros a outra noite, Pip –sempre que se dirixía a min afectuosamente chamábame «Pip», e cando volvía recobrar o seu ton cortés, dábame o tratamento de «cabaleiro»– e de súpeto chegou o señor Pumblechook na súa carruaxe. E ese individuo –engadiu Joe seguindo unha nova dirección nas súas ideas– ás veces peitéame a contrafío, dicindo por todas as partes que el era o amigo da infancia de vostede, que sempre o considerou como o seu compañeiro de xogo preferido.
–Iso é unha parvada. Xa sabes que este eras ti, Joe.
–Tamén o creo eu por completo, Pip –dixo Joe meneando ligxeiramente a cabeza–, aínda que iso teña agora pouca importancia, cabaleiro. En fin, Pip, ese mesmo individuo, que se volveu fanfurriñeiro, achegouse a min nos Tres Barqueiros (onde vou fumar unha pipa e tomar unha pinta de cervexa para refrescarme, ás veces, e a descansar do meu traballo, cabaleiro, pero nunca abuso) e díxome: «Joe, a señorita Havisham desexa falar contigo.»
–A señorita Havisham, Joe?
–Desexaba, segundo me dixo Pumblechook, falar comigo –aclarou Joe, sentando e mirando ao teito.
–E que máis, Joe? Continúa.
–Ao día seguinte, cabaleiro –proseguiu Joe, mirándome coma se eu estivese a gran distancia–, tras asearme convenientemente, fun ver á señorita A.
-–A señorita A, Joe? Refíreste á señorita Havisham?
–Iso é, cabaleiro –replicou Joe con formalidade legal, coma se estivese ditando o seu testamento–. A señorita A, chamada tamén Havisham. En canto me viu díxome o seguinte: «Señor Gargery: mantén vostede correspondencia co señor Pip?» E como eu recibira unha carta de vostede, puiden contestar: «Si, señorita.» (Cando casei coa súa irmá, cabaleiro, dixen «si», e cando lle contestei á súa amiga, Pip, tamén lle dixen «si»). «Quere vostede dicirlle, pois, que Estella volveu á casa e que tería moito gusto en velo?», engadiu.
Sentín que me ardía o rostro mentres miraba a Joe. Supoño que unha causa remota de semellante ardor puido ser a miña convicción de que, de coñecer o obxecto da súa visita, o recibiría bastante mellor.
–Cando cheguei á casa –continuou Joe– e lle pedín a Biddy que lle escribise esa noticia, negouse, dicindo: «Estou segura de que lle gustará máis que llo diga vostede de palabra. Agora estamos en vacacións, e a vostede tamén lle agradará velo. Daquela, vaia a Londres.» E agora xa rematei, cabaleiro –dixo Joe levantándose do seu asento–, e ademais, Pip, deséxolle que siga prosperando e alcance cada vez unha posición mellor.
–Pero xa te vas, Joe?
–Si, voume –contestou.
–Pero non vas volver para comer?
–Non –replicou.
Os nosos ollos atopáronse, e o tratamento de «cabaleiro» desapareceu daquel corazón viril mentres me daba a man.
–Pip, querido amigo, a vida está composta de moitas despedidas unidas unha a outra, e un home é ferreiro, outro é prateiro, outro xoieiro e outro broncista. Entre estes han de presentarse as naturais divisións, que é preciso aceptar segundo veñan. Se en algo houbo falta, esta é miña por completo. Vostede e eu non somos dúas persoas que poidamos estar xuntas en Londres nin noutra parte, aínda que nos coñezamos e nos entendamos como bos amigos. Non é que eu sexa orgulloso, senón que quero cumprir co meu deber, e nunca máis me verá vostede con este traxe que non me corresponde. Eu non debo saír da fragua, da cociña nin das engranaxes. Estou seguro de que cando me vexa vostede co meu traxe de faena, empuñando un martelo e coa pipa na boca, non atopará vostede ningunha falta en min, supoñendo que desexe vostede ir verme a través da fiestra da fragua, cando Joe, o ferreiro, se ache xunto á engra, cuberto co mandil, case queimado e aplicándose no seu antigo traballo. Eu son bastante torpe, pero comprendo as cousas. E por iso agora me despido e lle digo: querido Pip, que Deus o bendiga.
Non me trabucara ao imaxinar que aquel home estaba animado por sinxela dignidade. O corte do seu traxe convíñalle tan pouco mentres pronunciaba aquelas palabras como cando emprendese o seu camiño cara ao ceo. Tocoume cariñosamente a fronte e saíu. Tan pronto como me recobrei, saín tras el e busqueino nas rúas próximas, pero xa non puiden atopalo.

1 de fev. de 2012

Capítulo 26

Ocorreu, segundo me anunciara Wemmick, que se me presentou moi pronto a oportunidade de comparar a morada do meu titor coa do seu caixeiro e empregado. O meu titor estaba no seu despacho, lavando as mans co seu xabón perfumado, cando eu entrei na oficina ao meu regreso de Walworth; el chamoume deseguido e fíxome a invitacion, para min mesmo e para os meus amigos, que Wemmick me preparara a recibir.
–Sen cumprido ningún –dixo–. Non hai necesidade de vestirse de etiqueta, e poderemos convir, por exemplo, o día de mañá.
Eu pregunteille onde tería que dirixirme, porque non tiña a menor idea de onde vivía, e creo que, seguindo o seu costume de non confesar nada, díxome:
–Veña vostede aquí e levareino á casa comigo.
Aproveito esta oportunidade para observar que, tras recibir os seus clientes, lavaba as mans, coma se fose un cirurxián ou un dentista. Tiña o lavabo no seu despacho, disposto xa para o caso, e que cheiraba a xabón perfumado coma se fose a tenda dun perfumista. Na parte interior da porta tiña unha toalla posta sobre un rolo, e tras lavar as mans secábaas con ela, cousa que facía sempre que volvía do tribunal ou despedía a un cliente. Cando os meus amigos e eu acudimos ao día seguinte ao seu despacho, ás seis da tarde, parecía que estivera ocupado nun caso moito máis importante que de costume, porque o atopamos coa cabeza metida no lavabo e lavando non soamente as mans, senón tamén a cara e a garganta. E cando terminou iso e unha vez que se secara coa toalla, limpou as uñas cun canivete antes de poñer a chaqueta.
Cando saímos á rúa atopamos, como de costume, algunhas persoas que esperaban alí e que coa maior ansiedade desexaban falarlle; pero debeu de asustalas a atmosfera perfumada do xabón que o rodeaba, porque aquel día abandonaron a súa tentativa. Mentres nos dirixiamos cara ao oeste, foi recoñecido por varias persoas entre a multitude, pero sempre que isto ocorría falábame en voz máis alta e finxía non recoñecer a ninguén nin fixarse en que os demais o recoñecesen.
Levounos así á rúa Gerrard, en Soho, e a unha casa situada no lado meridional da rúa. O edificio tiña aspecto maxestuoso, pero necesitaría unha boa capa de pintura e que lle limpasen o po das fiestras. Sacou a chave, abriu a porta e entramos nun vestíbulo de pedra, espido, escuro e pouco usado. Subimos por unha escaleira, tamén escura e de cor parda, e así chegamos a unha serie de tres cuartos, da mesma cor, no primeiro piso. Nos arrimadoiros das paredes estaban esculpidas algunhas grinaldas, e mentres o noso anfitrión no daba a benvida, aquelas grinaldas producíronme estraña impresión.
A cea estaba servida na mellor daquelas estancias; a segunda era o seu gardarroupa, e a terceira, o dormitorio. Díxonos que posuía toda a casa, pero que raras veces utilizaba máis cuartos que os que viamos. A mesa estaba moi ben posta, aínda que nela non había nada de prata, e a carón da súa cadeira había un torno moi grande, no que se vía unha gran variedade de botellas e frascos, así como tamén catro pratos de froita para a sobremesa. Eu observei que el o tiña todo ao alcance da man e o distribuía por si mesmo.
Na estancia había unha librería, e polos lombos dos libros deime de conta de que todos eles trataban de probas xudiciais, de leis criminais, de biografías criminais, de xuízos, de actas do Parlamento e de cousas semellantes. Os mobles eran sólidos e bos, así como a cadea do seu reloxo. Pero todo tiña certo aspecto oficial, e non se vía nada puramente decorativo. Nun recuncho había unha mesiña que contiña bastantes papeis e unha lámpada con pantalla; de maneira que, sen ningunha dúbida, o meu titor levaba consigo a oficina á súa propia casa e pasaba algunhas veladas traballando.
Como el apenas vira aos meus tres compañeiros ata entón, porque pola rúa fomos os dous de lado, quedou xunto á cheminea e, tras tirar do cordón da campaíña, examinounos atentamente. E con gran sorpresa miña, pareceu interesarse moito e tamén case exclusivamente por Drummle.
–Pip –dixo poñéndome a enorme man sobre o ombreiro e levándome cara á fiestra–. Non coñezo a ningún deles. Quen é esa araña?
–Que araña? –preguntei eu.
–Ese raparigo moteado, macizo e fosco.
–É Bentley Drummle –repliquei–. Esoutro que ten o rostro máis delicado chámase Startop.
Sen facer o menor caso daquel que tiña a cara máis delicada, díxome:
–Chámase Bentley Drummle? Gústame o seu aspecto.
Inmediatamente empezou a falar con el. E, sen facer caso das súas respostas reticentes, continuou, sen dúbida co propósito de obrigalo a falar. Eu estaba mirando aos dous, cando entre eles e eu se interpuxo a criada, que traía o primeiro prato.
Era unha muller que tería uns corenta anos, segundo supuxen, aínda que talvez era máis nova. Tiña alta estatura, unha figura flexible e áxil, o rostro extremadamente palido, con ollos murchos e grandes e un pelo desordenado e abundante. Ignoro se, por mor dalgunha afección cardíaca, tiña sempre os beizos entreabertos coma se ampease, e o seu rostro mostraba unha expresión curiosa, como de confusión; pero si sei que dúas noites antes estiven no teatro a ver Macbeth e que o rostro daquela muller me parecía axitado por todas as malas paixóns, como os rostros que vin saír do caldeiro das bruxas.
Deixou a fonte e tocou no brazo ao meu titor para avisalo de que a cea estaba disposta; logo afastouse.
Sentamos arredor da mesa, e o meu titor puxo ao seu lado a Drummle, e a Startop ao outro. O prato que a criada deixou na mesa era dun excelente peixe, e logo servíronnos carneiro moi ben guisado e, finalmente, unha ave exquisita. As salsas, os viños e todos cantos complementos necesitabamos eran da mellor calidade e entregábanolos o noso anfitrión tomándoos do torno; e cando deran a volta á mesa volvíaos poñer no seu sitio. Do mesmo xeito entregábanos os pratos limpos, os coitelos e os garfos para cada servizo, e os que estaban sucios botábaos a un cesto que estaba no chan e ao seu lado. Non apareceu ningún outro criado máis que aquela muller, a cal traía todos os pratos, e sempre me pareceu ver nela un rostro semellante ao que sairía do caldeiro das bruxas. Anos máis tarde logrei reproducir o rostro daquela muller facendo pasar o dunha persoa, que non se lle parecía por outra cousa máis que polo cabelo, por detrás dunha cunca de alcohol aceso, nunha estancia escura.
Inclinado a fixarme canto me foi posible na criada, tanto polo seu curioso aspecto como polas palabras de Wemmick, observei que sempre que estaba no comedor non separaba os ollos do meu titor e que retiraba apresuradamente as mans de calquera prato que puxese diante del, vacilando, coma se temese que a chamase cando estaba preto, para dicirlle algunha cousa. Pareceume observar que el se daba conta diso, pero que quería tela sumida na ansiedade.
A cea transcorreu alegremente, e malia que o meu titor parecía seguir a conversación e non iniciala, vin que nos obrigaba a exteriorizar os puntos máis débiles do noso carácter. En canto a min mesmo, por exemplo, vinme de súpeto expresando a miña inclinación a malgastar diñeiro, a protexer a Herbert e a vangloriarme do meu espléndido porvir, iso antes de darme conta de que abrise os beizos. O mesmo lles ocorreu aos demais, pero a ninguén en maior grao que a Drummle, cuxa inclinación a moquearse dun modo túzaro e receloso de todos os demais quedou de manifesto antes de que retirasen o prato do peixe.
Non foi entón, senón cando chegou a hora de tomar o queixo, cando a nosa conversa se referiu ás nosas proezas no remo, e entón Drummle recibiu algunhas burlas polo seu costume de seguirnos no seu bote. El informou ao noso anfitrión de que prefería seguirnos no canto de gozar da nosa compañía, que en canto a habilidade se consideraba o noso mestre e que con respecto á forza era capaz de vencernos aos dous. Dun modo invisible, o meu titor dáballe corda para que mostrase a súa ferocidad ao tratar daquel feito sen importancia; e el espiu o seu brazo e contraeuno varias veces para ensinar os seus músculos, e nós imitámolo do modo máis ridículo.
Mentres tanto, a criada ía quitando a mesa; o meu titor, sen facer caso dela e mesmo volvéndolle o rostro, estaba recostado na súa butaca, mordendo o lado do dedo índice e demostrando un interese cara a Drummle que para min era completamente inexplicable. De súpeto, coa súa enorme man, colleu a da criada, coma se fose un cepo, no momento en que ela se inclinaba sobre a mesa. E el fixo aquel movemento con tanta rapidez e tanta seguridade, que todos interrompemos a nosa estúpida competencia.
–Falando de forza –dixo o señor Jaggers –agora vou mostrarlles un bo puño. Molly, ensínanos o puño.
A man presa dela estaba sobre a mesa, pero ocultara a outra levándoa cara ás costas
–Señor –dixo en voz baixa e con ollos fixos e suplicantes–. Non o faga.
–Vou mostrarlles un puño –repetiu o señor Jaggers, decidido–. Molly, ensínanos o puño.
–Señor, por favor! –murmurou ela.
–Molly –repetiu o señor Jaggers sen mirala e dirixindo obstinadamente os ollos ao outro lado da estancia–. Móstranos os dous puños. Deseguido.
Colleulle a man e puxo o puño da criada sobre a mesa. Ela sacou a outra man e púxoa á beira da primeira. Entón puidemos ver que a última estaba moi desfigurada, atravesada por profundas cicatrices.
Cando adiantou as mans para que as puidésemos ver, apartou os ollos do señor Jaggers e fixounos, vixiante, en cada un de nós.
–Aquí hai forza –observou o señor Jaggers sinalando os ligamentos co seu dedo índice. –Poucos homes teñen os puños tan fortes como esta muller. É notable a forza que hai nestas mans. Tiven ocasión de observar moitas delas, pero xamais vin outras tan fortes coma estas, xa de home ou de muller.
Mentres dicía estas palabras, con acento de indiferenza, ela continuou mirándonos sucesivamente a todos.
Cando o meu titor deixou de ocuparse nas súas mans, ela mirouno outra vez.
–Está ben, Molly –dixo o señor Jaggers movendo lixeoramente a cabeza cara a ela–. Xa fuches admirada e podes marchar.
A criada retirou as mans e saíu da estancia, mentres o señor Jaggers, tomando un frasco do torno, encheu o seu vaso e fixo circular o viño.
–Ás nove e media, señores –dixo–, separarémonos. Procuren, mentres tanto, pasalo ben. Estou moi contento de velos na miña casa. Señor Drummle, bebo á súa saúde.
Se iso tivo por obxecto que Drummle dese a entender dun modo máis completo o seu carácter, hai que confesar que logrou o éxito. Triunfante e fosco, Drummle mostrou outra vez en que pouco nos tiña aos demais, e as súas palabras chegaron a ser tan ofensivas que resultaron xa por fin intolerables. Pero o señor Jaggers observábao co mesmo interese estraño, e en canto a Drummle, parecía facer máis agradable o viño que bebía aquel.
A nosa xuvenil falta de discreción fixo que bebésemos demasiado e que falásemos excesivamente.
Anoxámonos bastante ante unha burla de Drummle acerca de que gastabamos demasiado diñeiro. Iso fíxome observar, con máis celo que discreción, que non debía de dicir iso, pois constábame que Startop lle prestara diñeiro na miña presenza, cousa dunha semana antes.
–E iso que importa? –contestou Drummle–. Pagarase relixiosamente.
–Non quero dicir que deixe vostede de facelo –engadín–; pero iso debería bastarlle para conter a súa lingua antes de falar de nós e do noso diñeiro; paréceme.
–Parécelle? –exclamou Drummle–. Meu Deus!
–E case estou seguro –dixen, desexando mostrarme severo– de que non sería vostede capaz de prestarnos diñeiro se o necesitásems.
–Ten vostede razón –replicou Drummle–: non lle prestaría nin sequera seis peniques a ningún de vostedes. Nin a vostedes nin a ninguén.
–É mellor pedir prestado, creo.
–Vostede cre? –repetiu Drummle–. Meu Deus!
Estas palabras agravaban aínda o asunto, e moi especialmente descontentoume observar que non podía vencer a súa impertinente torpeza, de modo que, sen facer caso dos esforzos de Herbert, que quería conterme, engadín:
–Xa que falamos disto, señor Drummle, vou repetirlle o que pasou entre Herbert e eu cando vostede pediu prestado ese diñeiro.
–Non me importa saber o que pasou entre vostedes dous –rosmou Drummle.
E paréceme que engadiu en voz máis baixa, pero non menos malhumorada, que tanto eu como Herbert podiamos ir ao inferno.
–Direillo malia todo –engadín–, tanto se quere oílo coma se non. Dixemos que mentres vostede metía no peto o diñeiro, moi contento de que llo prestasen, parecía que tamén o divertise extraordinariamente o feito de que Startop fose tan débil de facilitarllo.
Drummle sentou, rindo na nosa cara, coas mans nos petos e encollidos os seus redondos ombreiros, dando a entender claramente que aquilo era a verdade pura e que nos desprezaba a todos por parvos.
Entón Startop dirixiuse a el, aínda que con maior amabilidade ca min, e exhortouno a que se mostrase un pouco máis cortés. Como Startop era un raparigo afable e alegre, mentres que Drummle era o reverso da medalla, por iso o último sempre estaba disposto a recibir mal ao primeiro, coma se lle dirixisen unha afronta persoal. Entón replicou con voz rouca e torpe, e Startop tratou de abandonar a discusión, pronunciando unhas palabras de broma que nos fixeron rir a todos. E máis resentido por aquel pequeno éxito que por outra cousa calquera, Drummle, sen previa ameaza nin aviso, sacou as mans dos petos, deixou caer os ombreiros, proferiu unha blasfemia e, tomando un vaso grande, guindaríao á cabeza do seu adversario, se non llo impedise, coa maior habilidade, o noso anfitrión, no momento en que tiña a man levantada con tal intención.
–Cabaleiros –dixo o señor Jaggers poñendo sobre a mesa o vaso e tirando, por medio da cadea de ouro, do reloxo de repetición–, sinto moito anunciarlles que son as nove e media.
Ao oír esta indicación, todos nos levantamos para marchar. Antes de chegar á porta da rúa, Startop chamaba alegremente a Drummle «querido amigo», coma se non ocorrese nada. Pero o «querido amigo» estaba tan lonxe de corresponder a estas amables palabras, que nin sequera quixo regresar a Hammersmith seguindo a mesma beirarrúa que o seu compañeiro; e como Herbert e eu quedamos na cidade, vímolos afastarse pola rúa, seguindo cada un deles a súa propia beirarrúa; Startop ía diante, e Drummle seguíao gorecéndose na sombra das casas, coma se tamén naquel momento o seguise no seu bote.
Como a porta non estaba pechada aínda, deixei só a Herbert por un momento e volvín subir a escaleira para dirixirlle unhas palabras ao meu titor. Atopeino no seu gardarroupa, rodeado da súa colección de calzado e moi ocupado en lavar as mans, sen dúbida por mor da nosa partida.
Díxenlle que subira outra vez para expresarlle o meu sentimento de que ocorrera algo desagradable, e que esperaba non me botase a min toda a culpa.
–Bah! –exclamou mentres mollaba a cara e falando a través das pingas de auga–. Non paga a pena, Pip. Malia todo, gústame esa araña.
Volveu o rostro cara a min e sacudiu a cabeza, secándose ao mesmo tempo e resoprando con forza.
–Alégrame moito que a vostede lle guste, señor –dixen–; pero a min non me gusta nada.
–Non, non –asentiu o meu titor–. Procure non ter nada que ver con el e apártese dese rapaz todo o que lle sexa posible. Pero a min gústame, Pip. Polo menos, é sincero. E se eu fose un adiviño…
E descubrindo o rostro, que ata entón a toalla ocultara, sorprendinlle unha mirada.
–Pero como non son adiviño… –engadiu secando coa toalla as dúas orellas–. Xa sabe vostede que non o son, verdade? Boas noites, Pip.
–Boas noites, señor.
Cousa dun mes despois daquela noite terminou o tempo que o alcumado de araña había de pasar co señor Pocket, e con gran contento de todos, fóra da señora Pocket, marchou á súa casa, a incorporarse á súa familia.