Era un daqueles días de marzo en que o sol brilla esplendoroso e o vento é frío, de maneira que á luz do sol parece ser verán, e inverno na sombra. Todos levabamos os nosos grosos chaquetóns de la, e eu tomei un maletín. De todo canto posuía na terra, non levei máis que o que podía caber nel. Ignoraba por completo onde iría, que faría ou cando regresaría, aínda que tampouco me preocupaba moito todo iso, pois o que máis me importaba era a salvación de Provis. Tan só nunha ocasión, ao volverme para mirar a porta da miña casa, me preguntei en que distintas circunstancias regresaría a aqueles cuartos, no caso de que chegase a facelo.
Quedamos uns momentos no desembarcadoiro do Temple, coma se non nos decidísemos a embarcarnos. Como é natural, eu tivera bo coidado de que a lancha estivese preparada e todo en orde. Tras finxir certa indecisión, que non puido advertir ninguén máis que as tres ou catro persoas «anfibias» que adoitaban roldar por aquel desembarcadoiro, embarcámonos e empezamos a avanzar. Herbert ía na proa e eu coidaba do temón. Era entón case a preamar e un pouco máis das oito e media.
O noso plan era o seguinte: como a marea empezaba a baixar ás nove e non volvería subir ata as tres, propoñiámonos seguir paseando e navegar contra ela ata o escurecer. Entón achariámonos máis abaixo de Gravesend, entre Kent e Essex, onde o río é ancho e está solitario e onde habita moi pouca xente nas súas beiras. Alí atopariamos algunha taberna pouco frecuentada onde poder descansar toda a noite. O barco que debía dirixirse a Hamburgo e o que partiría para Rotterdam sairían cara ás nove da mañá do xoves. Coñeciamos exactamente a hora en que pasarían por diante de nós, e fariamos acenos ao primeiro que se presentase; de maneira que se, por unha razón calquera, o primeiro non nos tomaba a bordo, teriamos aínda outra probabilidade. Coñeciamos perfectamente as características de forma e cor de cada un destes barcos.
Era tan grande o alivio de estar xa dispostos a realizar o noso propósito, que me pareceu mentira o estado en que me achaba tan poucas horas antes. O aire fresco, a luz do sol, o movemento do río, parecido a un camiño que avanzase connosco, que simpatizase connosco, que nos animase e ata que nos dese alento, infundiume unha nova esperanza. Lamentábame de ser tan pouco útil a bordo da lancha; pero había poucos remeiros mellores que os meus dous amigos e remaban cun vigor e unha mestría que habían de seguir empregando durante todo o día.
Naquela época, o tráfico do Támesis estaba moi lonxe de parecerse ao actual, aínda que os botes e as lanchas eran máis numerosos que agora. Talvez había tantas barcazas, barcos de vela carboeiros e barcos de cabotaxe como agora; pero os vapores non eran nin a décima ou a vixésima parte dos que hai na actualidade. Malia o cedo da hora, abundaban os botes de remos que ían dunha parte a outra e multitude de barcazas que baixaban coa marea; a navegación polo río e por entre as pontes nunha lancha era unha cousa moito máis fácil e corrente entón que agora, e avanzabamos rapidamente por entre unha multitude de pequenas embarcacións.
Pasamos en breve alén da vella ponte de Londres, e deixamos atrás o vello mercado de Billingsgate, cos seus viveiros de ostras e os seus holandeses, así como tamén a Torre Branca e a Porta do Traidor, e pronto nos achamos entre as filas de grandes embarcacións. Acá e acolá estaban os vapores de Leith, de Aberdeen e de Glasgow, cargando e descargando mercancías, e desde a nosa lancha parecíannos altísimos ao pasar polo seu lado; había, a vintenas, barcos de carbón, coas máquinas que sacaban a cuberta o carbón da cala e que pola borda pasaba ás barcazas; alí, suxeito polas súas amarras, estaba o vapor que sairía ao día seguinte para Rotterdam, no que nos fixamos moi ben, e tamén vimos o que sairía con dirección a Hamburgo, e mesmo cruzamos por baixo do seu bauprés. Entón, sentado na popa, puiden ver, co corazón palpitante, o embarcadoiro próximo á casa de Provis.
–Está alí? –preguntou Herbert.
–Aínda non.
–Perfecto. As súas instrucións son de non saír ata que nos vexa. Podes distinguir o seu sinal?
–Desde aquí non moi ben, pero paréceme que o vexo xa. Agora véxoo! Avante! Amodo, Herbert! Alto os remos!
Tocamos lixeiramente o embarcadoiro por un instante. Provis entrou a bordo e saímos de novo. Levaba unha especie de capa propia para a navegación e un maletín de tea negra. O seu aspecto era tan parecido ao dun piloto do río como eu podería desexar.
–Querido Pip! –dixo poñéndome a man sobre o ombreiro mentres sentaba–. Meu fiel Pip! Estiveches moi acertado, meu querido Pip. Grazas, moitas grazas.
Novamente empezamos a avanzar por entre as fileiras de barcos de todas as clases, evitando as oxidadas cadeas, os desfiañados cables de cánabo ou as movedizas boias, desviándonos dos cestos rotos, que se afundían na auga, deixando a un lado os flotantes refugallos do carbón e todo iso, pasando ás veces por diante da esculpida cabeza, nos mascaróns de proa, de John de Sunderland, que parecía dirixir unha alocución aos ventos (como adoitan facer moitos Johns), ou de Betsy de Yarmouth, coa súa firme ostentación pectoral e os seus rechamantes ollos proxectándose polo menos dúas polgadas máis aló da súa cabeza; circulabamos por entre o ruído das marteladas que resoaban nos talleres de construcións navais, oíndo o renxer das serras que cortaban taboleiros de madeira, máquinas descoñecidas que traballaban en cousas ignoradas, bombas que esgotaban a auga das sentinas dalgúns barcos, cabrestantes que funcionaban, barcos que se dirixían ao mar e inintelixibles mariñeiros que dirixían toda sorte de maldicións, desde as bordas dos seus barcos, aos tripulantes das barcazas, que lles contestaban con non menor enerxía. E así seguimos navegando ata chegar a onde o río estaba xa despexado, lugar no que poderían navegar perfectamente os barquiños dos nenos, pois a auga xa non estaba removida polo tráfico e as festoneadas velas tomarían perfectamente o vento.
No embarcadoiro onde recollemos a Provis, e a partir daquel momento, eu estivera observando, incansable, se alguén nos vixiaba ou se eramos sospeitosos. Non vin a ninguén. Ata entón, con toda certeza, non foramos nin eramos perseguidos por ningún bote. Pero, de descubrir algún que nos infundise receos, atracariamos deseguido á beira, obrigándoo a seguir adiante, ou a declarar abertamente os seus hostís propósitos. Mais non ocorreu nada diso e seguimos o noso camiño sen o menor sinal de que ninguén quixese molestarnos.
O meu protexido ía, como xa dixen, envolto na súa capa, e o seu aspecto non desentoaba da excursión. E o máis notable era (aínda que a axitada e desditada vida que levase talvez o acostumase a iso) que, de todos nós, el parecía o menos asustado. Non estaba indiferente, pois díxome que esperaba vivir dabondo para ver como o seu cabaleiro chegaba a ser un dos mellores dun país estranxeiro; non estaba disposto a mostrarse pasivo ou resignado, segundo me pareceu entender; pero non tiña noción de que puidese ameazarnos ningún perigo. Cando chegara, fíxolle fronte; pero era preciso telo diante para que se preocupase por el.
–Se soubeses, querido Pip –díxome–, o que é para min sentar á beira do meu querido raparigo e fumar, ao mesmo tempo, a miña pipa, tras estar día tras día encerrado entre catro paredes, ten por seguro que me envexarías. Pero ti non sabes o que é isto.
–Paréceme que coñezo as delicias da liberdade –contesteille.
–Ah! –exclamou movendo a cabeza con grave expresión–. Pero non o sabes tan ben coma min. Para iso sería preciso que pasaches unha boa parte da vida encerrado, e así poderías sentir o que eu sinto. Pero non quero entenrecerme.
Entón considerei unha incongruencia que, obedecendo a unha idea fixa, chegase a poñer en perigo a súa liberdade e a súa mesma vida. Pero díxenme que talvez a liberdade sen un pouco de perigo era algo demasiado distinto dos hábitos da súa vida e que quizais non representaba para el o mesmo que para outro home. Non andaba eu moi equivocado, porque, tras fumar en silencio uns momentos. díxome:
–Mira, querido Pip, cando eu estaba alí, no outro lado do mundo, sempre miraba nesta dirección; e estaba seguro de poder vir, porque me estaba facendo moi rico. Todos coñecían a Magwitch, e Magwitch podía ir e vir, e ninguén se preocupaba por el. Aquí non se contentarían tan facilmente, e é de crer que darían algo por collerme se soubesen onde estou.
–Se todo vai ben –díxenlle– dentro de poucas horas estará vostede libre e a salvo.
–Ben –dixo tras suspirar–, así o espero.
–Non o pensa tamén?
Meteu a man na auga, por encima da borda da lancha, e coa expresión suave que xa coñecía dixo, sorrindo:
–Coido que tamén o penso así, querido Pip. Espero que poderemos vivir mellor e con maior comodidade que ata agora. De todas as maneiras, resulta moi agradable dar un paseo pola auga, e isto fíxome pensar, hai un momento, que é tan descoñecido para nós o que nos espera dentro de poucas horas como o fondo deste mesmo río que nos sostén. E así como non podemos conter o avance das mareas, tampouco podemos impedir o que haxa de suceder. A auga correu a través dos meus dedos e xa non quedan máis que algunhas pingas –engadiu levantando e mostrándome a súa man.
–Pois, a xulgar polo seu rostro, podería crer que está vostede un pouco desaléntado –dixen.
–Nada diso, querido Pip. O que pasa é que este paseo resúltame moi agradable, e o choque da auga na proa da lancha paréceme case unha canción de domingo. Ademais, é posible que xa me estea facendo un pouco vello.
Volveu poñer a pipa na boca coa maior calma, e quedou tan contento e satisfeito coma se xa estivésemos lonxe de Inglaterra. Con todo, obedecía á menor indicación, coma se sentise un terror constante, porque cando nos achegamos á beira para comprar algunhas botellas de cervexa e el se dispoñía a desembarcar tamén, eu indiqueille que estaba máis seguro dentro da lancha.
–Crelo así, querido Pip? –preguntou. E sen ningunha resistencia volveu sentar na lancha. Ao longo da canle do río, o aire era moi frío, pero o día era magnífico e a luz do sol moi alegre. A marea baixaba coa maior rapidez e forza, e eu tiven moito coidado de non perder no posible o impulso que podía darnos, e grazas tamén ao esforzo dos remeiros avanzamos bastante. Por graos imperceptibles, a medida que baixaba a marea, perdiamos de vista os bosques e os outeiros e achegabámonos ás enlamadas beiras, pero aínda nos acompañaba o refluxo cando estabamos xa alén de Gravesend. Como o noso fuxitivo ía envolto na súa capa, eu, a propósito, pasei a un ou dous longos do bote da Aduana flotante, e así afastámonos da violenta corrente do centro do río, ao longo de dous barcos de emigrantes, pasando tamén por baixo dun gran transporte de tropas, en cuxo alcázar de proa había uns soldados que nos miraron ao pasar. Pronto diminuíu o refluxo e se ladearon todos os barcos que estaban ancorados, ata que deron unha volta completa. Entón todas as embarcacións que querían aproveitar a nova marea para chegar ao Pool empezaron a congregarse ao redor de nós mentres nos achegabamos á beira, para sufrir menos a influencia da marea, aínda que procurando non achegarnos aos baixos nin aos bancos de lama.
Os nosos remeiros estaban tan descansados, pois varias veces deixaron que a lancha fose arrastrada pola marea, abandonando os remos, que lles bastou un repouso dun cuarto de hora. Tomamos terra saltando por algunhas pedras esvaradizas; logo comemos e bebemos o que tiñamos, e exploramos os arredores. Aquel lugar parecíase moito ás miñas propias brañas, pois era chan e monótono e o horizonte estaba moi confuso. Alí o río daba numerosas voltas e revoltas, axitando boias flotantes, que tampouco cesaban de xirar, aínda que todo o demais parecía estar absolutamente inmóbil. Entón a flota de barcos dobrara xa a curva que tiñamos máis próxima, e a última barcaza verde, cargada de palla, cunha vela de cor parda, ía detrás de todos os demais. Algúns lanchóns, cuxa forma era semellante á primitivá e ruda imitación que dun bote puidese facer un neno, permanecían quedos entre a lama; había un faro de ladrillos para sinalar a presenza dun baixo; por todas as partes se vían estacas afundidas na lama, pedras cubertas de lama, vermellos sinais nos baixos e tamén outros para indicar as mareas, así como un antigo desembarcadoiro e unha casa sen tellado. Todo aquilo saía do barro, estaba medio cuberto del, e ao redor de nós non se vía máis que barro e desolación.
Volvemos embarcarnos e seguimos o camiño que nos foi posible. Agora xa resultaba máis duro remar, pero tanto Herbert como Startop perseveraron nos seus esforzos e seguiron remando, incansables, ata que se puxo o sol. Entón o río levantounos un pouquiño e podiamos divisar perfectamente as beiras. O sol, ao poñerse, era avermellado e achegábase xa ao nivel da beira, difundindo vermellos resplandores que moi rapidamente se convertían en sombras; había alí unha braña solitaria, e máis aló algunhas terras altas, entre as cales parecía coma se non existise vida de ningunha clase, salvo algunha que outra triste gaivota que revoaba a certa distancia.
A noite pechaba axiña, e como a lúa estaba xa en cuarto minguante, non saía cedo. Por iso celebramos consello, moi curto, porque sen dúbida o que tiñamos que facer era ocultarnos nalgunha solitaria taberna que atopásemos. Así continuamos, falando pouco, por espazo de catro ou cinco millas e sumidos en angustioso tedio. Ía moito frío, e un barco carboeiro que veu cara a nós coas luces acesas ofreceunos a visión dun fogar cómodo. Naquel momento a noite xa era negra, e así continuaría ata a mañá, e a pouca luz que nos alumeaba máis semellaba proceder do río que do ceo, porque cando os remos se afundían na auga parecían golpear as estrelas que nela se reflectían.
Naqueles tristes momentos, todos, sen ningunha dúbida, sentiamos o temor de que nos seguisen. Á hora da marea, a auga golpeaba contra a beira a intervalos regulares, e, cada vez que chegaba aos nosos oídos un deses ruídos, algún de nós sobresaltábase e miraba naquela dirección. A forza da corrente abrira na beira pequenas calas, que a nós nos enchían de receo e facíannos miralas coa maior aprensión. Algunhas veces, na lancha oíase a pregunta: «Que é esa ondulación da auga?» Ou ben outro observaba en voz baixa: «Non é un bote aquilo?» E logo quedabamos en silencio absoluto e con moita impaciencia diciámonos que os remos facían moito ruído nos toletes.
Por fin descubrimos unha luz e un tellado, e pouco despois avanzabamos cara a un camiño feito pacientemente con pedras recollidas da beira. Deixando aos demais na lancha, saltei a terra e asegureime de que a luz partía dunha taberna. Era un lugar bastante sucio, e atrévome a dicir que non descoñecido polos contrabandistas; pero na cociña ardía un alegre lume, tiñan ovos e touciño para comer e varios licores para beber. Tamén había varios cuartos con dúas camas «tal como estaban», segundo dixo o dono. Na casa non había ninguén máis que o hóspede, a súa muller e un raparigo de cor agrisada, o «Jack» do lugar, e que parecía estar tan cuberto de bulleiro e sucio coma se el mesmo fose un sinal da marea baixa.
Coa axuda que me ofreceu aquel individuo regresei á lancha e desembarcaron todos. Levamos os remos, o temón, o bicheiro e outras cousas polo estilo, e varamos a embarcación para a noite. Comemos moi ben ante o lume da cociña e logo encamiñámonos aos nosos respectivos dormitorios. Herbert e Startop habían de ocupar un deles, e o meu protector e eu, o outro. Observamos que naquelas estancias o aire fora excluído con tanto coidado coma se fose algo fatal para a vida, e había máis roupa sucia e caixas de cartón debaixo das camas do que, segundo imaxinaba, podería posuír unha familia. Mais, malia todo, démonos por satisfeitos, porque sería imposible atopar un lugar máis solitario que aquel.
Mentres nos quentabamos ante o lume, despois de cear, o «Jack», que estaba sentado nun recuncho e que levaba postas un par de botas inchadas –que nos estivo mostrando mentres nós comiamos o touciño e os ovos, como interesantes reliquias que dous días antes quitara dos pés dun mariñeiro afogado ao que a marea deixou na beira–, preguntoume se viramos unha lancha de catro remos que remontaba o río coa marea. Cando lle dixen que non, contestou que talvez volvería a descender polo río, pero engadiu que ao desatracar fronte á taberna remontara a corrente.
–Pensaríao mellor –engadiu o «Jack»– e volvería baixar o río.
–Dis que era unha lancha de catro remos? –preguntei.
–Si. E ademais dos remeiros ían dúas persoas sentadas.
–Desembarcaron aquí?
–Viñeron encher de cervexa unha xerra de dous galóns. E abofé que gustaría envelenarlles a cervexa.
–Por que?
–Eu sei o que digo –replicou o «Jack». Falaba con voz gangosa, coma se o bulleiro lle entrase na gorxa.
–Pensa –dixo o dono, que era un home de aspecto meditabundo, con ollos de cor pálida e que parecía ter moita confianza no seu «Jack»– pensa que eran o que non eran.
–Eu xa sei por que falo –observou o «Jack».
–Pensas que eran aduaneiros? –preguntou o dono.
–Si –contestou o «Jack».
–Pois engánaste.
–Que me engano?
Como para expresar o profundo significado da súa resposta e a absoluta confianza que tiña na súa propia opinión, o «Jack» quitou unha das botas inchadas, mirouna, quitou algunhas pedriñas que tiña dentro golpeando no chan e volveu poñela. Fixo todo iso coma se estivese tan convencido de que tiña razón que non podía facer outra cousa.
–Se é así, que fixeron cos seus botóns, «Jack»? –preguntou o dono, con certa indecisión.
–Que que fixeron cos seus botóns? –replicou–. Pois tiráronos pola borda ou coméronos. Que que fixeron cos seus botóns?
–Non sexas desvergonzado, «Jack» –díxolle o dono, rifándolle dun modo melancólico.
–Os aduaneiros bastante saben o que han de facer cos seus botóns –dixo o «Jack» repetindo a última palabra co maior desprezo– cando eses botóns lles resultan molestos. Unha lancha de catro remos e dous pasaxeiros non pasa o día dando voltas polo río, arriba e abaixo, subindo cunha marea e baixando coa outra, se non está ocupada polos aduaneiros.
Dito isto, saíu con expresión de desdén, e como o dono xa non tiña ao seu lado a ninguén que lle inspirase confianza, considerou imposible seguir tratando do asunto.
Este diálogo púxonos no maior coidado, e a min máis que a ninguén. O vento sopraba tristemente ao redor da casa e a marea golpeaba contra a beira; todo iso deume a impresión de que xa estabamos collidos. Unha lancha de catro remos que navegase dun modo tan particular, ata o punto de chamar a atención, era algo alarmante que non podía esquecer de ningún xeito. Cando inducín a Provis a que fose deitarse, saín cos meus dous compañeiros (pois xa Startop estaba informado de todo) e celebramos outro consello, para saber se quedariamos naquela casa ata pouco antes de pasar o buque, cousa que ocorrería cara á unha da tarde seguinte, ou ben se sairiamos pola mañá moi cedo. Isto foi o que discutimos. Pareceunos mellor continuar onde estabamos ata unha hora antes do paso do buque e logo navegar polo camiño que había de seguir, cousa que poderiamos facer facilmente aproveitando a marea. Tras convir iso, regresamos á casa e deitámonos.
Boteime na cama sen espirme por completo e durmín ben por espazo dalgunhas horas. Ao espertar levantárase o vento, e a insignia da taberna (que consistía nun buque) renxía e daba bandazos que me sobresaltaron. Levanteime sen facer ruído, porque o meu compañeiro durmía profundamente, e mirei a través dos vidros da fiestra. Vin o camiño ao cal levaramos a nosa lancha, e en canto os meus ollos se afixeron á incerta luz reinante, pois a lúa estaba cuberta de nubes, divisei dous homes que examinaban a nosa embarcación. Pasaron por baixo da fiestra, sen mirar a outra cousa, e non se dirixiron ao desembarcadoiro, que segundo puiden ver estaba deserto, senón que botaron a andar pola braña, en dirección ao Norte.
O meu primeiro impulso foi chamar a Herbert e mostrarlle os dous homes que se afastaban, pero, reflexionando antes de ir ao seu cuarto, que estaba na parte traseira da casa e inmediata á miña, díxenme que tanto el como Startop tiveran un día moi duro e que debían de estar moi fatigados, e por iso me abstiven. Volvendo á fiestra, puiden ver os dous homes que se afastaban pola braña. Pero, á pouca luz que había pronto os perdín de vista, e, como tiña moito frío, boteime na cama para reflexionar sobre daquilo, aínda que moi pronto quedei durmido.
Levantámonos cedo. Mentres os catro iamos dunha parte a outra, antes de tomar o almorzo, pareceume mellor referir o que vira. Tamén entón o noso fuxitivo pareceu ser o que menos se alarmou. Era moi posible, dixo, que aqueles dous homes pertencesen á Aduana e que non sospeitasen de nós. Eu tratei de convencerme de que era así, e, en efecto, podía ser iso moi probablemente. Con todo, propuxen que el e eu nos encamiñásemos ata un punto afastado que se divisaba desde onde estabamos e que a lancha fose buscarnos alí, ou tan preto como fose posible, ao redor do mediodía. Tras considerarmos que iso era unha boa precaución, pouco despois de almorzar saímos el e eu, sen dicir unha palabra na taberna.
Mentres andabamos, o meu compañeiro ía fumando a súa pipa e de cando en vez collíame polo ombreiro. Calquera podería imaxinar que eu era quen estaba en perigo e que el trataba de darme ánimos. Falamos moi pouco. Cando xa estabamos preto do sitio indicado, rogueille que quedase nun lugar abrigado mentres eu me adiantaba para facer un recoñecemento, porque aquela mesma foi a dirección que tomaron os dous homes a noite anterior. El obedeceu e avancei só. Por alí non se vía ningún bote nin descubrín que se achegase ningún, así como tampouco pegadas ou sinais de que ninguén se embarcase naquel lugar. Con todo, como a marea estaba alta, talvez as súas pegadas estivesen ocultas pola auga.
Cando el asomou a cabeza polo seu escondedoiro e viu que eu lle facía acenos co chapeu para que se achegase, veu reunirse comigo e alí esperamos, ás veces botados no chan e envoltos nas nosas capas e outras dando curtos paseos para recobrar a calor, ata que por fin vimos chegar a nosa lancha. Embarcamos sen dificultade e fomos tomar o camiño que había de seguir o vapor. Entón faltaban dez minutos para a unha, e empezamos a estar atentos para descubrir o fume da cheminea.
Pero era a unha e media antes de que o divisásemos, e pouco despois vimos outra fumareda que viña detrás. Posto que os dous buques se achegaban rapidamente, preparei os dous maletines e aproveitei o instante para despedirme de Herbert e de Startop. Estreitamos cordialmente as mans e nin os ollos de Herbert nin os meus se mantiveron secos, cando de súpeto vin unha lancha de catro remos que se afastaba da beira, un pouco máis aló de onde nós estabamos, e que empezaba a seguir a mesma dirección que nós.
Entre nós e o buque quedaba unha faixa de terra debida a unha curva do río, pero pronto vimos que aquel se achegaba rapidamente. Indiquei a Herbert e a Startop que se mantivesen ante a marea, a fin de que se desen conta os do buque de que os estabamos agardando, e recomendei a Provis que quedase tranquilamente sentado e quedo, envolto na súa capa. El contestoume alegremente:
–Podes confiar en min, Pip.
E quedou sentado, tan inmóbil coma se fose unha estatua. Mentres tanto, a lancha de catro remos, que era gobernada coa maior habilidade, cruzara a corrente por diante de nós, deixounos avanzar ao seu lado e seguimos navegando de conserva. Deixando o espazo suficiente para o manexo dos remos, mantíñase ao noso costado, quedando inmóbil en canto nos detiñamos, ou dando un ou dous golpes de remo cando nós os dabamos. Un dos dous pasaxeiros sostiña as cordas do temón e mirábanos con moita atención, como así mesmo facían os remeiros; o outro pasaxeiro estaba tan envolto na capa como o mesmo Provis, e de súpeto pareceu coma se dese algunhas instrucións ao temoneiro, mentres nos miraba. En ningunha das dúas embarcacións se pronunciou unha soa palabra.
Startop, tras uns minutos de observación, puido darse conta de cal era o primeiro barco que se achegaba, e en voz baixa limitouse a dicirme: «Hamburgo». O buque achegábase moi rapidamente a nós, e a cada momento oïamos con maior claridade o ruído da súa hélice. Estaba xa moi preto, cando os da lancha nos chamaron. Eu contestei.
–Acompáñaos un desterrado a perpetuidade que quebrantou o seu desterro –dixo o que sostiña o temón–. É ese que vai envolto na capa. Chámase Abel Magwitch, coñecido tamén por Provis. Ordeno que ese home se dea preso e a vostedes que me axuden á súa prisión.
Ao mesmo tempo, sen que, en aparencia, dese orde ningunha á súa tripulación, a lancha dirixiuse cara a nós. Manexaron un momento os remos, recolléronos logo e correron cara a nós e agarráronse á nosa borda antes de que nos désemos conta do que facían. Iso ocasionou a maior confusión a bordo do vapor, e oín como nos chamaban, así como a orde de parar a hélice. Deime conta de que se facía iso, pero o buque achegábase a nós dun modo irresistible. Ao mesmo tempo vin que o temoneiro da lancha poñía a man no ombreiro do seu preso; que as dúas embarcacións empezaban a dar voltas impulsadas pola forza da marea, e que todos os que estaban a bordo do buque se dirixían apresuradamente á proa. Tamén, no mesmo instante, observei que o preso se poñía en pé e, botando a un lado ao que o prendera, se lanzaba contra o outro pasaxeiro que permanecera sentado e que, ao descubrirse o rostro, mostrou ser o do outro presidiario que coñecera tantos anos atrás. Notei que aquel rostro retrocedía cheo dun pálido terror que xamais esquecerei, e oín un gran grito a bordo do vapor, así como unha caída á auga, ao mesmo tempo que sentía afundirse a nosa lancha baixo os meus pés.
Por un instante pareceume estar loitando cun milleiro de presas de muíño e outros tantos lóstregos; pasado aquel instante, fun subido a bordo da lancha. Herbert estaba xa alí, pero a nosa embarcación desaparecera, así como tamén os dous presidiarios.
Entre os gritos que resoaban a bordo do buque, o furioso resoplido do seu vapor, a marcha do mesmo barco e a nosa mesma, todo iso impediume ao principio distinguir o ceo da auga, ou unha beira doutra; pero a tripulación da lancha endereitou prontamente a súa marcha grazas a uns vigorosos golpes de remo, tras o cal volveron izalos mirando silenciosamente cara á popa. Pronto se viu un obxecto negro naquela dirección e que, impulsado pola marea, se dirixía cara a nós. Ninguén pronunciou unha soa palabra, pero o temoneiro levantou a man e todos os demais fixeron esforzos para impedir que a lancha se movese. Cando aquel vulto se achegou vin que era Magwitch que nadaba, pero non con liberdade de movementos. Foi subido a bordo, e no acto puxéronlle unhas esposas nas mans e nos tornecelos.
Os remeiros mantiveron quieta a lancha, e de novo todos empezaron a vixiar a auga con intensas miradas. Pero entón chegou o vapor de Rotterdam, e como, en aparencia, non se dera conta do ocorrido, avanzaba a toda velocidade. Non se tardou en facerlle as indicacións necesarias, de maneira que os dous vapores quedaron inmóbiles a pouca distancia, mentres nós nos levantabamos e nos afundiamos impulsados polas revoltas augas. Seguiron observando a auga ata que estivo tranquila e ata moito despois de que se afastasen os dous vapores; pero todos comprendían que xa era inútil esperar e vixiar.
Por fin desistiuse de continuar alí, e a lancha dirixiuse á beira, cara á taberna que deixaramos pouco antes, onde nos recibiron con non pequena sorpresa. Alí puiden procurarlle algunhas pequenas comodidades a Magwitch, pois xa non sería coñecido en diante por Provis, que recibira unha grave ferida no peito e un corte profundo na cabeza. Díxome que supoñía que fora parar debaixo da quilla do vapor e que ao levantar a cabeza se ferira. A lesión do peito, que dificultaba extraordinariamente a súa respiración, coidaba que a causara contra o costado da lancha. Engadiu que non pretendía dicir o que podería ou non facerlle a Compeyson, pero que no momento de poñerlle encima a man para identificalo, o miserable retrocedeu con tanta forza que non tan só caeu el á auga, senón que arrastrou o seu inimigo na súa caída, e que a violenta saída del (Magwitch) da nosa lancha e o esforzo que fixo o seu aprehensor para mantelo nela foron a causa do naufraxio da nosa embarcación. Díxome en voz baixa que os dous se afundiron, ferozmente abrazados un a outro, e que houbo unha loita dentro da auga; que el puido liberarse, deulle un golpe e logo afastouse a nado.
Non tiven nunca razón ningunha para dubidar da verdade do que me dixo. O oficial que guiaba a lancha fixo a mesma relación da caída á auga dos dous.
Cando pedín permiso ao oficial para cambiar o traxe mollado do preso, comprándolle cantas pezas puidese achar na taberna, concedeumo sen inconveniente, aínda que observando que tiña que facerse cargo de cantas cousas levase o preso consigo. Así, pois, a carteira que antes estivera nas miñas mans pasou ás do oficial. Ademais, permitiume acompañar ao preso a Londres, pero negou este favor aos meus dous amigos.
O «Jack» da Taberna do Buque quedou informado do lugar en que afogara o expresidiario e encargouse de buscar o seu cadáver nos lugares en que máis facilmente podía ir parar á ribeira. Pareceu interesarse moito máis no asunto cando soubo que o cadáver levaba medias. Talvez, para vestirse de xeito total, necesitaba, máis ou menos, unha ducia de afogados, e quizais esta era a razón de que os diferentes artigos do seu traxe estivesen en distintas fases de destrución.
Permanecemos na taberna ata que volveu a marea, e entón Magwitch foi levado novamente á lancha e obrigado a acomodarse nela. Herbert e Startop tiveron que dirixirse a Londres por terra, o mais pronto que lles foi posible. A nosa despedida foi moi triste, e cando me sentei a carón de Magwitch comprendín que aquel era o meu lugar en diante e mentres el vivise.
Desaparecera xa por completo toda a repugnancia que me inspirara, e no home perseguido, ferido e aparvado que tiña a súa man entre as miñas tan só vin un ser que quixera ser o meu benefactor e que me demostrou o maior afecto, gratitude e xenerosidade e coa maior constancia por espazo de numerosos anos. Tan só vin nel un home moito mellor do que eu fora para Joe.
A súa respiración fíxose máis difícil e dolorosa a medida que avanzou a noite, e moitas veces o desgraciado non podía conter un xemido de dor. Tratei de facelo descansar no brazo que tiña útil e nunha posición cómoda, pero era doloroso pensar que eu non podía lamentar no meu corazón o feito de que estivese mal ferido, xa que era moito mellor que morrese por esta causa. Non podía dubidar que existirían bastantes persoas capaces e desexosas de identificalo. Aquel home fora presentado no seu peor aspecto cando foi xulgado; quebrantou a prisión; foi xulgado de novo, e por fin regresara do desterro que se lle impuxera de por vida e foi a causa da morte do home que orixinou a súa captura.
Cando nos volviamos cara ao sol poñente que o día anterior deixamos ás nosas costas, e mentres a corrente das nosas esperanzas parecía retroceder, díxenlle canto lamentaba que viñese a Inglaterra tan só pola miña causa.
–Querido Pip –contestoume–. Estou moi satisfeito de correr esta aventura. Puiden ver o meu raparigo, que en diante poderá ser un cabaleiro aínda sen o meu auxilio.
Non. Pensara niso mentres sentaba ao seu lado. Non. Á parte das miñas propias inclinacións, comprendín entón o significado das palabras de Wemmick, porque tras ser preso, as súas posesións irían parar á Coroa.
–Mira, querido Pip –dixo–. É moito mellor, para un cabaleiro, que non se saiba que me pertences. Só che rogo que veñas verme de cando en vez, como vas ver a Wemmick. Senta ao meu lado cando che sexa posible, e non pido máis nada que iso.
–Se mo permiten non me moverei nunca do seu lado. Queira Deus que poida serlle tan fiel como vostede o foi comigo!
Mentres sostiña a súa man sentín que tremía entre as miñas, e cando volveu o rostro a un lado oín de novo aquel mesmo son raro na súa garganta, aínda que agora moi suavizado, como todo o demais nel. Foi moi conveniente que tratase deste punto, porque iso fíxome recordar algo que, doutro xeito, non se me ocorrería ata que fose demasiado tarde: que el non debía coñecer como desapareceran as súas esperanzas de enriquecerme.